A
xeito de brincadeira.
Contan que un día un grupo de
amigos, bos comellóns todos eles, estaban nunha taberna de Bouzas a organizar
unha paparota. A rentes deles, de cóbados no mostrador está o Manuel.
-
Manuel, ves o domingo a tomar un cocido coa
cuadrilla?
-
Non sei, teño que preguntar á muller.
-
E logo Manuel? É que non es o cabeza de familia?
-
Ser, son! Pero a miña muller éche o pescozo, e dálle
á cabeza para onde lle peta!
Sabedoría popular galega, reflexo
dunha realidade social, ou só un chiste que podería suceder en calquera outro
lugar do mundo? Sen ter que tomar necesariamente partido pensamos que este
tema, aínda para esta xeración con
tantas fontes de información ao alcance dun clic, pode ter interese abondo como
para debullar uns cantos datos.
Necesario ou aínda indispensable,
antes de comezar unha reflexión como a que intentamos facer, é poñerse de
acordo no significado dos termos que imos utilizar. Se queremos ter argumentos
para afirmar ou negar a existencia e/ou permanencia dunha sociedade matriarcal
en Galicia non teremos outra que aclarar que entendemos por matriarcado.
Segundo o dicionario da RAG, matriarcado
é un substantivo masculino que no eido da Socioloxía denomina a un: Réxime social, político e xurídico no que a nai, e en xeral a muller, exerce un papel
preponderante na familia e leva a xestión do poder na sociedade.
O certo é que a definición que
recolle a Real Academia Galega non é a mellor das posibles. Outros autores,
máis centrados na etnografía e a antropoloxía apuntan que é “un termo que se aplica a aquelas sociedades nas
que existe unha preponderancia da autoridade feminina en aspectos importantes
da vida pública ou privada”, definición esta que consideramos moito máis
axeitada.
O seguinte termo, complementario
do antes definido, é o concepto de matrilinealidade, que é un “sistema
de liñaxe no que a adscrición do individuo realízase por vía materna, polo que
os devanceiros familiares principais son parentes da nai”. Cada individuo
considérase principal (ou aínda unicamente) descendente da nai, formando parte
do seu grupo ou clan familiar, e compartindo as propiedades familiares ou
herdanzas cos demais familiares da nai.
Cómpre neste intre aclarar que,
para o quen isto escrebe, os termos patriarcado e matriarcado non son en
absoluto simétricos. Mentres o termo patriarcado designa unha
organización social na que a totalidade das relacións sociais estrutúrase polo dominio
do home sobre a muller, incluíndo nesta ideoloxía o establecemento da premisa de
que os homes son superiores e as mulleres inferiores en todos e canda un dos
aspectos físicos, intelectuais e do comportamento, o matriarcado designa una
organización social baseada na igualdade dos sexos en todos os aspecto citados,
destacando ademais a enorme importancia da muller para a sociedade como
xeradora de vida.
Permitídeme unha comparación que
pode ser aclaratoria: para quen isto escrebe a relación entre os conceptos de patriarcado
e matriarcado é semellante á existente entre os de machismo
e feminismo.
Os
primeiros estudosos do matriarcado en Galicia.
A tradición historiográfica
adxudica á muller galega unha situación social privilexiada en relación co
resto de sociedades da península. Moitos autores clásicos fan referencia nos
seus escritos ao noso país, entendido nas súas fronteiras administrativas da
época: Salustio, César, Marcial, Tolomeo, etc, pero soamente dous deles fan
referencia a este feito diferencial na situación da muller na sociedade da
época:
Estrabón
e, en moito menor medida, Plinio.
Estrabón e os seus
continuadores, sinaladamente Paulo Orosio e Hidacio, destacan o valor, enerxía
e capacidade de traballo das mulleres da
Gallaecia,
así como a súa participación nas batallas ao lado dos seus homes, batallas nas
que “
querían mellor morrer que ser presas”.
Evidentemente ningún dos historiadores citados fala de matriarcado como tal, que
matriarcado é un termo inventado no século XIX. Destas fontes beben os teóricos
do matriarcado en Galicia da
Xeración
Nós.

