lunes, 8 de junio de 2020

Dez portadas. Dez discos. Dez + 1 historias. (9)



Día 8. Treemonisha. Scott Joplin (1976).
Os hai que non teñen remedio! Cando xa tiña un criterio mais o menos establecido para a publicación seguinte chega Loli coa súa suxestión, comentario ou aínda apostila:
-          Non me digas que non vas a poñer o Treemonisha de Scott Joplin que tanto escoitabamos!
E non porque “onde hai patrón non manda mariñeiro”, nin que “a paixón cega a razón” senón porque “o que a raposa fai o raposo non o desfai”, e que “quen ten razón a ten aínda que non lla dean”, alá vai a portada da fermosa caixa de dous LP na que a Deutsche Grammophon editou no 1976 a “ragtime opera” do compositor y pianista afroamericano Scott Joplin.


Nos coñeceramos a Joplin polo ragtime The Entertainer, que Marvin Hamlisch, o compositor da banda sonora de “O golpe” un filme dirixido por George Roy Hill en 1973 gañador de sete premios Oscar, fixera da composición de Joplin. O certo é que este “two step ragtime” (un dous pasos de toda a vida, poñamos que como o de Queimadelos) composto por Scott Joplin en 1902, foi parte importante do éxito do filme e orixe dun renacemento deste tipo de música nos EE.UU. e en Europa. A nos gustounos tanto que cando vimos este álbum no Corte Inglés, daquela a mellor tenda de música de Vigo, cun inesquecible profesional, o Sr. Criado, ao fronte, non resistimos a tentación de mercalo.
Scott Joplin, que naceu en Texarkana, Texas o 24 de novembro de 1868, compuxo esta ópera, o seu libreto, música e orquestración, en 1910, pero nunca a puido estrear. Tan só facer no 1915 unha representación da obra, que tivo que financiar el mesmo, no Lincoln Theater do Harlem, New York, sen orquestra e con o compositor ao piano. Para colmo de males no 1962 houbo unha inundación no fideicomiso que custodiaba a obra de Scott Joplin, e algún irresponsable destruíu o único manuscrito existente da orquestración que Joplin fixera da ópera, ao considerar que a auga estragara a partitura e non pagaba a pena a súa recuperación.


Treemonisha permaneceu no esquecemento ata o 1970, cando alguén descubriu a copia da partitura da redución para piano e canto que o propio Scott Joplin enviara ao American Musician and Art Journal. O 22 de outubro de 1971, algúns extractos desta ópera presentáronse en forma de concerto na Biblioteca Pública das Artes Escénicas de Nova York, con actuacións de William Bolcom, Joshua Rifkin e Mary Lou Williams. A estrea mundial da ópera como tal, tivo lugar o 27 de xaneiro de 1972 en Atlanta, Xeorxia, como unha produción conxunta do departamento de música do Morehouse College e da Orquestra Sinfónica de Atlanta, utilizando a orquestración do musicólogo TJ Anderson. A actuación foi dirixida por Robert Shaw coa compañía de danza  afroamericana de Katherine Dunham.  Pouco tempo despois, no 1975, Gunther Schuller, un músico e compositor de jazz namorado das obras de Joplin, fixo unha adaptación diferente que representouse na Gran Ópera de Houston, orixe da gravación que comentamos.


A ópera é unha celebración da música e a cultura afroamericana que ten como argumento principal a idea de que a educación é o camiño para a redención da raza negra. E a heroína, Treemonisha, unha moza que aprendeu a ler, escribir e sumar e restar, simboliza este camiño á redención polo coñecemento, en oposición a unha banda local de magos que pretenden manter ao pobo na ignorancia. Ao principio as persoas do pobo resístense ao cambio. A superstición forma parte da súa cultura e rexeitan a Treemonisha. Os curandeiros, feiticeiros e predicadores secuestran a Treemonisha. Ao final, un amigo da rapaza rescátaa e ela convértese na líder do seu pobo servíndose da ilustración e a razón para acabar cos medos e as supersticións.

