viernes, 1 de julio de 2022

Reduce ás miñas emisións ... e medra ás túas!


Ignorancia ou manipulación? Algún creativo publicitario, ao que aprobaron ás matemáticas por compaixón, nos obsequia con esta perla publicitaria: “con esta alternativa reduces un 63% de emisións CO2”. 

Estupendo! Gran contribución persoal á loita contra do quecemento global!, pensamos decontado. E unha parte importante dos receptores da mensaxe se quedan aí.

No todas, porque algúns se empezan a preguntar: 63% das emisións globais do planeta, das emisións anuais da empresa ou das emisións da furgoneta concreta que me vai traer o paquete? 

E iso é moito ou pouco? Porque un 63% de 13 millóns de quilotoneladas de equivalente CO2 das emisións anuais de China, por poñer un exemplo, non son o mesmo que o 63% de 134 g de CO2/km dunha furgoneta media!

E xa postos: como sabe o señor publicista que é PRECISAMENTE un 63% e non un 62,8% ou un 2%, por poñerse noutra hipótese igualmente indemostrada? 

Claro que tamén, en beneficio das emisións propias poderían cambiar a súa flota de vehículos de combustión por vehículos eléctricos. Non en beneficio do planeta, non. En beneficio dos fabricantes de automóbiles empeñados en convencernos que o verdadeiramente ecolóxico é o automóbil eléctrico! 

sábado, 19 de marzo de 2022


Seranche cousas destas pandemias monárquicas, a dun virus coroado e a dun par de coroados dignos (e indignos) descendentes da “Paca la Culona”, ou da falla de contacto coa natureza, que hoxe déuseme por pensar no meu pai.

Perdino cando aínda eramos moi novos. Eu tiña doce anos. El corenta e seis. Un cancro levouno por diante en menos dun mes, en medio de horribles dolores que aínda fanme estremecer nos meus pesadelos. Pouco, moi pouco tempo de vida en común, papá, para coñecerte de verdade, para entender por qué non quixeches que estudara piano, para que non estragara as miñas moi boas cualificacións, dixeches, e por qué gustouche tanto o meu primeiro conto, un par de follas que me pasara a máquina Escariz, o apoderado da túa sucursal do banco, aquela cousa mínima que che lin cando estabas xa cravado na cama co becho roéndoche as entrañas.

Quero pensar, papá, que acertaches no teu xuízo, e que, dalgunha forma misteriosa, soubeches que a música había de ser para min ese amor esquivo, e que a literatura sería a miña esposa, a miña compañeira de vida.

Grazas papá! O primeiro parágrafo, do primeiro relato, do meu primeiro libro de contos, recolle, dalgunha forma, o que o pobo de Bouzas pensaba de ti. Algo do que penso eu está bosquexado nestas liñas. O resto está para sempre vivo no meu corazón. 

miércoles, 23 de febrero de 2022

Antonio Fraguas de Pablo flor de la raza calé ...


 O 22 de febreiro de 2018 finou en Madrid Antonio Fraguas de Pablo, un filósofo que firmaba os seus sisudos análises debuxados da sociedade en xeral, e a española en particular, co apelido do seu pai, Fraguas, traducido á lingua da súa nai: o catalán.  

A miña relación coa obra de Forges ven de lonxe. Comeza nos primeiros setenta coas súas colaboracións nas revistas “Hermano Lobo”, “Por Favor” e “El Jueves”. E grazas a un compañeiro de traballo, a súa colaboración diaria en “El País”. Unha destas viñetas, concretamente a publicada o 20N de 1976, estivo no meu despacho profesional ata a miña xubilación.


Froito desta admiración, e do meu empeño en ensinar deleitando, xustifica a presencia dalgunha das viñetas que Forges fixera para o “Voltio Story” nas transparencias coas que comezaban as miñas clases de Instalacións Eléctricas dos futuros enxeñeiros da EUETI da Universidade de Vigo.

Ítem máis: unha viñeta da súa autoría ilustra e da esplendor á páxina 714 do meu libro “Centros de Transformación. Anatomía y fisiología” editado por Andavira. Cando lle escribín pedíndolle o preceptivo permiso para tal inclusión contestoume a volta de correo pedíndome que lle mandara a referida ilustración, porque non tiña memoria dela. E debo dicir que lle fixo moita graza, con esa espontaneidade dos que enfrontados á súa propia obra a saúdan cun: “vaia! Pois non esta tal mal!”


