sábado, 28 de abril de 2018

O libro atopado nun andel


Aló pola xa ben  afastado febreiro de 1969 merquei un libro que hoxe, procurando outro, chegou as miñas mans. Leva por título “El libro de los autores” e foi editado en Bos Aires en xullo de 1967 por “Ediciones de la flor”, unha una editorial arxentina, fundada en 1966 por Daniel Divinsky y Ana Maria Kuki Miler, e unha das poucas que aínda permanece nas mans dos seus creadores orixinais, probablemente grazas ao feito de ser a editora da Mafalda de Quino.

El libro de los autores é unha antoloxía composta polos seis contos xustificadamente escollidos por seis escritores arxentinos, Borges, Castillo, Mujica Laínez, Sábato, Viñas, e Walsh, ben diferentes tanto dende os seus orixes sociais coma dos seus compromisos políticos.

Jorge Luis Borges escolle o Wakefield, de Nathaniel Hawthorne; Abelardo Castillo a Sereiña, de Andersen; Manuel Mujica Laínez nada menos que O terror de Dunwinch, de H.P. Lovecraft;  Ernesto Sábato o sorprendente Bartleby, de Melville; David Viñas O Matadoiro, de Esteban Echeverría e Rodolfo Walsh a alfaia dun autor chinés anónimo A cólera dun particular.

Pero se cada un dos escritores escolle un conto, quen escolle aos escritores? Agachado nunha desas páxinas que nunca se len está a declaración seguinte:

Una antología supone los gustos arbitrarios del antologizador. Quisimos probar una variante: seis escritores dispares estilística, social y políticamente, eligiendo un cuento memorable de la literatura universal.
El resultado se parece a un test, a una confirmación, a una cátedra. El único parecido con una antología convencional es que los seis escritores que eligen fueron determinados por los arbitrarios –y muy racionalizados- gustos de
 Pirí Lugones

Pero, quen é Pirí Lugones? Susana Pirí Lugones Aguirre foi unha escritora, periodista, editora y tradutora nacida en Bos Aires o 30 de abril de 1925, filla de Leopoldo Polo Lugones, e Carme Aguirre. O seu avó por parte do pai foi o insigne poeta Leopoldo Lugones, e por parte de nai o pianista e compositor Julián Aguirre, mentres que o seu pai ten o dubidoso honor de ter desenvolto a picana eléctrica durante a ditadura do Xeneral José Félix Uriburu, polo que Susana adoitaba a presentarse a se mesma como "Pirí Lugones, neta de poeta, filla de torturador".

A vida de Pirí da para mais dunha novela (de feito podedes saber moito mais dela en Los Lugones: Una Tragedia Argentina de Marta Merkin e en Retrato de familia de  Tabita Peralta Lugones a súa filla) Casou e tivo tres fillos aínda que o médico lle indicara que os embarazos eran un grave risco para a súa saúde. Foi unha activista cultural e contribuíu de xeito fundamental a dous dos centros de produción editorial mais importantes da Arxentina, a editorial Jorge  Alvarez e a citada Edicións da Flor, nome da súa autoría.

Cando a comezos dos anos 70 o clima político na Arxentina se fixo insoportable, Pirí pasou da militancia cultural á política, integrándose en tarefas clandestinas de información e intelixencia nos Montoneros. O 24 de decembro de 1978 foi detida nun departamento de Barrio Norte. Contan que mantivo ata último intre o seu sentido do humor dicíndolle aos seus verdugos que eran uns inútiles que nin tan sequera eran capaces de  torturar como o seu pai.

Cousas da vida, que diría Castelao, Pirí Lugones tivo unha relación sentimental con Rodolfo Walsh, igualmente militante Montonero, e igualmente secuestrado e desaparecido. Rodolfo Walsh, escolleu en “El libro de los autores” o conto que eu, coa fachenda propia dos poucos anos, marcara con lapis coma o meu favorito, vai saber ti se por selo mais breve, ou por acaído a miña ideoloxía.

A cólera dun particular[1] está recollido en mais dunha WEB, mais préstame intentar facer a súa versión ao galego, partindo, por suposto, da versión en castelán, que os meus coñecementos de chinés non dan para tanto.