O disco recolle a produción de Thomas Mowrey para a Houston Grand Opera, coa orquestra e coros dirixidos por Gunther Schuller, que fixo tamén os arranxos e orquestración. A soprano Carmen Balthrop fai o papel de Treemonisha, a mezzo-soprano Betty Allen o de Monisha, a nai adoptiva de Tree-monisha, e o barítono Willard White no de Ned, o do pai adoptivo. O resto de papeis son Curtis Rayam, Dwight Ransom, Cora Johnson, Dorceal Duckens, Edward Pierson, Raymond Bazemore e Ben Harney.


Vai con subtítulos en portugués, pero non creo que iso moleste a ninguén.

sábado, 6 de junio de 2020

Dez portadas. Dez discos. Dez + 1 historias. (8)



Día 7. O cego andante (Pablo Quintana) (1982).

Para a publicación do 17 de maio, Día das Letras Galegas non tiña dúbida ningunha que debera ser algún dos meus primeiros discos vencellados coa música de raíz. Pero cal? Ocorréuseme que sería xusto poñer o foco nalgún daqueles discos que considero inxustamente esquecidos. E, que disco podía reunir eses e moitos máis merecementos que “O cego andante” que Pablo Quintana publicara no selo Ruada? Porque a Pablo Quintana (ademais de a Faustino Santalices e por suposto a Anxo Pintos) debo o meu namoro pola zanfona.

Pablo Quintana López (Vilanova de Oscos, 1956), é un polifacético estudoso e divulgador da cultura popular en xeral, con especial interese no patrimonio material e inmaterial da zona dos Oscos, na “fronteira” galaico/asturiana. Boa proba desa afirmación é o rigoroso e completo traballo en dous tomos La labranza y transformación artesanal del hierro en Taramundi y los Oscos. Siglo XVI-XXI. Aportación a su conocimiento (Asociación Cultural Os Castros, 2005), no que estuda todo o relacionado coa produción artesanal de obxectos de ferro e aceiro nos concellos asturianos de Os Oscos e Taramundi, e que tivo a xenerosidade de trocarme polo meu Mirequelledigo. Crónicas dun filósofo tabernario, un feliz día do ano de 2018, na súa caseta do CULTURGAL.

Podería estar falando un día enteiro da enorme actividade cultural de Pablo, da súa pulsión por recoller toda canta manifestación da cultura material e de transmisión oral ten noticia; da súa actividade como coordinador da serie etnográfica Recolleita da editorial Ruada publicando un disco que contiña as gravacións realizadas ao cego cantor de coplas Florencio da Fontaneira e á pandeireteira Eva Castiñeira; da estupenda labor da súa Editorial Canela que fundara no ano 2008, coordinando a publicación do libro Informe sobre los Oscos, de Julio A. Fernández Lamuño e José Antonio Álvarez Castrillón, ao que seguirían entre outros Os foxos do lobo. A caza do lobo na cultura popular no 2010, Antón Corral. A alborada dun soño no 2016, e moitos outros de grande interese; do seu traballo de articulista con interesantes traballos como a Danza de Reis, a regueifa, os zoqueiros de Villalba, as danzas de Vilanova dos Infantes, os instrumentos musicais do Pórtico de la Gloria, etc.; da súa actividade no campo audiovisual, dirixindo e guionizando unha serie de documentais sobre danzas procesionais e bailes, sobre o toque pechado da gaita, bombos e bombeiros, olería, pratería e acibechería; tamén das súas tarefas na radio, onde presentou e dirixiu varios programas para a difusión da música tradicional e os instrumentos populares en diversas emisoras, e moito máis. Pero, o que é para min máis importante, Pablo é unha gran persoa, culto, accesible e afable.