Forges era un dos grandes! Un daqueles aos que a súa grandeza inclúe un enorme respecto polos demais. Daqueles que están sempre entre a xente; non por riba da xente; daqueles que están sempre en nos, aínda que xa non estean con nos.

viernes, 7 de enero de 2022


Van alá uns poucos anos unha amiga nos fixo un agasallo ao que lle teño unha especial estima. É un dobre CD do inesquecible Suso Vaamonde, con 24 dos seus mellores temas masterizados por Fernando Campos, que editara no ano 2000 Producións Trebón.

Este dobre CD ten para min moitas cousas dun valor extraordinario, pero hoxe quero salientar soamente unha delas: ao autor da súa capa, o pintor Xosé Guillermo, amigo da infancia, compañeiro de estudos nos Xesuítas, camarada na cuadrilla da adolescencia e cómplice de soños de mocidade.

A vida levounos por camiños diferentes. Xosé Guillermo escolleu a vida difícil do artista mentres eu, menos seguro das miñas habelencias artísticas ou con máis gana de saír dás penurias nas que estaba, me deixaba levar por un camiño mais doado. Alá quedou un proxecto de libro de relatos meus ilustrados por el. Que a terra che sexa leve, meu!





miércoles, 5 de enero de 2022

Licor café de Toén

 Escoite e verá! Teño para min que un percusionista nunca deixará de ser tal, por moitas voltas que dea a vida. E no meu caso, por moito que agora ande enzoufado co manubrio e as teclas da zanfona, o meu corazón segue a percutir como un bombo, sístole e diástole, ben acompañado polos queridos amigos Quique no tambor e o mestre Chuco levándonos da man no pulso firme!

Moito me prestan mañás coma a de onte na que compartimos cervexa e infusións diversas, adobiadas cunha morea de anécdotas e coñecementos. Entre elas diversas recomendacións arredor da baixa calidade dos espirituosos “de marca” comparados cos das vellas alquitaras. Rematamos falando do licor café, o deus dos licores para moitos dos “tradis”! E como unha cousa leva a outra veume ás mentes a historia dunha tarxeta de agradecemento que acompañaba a unha botella de licor café de Toen, da que, facéndome de rogar moi pouco conteilles a historia decontado.

Alá polos anos noventa comecei a dirixir na daquela EUETI, hoxe Escola de Enxeñería Industrial de Vigo, os meus primeiros Proxectos Fin de Carreira. Como supoño que todos sabedes, e se non o sabedes aquí o explico, o Proxecto Fin de Carreira, de realización obrigatoria para a obtención do título, representaba a última fase de formación do futuro enxeñeiro. Neste traballo o futuro enxeñeiro, baixo a dirección dun titor, elaboraba un traballo práctico deseñado de xeito tal que a súa realización exixira a aplicación práctica da maior cantidade posible dos coñecementos adquiridos nas diversas materias cursadas ao longo dos anos da súa formación.

Teoricamente os alumnos podían acceder á adxudicación dun proxecto fin de carreira mediante unhas vías establecidas nun documento oficial denominado pomposamente Regulamento de Proxectos Fin de Carreira. Tamén teoricamente o alumno podía escoller o proxecto do seu interese entre os incluídos nunha Biblioteca de Proxectos Fin de Carreira, e Director dese Proxecto entre os profesores do Departamento correspondente.

Na práctica, no tempo e lugar do que estamos a falar, o alumno interesado en facer o PFC en un tema concreto arrastrábase de despacho en despacho mendigando un proxecto riba do que traballar e un director para ese proxecto. E isto era así porque a maioría dos profesores con capacidade para levar a dirección destes traballos estaban moi saturados e a citada dirección non reportaba aos profesores mais que unha carga extra de traballo non remunerado.

