viernes, 7 de enero de 2022


Van alá uns poucos anos unha amiga nos fixo un agasallo ao que lle teño unha especial estima. É un dobre CD do inesquecible Suso Vaamonde, con 24 dos seus mellores temas masterizados por Fernando Campos, que editara no ano 2000 Producións Trebón.

Este dobre CD ten para min moitas cousas dun valor extraordinario, pero hoxe quero salientar soamente unha delas: ao autor da súa capa, o pintor Xosé Guillermo, amigo da infancia, compañeiro de estudos nos Xesuítas, camarada na cuadrilla da adolescencia e cómplice de soños de mocidade.

A vida levounos por camiños diferentes. Xosé Guillermo escolleu a vida difícil do artista mentres eu, menos seguro das miñas habelencias artísticas ou con máis gana de saír dás penurias nas que estaba, me deixaba levar por un camiño mais doado. Alá quedou un proxecto de libro de relatos meus ilustrados por el. Que a terra che sexa leve, meu!





miércoles, 5 de enero de 2022

Licor café de Toén

 Escoite e verá! Teño para min que un percusionista nunca deixará de ser tal, por moitas voltas que dea a vida. E no meu caso, por moito que agora ande enzoufado co manubrio e as teclas da zanfona, o meu corazón segue a percutir como un bombo, sístole e diástole, ben acompañado polos queridos amigos Quique no tambor e o mestre Chuco levándonos da man no pulso firme!

Moito me prestan mañás coma a de onte na que compartimos cervexa e infusións diversas, adobiadas cunha morea de anécdotas e coñecementos. Entre elas diversas recomendacións arredor da baixa calidade dos espirituosos “de marca” comparados cos das vellas alquitaras. Rematamos falando do licor café, o deus dos licores para moitos dos “tradis”! E como unha cousa leva a outra veume ás mentes a historia dunha tarxeta de agradecemento que acompañaba a unha botella de licor café de Toen, da que, facéndome de rogar moi pouco conteilles a historia decontado.

Alá polos anos noventa comecei a dirixir na daquela EUETI, hoxe Escola de Enxeñería Industrial de Vigo, os meus primeiros Proxectos Fin de Carreira. Como supoño que todos sabedes, e se non o sabedes aquí o explico, o Proxecto Fin de Carreira, de realización obrigatoria para a obtención do título, representaba a última fase de formación do futuro enxeñeiro. Neste traballo o futuro enxeñeiro, baixo a dirección dun titor, elaboraba un traballo práctico deseñado de xeito tal que a súa realización exixira a aplicación práctica da maior cantidade posible dos coñecementos adquiridos nas diversas materias cursadas ao longo dos anos da súa formación.

Teoricamente os alumnos podían acceder á adxudicación dun proxecto fin de carreira mediante unhas vías establecidas nun documento oficial denominado pomposamente Regulamento de Proxectos Fin de Carreira. Tamén teoricamente o alumno podía escoller o proxecto do seu interese entre os incluídos nunha Biblioteca de Proxectos Fin de Carreira, e Director dese Proxecto entre os profesores do Departamento correspondente.

Na práctica, no tempo e lugar do que estamos a falar, o alumno interesado en facer o PFC en un tema concreto arrastrábase de despacho en despacho mendigando un proxecto riba do que traballar e un director para ese proxecto. E isto era así porque a maioría dos profesores con capacidade para levar a dirección destes traballos estaban moi saturados e a citada dirección non reportaba aos profesores mais que unha carga extra de traballo non remunerado.

Tendo en conta que eu cheguei a Universidade como Profesor Asociado, val dicir “especialista de recoñecida competencia que desenvolvan normalmente a súa actividade profesional fora da Universidade” despois de vinte anos de experiencia profesional, e que sempre foi un pouco parvo, deixei que me enrolaran neste buque da dirección de PFC, “mais pola gloria que pola paga”. Gloria non sei se había moita pero paga ningunha!