O día 3 de xuño de 2015, Pablo Quintana estivo na aula Milladoiro da ETRAD de Vigo para presentar o seu libro Amadeo Goyanes e as zanfoneiras de Monforte editado pola “Central folque”, unha ampla biografía sobre este divulgador e construtor de instrumentos monfortino, discípulo de Faustino Santalices. E como cos anos vou perdendo a miña natural timidez, de paso que me dedicaba o libro, púxenlle diante o meu prezado tesouro: o seu álbum "Ou  cego andante"que comprara alá polo ano 1982, co feliz resultado que podedes comprobar na foto.

Para terminar, que mellor homenaxe que escoitar unha das cancións do disco? Propóñovos esta:


martes, 2 de junio de 2020

Dez portadas. Dez discos. Dez + 1 historias. (7)



Día 6. A Historia de Benny Goodman (1956).

Os anos 20 foron chamados a "Era do Jazz" e este tipo de música foi a banda sonora dunha época de paro e desesperanza, de alcol ilegal e de baile sen freo que lle servían de válvula de escape ás crases populares. Foi o nacemento das “Big Bands”, as grandes orquestras de baile que tocaban os temas de éxito nun estilo quente e faiscante que conducirían á "Era do Swing” onde toda a América do Norte bailaba ao ritmo de Benny Goodman e Glenn Miller.

O EP de hoxe, catro temas escollidos da banda sonora da película de 1955 producida pola Universal-International “The Benny Goodman Story” dirixida por Valentine Davis e protagonizada por Steve Allen e Donna Reed. O guión introduciu un gran número de elementos de ficción, pero a música era a orixinal, e moitos dos compañeiros de Goodman aparecían na película, incluídos Lionel Hampton, Ben Pollack, Harry James e o grande batería Gene Krupa, un dos motivos da súa inclusión neste desafío, como cativo homenaxe ao meu profesor de percusión da ETRAD de Vigo, “Chuco” Estévez.

Eugene, “Gene”, Krupa naceu en Chicago, Illinois o 15 de xaneiro de 1909 e foi on dos máis influentes e populares baterías  do século XX, considerado como o primeiro solista de batería da historia. Fillo de emigrantes polacos, comezou a súa carreira profesional a mediados da década dos anos vinte en Wisconsin, e chegou á popularidade da man de Thelma Terry, unha das primeiras mulleres que liderou unha banda americana de jazz.

En 1927 Krupa fixo a súa primeira gravación cunha banda liderada polo baixista Eddie Condon, pero os discos que máis sona lle deron foron os que gravou coa banda de Thelma Terry en 1928. En 1929 Krupa mudouse a Nova York para traballar coa banda de “Red” Nichols. En 1934 uniuse á banda de Benny Goodman, e en 1938, tras unha pelexa pública con Goodman no Earl Theater de Filadelfia, deixou a Goodman para lanzar a súa propia banda.
Krupa é un dos principais atractivos do disco, especialmente no tema que ocupa a cara A na súa totalidade: “Sing, sing, sing”, o tema principal da estupenda película “Swing Kids”, en España "Os rebeldes do swing", ambientada en Alemania nos anos de ascenso do nazismo.  Un dos principais, pero non o único, porque a figura de Benny Goodman, tanto dende o punto de vista de gran instrumentista como o do seu propio comportamento persoal, abonda para dedicarlle máis dunha referencia.

A pericia e virtuosismo de Benny Goodman co clarinete foi recoñecido aínda no pechado mundo da música académica. Importantes figuras deste eido compuxeron obras para el. Aaron Copland dedicoulle o seu “Concerto para clarinete e orquestra de cordas con arpa e piano” de 1947; Béla Bartók o “Trio para Violín, Clarinete e Piano, Constrastes” de 1938; Paul Hindemith o “Concerto para clarinete  de 1947 e Malcolm Arnold o “Concerto nº2 para clarinete” de 1974.

