Mostrando entradas con la etiqueta Johann Strauss. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Johann Strauss. Mostrar todas las entradas

lunes, 15 de junio de 2020

O maior "auto de fe" da historia da música




Parece que a relación de Eduard Strauss co seu irmán maior, Johann, estaba marcada en boa medida pola envexa e os celos, pois Eduard queixábase de que a dirección da orquestra dos Strauss non lle deixaba tempo para compoñer, algo que, pola contra, o seu irmán Johann tiña abondo. Johann reprochaba esta actitude ao seu irmán nestas liñas dunha carta dirixida a Eduard:

"Ti ves sempre todo negro; pensas que sempre che quero causar algún mal. Cantos anos terás que ter para que finalmente comprendas que o teu irmán non é o teu inimigo?"


Eduard Strauss morreu o 28 de decembro de 1916 e o últimos anos da súa vida, retirado xa dos escenarios, dedicouse á escrita da historia da familia, memorias que publicou no 1906 co título de Erinnerungen, Lembranzas. O 22 de outubro de 1907 Eduard pasa definitivamente á historia da infamia cando manda arroxar ás chamas todo o arquivo musical da familia Strauss, que custodiaba desde 1825, e no que se atopaban obras inéditas dos seus irmáns Segundo explicaba o propio Eduard era un acordo ao que chegara co seu irmán Johann en 1869, de que o último dos irmáns en morrer destruiría todo o arquivo para que ninguén despois deles puidésese aproveitar do seu traballo, pero estudosos como Henri-Louis de Lagrange sosteñen que non foi esta a razón senón a envexa e o resentimento.

Eu, que teño unha certa tendencia a pensar ben da xente, creo sinceramente que un home que escrebe cousas como estas non pode ser un miserable:



domingo, 14 de junio de 2020

O talento e a popularidade: Johann e Josef Strauss



Na primavera de 1869, os irmáns Johann e Josef “Pepi” Strauss, acompañados por Jetty, a esposa do primeiro, viaxaron a Rusia para dirixir os concertos de verán no auditorio da estación de Pavlovsk, preto de San Petersburgo. O obxectivo desta viaxe era crear un mercado para a orquestra que supuxera unha fonte de ingresos para Josef nos vindeiros veráns. Con todo, cando chegaron a Varsovia, Josef, que sempre tivo moi mala saúde viuse embargado de nostalxia pola ausencia da súa esposa Caroline, quen permanecera en Viena. Escribiulle apaixonadas cartas, e comezou a composición dunha melancólica polca mazurca, á que puxo por título Aus der Ferne, De lonxe.


A peza é un gozo total. Os primeiros compases dos violíns que marcou como "dolcissimo" na partitura, o colorido un pouco eslavo, o carácter melancólico da música … E, de súpeto, un aire de esperanza no carácter bailable, para regresar na repetición á melancolía e a nostalxia. Este saúdo á amada esposa desde a distancia lémbrame moito os meus tempos de director técnico da empresa na que traballaba e as frecuentes e longas viaxes que tiña que facer no cumprimento das miñas obrigas.

Porque non sei se sabiades que Josef antes de compositor e director de orquestra foi enxeñeiro e traballou como tal para a cidade de Viena. Ademais de deseñar un vehículo de varrido con cepillo xiratorio tirado por cabalos, e de publicar dous libros de texto sobre temas matemáticos, “Pepi” era un notable pintor, poeta, dramaturgo, cantante, compositor e inventor. Cando Johann enfermouse gravemente en 1853, Josef dirixiu a orquestra durante un tempo. Os vieneses amantes do valse apreciaron as súas primeiras composicións, o que lle animou a continuar coa tradición familiar. Johann dixo unha vez del: " Pepi é o máis  talentoso de nós dous; eu son simplemente o máis popular.


Á procura do inalcanzable

Escoitando hoxe o CD de Caroline Herring " The Golden Apples of the Sun " veume ás mentes o libro de contos de Ray Bradbury, ...