Entre os moitos PFC que dirixín ao longo dos moitos anos de docencia hai un do que gardo unha especial lembranza. Especial polo proxecto, especial polo proxectando co que aínda manteño unha cálida relación, grazas en boa medida ás redes sociais, e especial, por que non dicilo?, polo licor café. Recordo que pouco tempo despois da defensa do PFC diante do tribunal, na que obtivo unha nota excelente, achegouse polo meu despacho da Escola cun misterioso envoltorio.

-  Eu non teño nada que ver no asunto! −Adiantou, antes de que eu puidera elaborar as miñas primeiras protestas. −Son cousas da miña nai!

-  E que non tiñas por que traer nada!

Debaixo do papel de agasallo unha preciosa licoreira de vidro tallado chea de licor café de Toén
. O licor café fai tempo que o rematamos, pero queda coma boa proba de certo tipo de educación hoxe en proceso de extinción, a licoreira que o contiña e que adorna hoxe o meu moble bar e a miña memoria. E a tarxeta que a miña neta atopou e que deu orixe, no seu momento, a este relato.

martes, 31 de agosto de 2021

Moita materia


Fai uns poucos anos a Consellería de Industria da Xunta de Galicia encargoume a elaboración dun curso de reciclaxe dos seus técnicos en canto das novidades do Regulamento de Liñas de Alta Tensión do 2008. Ao final despois de facer todo o traballo de preparación da documentación o curso adiouse; para o ano seguinte ano en primeira instancia, e sine die despois.

Gardo no meu disco duro, para a preparación das presentacións de apoio, un conxunto de ilustracións coas que ilustrar o texto. Na carpeta de personaxes eléctricos, entre as fotos de Lord Kelvin, Ampere, Joule, Tesla e outros insignes científicos, está a foto que ilustra esta publicación.

Lucas Lago foi un alumno moi especial, de moitas capacidades e moitas afeccións, o que lle deixaba pouco tempo para dedicar a materia que eu impartía, as Instalacións Eléctricas en Media e Baixa tensión. Como é lóxico, Lucas sostiña unha opinión diferente: a cousa non era que dedicara pouco tempo senón que a materia era un “ladrillo infumable” que non había xeito de meterlle man. Un día apareceu polo meu despacho da EEI, antiga “escola de peritos”, cun paquete de libros e follas fotocopiadas coidadosamente atado cun nó mariñeiro que deposita satisfeito riba da miña mesa.

-   A que non sabes o que é isto!

-   Non. Pero seguro que mo vas a dicir!

-   Os teus apuntes da materia de Instalacións!

-   Pois iso merece unha foto!

E tiro de teléfono móbil, que era un dos primeiros que tiñan tal aplicación, e documento axeitadamente o momento. Lucas quedou un momento pensativo, como se a miña non fora a reacción que agardaba.

-  E non te parece moito?

-   Comparado con que?

-  Moita materia ...

-   O que tes nese atado non é moita materia; é moita información da materia que segundo o programa oficial teño que impartir.

Lucas rematou a carreira, e leva moitos anos nun posto importante dunha das maiores compañías electro técnicas do mundo. Lucas Lago e máis eu seguimos tendo unha estupenda relación.

domingo, 29 de agosto de 2021

O horror de Dunwich


Fai un tempo publicou don Anxo Pintos no seu muro de Feisbú, un comentario acerca do seu almorzo que deixoume pensativo. Se o publicador, que non publicano (aínda que si re-publicano), fora calquera outro non prestaría ás suas verbas ningunha atención, pero don Anxo nos ten afeitos dende fai xa ben anos á que a súas palabras oculten significados máis profundos, necesitadas dun fondo análise semiolóxico.

Así, cando afirma no referido texto:

Me disponía a hacer uso de mis facultades alimentarias”

Craso error sería pensar que o autor está proxectando matricularse nun Grado en Ciencias da Alimentación na Universidade Autónoma de Madrid (UAM), senón unha clara referencia a algo moito mais oculto, máis enigmático. Algo que a min me remite directamente ás aulas da Universidade de Miskatonic, con sede en Arkham, Essex County, Massachusetts, e, atención ao dato!, en cuxa biblioteca figura un exemplar do famoso Necronomicon.