Benny Goodman era ademais nos EE.UU.un dos símbolos da apertura cultural e a tolerancia, e un comprometido antirracista. Un dos momentos importantes na historia musical dos EEUU foi o concerto de jazz que o 16 de xaneiro de 1938, deu Benny e a súa banda no "santuario" da música culta de New York: O Teatro  Carnegie Hall. Un escenario absolutamente vedado a toda heterodoxia musical, e cuxa entrada só podían pagar as clases adiñeiradas. A idea dun dos asesores publicitarios da “Camel Caravan”, un tal Wynn Nathanson, pareceulle unha tolemia ao propio Goodman, pero o atractivo de reunir na escena a músicos de tódalas razas, brancos e negros, xudeus e xitanos, pareceulle un desafío con atractivo abondo para expoñerse a un fracaso.


Por fortuna as entradas esgotáronse o mesmo día de poñerse á venda, e houbo que acomodar cadeiras extras nos corredores e escaleiras. O día do concerto amenceu frío e desapracible, pero para os afeccionados nada daquilo importou, e encheron o local.
Cando os músicos, Lionel Hampton, Gene Krupa, Martha Tilton, Lester Young, Count Basie, Harry James e os demais tomaron asento detrás dos seus atrís, e Benny Goodman, clarinete en man e vestido cunha impecable levita, deu a orde de atacar o primeiro tema, os músicos non tiñan moi claro cal ía ser a reacción dos espectadores. Os entusiastas aplausos ao fin da primeira peza da noite borraron as súas dúbidas e afrouxaron a enorme tensión con a que comezaran. A partires dese intre o concerto foi unha formidable comuñón de músicos e público, entusiasmados polos “I Got Rhythm”, “Blue Skies”, “Stompin’ at the Savoy” ou o esperado “Sing Sing Sing (with a Swing)”. O concerto foi un enorme éxito, e del se fixo unha gravación que estivo anos desaparecida ata que o propio Goodman descubriu en casa uns acetatos e deles se puido facer unha primeira edición en 1950 do que foi o primeiro LP dobre da historia, e o primeiro que vendeu un millón de copias. Uns anos máis tarde, no 1998, descubríronse os “masters” en aluminio grazas aos que se puido facer unha edición con moita mellor calidade sonora, que editouse en 1999 en CD, e que co paso dos anos converteuse nun dos discos de jazz máis vendidos da historia.
Benny Goodman apareceu en moitas películas, como “The Powers Girl”, “Stage Door Canteen” ou “The Gang's All Here”, pero seguro que coa que ides gozar máis e coa de 1948 “Nace unha canción”, “A Song Is Born”, con Danny Kaye como o Profesor Hobart Frisbee, Virginia Mayo como Honey Swanson e Benny Goodman como o Profesor Magenbruch. Deixo o enlace do vídeo por se queredes ir identificando un a un aos músicos.

domingo, 31 de mayo de 2020

Dez portadas. Dez discos. Dez + 1 historias (6)

Día 5. Catro EP de folk norteamericano.

“Catro portadas polo prezo dunha” pregoaba o día da súa publicación. O certo é que despois de dúas portadas persoais e dúas de música académica prestábame poñer algo de folk. Pensei en primeiro lugar no “Cancionero de Romances” de Joaquín Díaz, unha caixa con 5 LPs e un libreto de 20 páxinas coas letras e acordes dos romances, ilustracións, fotografías, para recordar decontado que tal caixa facía anos que figuraba no inventario dos préstamos nunca retornados. Tamén pensei no primeiro disco de Dylan que chegou a España, o “Like a Rolling Stone”, o algún dos moitos de Pete Seeger, ou Tom Paxton, ou Phil Ochs … Ao final me decidín por estes catro EP de 45 rpm que mercados por nos no ano 1966.


“O soldado universal” un EP editado no 1965, con catro cancións cantadas polo escocés Donovan Leitch. A primeira da cara 1 é a que da nome ao disco o “Universal Soldier” de Buffy St. Marie da que falaremos máis adiante. O segundo tema desta cara “The Ballad Of A Crystal Man” é da autoría do propio Donovan. A letra moi típica daqueles anos:


For seagull I don't want your wings,
I don't want your freedom in a lie.
As you fill your glasses with the wine of murdered negroes
Thinking not of beauty that spreads like morning sun-glow.


A cara B abre co “Do You Hear Me Now” do escocés fundador de la banda Pentangle, Bert Jansch, e pecha co “The War Drags On” de Mick Softley, habitual colaborador de Donovan nas súas primeiras gravacións.

O segundo EP é o “Farewell Angelina” de Joan Báez, na edición de Hispavox tamén de 1965. Como era habitual a cara A abre co tema que da nome ao disco, o “Farewell, Angelina” composto por Bob Dylan para o “Bringing It All Back Home” e finalmente non incluída no álbum. No segundo corte da cara A, Joan canta o “Colours” de Donovan Leitch co acompañamento de Bruce Langhorne á guitarra eléctrica.
Do mesmo álbum de Dylan antes citado é o primeiro corte da cara B, “It's All Over Now, Baby Blue” que canta tamén acompañada da guitarra eléctrica de Bruce Langhorne. Pecha o disco unha curiosidade: unha canción que leva por título “Daddy, You Been On My Mind” composta por Dylan en xuño de 1964 en Europa, e que fala da ruptura coa súa noiva daquela, Suze Rotolo. Aínda que Dylan gravou a canción nunha das sesións do “Another Side of Bob Dylan” finalmente o tema non foi incluído no disco, e a versión de estudio permaneceu inédita ata a publicación do “Bootleg Volumes Serie 1–3 (Raro & Unreleased) 1961–1991” pero co seu título orixinal: “Mama, You Been On My Mind. 



 Joan Baez ‎– Vol.2
Tamén de Hispavox do mesmo ano é este vinilo de catro cancións. “There But For Fortune” de Phil Ochs, o autor do himno pacifista contra a guerra do Vietnam “I ain't marchin anymore”; as composicións populares “Lily Of The West” e “All My Trials” con Fred Hellerman como segunda guitarra, e “Go'way From My Window” do folclorista e decano dos cantautores norteamericanos J. Jacob Niles.

Quedou para o final un recopilatorio que leva por título “Joyas Folclóricas”, con Joan Báez cantando o primeiro corte da cara A é a canción “Oh freedom”, unha canción de liberdade afroamericana da Guerra Civil, asociada ás mobilizacións do “African American Civil Rights Movement”, e cuxa primeira estrofa cantabamos frecuentemente nas nosas xuntanzas de amigos, nun inglés bastante penoso:

Oh freedom, oh freedom, oh freedom over me
And before I'd be a slave I'll be buried in my grave
And go home to my Lord and be free.

Pechaba a cara A o “Four strong winds” do dúo canadense Ian & Sylvia Tyson, que comezaron a tocar xuntos no 1959, casaron no 1964, e deixaron de tocar e vivir xuntos no 1975. 
Na cara B estaba “O soldado universal” desta volta cantado pola súa autora, a compositora e artista visual canadense de orixe indíxena cree, Buffy Sainte-Marie. Pecha o disco a moi estimable “John Henry” arranxada e cantada pola activista do Movemento polos dereitos civís, Odetta.

viernes, 29 de mayo de 2020

Dez portadas. Dez discos. Dez + 1 historias (5)



Día 4: “Toscanini dirixe tres oberturas[1]” (1957).
Por moito que o, por outra banda excepcional director, Sergiu Celibidache o trate de “ignorante total” e diga del que foi o “peor músico de todos os tempos”, Arturo Toscanini foi, para os seus contemporáneos e para moitos dos críticos actuais o máis grande director de orquestra do século  XX, pola “súa brillante intensidade, o seu incansable perfeccionismo, o seu prodixioso oído e a súa memoria fotográfica, que lle permitía corrixir erros dos membros da orquestra que foran inadvertidos durante décadas polos seus colegas”. Para min, que non me gustan nin un pouco esas cousas de “o mellor”, “o máis grande”, “o número un”, é un director que me gusta na maioría das obras que lle teño escoitado, pero por riba de calquera outra consideración merece a miña admiración e grande estima polo seu valor, conciencia ética e decidido antifascismo.

Cando en 1944 o Exército Roxo derrotou aos alemáns tras meses de cruento combate en Stalingrado, e comezou a avanzar decididamente cara a Berlín, a Oficina de Información de Guerra dos Estados Unidos (OWI), encargou a Arturo Toscanini un concerto no Madison Square Garden de Nova York para celebrar as vitorias da alianza antifascista na Segunda Guerra Mundial, concerto que sería filmado para ser exhibido nos cinemas antes do programa principal.

Toscanini decidiu que a principal obra musical que se interpretaría neste concerto fose a peza de Giuseppe Verdi “O Himno das Nacións”, unha composición de 1862 feita para representar á nova nación italiana unificada e expresar a súa boa vontade cara ao resto dos países europeos. A peza ten mencións aos himnos nacionais de Gran Bretaña, Francia e Italia, aos que Toscanini engadiu os dos Estados Unidos e o da Unión Soviética para completar ás referencias aos principais aliados.


O concerto celebrouse o 25 de maio de 1944 co actor Burgess Meredith no papel de narrador, e Arturo Toscanini dirixindo a Orquestra Sinfónica da NBC, o Coro de Westminster e o gran tenor Jan Peerce como solista. Os lectores atentos xa se terán decatado de que o himno da Unión Soviética non é precisamente un “himno nacional” senón un himno de crase: A Internacional, que soaba quizais por vez primeira no coliseo neoiorquino. E nunha morea de cines espallados por todo o ancho e longo da xeografía dos EE.UU.
Non ía durar moito esta parte da película. A comezos dos anos cincuenta, durante a caza de bruxas, os censores eliminaron a secuencia na que soaba “A Internacional” e durante anos considerouse perdida para sempre. Menos mal que sempre hai algunha formiguiña que garda as cousas, e en 2010 reapareceu unha copia desta vibrante interpretación de “A Internacional” dirixida por  Toscanini da que vos deixo o enlace.


E volvendo xa ao disco en concreto, un EP dobre, agasallo do pai dun amigo, un personaxe moi importante na miña formación non só musical, teño que recoñecer que é unha verdadeira alfaia. Tres magníficas oberturas de tres óperas que daquela eran para min totalmente descoñecidas: Don Pasquale de Donizetti, Oberón de Weber e a incrible “Der Freischütz”, “O Cazador furtivo”, tamén de Carl Maria von Weber, un neno prodixio que aprendeu a cantar e a tocar o piano antes que a camiñar. Durante moitos anos estiven obsesionado por escoitar na radio “O Cazador furtivo” completo. Nunca o conseguín. 

Tiven que esperar ata 1974 para poder mercar a caixa coa que é considerada como versión canónica da ópera: a dirixida por un Carlos Kleiber en estado de graza, cun notable Peter Schreier no papel de Max, a beleza vocal da soprano Gúndula Janowitz como Agathe, o luxo de Theo Adam no papel de Kaspar, Edith Mathis no de Ännchen e Franz Crass no de Hermita, que foi Premio Mundial do Disco de 1974 en Montreux.




[1] Sei que a RAG impón o uso de “abertura” polo italianizante de “obertura” pero un xa está vello para estas cousas …

miércoles, 27 de mayo de 2020

Dez portadas. Dez discos. Dez + 1 historias. (4)


Día 3: Percy Sledge. " When a Man Loves a Woman” (1966).


Percy Sledge naceu o 25 de novembro de 1941 en Leighton, Alabama. Malia que moitos pensen que é un deses cantantes que chaman “one-hit wonder” o que ven sendo como o da “flor da marabilla”, tivo outros grandes éxitos internacionais como o "Warm and Tender Love", "Take Time to Know Her", "It Tears Me Up", "Cover Me" e aínda unha versión moi axeitada do "Love Me Tender" que popularizara Elvis Presley, e que realmente é unha adaptación de “Aura Lee”, unha canción da guerra de Secesión do 1861.