O Rey de  T’sen mandou dicir ao Príncipe de  Ngan-ling:
-          A cambio da túa terra quero darche outra dez veces máis grande. Rógoche que accedas á miña demanda.
O Príncipe contestou:
-          O Rey faime unha gran honra e unha oferta vantaxosa. Pero recibín a miña terra dos meus antepasados príncipes e desexaría conservala ata o fin. Non podo consentir nese cambio.
O Rey anoxouse moito, e o Príncipe mandoulle a  T’ang Tsu de embaixador. O Rey díxolle:
-          O Príncipe non quixo cambiar a súa terra por outra dez veces máis grande. Se o teu amo conserva o seu pequeno feudo, cando eu destruín a grandes países, é porque ata agora considereino un home venerable e non me ocupei del. Pero se agora rexeita a súa propia conveniencia, realmente búrlase de min.
T’ang Tsu respondeu:
-          Non é iso. O Príncipe quere conservar a herdade dos seus avós. Así lle ofreceses un territorio vinte veces, e non dez veces máis grande, igualmente negaríase.
O Rey enfureceuse e dixo a T’ang Tsu:
-          Ti sabes o que é a cólera dun rei?
-          Non - dixo T’ang Tsu.
-          Son millóns de cadáveres e o sangue que corre como un río en mil leguas á redonda -dixo o Rey.
E T’ang Tsu preguntoulle entón ao Rey:
-          Sabe A vosa Maxestade o que é a cólera dun simple particular?
Dixo o Rey:
-          A cólera dun particular? É perder as insignias da súa dignidade e marchar descalzo golpeando o chan coa cabeza.
-          Non - dixo T’ang Tsu. Esa é a cólera dun home mediocre, non a dun home de valor. Cando un home de valor vese obrigado a encolerizarse, como cadáveres aquí non hai máis que dous, o sangue corre apenas a cinco pasos. E, con todo, China enteira vístese de loito. Hoxe é ese día.
E levantouse,  desenvaiñando a espada.
O Rey demudouse, saudou humildemente a T’ang Tsu, e dixo:
-          Mestre, volve ao teu asento. Para que chegar a isto? Comprendín.



Nota [1]: Subliñar  que a palabra particular ten aquí o significado de Que concirne a un só individuo ou a un grupo de individuos, por contraposición ao xeral ou universal.


viernes, 6 de abril de 2018

Os raios ascendentes (do plácido luar)

Facendo tempo para entrar na nosa aula de percusión co mestre @Chuco, un compañeiro, Antonio me fixo unha pregunta cuxa resposta penso que pode ser do voso interese. Na tormenta do martes observara que algúns dos raios parecían partir dun punto elevado do chan cara á nube e non do revés. “Pode ser certo ou estou errado?”

Pois estás no certo! Os raios poden clasificarse en catro tipos consonte a polaridade da parte inferior da nube e a lonxitude do trazador. Os raios ascendentes son do orde dun 1% do total de descargas atmoféricas.

1.       Raio negativo descendente: as nubes están cargadas negativamente na súa parte inferior, e o trazador descendente e moito maior que o ascendente. É o mais frecuente en clima temperado. (90% dos existentes).
2.       Raio positivo descendente: as nubes están cargadas positivamente na súa parte inferior, e o trazador descendente e moito maior que o ascendente. Pouco frecuente e moi perigoso. Pode aparecer en montañas ou prominencias importantes.
3.       Raio negativo ascendente: as nubes están cargadas negativamente na súa parte inferior, e o trazador ascendente e moito maior que o descendente.
4.       Raio positivo ascendente: as nubes están cargadas positivamente na súa parte inferior, e o trazador ascendente e moito maior que o descendente. Pouco frecuente e moi perigoso. Pode aparecer en montañas ou prominencias importantes.

Vos deixo un vídeo, non moi doado de interpretar, pero que penso que pode ilustrar o concepto de ascendente.


miércoles, 4 de abril de 2018

Grial. Revista galega de cultura


Fai unha chea de anos, concretamente no 1981, merquei un número de GRIAL, que atopei hoxe cando andaba na procura doutras cousas nese vello almacén de lembranzas que un día din en chamar “Faiado máxico”. Seguramente merqueino polos artigos de Valentín Paz-Andrade 'Á fonte autobiográfica na narrativa de Castelao, e o de Mª do Pilar Lorenzo Rivas Os protagonistas masculinos de "Os vellos non deben de namorarse".

Ollando de vagar polas súas follas oxidadas polo tempo atopei no artigo de Emilio Álvarez Blázquez, O Suplemento de "La Noche", trinta anos despois, esta historia de Laxeiro que quero compartir con vos.