De todos os compoñentes da Xeración Nos foi Vicente Risco, (Ourense 1884/1963), o que máis se ocupou do tema da
presenza do matriarcado na sociedade galega do seu tempo. Risco publica en 1920
o seu libro Teoría do nacionalismo galego,
considerado o texto fundacional do nacionalismo galego, no que recolle e amplía
as ideas de Manuel Murguía, definindo unha nación como un feito natural baseado
“na terra, na raza, na lingua, na organización
social, na mentalidade e no sentimento”, afirmando ademais a pertenza de
Galicia á civilización atlántica e céltica.
En abril de 1930 Vicente Risco marcha
a Berlín para seguir un curso de etnografía na Universidade de Berlín e á súa
volta dirixe a sección de etnografía do Seminario de Estudos Galegos. Aínda que
hai referencias ao matriarcado en Galicia en varias das súas obras, Risco desenvolve
completamente á teoría de que Galiza é unha sociedade matriarcal no apartado de
ETNOGRAFÍA; Cultura espiritual da
monumental HISTORIA DE GALIZA
dirixida por Ramón Otero Pedrayo. Para Risco e os estudosos da Xeración Nós, uns
dos aspectos do “feito diferencial galego” é a importancia fundamental da
muller galega nesa organización social, importancia que consideran como unha
supervivencia das estruturas sociais da época castrexa.
Segundo Risco a cultura castrexa
era unha sociedade xentilicia, é dicir, carente de
Estado.
Sen unha autoridade superior que coordine as accións dos distintos grupos
sociais coa finalidade de manter a unidade do grupo. A cohesión social lógrase
a través do funcionamento dunha serie de institucións, que nunhas ocasións
agrúpanse, e noutras confróntanse entre si. Existe nesta sociedade un certo
equilibrio entre os homes e as mulleres, pois estas posuían as terras, das que
se desinteresarían os homes, consagrados á actividade militar. Segundo esta
teoría a situación social en Galicia sería de orixe claramente céltica e nela a
autoridade política sería dunha aristocracia guerreira, con xefes pero sen
reis.

Cómpre salientar tamén, ademais da xa citada de Manuel Murguía, a
labor precursora de dona
Emilia Pardo
Bazán. Escritora feminista, nada en Coruña no 1851, fundou xunto a Ramón
Pérez Costales a Comisión Xestora que crearía a
Real Academia Galega.
Nun tempo no que máis do 90% das mulleres eran analfabetas, cómpre poñer de
relevo que Dona Emilia foi a primeira muller en presidir a Sección de
Literatura no Ateneo de Madrid, a primeira muller nomeada Conselleira de
Instrución Pública e a primeira catedrática de Literatura Contemporánea de
Linguas Neolatinas da Universidade Central de Madrid.
Pardo Bazán loitou decote pola
educación igualitaria da muller e publicou varios artigos denunciando o sexismo
predominante en España. Nun destes artigos faise eco das voces que sinalan o
feito diferencial da situación da muller na sociedade galega, como
supervivencia de formas de organización social ancestrais, sinalando a intelixencia,
independencia, fortaleza material e espiritual da muller galega.
O matriarcado
en Galicia en Lisón Tolosana.
Non deixa de ser curioso que o
principal estudoso da antropoloxía galega sexa un aragonés: Carmelo Lisón Tolosana, nado en
novembro de 1929 en La Puebla de Alfindén. Doutor en Filosofía e Letras pola
Universidade Complutense de Madrid e en Antropoloxía Social pola Universidade
de Oxford, ten escrito máis de vinte de libros, sobre temas antropolóxicos,
seis deles resultado dos seus traballos de campo en Galicia, que AKAL
recompilou no 2004 nunha coidada edición.
“Se na vida social e relacional domina a muller, nas decisións
económicas, agrícolas e familiares a submisión do varón á súa esposa e/ou nai
política é absoluta.” Escribía na súa “Antropología cultural de Galicia editada
por Siglo XXI en 1971. Referíase ás zonas de manda matrilineal, nas que a filla
é a mellorada na herdanza, e non o fillo. A súa obra é unha das achegas
fundamentais á etnografía galega, á que contribuíu a documentar cientificamente
cun intenso traballo de campo a idea do “matriarcado galego”.