Percy Sledge tiña unha voz perfecta para as baladas de soul, o que alguén chamou "clásicos emocionais para románticos de todas as idades", e "When a Man Loves a Woman" é unha perfecta mostra desta afirmación. Foi escrita polo propio Sledge, coa axuda do baixo Calvin Lewis e o organista Andrew Wright, cando o cantante perdeu de vez o seu traballo e a súa noiva, e alcanzou o número 1 nos Estados Unidos, e foi tamén un éxito internacional, España incluída.

E de románticos vai a cousa: porque as razóns da inclusión deste vinilo teñen máis que ver con afectos persoais que os musicais. Alá polo ano 1967 a miña amada noiva caeu enferma de amigdalite e papeiras, e ía ser a vez primeira que entraría na súa casa. Cos poucos cartos que rabuñaba da miña paga merqueille este disco e un bote de peras en almibre. Das peras non conservamos nin a lembranza da marca: so que era un fabricante de Lleida, e que eran toda unha novidade. O disco si que está entre as nosas máis prezadas posesións.

lunes, 25 de mayo de 2020

Dez portadas. Dez discos. Dez + 1 historias. (3)





Día 2: María Callas. "Catro arias de Puccini” (1959).

O disco, un vinilo de 7”, 45 rpm, EP, editado no 1959 por “La Voz De Su Amo ‎– 7 ERL 1358”, contén catro arias de Giacomo Puccini interpretadas pola marabillosa soprano Maria Meneghini, máis coñecida por “A Callas”: Un Bel Di Vedremo do Acto II de Madama Butterfly; In Quelle Trine Morbide do Acto II de Manon Lescaut; Si, Mi Chiamamo Mimi do Acto I de La Boheme O Mio Bambino Caro da ópera nun acto Gianni Schicchi. Todas elas coa Orquestra Filarmonía dirixida por Tullio Serafin.

O vinilo foi non sei se herdanza ou agasallo da miña tía Rosiña, a irmá maior do meu pai. A miña tía casara con home de moitos posibles que chegou a ser secretario do Consulado do EE.UU. en Vigo. Xunto co meu pai e outros irresponsables formaban o grupo dos “aliadófilos”, ou sexa os que na Segunda Guerra mundial apoiaban ás potencias democráticas contra das do Eixe, que se dicía daquela, e que como tales sufrían as iras dos da camisa azul.

A miña tía tiña grande afección pola música, non en van o seu pai fora íntimo amigo de Reveriano Soutullo, barítono e intérprete de instrumentos de pulso e púa, a máis de contador, na Sociedade “A Oliva” E a mencionada afección facíase respecto reverencial cando falabamos da ópera e de María Callas. E confeso que probablemente escoitando aqueles discos de Ataulfo Argenta, Andrés Segovia e Alfredo Kraus naceu a miña afección pola música académica.

Tería eu catorce ou quince anos cando, coa arreda de visitar ás miñas tías ía á súa casa da rúa Reconquista a escoitar música, tomar unha galleta do variado de Cuétara e unha copiña de Marie Brizard ou viño doce de moscatel Goya. Todo era perfecto ata que a miña tía escoitaba á Callas entoar:
Un bel di vedremo
levarsi un fil di fumo sull’estremo confin del mare.
E poi la nave appare.
Poi la nave bianca entra nel porto,
romba il suo saluto.

Entón, con voz agarimosa, non moi habitual nela, pedíame que cantara con elas; coa Callas e coa miña tía. De nada valían as miñas protestas de que a peza estaba escrita para soprano e non para barítono: un novo grolo de anisete servía para desbaratar ás miñas defensas, e en pouco tempo preguntabámonos:
Chi sarà? Chi sarà?
E come sarà giunto?
Che dirà? Che dirà?
Chiamera Butterfly dalla lontana.

O certo é que a min gustabame mais a de O Mio Bambino Caro, pero cunha copiña de anisete un fai o que sexa!


Á procura do inalcanzable

Escoitando hoxe o CD de Caroline Herring " The Golden Apples of the Sun " veume ás mentes o libro de contos de Ray Bradbury, ...