Algún lector, pouco versado nos Mitos de Cthulhu, podería pensar que esta interpretación é esaxerada, pero obsérvese de que forma o autor continúa describindo a elaboración do seu almorzo:

descubro con asombro cómo el pan de mis tostadas sufre una metamorfosis en su masa” para continuar con, “Atónito, friego mis ojos mientras inquiero a la mermelada de fresa sobre lo sucedido, a lo que me responde con un coreografiado encogimiento de hombros por parte de sus pepitas”.

Para min é evidente que a marmelada de amorodo é unha clara referencia á figura de Nyarlathotep, coñecido como "o caos reptante"; interpretación que ven avalada, que non abalada, pola arrepiante frase que segue:
gracias a la información que me proporciona un susurrante cachito de fresa, intacto a pesar del trucidatorio empeño de la turmix”.

A música, coma non podía ser doutra forma, ten un papel importante no horror. A frase: “enésima reproducción radiofónica de la salmodia goebbeliana de que la culpa es del Chá-cha-Chá, con la que nos atormentan las tropas rajoinitas y de su camaleónico primo, el Rivera” nos remite ás salmodias coas que os adeptos convocan a Shub-Niggurath, “a cabra dos dez mil fillos", deusa escura e perversa da fertilidade.

Finalmente Anxo se declara representante da Asplurdampanra, que interpreta coma “Asociación plurinacional de damnificados del pan rallado” cando é claro que estase a referir a un dos moitos nomes de Azathot, o primeiro motor do caos, a antítese da creación, o necio sultán dos demos; o que roe, xeme e babea no centro do baleiro final.

NOTA IMPORTANTE: na miña hermenéutica do texto mantiven o idioma da redacción orixinal convencido en que o autor desexa con esta escolla mandarnos unha mensaxe, culta e oculta, que fai relación a prevalenza deste idioma cando aínda estamos ingresando ao estado de consciencia, e cousas coma O horror de Dunwich nos pode coller entre portas.

sábado, 31 de julio de 2021

MOLLOY


Editorial LUMEN. 1969. Primeira edición do MOLLOY de Samuel Becket en España. Agasallo da miña compañeiriña de vida Loli, que veu a pasar uns días comigo nos Reis do 1969 a Madrid, onde facía daquela o que chamaban o Servizo Militar Obligatorio, e convalecía dunha rara enfermidade que case que me custa deixar a miña man esquerda no Hospital Gómez Ulla. A miña man de pintar!

domingo, 18 de julio de 2021

A fachada da vella estación

Vigo é cada vez máis unha construción teatral do mediocre escenógrafo e faraón por maioría absolutísima Abhelatón. No seu empeño declarado de destruír as vellas deidades da cidade que o acolleu, borrando a golpe de picaraña a memoria histórica e social dos que o antecederon, Damnatio memoriae, para declarar ao LED como único deus fai cousas como esta nova ocorrencia da reconstruír a fachada da vella estación de ferrocarril a xeito de bastidor riba do pano de fondo do muro de Urzáiz.

E non me digades que esta da foto do meu benquerido amigo Eugenio Fuentes non é unha Obra mestra, magnum opus ou chef-d'œuvre! Obra de incrible creatividade, habilidade, profundidade e factura, excelente complemento da estación de ferrocarril que estase a perpetrar, aparentemente firmada por un tal Thom Mayne. Complemento por que, preguntades? Porque nin a estación nova é unha estación senón un centro comercial, nin a vella é outra cousa que un mal decorado sen tremoia.

viernes, 2 de julio de 2021

A saída da folla!


No final dos anos setenta e principios dos oitenta moitos das organizacións encadradas no Movemento Veciñal organizabamos unhas Romarías no Monte Aloia que gozaron daquela de moito predicamento, prestixio e estimación, ademais dunha asistencia multitudinaria. Cada ano facíamos dúas festas. Unha na primavera á que chamabamos “Festa da saída da folla” e outra no outono, á que en boa lóxica non cabía darlle outro nome que “Festa da caída da folla”. 
E da “caída da folla” do ano 1980 é precisamente do que quero hoxe falar. E máis en concreto desta foto, que tiña completamente esquecida, onde Mercedes Núñez me observa mentres estou a cantar e tocar a pandeireta, dentro das miñas limitadas habelencias.

Mercedes Núñez Targa, filla dun galego e unha catalana, que naceu en Barcelona o 16 de xaneiro de 1911 e morreu en Vigo o 4 de agosto de 1986, foi unha destacada militante antifascista e unha afoutada loitadora polas liberdades. Sufriu a guerra de España, o cárcere, o exilio e a deportación, e sobreviviu milagrosamente ao seu internamento nos campos de concentración nazis. Mercedes foi militante do PSUC e secretaria de Pablo Neruda no Consulado de Chile en Barcelona ata o traslado deste a Madrid en febreiro de 1935. Cando as tropas de Franco tomaron Barcelona en xaneiro de 1939, a dirección do Partido Comunista encomendoulle a reorganización do PC na Coruña, cidade á que chegou en marzo de 1939. Vixiada de preto por axentes da Dirección Xeral de Seguridade, chegados especialmente de Madrid, foi detida o 10 de novembro e trasladada á prisión provincial de Betanzos primeiro, logo á prisión provincial da Coruña e por fin, o 6 de marzo de 1940, ao cárcere de Ventas en Madrid. No Consello de Guerra celebrado o 25 de outubro de 1940 Mercedes foi condenada á pena de doce anos e un día por auxilio á rebelión, pero grazas a un erro administrativo foi posta en liberdade en xaneiro de 1942. En xullo de 1942 cruzou os Pireneos, en plena Segunda Guerra Mundial, incorporándose á Resistencia francesa en Carcassonne en xaneiro de 1943 na "5ª Agrupación de Guerrilleiros Españois". Foi detida pola Gestapo en maio de 1944 e internada no Campo de concentración de Ravensbrück, do que foi liberada o 14 de abril de 1945 polas tropas aliadas americanas da 2ª División de Infantería, cando atopábase ingresada con escarlatina e tuberculose na enfermería do campo, e destinada á cámara de gas. Regresou a Francia en maio de 1945 e ingresou no Hospital Bichat de París. Estaba enferma e débil, o que non impediulle desprazarse a Carcassonne para participar como testemuña da acusación no xuízo seguido contra René Bach, o seu torturador ao servizo da Gestapo, que foi condenado á morte e fusilado en setembro dese mesmo ano.


Meses despois, internada no sanatorio do Socorro Unitario en Meillón, coñece ao que sería o seu compañeiro o resto da súa vida: Medardo Iglesias Martín, capitán republicano da Garda de Asalto coa República, combatente no fronte da defensa de Madrid, exiliado primeiro en Marrocos, onde estivera internado nos campos de África do Norte desde que chegou a Orán a bordo do buque Stanbrook, e despois en Francia. Casaron en 1947 a a súa casa dos arredores de París converteuse en lugar de encontro de numerosos militantes clandestinos, represaliados e intelectuais. Malia ás importantes secuelas producidas pola deportación e a opinión desfavorable dos médicos, Mercedes decidiu ter ao seu fillo Pablo que naceu en 1949. Foi nomeada "Chevalier da Légion d'Honneur" en 1960, en 1968 participou na creación do Partido Comunista de Galicia e en 1975 fixou a súa residencia en Vigo.



Neses anos tivemos o privilexio de facernos amigos de Mercedes e a súa familia, e de escoitar da súa boca o relato da súa peripecia vital. Pouca xente sabe que Mercedes Núñez Targa, militante do PCG dende a súa fundación, recorreu gran parte das escolas de Galicia, terra do seu pai, coa película do director francés Alain Resnais, Nuit et brouillard, cunha cinta de vídeo VHS co o audio orixinal “repicado” ao galego. Coma di Pablo Iglesias o seu fillo: “a mocidade debe coñecer o seu pasado para construír e futuro

A de Mercedes foi unha xeración que tocoulles vivir momentos terribles, pero que saíron daquelas experiencias cun optimismo e unha ganas de cambiar a sociedade realmente envexables.

Á procura do inalcanzable

Escoitando hoxe o CD de Caroline Herring " The Golden Apples of the Sun " veume ás mentes o libro de contos de Ray Bradbury, ...