Reflexión
final.
O certo é que son, no só pero si principalmente, as áreas de costa o
núcleo das manifestacións máis claras da presenza do matriarcado (entendido o
concepto como describimos no apartado de Terminoloxía necesaria) na sociedade
galega. Un dos aspectos nos que a realidade galega chocaba máis de fronte coas
descricións doutras culturas peninsulares era a sexualidade da muller galega e
a pouca ou nula importancia social da concepción fora do matrimonio católico.
Este comportamento fortemente diferente do paradigma da honra atribuído polos estudosos para a totalidade do territorio
actual de España, foi sinalado especialmente polos antropólogos anglosaxóns dos
sesenta, sen ter en conta a oposición de feito entre os comportamentos das
culturas mediterráneas e as atlánticas. Segundo este modelo, agardábase que os
homes, responsables da protección da honra das súas familias nestas sociedades patriarcais
e non igualitarias, controlasen a sexualidade dunhas mulleres que desenvolvían
a súa actividade nas súas casas, afastadas do ámbito público. En oposición a
este comportamento estaba o modelo atlántico no que eran as mulleres as que
garantían a continuidade da casa como institución, non tanto debido á ausencia
dos homes a causa da emigración e do seu traballo no mar, como dunha herdanza
cultural diferenciada.
Neste sentido a antropóloga
canadense Sharon R. Roseman indica: “Non
hai evidencia da presenza dun matriarcado en Galicia, se entendemos por un
matriarcado a dominación das mulleres sobre os homes”, matizando esta
afirmación un pouco máis adiante: “mais
si puido haber unhas relacións de xénero menos desigualitarias en certas zonas
debido á presenza de factores como a manda matrilineal, o forte papel da muller
en moitas das casas que dependían dos sectores agrícolas e gandeiros,
pesqueiros, e marisqueiros. O feito de que as mulleres levasen a cabo numerosas
tarefas principais na economía produtiva doméstica, co gran coñecemento e
destreza que requiren, facía que o traballo feminino fose imprescindible”. “Porén a emigración tanto dos homes como das
mulleres, que en moitos casos ocorría ao mesmo tempo, era sinal da precariedade
económica en Galicia”, lembra.
Con todo hai moitas e moi
documentadas opinións en contra da teoría que defendemos nesta pequena achega.
Opinións científicas e outras máis peregrinas, entre as que queremos recoller
unha, que nos chamou especialmente a atención, sen citar o seu autor, historiador
ao que respectamos moitísimo, e que estamos seguros que fixo estas declaracións
influído por circunstancias externas ao normal funcionamento da seu equipamento
neuronal.
"Aínda agora non é
infrecuente escoitar a unha muller dicir que prefire a cabeza do peixe ou raspar do fondo da cazola o arroz queimado e
pegado, porque aínda está interiorizada na súa educación de sacrificio que se
completa coa normalidade con que se vía o feito de que un home pegase á súa
muller".
Tendo en conta que á miña muller
encántalle a cabeza do peixe e a come precisamente
por ese motivo, e que a miña filla devece polo socarrat, que en modo algún é un “arroz queimado e pegado”, me
permito dubidar do resto das súas afirmacións, porque a educación que aínda
algúns temos, é a do esforzo e non a do sacrificio, e a afirmación de que na
sociedade galega “se vía con normalidade o feito de que un home pegase á súa
muller” me parece de pouco rigor científico.
A
xeito de conclusións.
-
A autoridade da muller está baseada no consenso,
non na coerción: “Mellor un mal acordo que unha boa guerra”.
-
A igualdade da muller garante a continuidade da
casa, do gens e o clan como
institucións.
-
Cando as mulleres xestionan os bens inmobles,
casa terras, gando, e realizan os labores agrícolas o coñecemento do estado das
cousas dálles un papel dominante na xestión da economía.
- A diferenza da muller mediterránea a muller
atlántica non ten a honra encerrada no estreito marco da súa conduta sexual.
-
E para rematar un refrán galego:
Quen rico ser queira, estas cousas ha de
ter:
ovella e abella,
a pedra que trebella,
a egua parideira,
e muller goberneira.
Máis información en: