martes, 12 de enero de 2021

O que ven sendo «A Fraga da Saudade»

 


«A Fraga da Saudade» son oito poemas visuais nacidos arredor dos acrílicos que Alex Vázquez-Palacios pintou das paisaxes, dunha fraga entre imaxinada e vivida, inspirada no bosque da finca de Bellavista do Colexio Apóstolo Santiago do Xesuítas de Vigo, para recuperar o resto da obras realizadas, pero non empregadas, na celebración do Cincuentenario da Promoción do 1964. Ao pé de cada unha das imaxes vai un texto, non sabería determinar se poema sen métrica nin rima ou prosa poética, pero si con falante, obxecto, actitude e tema lírico, caligrafiado polo autor e disposto de xeito harmónico coa propia imaxe, pretende ser un micro relato dunha volta aos orixes, dun asolago nas brétemas da lembranza, nun reencontro coas persoas que fomos. Isto fai que as láminas deban ser degustadas nun orde concreto, especificado detrás da miña firma do texto. O que non empece que algún decida que hai algunha que lle gusta de xeito especial e prefire separala do resto e tela á vista colgada na parede.

Estes oito acrílicos foron escanados, ao igual que os oito textos, montados na súa posición relativa nunha cartolina A4, e cincuenta copias de cada unha delas imprentadas en Gráficas Anduriña de Pontevedra, nun proceso dixital que, pola súa complexidade, está mais achegado ás técnicas de gravado tradicionais que ás impresoras domésticas. A “Fraga da saudade” é, polo tanto, o que se coñece no mercado da arte coma un múltiple, e dicir unha obra gráfica que “nacendo dunha idea e de unha forma única, se reproduce un número determinado de veces, sen manter distancia algunha có concepto ou idea base do artista”. Deste xeito canda súa das reproducións é unha peza valiosa, pola súa fidelidade máxima ao orixinal e pola súa condición de exclusiva, facéndose con esta técnica moito mais alcanzable ao comprador posto que o valor de venta da obra orixinal divídese entre o número controlado de reproducións numeradas e firmadas polo artista; 50 neste caso. Se a misión dun artista contemporáneo é facer visible o invisible, facer preguntas e provocar emocións é evidente que a arte múltiple é un vehículo axeitado para canalizar o coñecemento, constituíndose en mirada visionaria que dialoga coa realidade aportando outros matices diferentes.

Non quero esquecer o papel que nove compañeiros de promoción e un extraordinario amigo alleo a ela, pero que foi o que me deu a idea e o primeiro que se apuntou, xogaron no proceso necesario para levar da idea material á práctica editorial este proxecto artístico e creativo: a financiación alternativa mercando e pagando a carpeta antes de que esta estivese dispoñible.

Aínda que para min o virtual non é nunca nin un pálido reflexo da realidade material, quero reproducir cada unha das láminas e textos, consciente das limitación da visualización de xeito especial nas pantallas dos dispositivos móbeis e máis neste caso concreto onde a realización gráfica dos múltiples posúe unha materialidade que o fai especialmente distante da fotografía.

Lámina 1.    

Amados recunchos da fraga nos que aínda latexan, agochados no mais segredo da alma, o primeiro xaruto, o primeiro pecado, a primeira dúbida … Retorno hoxe ao voso regazo mol, aos vosos fortes brazos.

Lámina 2.

Arbores da fraga; sodes coma nos. Anos atrás miúdos e febles, prestos ao bulicio e a preguiza. Hoxe, algúns de nos inmensos na súa estatura, outros menores, pero todos modelados pola felicidade e a desgraza; todos, nalgunha medida tamén, modelados pola propia fraga. 

Lámina 3. 

Camiñantes pola fraga; dalgún xeito iso somo todos. Algúns pasarán a escape, ás toas, alleos á beleza que os rodea. Outros deteranse en canda seu recanto dela, escoitando o latexo da vida, procurando o mais recóndito e segredo. Destes quedarán as pegadas nos camiños da fraga. 

Lámina 4.     

Todos nos, camiñantes chegados de preto ou de lonxe, algúns mesmo do alén mar, obedecemos ao chamado da saudade, irmáns para sempre nesta fraga preñada de lembranzas da mocidade compartida e nunca esquecida.

Lámina 5.          

“Sentinme morrer” – dixo o amieiro – “O vento turraba das miñas pólas tentando facerme perde-lo pé e a soidade cortábame os folgos”. “Entón, no mais escuro da noite, no mais cruel da tempestade, sentín a calor do voso alento ao meu carón e reverdecín”.

Lámina 6.         

“Fincado como estou na terra”– dixo o piñeiro – “As miñas raigañas furando as rochas, vinme no meu soño mastro dun navío, inzado de velame, devecendo por abrir ronseis no mar”.

Lámina 7.      

“Son pequeno e sinxelo” – dixo o acivro – “Érguense ao meu rentes árbores importantes de nomes sonoros. As súas altas copas están preto do ceo e cando venta cantan unha fermosa canción”. “Pero non estou apesarado porque sei que a fraga non sería tal sen min”.

Lámina 8.      

Longa verea percorrida. Ao botar a vista atrás véxoche doce e agarimosa, ateigada dos doce froitos da felicidade. Longa verea percorrida. Miro adiante e penso ¿canta viaxe teño aínda? ¿Serás para min sendeiro ou corredoira?.

lunes, 11 de enero de 2021

O nacemento de «A Fraga da Saudade»


«A Fraga da Saudade» foi o resultado dun proxecto artístico nacido ao calor da xuntanza que os compoñentes da Promoción do 64 (val dicir os que rematamos o Preu nese ano) organizamos para a conmemoración dos cincuenta anos do noso adeus ao Colexio Apóstolo Santiago dos Xesuítas de Vigo. Daquela, o grupo de colexiais encargados da organización do evento argallamos que cumpriría facer, ademais do xantar de tódolos anos, algo especial e menos efémero que representara o vincallo da nosa común educación, e que nos permitira condensar nese obxecto a maxia das lembranzas desa efeméride. Despois de moitas ideas acordamos que ese obxecto especial ía ser unha lámina que ilustrara mediante unha combinación de imaxe e texto a nosa relación co Colexio que abandonamos fisicamente fai eses cincuenta anos.

Por que imaxe e texto e non imaxe só, ou texto sen nada máis? Ben sabedes que se imaxe e texto diverxeron ao longo da historia, no sentido de afirmar cadaquén as formas de comunicación que lle son propias, non é menos certo que ao longo dela tamén se deron constantes intentos de conxugar e aínda fusionar ás dúas. A caligrafía, os caligramas, a poesía visual son bos exemplos. Aínda a escritura, as veces, quixo permanecer a medio camiño entre símbolo e signo.

O seguinte punto foi de rápido acordo. Que mellor representación gráfica da nosa identidade como grupo que o bosque do Colexio! Poucas cousas hai que podan representar con mais acerto o sentido do tempo, do camiño, de experiencia iniciática, de identidade e de diversidade que unha fraga coa súa cambiante variedade.

Para os que non coñezan o colexio dos Xesuítas de Vigo, teño que explicar que unha parte importante da finca de Bellavista, na que está construído o noso colexio, a ocupa un importante bosque con algunhas das árbores mais singulares de Galicia, coma un plátano de California de 20 m de alto e 120 anos de idade, un dióspiro de 12 m e 110 anos, araucarias de ata 35 m e 100 anos, érbedos, teixos, carballos, buxos, magnolias, etc. Aínda que cómpre aclarar que, de todas as árbores citadas, a que máis nos interesaba neste proxecto era a árbore da sabedoría, a árbore do ben e do mal, aquela que erguíase no mais profundo da fraga. Alén da botánica, para nos ese bosque representaba a transgresión, o prohibido, o lugar das primeiras descubertas, do primeiro pecado, do primeiro cigarro fumado ás agachadas ...

Quedaba por escoller entre aqueles practicantes de canda súa das liturxias da promoción a un que tivera tempo abondo e disposición axeitada como para rematar en prazo a delicada encarga. Máis escollido o tema a elección do pintor era evidente. Quen podía recoller mellor o latexo da fraga que o gran pintor da natureza que é o noso compañeiro Alex Vázquez-Palacios? Escoller ao autor das palabras que debían acompañar e complementar a imaxe tampouco foi decisión moi ardua: Maxi Olariaga tiña méritos e disposición abondo como para levar o traballo a porto seguro. E o máis curioso: os tiñamos aos dous nunha mesma foto!

Alex ponse decontado ao traballo e, como consecuencia natural da súa capacidade para as variacións riba dun mesmo tema (supoño que froito da súa afección polo jazz) fainos, non un senón nove acrílicos! Tan fermosos todos eles, que custou moito traballo escoller un soamente e desbotar o resto. Reclamamos o texto a Maxi, pero hai cousas, como a saúde, que mandan por riba de nos, e coas datas apremando non cabe outra que botar man do que estea máis preto! E ese son eu, así que din un paso adiante e encargueime de poñer o texto á ilustración escollida. Con maior ou menor acerto que iso tédelo que dicir vós.


Chegou o día da celebración. Comeuse, bebeuse, fixéronse acendidas arengas, bebeuse, elocuentes disertacións, bebeuse, inesperados sermóns, ata que os organizadores, para intentar coutar un pouco o entusiasmo da congregación, procedemos á distribución da lámina de agasallo, que, por mor da boa disposición ao que a inxestión de espirituosos inclina ao ser humano, mereceu os máis entusiastas dos eloxios que cadaquén logrou expresar.

E o normal sería que neste punto rematara a historia das láminas do Cincuentenario. Se non fora porque Alex non fixera un único acrílico da fraga! E a min me parecían tan fermosos todos eles que me custaba moito deixar o resto no esquecemento. De feito ata que non recibira o resultado da votación de escolla traballara, eu tamén en varios textos, porque cada imaxe xeraba en min un sentimento distinto e mesmo unha historia que lle acaía. Pensei entón que non sería mala cousa reunir todos eles nunha carpeta e facer unha edición múltiple. Na primeira redacción os textos se relacionan coa súa imaxe mais o conxunto carecen de sentido. A miña querida amiga a escritora Isabel Blanco, a quen llo dou a ler, sinálame este aspecto con sinceridade e acerto. E grazas á súa intervención descubro que reordenando as láminas e facendo algúns pequenos trocos, o conxunto posúe un relato coherente e a totalidade do proxecto adquire un novo significado.

Este foi o proceso de elaboración de ”A Fraga da Saudade”, unha edición dixital de 50 exemplares nunha carpeta contendo oito láminas de 294x230mm en cartolina Conqueror Contour de 300 g/m2, nunha carpeta pechada cun lazo de rafia. Cada unha das láminas da serie vai firmada manualmente, como é preceptivo, con lapis de grafito por ámbolos dous autores de imaxe e texto. As imaxes de Alex Vázquez-Palacios, abstractas e xestuais, dunha fraga ideal, mítica, na que tantas xeracións de colexiais construíron a súa educación, formaron a súa personalidade e forxaron á súa relación. Os textos, coidadosamente caligrafiados polo autor, pretenden establecer unha relación coa imaxe preexistente, e, no seu conxunto, intentan suxerir ao lector o relato dun retorno a un pasado común do grupo, das semellanzas e das diferenzas que os camiños da vida gravaron a fogo en cada un de nos, e, coma non!, da inquedanza polo que a vida que nos queda por diante traerá ao lector. 


viernes, 8 de enero de 2021

A enerxía reactiva, a lei de Murphy e Yácov Perelman


Debeu de ser aló nos estertores do século pasado ou nos albores deste, impartín aulas aos alumnos da especialidade de Química da Enxeñería Técnica da Escola de Industriais da Universidade de Vigo. Era inveterado costume meu no primeiro día do novo curso, ademais de comentar os aspectos organizativos, xeito de avaliación, etc., detallar os coñecemento básicos que se daban por supostos para poder cursar con éxito a materia de “Electricidade básica” que era a que me tocaba impartir. E a literatura científica e técnica que poderían usar para repasar este coñecemento previo. Entre os exemplo que me parecían de interese citei ao científico soviético
Yácov Isidorovich Perelman, cuxas obras, apuntei, tedes dispoñibles en internet.

Días despois unha alumna avantaxada sinaloume con sorna que o tal Perelman debía ser da miña familia dado o evidente parecido que, daquela, tiña coa foto que figuraba na WEB. O certo é que, malia a súa chanza, obtivo na materia unha das poucas matrículas de honra que puiden dar ao largo da miña vida docente.

Tanta graza me fixo a anécdota que, a xeito de broma só para iniciados, puxen o retrato Perelman coma unha das ilustración no meu segundo libro ao que, seguindo nesa mesma teima de instruír deleitando, titulei “Compensación de Energía Reactiva (y su relación con la ley de Murphy)”. Broma, por certo, que foi recibida con xeneral despiste de propios (os da profesión) e estraños, entre os que debo citar á presidenta do consello de administración da empresa, que tivo a amabilidade de enviarme unha carta de felicitación pola publicación do libro, facendo notar emporiso que “après une lecture attentive du livre, je n'ai pas pu découvrir la relation entre le facteur de puissance et la loi de Murphy”.

E non vos perdades no texto da imaxe a explicación da enerxía flutuante en clave micro machista!


 

http://www.librosmaravillosos.com/fisicarecreativa1/index.html

http://www.librosmaravillosos.com/fisicarecreativa2/


domingo, 3 de enero de 2021

O tendal de Avelino.


De cando en vez o Facebook serve de algo, e faime lembrar na sección de “tal día como hoxe” cousas que seguen a ter validez e que quero ter máis accesibles. Neste caso a cousa viña da man dunha feliz descuberta: unha diapositiva do chabolismo nos arrabaldes do Vigo do setenta, que tirara para unha presentación con imaxe e son, ou como dicía Pepe Outes aproveitando que fixera a carreira en Alemaña, unha “Diavortrag” coa que, nun arranque de entusiasmo militante discorréramos que íamos a preparar para apoiar a campaña electoral do Partido Comunista de Galicia nas primeiras elección municipais de 1979. E como a función require dun órgano, sen máis cavilación, dúbida ou indecisión, os alí presentes, un pouco numeroso e heteroxéneo grupo de xentes, xunguidos por unha firme amizade que 42 anos despois mantemos, fundamos o CAL, acrónimo de Colectivo de Artistas Leninistas, deixando ben claro nesa brincadeira ás nosas ganas de amolar as autoridades en xeral. Contra todo prognóstico a vontade foi maior que as nosas incapacidades, e a presentación de diapositivas con locución gravada “O Vigo que nos deixaron e o Vigo que queremos” se proxectou en diversos locais de Vigo con enorme éxito, para asombro de moitos e desesperación de outros, que non daban nin un duro pola iniciativa.

O traballo naceu dunha interacción entre a idea previa e as imaxes que debían ilustrar as nosas propostas para unha cidade mellor e máis achegada ás necesidades dos cidadáns, especialmente das clases máis desfavorecidas. Esta foto desbotouse na montaxe final, ben porque non se lle atopou un oco no fío argumental, ben por simple esquecemento, e quedou no meu arquivo; esquecida ata que agora coa xubilación me dá por remexer en cousas antigas, que non vellas.

Foi atopala e abrir a billa das lembranzas. E na enxurrada estaba, como non, outro dos esgrevios membros do CAL: Avelino González, “Pupo” para a nosa filla. Mandeilla e esta foi a súa fermosa resposta:


Tendal da Iª GM. Os aramados das trincheiras non estaban postas para frear ó estranxeiro, senón para que non fuxise o nacional. Quedaron en pé estes aramados de fío e tea. Un labirinto onde vas quedar preso vaias por onde vaias. Velaí están as vítimas, á vista. penduradas, inertes. Ó can só lle falta unha pinza e unha corda. Esa nena, con esa saia tan branca e tan limpa, é a esperanza de que a corda do tendal convertida en bambán sirva para saltar o aramado da guerra de prexuízos. Oxalá que cando salte, ó caer en terra, caia nun abrazo. Con canta razón o movemento obreiro organizado se opuxo á guerra e ós patriotas".

Xosé Neira Vilas no 2º Festival de Poesía do Condado.

 


E xa que andamos hoxe na memoria de historias antigas e de libros agochados longo tempo en andeis pouco frecuentados, vós traio hoxe unha pequena alfaia: o libro editado pola SDC Condado no 1982 co gaio do 2º Festival de Poesía do Condado. A nómina de poetas galegos e portugueses é impresionante: Darío Xoán Cabana, Cuña Novás, Manoel María, Méndez Ferrín, Manoel Forcadela, Egito Gonçalves, Bernardino Graña, Margarida Ledo Andión, Ramón Pena, Pexegueiro, Grupo Rompente, Cesáreo Sánchez, Xavier Seoane, Vítor Vaqueiro, Xulio Valcarcel, Vázquez Pintor, Viale Moutinho … e Xosé Neira Vilas, que non puido asistir e mandou o seu poema “Con mágoa e con amor” e a carta de apoio que reproduzo que comeza afirmando que “a poesía é tamén unha arma de combate” e remata afirmándose “voso e de Galicia

Nota: alfaia é palabra da que gusto moito e que empregabamos daquela en lugar de xoia, por demais achegada ao castelán, do que cumpría afastarse o máis que puidéramos. E xa postos “alfaia por alfaia, mellor quero pandeiro que saia”.

viernes, 25 de diciembre de 2020

Unha historia ucraína

 


Unha das cousas que teño en grande estima nesta rede social que sería tan boa se os seus propósitos non foran tan retorcidos, é a sección de “tal día como hoxe”. Nela descubro moitas cousas que seguen a ter validez e que, parvo de min!, din de comer aos porcos. Hoxe descubro unha publicación do 25/12/16 que quero ter a man. Dicía así:

Onte, por felicitarnos as festas do solsticio de inverno, estiven a falar co meu amigo Maxi Olariaga. Entre moitas outras cousas conteille que estabamos, Loli e máis eu, como di a copla “enzoufados os brazos na cociña". Maxi, esgrevio mariño que estivo moitos anos embarcado, apuntou que pensaba que o meu arte culinario non me daría para moito máis que para ser o sollastre da miña muller. Encantoume a sonoridade da palabra: sollastre! Aclaroume Maxi que era un termo mariñeiro, e como tal comecei a súa procura na miña colección de dicionarios galegos por ver se tan fermosa voz se recollía nalgún deles. Fracaso total: nin no Dicionario da RAG, nin no Estraviz, acobillo de moitas palabras perdidas, nin tan sequera no Dicionario de dicionarios, se recolle tal palabra. Si que figura no da RAE, que di:

Sollastre. (de sollar).

1. m. Pinche de cocina.

2. m. Pícaro redomado.

Non contento co resultado, seguín na miña procura, navegando polos procelosos mares da arañeira mundial que é Internet. Para descubrir ao fin detrás dunha fermosa pintura do ruso Iliá Repin que leva por título “Cosacos zapórogos escribindo una carta ao Sultán” unha fermosa historia que paso a relatar, copiando, aproximadamente, o que diversas fontes din dela.

O lenzo mostra unha escena da historia ucraína, ambientada en 1676. O pintor recolle o momento no que os cosacos ucraínos de Zaporozhia están a redactar unha resposta ao ultimato do Sultán Mehmed IV do Imperio otomán. Os cosacos veñen de derrotar en batalla ás tropas do exército imperial otomán pero este, inatinxible ao desalento, esixe a aceptación do seu dominio coas palabras seguintes:

O ultimato do Sultán:

Como Sultán, fillo de Mahoma; irmán do sol e da lúa; neto e vicerrei de Deus, gobernante dos reinos de Macedonia, Babilonia, Xerusalén, Alto e Baixo Exipto, emperador de emperadores, soberano de soberanos, extraordinario cabaleiro, nunca derrotado; firme gardián da tumba de Xesús cristo, delegado do poder divino, esperanza e confort dos musulmáns, co fundador e gran defensor dos cristiáns,... Ordénolles, cosacos zapórogos, a someterse a min voluntariamente sen resistencia algunha, e cesar de molestarme cos vosos ataques.

E firma: o Sultán de Turquía Mehmed IV

E que contestan os cosacos? Alá vai a súa resposta:

Oh sultán, demo turco, irmán maldito do demo, amigo e secretario do mesmo Lucifer. Que clase de cabaleiro do demo es que non podes matar un ourizo co teu cu espido?. O demo caga, e o teu exército trágao. Xamais poderás, fillo de cadela, facer súbditos a fillos de cristiáns; non tememos ao teu exército, combaterémosche por terra e por mar, podréceche!

Sollastre babilónico, tolo macedónico, cantineiro de Xerusalén, fodedor de cabras de Alexandría, porqueiro do alto e baixo Exipto, porco armenio, ladrón de Podolia, catamita tártaro, verdugo de Kamyanéts, parvo de todo o mundo e o inframundo, idiota ante o noso Deus, neto da serpe e cambra nos nosos penes. Morro de porco, cu de egua, can de matadoiro, rostro do anticristianismo, fode á túa propia nai!

Por isto os zapórogos declaran, lixo de baixo fondo, que nunca poderás apacentar nin aos porcos de cristiáns. Concluímos, como non sabemos a data nin posuímos calendario; a lúa está no ceo, é o ano do Señor, o mesmo día é aquí que alá, así que bícanos o cu!

Koshovyi Otamán Iván Sirkó e todos os zapórogos.

Ignoro se tal historia é ou non certa. Aínda máis dáseme unha figa! É divertida que é o que menos abunda na historia! E ben acaída ao carácter de argalleiros, brincadores, amantes da rexouba e os bos caldos que os cosacos eran e son. Que deixar sen axeitada resposta ás infantís ameazas escritas de alguén que ven de levar unha malleira non é cousa de xente amante da boa chacota, afeccionadas ás chanzas, á troula, o barullo e o boureo, e unha ocasión como esta de poñer no seu sitio a un farfallán botaporela como un Sultán, fillo de Mahoma, irmán do sol e da lúa, neto e vicerrei de Deus, non é de deixar pasar sen axeitada resposta escrita.

miércoles, 2 de septiembre de 2020

Arte funerario en Pereiró


 Non é de estrañar que nun cemiterio tan repleto de arquitectura e escultura funeraria de altísima calidade como é o de Pereiró en Vigo o monumento dedicado ao mestre Elías Pérez Martínez por iniciativa do semanario La Ráfaga, pase desapercibido a moitos dos seus visitantes, malia á súa privilexiada situación a poucos metros da entrada principal.

Non é de estrañar pero si de lamentar. Porque para un monumento que temos a un docente nunha cidade inzada de estatuas de mariños ilustres e políticos renartes (e algún que outro escritor, certo é!) deberamos darlle un pouco máis de importancia, especialmente nestes días nos que a pandemia ven a recordarnos que o verdadeiramente importante son a saúde e a educación.



Elías Pérez Martínez foi un notable mestre vigués ao que moitos recordan, manda chover na Habana!, por un dos seus alumnos do Colexio de Humanidades: o ilustre mariño e militar don Casto Méndez Núñez. Don Elías, ademais dun grande mestre respectado e querido polos seus alumnos, foi autor dun interesante tratado de pesas e medidas, do que se conserva algún exemplar disque na Fundación Penzol [1]. Cando faleceu en Vigo a finais de 1899, varios antigos alumnos seus organizaron, co apoio do mencionado semanario La Ráfaga, unha homenaxe co que recadar fondos para a erección dun monumento. Resulta curioso que tivera que ser precisamente un semanario combativo e satírico o que fixese posible que chegara a nós o recordo en pedra deste importante docente.

E xa postos a cousas curiosas, sinalar que o monumento foi deseñado por Xenaro de la Fuente, que era tenente do corpo de enxeñeiros e funcionario do Concello de Vigo, onde fixo as funcións de director facultativo de obras municipais. Tamén exerceu de profesor de debuxo aplicado á ornamentación, modelado e baleirado na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo. Da súa autoría son algúns dos edificios máis fermosos de Vigo: as casas de Manuel Bárcena, hoxe sede de Afundación, o desaparecido edificio Rubira, o edificio Bonín, o Gran Hotel de Mondariz Balneario, o Hotel Universal, o Mercado de Bouzas, o Pazo de Lourizán, e moitísimos máis … pero Xenaro de la Fuente non tiña o título de arquitecto.​ Tanto é así que en 1905 a xunta de arquitectos de Madrid solicitou ao Ministerio da Gobernación que fora separado do posto, e en 1907 a Asociación de Arquitectos de Galicia presentou unha querela criminal contra el, sendo condenado polo Tribunal Supremo. Malia todo gozou do pleno apoio do Concello de Vigo, de xeito tal que cando morreu o posto de arquitecto municipal de Vigo foi ocupado polo seu fillo Xenaro, este si arquitecto titulado.

O “semanario satírico” La Ráfaga naceu un sábado 4 de abril de 1914 da man de dous afoutados vigueses: os irmáns Miguel e Ramón Campos Peña. No seu inicio estivo dirixida por Francisco Vidales Canle que renunciou en decembro dese mesmo ano, Aquilino Parada, os irmáns Miguel e Ramón Campos Peña e Ceferino Maestú Novoa. Os redactores foron Ricardo Trillo e Humberto Cuíñas e entre os colaboradores máis habituais figuraron José Signo, "Andrés de Brizeux” e Rogelio Rivero que tiña unha sección crítica titulada "Aturuxos".


La Ráfaga
foi un dos semanarios máis combativos de Galicia. Con información, reflexión, crítica, cultura e lecer, os contidos que debe ter a prensa para poderse considerar tal. Xente intelixente e decidida, convencidos de que un xornal comprometido podía axudar a mellorar a sociedade. Como consecuencia da súa actitude sufriron os rigores da censura, e coa ditadura de Primo de Rivera, períodos de peche. O seu director tivo que ir ao cárcere en 1925 por defender a liberdade de expresión. A colección que se garda na Fundación Penzol chega ata 1935, pero hai testemuñas de que o semanario sobreviviu ata o comezo da guerra civil.

Finalmente dicir que o monumento a Elías Pérez Martínez non se inaugurou ata o ano 1918. En palabras do director de La Ráfaga:

Reuniuse diñeiro, pero non faltou o pillabán que quedase con el”.



Nota [1]: “Tratado del sistema métrico decimal de pesas y medidas y conocimiento de las monedas nacionales y estrangeras (sic) aplicadas al giro mercantil”. Dedicado al Ilustre Ayuntamiento de la F.L. y V. ciudad de Vigo, por Don Elías Pérez Martínez. Profesor de Náutica y Matemáticas del Colegio de Humanidades que hubo en esta ciudad”. Vigo, 1853. Imprenta de D. Angel de Lema.

Nota [2]: Foto da portada do semanario La Ráfaga cortesía de Alejo Amoedo Portela.

 


Á procura do inalcanzable

Escoitando hoxe o CD de Caroline Herring " The Golden Apples of the Sun " veume ás mentes o libro de contos de Ray Bradbury, ...