De falar de Laxeiro —que é unha das miñas vellas tentacións— encargueime eu, baixo o rótulo de "Genio y figura": Ocupeime del, nada máis nin nada menos, que tres veces, pero pagaba a pena, pois tratábase, de primeiras, de dar a noticia de que se tiña deixado a perilla o que, referido a un pintor, que denantes foi barbeiro, plantexaba a necesidade de coñecer qué foi máis doado para el, si facer o autorretrato ou facer a autoperilla. Na segunda crónica recollíase a noticia de que o pintor tiña perdido, na rúa do Príncipe, un tacón, angustia que o levou a publicar un anuncio breve no "Faro.de Vigo" dando conta da perda, xunto co aviso de que "se 'gratificará su devolución". O asunto era serio, pois ese desnivel na estatura podía deixalo mancado como estatua do futuro.
Por fin, na terceira crónica dábase conta do incendio nocturno da súa guardilla-estudio, na rúa de García Barbón:

-          Qué podo facer, cabo? -preguntoulle Laxeiro, ao xefe de bombeiros.
-          Reclamar ao seguro.
-          Nada teño asegurado, nada hai seguro. Nin siquer o arte.
-          Eu non entendo, pero parece vostede un bón pintor.
-          Tamén vostede ten alma de artista, cabo.
-          Faise o que se pode. Todo o ten perdido menos o tellado. Síntoo.
-          Gracias, cabo.

viernes, 16 de marzo de 2018

Cadea perpetua


Gústame Frank Darabont. O mellor dito: gústanme dúas das súas películas Rita Hayworth and the Shawshank Redemption, que en España chamouse Cadea perpetua, e A milla verde.

Arredor da milla verde publiquei tres artigos, metade técnicos e metade humorísticos, que xiraban arredor das dificultades de electrocutar axeitadamente a un reo, para explicar o feito de que a mesma diferenza de potencial aplicada durante o mesmo tempo a un ser vivo non sempre produce o mesmo efecto.

Igual sucede coa Cadea perpetua, revisable ou non. Aplicada a unha certa persoa acadará un efecto e outro ben diferente noutra persoa. Como lle dicía Andy Dufresne a Ellis "Red" Redding na película citada: “É cómico. Eu era un home honrado, dereito como un fuso. Tiven que entrar en prisión para chegar a ser un delincuente.”

Nas sociedades primitivas as condutas que resultan lesivas para o grupo ou tribo se castigaban con penas que, vistas cos ollos de agora, resultan moi crueis: empalamentos, esfoladura, amputacións, cegado, morte na fogueira, e moitos mais castigos corporais as mais das veces públicos para reforzar coa súa natureza infamante o terror co que o lexislador pensaba aviventar nos espectadores o cumprimento das leis.

Mais adiante, arredor do século XVI, e coma resultado dunha corrente de pensamento que sostén que unha sociedade que somete a algúns dos seus membros ás penas antes enumeradas, non é mellor que os malfeitores aos que pretende castigar, aparecen as penas privativas da liberdade. A sociedade ten a necesidade de apartar do seu seo e castigar mediante a reclusión aos que, cos seus actos, poñen en perigo a convivencia.

Estas penas de privación da liberdade, que conviven durante séculos coa pena de morte, pena que mantense aínda hoxe en algunhas nacións civilizadas malia a constatación da súa inutilidade coma instrumento de disuasión, teñen ao longo dos anos distintas finalidades: castigo polo mal causado, empecer a comisión de novos delitos, ou na actualidade a reeducación e reinserción social, coma en España consagra o artigo 25.2 da Constitución española.

Este é, ao meu entender, o debate: se a pena de privación da liberdade é, ou non, inhumana polo illamento, as condicións materiais da prisión, prolongada duración, xusta ou inxusta, pola non toma en consideración dos factores que provocan a delincuencia, eficaz ou ineficaz na consecución dos seus obxectivos. E tamén, derradeira pero non última cuestión, se o tremendo custe económico desta privación de liberdade debe primar riba dos da educación, sanidade, investigación, dependencia, … e atención ás necesidades das vítimas.

lunes, 12 de marzo de 2018

OTAN de entrada NON. De saída tampouco!


Fai hoxe 32 años, o 12 de marzo de 1986, a poboación española foi convocada polo goberno do PSOE a mostrar a súa opinión encol da permanencia de España na OTAN cunha pregunta, cando menos, revirada:

O Goberno considera conveniente, para os intereses nacionais, que España permaneza na Alianza Atlántica, e acorda que dita permanencia establézase nos seguintes termos:
1º.-   A participación de España na Alianza Atlántica non incluirá a súa incorporación á estrutura militar integrada.
2º.-  Manterase a prohibición de instalar, almacenar ou introducir armas nucleares en territorio español.
3º.-     Procederase á redución progresiva da presenza militar dos Estados Unidos en España.

Considera conveniente para España permanecer na Alianza Atlántica nos termos acordados polo Goberno da Nación?

Uns anos antes, en decembro de 1981, o Goberno de la UCD que presidía daquela Leopoldo Calvo Sotelo firmara a adhesión ao Tratado, coa oposición da maioría da poboación, incluído o PSOE que fixo campaña polas rúas co lema “OTAN de entrada non”.

Cando nas eleccións de 1982 o PSOE obtivo máis de dez millóns de votos e a maioría absoluta no Congreso de Deputados e no Senado, o Referendo de saída da OTAN que esixía á UCD xa non corría tanta presa. De feito Felipe, coma Saulo séculos antes, converteuse de perseguidor a fervente otanista, chegando mesmo a ameazar con abandonar o Goberno:

"O que queira votar que non, que pense antes que forza política xestionará ese voto".

Diante desta viraxe de Felipe González e os seus “Pesouche bois” un grupo de “camaradas, e con todo, amigos” do PCG xuntámonos na miña casa e con mais entusiasmo que medios, perpetramos unha montaxe de imaxes en diapositivas, e música e locución en casete, coa que fixemos campaña polo NON, en bares, mercados e lugares de reunión de Vigo e bisbarra, que fai un par de anos pasei a formato dixital para a súa publicación na rede.

Agardamos que guste a alguén. A nos, membros do auto denominado Colectivo de Artistas Leninistas, serviunos para lembrar o longo camiño que aínda temos por diante.

(O título é unha referencia á película franco-xaponesa de 1959 de Alain Resnais, Hiroshima mon amour.)

jueves, 25 de enero de 2018

San Lourenzo de Carboeiro.




















O mosteiro beneditino de San Lourenzo de Carboeiro é unha das obras mais notables do románico de transición de Galicia. Fundado no século X, viviu os seus momentos de maior esplendor entre os séculos XI e XIII. A comezos  do XIV Carboeiro comeza a perder influencia na bisbarra diante do pulo que está a coller o veciño mosteiro de Aciveiro.

No ano 1500 Carboeiro perde por mor das reformas ditadas polos Reis Caóticos o título de abadía, pasando a se converter nun priorado dependente do Mosteiro de San Martiño Pinario en Compostela, que asume a propiedade de tódolos seus bens. O mosteiro vai esmorecendo ata se converter nunha simple granxa con dous monxes residentes. A fins do século XVIII o mosteiro é un cárcere de freires.
No ano 1836, coa lei de desamortización de Mendizábal, os poucos monxes que aínda quedaban en Carboeiro abandonan as instalacións; é o comezo da súa ruína.












Malia as noticias que sitúan a finais dos setenta o comezo das obras da súa restauración e recuperación, este era o estado do mosteiro nunha visita na primaveira de 1980.



Mais información en:


http://www.arquivoltas.com/11-Galicia/01-Carboeiro.htm
http://www.arteguias.com/monasterio/carboeiro.htm

miércoles, 27 de diciembre de 2017

O horror en Oradour-sur-Glane

No libro de Joseph Conrad Heart of Darkness, (que cada un traduce ao galego como lle peta, negror, escuridade, tebras,…) un mariño de nome Charlie Marlow conta a súa viaxe polo río Congo na procura dun tal Kurtz, o xefe dunha explotación de almafí dunha compañía belga. Pero Kurtz, na súa loita por adaptarse as condicións de violencia extrema que a explotación dos indíxenas impón, tense transformado nun personaxe dunha crueldade bestial ao que os nativos idolatran coma se fose un deus. Marlow e os seus compañeiros de viaxe logran levar a  Kurtz, gravemente enfermo, ao pequeno barco de vapor, pero este morre no traxecto, pronunciando súas últimas palabras: “O horror! O horror!”.

O seis de xuño de 1944, ao amencer, as praias de  Normandía énchense de estoupidos e morte. Os aliados desembarcan abrindo unha nova fronte na reconquista de Europa. Para enfrontar esta invasión, o estado maior alemán ten que mobilizar tódalas tropas dispoñibles, incluídas moitos do rexementos das SS que estaban diseminadas por Francia intentando controlar aos elementos hostís ao réxime de Vichy. O Maquis, a resistencia armada, vai empregarse a fondo para atrasar estes movementos de tropas, evitando que estes reforzos cheguen ao Contentin para axudar a botar aos Aliados ao mar.

