Mostrando entradas con la etiqueta neboeira. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta neboeira. Mostrar todas las entradas

domingo, 19 de julio de 2020

Brétema en Samil


Néboa hoxe en Samil. A brétema, cegoña, fuscallo, néboa, neboeira, neboeiro, borraxeira, bruma, mera ou parrumada, que todos eses nomes ten en galego, é tradicionalmente unha maldición para os veraneantes das Rías Baixas no mes de agosto, e para os navegantes todo o ano.
Ata onde eu sei, que non é moito, néboa, neboeira e menos correctamente neboeiro son os termos xenéricos máis axeitados para definir a condensación na atmosfera do vapor de auga do aire en contacto coa superficie terrestre, mentres brétema e mera son mais utilizados cando a devandita condensación se produce na superficie do mar. Finalmente cando o vapor de auga leva partículas de po en suspensión falase de borralleira, calixe ou parrumada.
A sabedoría popular, que condensa séculos de experiencia meteorolóxica nunha frase, ten en galego para este fenómenos os adaxios seguintes:
- A mera no san Xoán leva o viño e mailo pan. - Ano de brétemas ano de medas. - Brétema húmida adoita traer chuvia. - Brétema no monte, mellor que pola mañá é pola noite. - Brétemas no alto, chuvias no baixo. - Brétema no Padornelo sardiña no garavelo.  [1]
- Brétema na montaña, pescador na cabana. - Brétema no val, pescador á rúa. - Néboas rubias ao nacente, leva os bois ao lameiro e vente. - Néboas rubias ao sol nado, tempo desgobernado. - Onde vexas néboa no mes de xaneiro, fai o teu fillo herdeiro. - O San Antón varre as néboas ao “rincón”. - Néboa arrastrada, aos tres días mollada. - Néboa en marzo, xeada en maio. - Neboeiro nos montes, auga nas fontes. - Día de neboeiro, día de soalleiro.
E seguro que moitos de vos sabedes algunhas máis! Se tal é o caso, non teñades vergonza, sacudide a preguiza e deixade aquí a vosa achega, que será moi ben recibida por todos os amantes da cultura popular e da nosa fermosa fala.



Nota [1]: Un garavelo é un cesto pequeno cun aro para levalo pendurado do brazo.

Á procura do inalcanzable

Escoitando hoxe o CD de Caroline Herring " The Golden Apples of the Sun " veume ás mentes o libro de contos de Ray Bradbury, ...