Concretamente a División SS Das Reich do Waffen-SS, veterana do Fronte Oriental, parte dende a rexión de Toulouse, pero cando chega ao Macizo Central á rexión do Lemosín, onde a actividade do maquis é particularmente intensa, a 3ª Compañía do Primeiro Batallón do Rexemento Der Führer é requirida para realizar una operación de "limpeza" en Oradour-sur-Glane, coa escusa de que no pobo agachábase un depósito de armas de Resistencia.

Na mañá do sábado 10 de xuño, había en  Oradour mais xente que outro día calquera. Á hora do xantar, os restaurantes dos hoteis estaban a rebordar, e moitos forasteiros en descanso de fin de semana achegaranse a vila atraídos pola noticia da dispoñibilidade de tabaco nas expendedoras. Tamén estaba convocada unha visita médica para os cativos, e os 191 nenos dos dous grupos escolares de  Oradour, tiñan tamén aulas de tarde.

Arredor das dúas da tarde unha columna composta dunha decena de vehículos, entre eles dous blindados media/eiruga, entrou en Oradour pola estrada de  Limoges. Cento cincuenta dos soldados das Waffen-SS ás ordes de Adolf Dickmann, vestidos con roupas de camuflaxe, despregáronse polo núcleo urbano con orde de concentrar á totalidade dos habitantes de Oradour na praza do mercado para unha teórica “inspección dos seus documentos de identificación”.

As Schutzstaffel teñen experiencia e brutalidade abondo para executar a manobra de agrupamento da poboación con método, disciplina e aplicación de violencia necesaria, e ao cabo de vinte minutos a manobra está finalizada. Diante da praza chea de xente, un terzo deles nenos, o comandante Dickmann acusa ao pobo de servir de depósito de armas para o Maquis, e ordénalle ao alcalde de Oradour escoller entre eles a 30 reféns, ao que o alcalde négase, ofrecéndose el mesmo coma tal.
A negativa non muda o propósito inicial de Dickmann que ordena ás tropas proceder a separar aos presentes en dous grupos. O grupo dos homes é levado cara ás aforas do pobo, e o das mulleres e nenos encerrados na igrexa. De súpeto, cando aínda non entraran na igrexa a totalidade do grupo explota dentro unha granada de fume o que desencadea un intento de fuxida do recinto que os fusís automáticos dos Waffen-SS empecen cunha cortiña de chumbo. A combinación dos dous factores é dunha eficacia abraiante: soamente unha muller de apelido Rouffanche, que puido escapar por unha xanela, sobrevive á masacre.
A explosión da granada serviu como sinal para que os soldados apostados con metralladoras pesadas nos arredores iniciasen o fusilamento dos homes, ao que déronlle cabo rematando un por un aos agoniantes. Seiscentas corenta e dúas persoas, 190 homes, 245 mulleres e 207 nenos, perderon a vida na hecatombe programada co fin de intimidar á poboación civil coutando o seu apoio á acción dos maquisards.

Vinte das seiscentas corenta e dúas vítimas eran exiliados republicanos españois. Vítimas esquecidas pola España da Transición. (Ou mellor da traizón?) Soamente unha placa instalada en 1945 a instancias da Junta Española de Liberación do Goberno da República española no exilio, recolle cos nomes dos españois falecidos a mans dos nazis. O Foro pola Memoria de Guadalajara, ten identificados aos seguintes:

·       Os Gil Espinosa, de Alcañiz. Francisco Gil de 50 anos, a esposa Francisca de 49, a prima Carmen de 30 e as nenas Francisca e Pilar.
·       Os Lorente Pardo, nai, Antonia, e dous fillos, Nuria e Francisco. Levaban en Francia dende o éxodo de xaneiro de 1939, procedentes de Barcelona.
·       As irmáns Emilia e Angelina Masachs, de 11 y 8 años, de Sabadell, perderan aos seus pais e estaban recollidas por as outras familias españolas.
·       Os Serrano Pardo. O pai, José, mestre de escola a a súa muller María. Tres fillas nacidas en Francia; Armonía de tres anos e as xemelgas de un ano, Esther e Paquita.
·       Os Téllez Domínguez de Barcelona. O pai, Domingo era orixinario de Zaragoza. A nai María de 31 anos e tres fillos, Miguel de 11 años, Armonía de 8 años e Liberto, de dous, nacido en Oradour.
·       Finalmente Carmen Silva, de 39 años, de Bilbao casada co francés Robert Pinede e que non figura na placa.

"Non creo que existan palabras para describir todo o que significa, a aqueles que non saben qué é, o horror. O horror. O horror ten rostro” 

Á procura do inalcanzable

Escoitando hoxe o CD de Caroline Herring " The Golden Apples of the Sun " veume ás mentes o libro de contos de Ray Bradbury, ...