Tendo en conta que eu cheguei a Universidade como Profesor Asociado, val dicir “especialista de recoñecida competencia que desenvolvan normalmente a súa actividade profesional fora da Universidade” despois de vinte anos de experiencia profesional, e que sempre foi un pouco parvo, deixei que me enrolaran neste buque da dirección de PFC, “mais pola gloria que pola paga”. Gloria non sei se había moita pero paga ningunha!

Entre os moitos PFC que dirixín ao longo dos moitos anos de docencia hai un do que gardo unha especial lembranza. Especial polo proxecto, especial polo proxectando co que aínda manteño unha cálida relación, grazas en boa medida ás redes sociais, e especial, por que non dicilo?, polo licor café. Recordo que pouco tempo despois da defensa do PFC diante do tribunal, na que obtivo unha nota excelente, achegouse polo meu despacho da Escola cun misterioso envoltorio.

-  Eu non teño nada que ver no asunto! −Adiantou, antes de que eu puidera elaborar as miñas primeiras protestas. −Son cousas da miña nai!

-  E que non tiñas por que traer nada!

Debaixo do papel de agasallo unha preciosa licoreira de vidro tallado chea de licor café de Toén
. O licor café fai tempo que o rematamos, pero queda coma boa proba de certo tipo de educación hoxe en proceso de extinción, a licoreira que o contiña e que adorna hoxe o meu moble bar e a miña memoria. E a tarxeta que a miña neta atopou e que deu orixe, no seu momento, a este relato.

martes, 31 de agosto de 2021

Moita materia


Fai uns poucos anos a Consellería de Industria da Xunta de Galicia encargoume a elaboración dun curso de reciclaxe dos seus técnicos en canto das novidades do Regulamento de Liñas de Alta Tensión do 2008. Ao final despois de facer todo o traballo de preparación da documentación o curso adiouse; para o ano seguinte ano en primeira instancia, e sine die despois.

Gardo no meu disco duro, para a preparación das presentacións de apoio, un conxunto de ilustracións coas que ilustrar o texto. Na carpeta de personaxes eléctricos, entre as fotos de Lord Kelvin, Ampere, Joule, Tesla e outros insignes científicos, está a foto que ilustra esta publicación.

Lucas Lago foi un alumno moi especial, de moitas capacidades e moitas afeccións, o que lle deixaba pouco tempo para dedicar a materia que eu impartía, as Instalacións Eléctricas en Media e Baixa tensión. Como é lóxico, Lucas sostiña unha opinión diferente: a cousa non era que dedicara pouco tempo senón que a materia era un “ladrillo infumable” que non había xeito de meterlle man. Un día apareceu polo meu despacho da EEI, antiga “escola de peritos”, cun paquete de libros e follas fotocopiadas coidadosamente atado cun nó mariñeiro que deposita satisfeito riba da miña mesa.

-   A que non sabes o que é isto!

-   Non. Pero seguro que mo vas a dicir!

-   Os teus apuntes da materia de Instalacións!

-   Pois iso merece unha foto!

E tiro de teléfono móbil, que era un dos primeiros que tiñan tal aplicación, e documento axeitadamente o momento. Lucas quedou un momento pensativo, como se a miña non fora a reacción que agardaba.

-  E non te parece moito?

-   Comparado con que?

-  Moita materia ...

-   O que tes nese atado non é moita materia; é moita información da materia que segundo o programa oficial teño que impartir.

Lucas rematou a carreira, e leva moitos anos nun posto importante dunha das maiores compañías electro técnicas do mundo. Lucas Lago e máis eu seguimos tendo unha estupenda relación.

domingo, 29 de agosto de 2021

O horror de Dunwich


Fai un tempo publicou don Anxo Pintos no seu muro de Feisbú, un comentario acerca do seu almorzo que deixoume pensativo. Se o publicador, que non publicano (aínda que si re-publicano), fora calquera outro non prestaría ás suas verbas ningunha atención, pero don Anxo nos ten afeitos dende fai xa ben anos á que a súas palabras oculten significados máis profundos, necesitadas dun fondo análise semiolóxico.

Así, cando afirma no referido texto:

Me disponía a hacer uso de mis facultades alimentarias”

Craso error sería pensar que o autor está proxectando matricularse nun Grado en Ciencias da Alimentación na Universidade Autónoma de Madrid (UAM), senón unha clara referencia a algo moito mais oculto, máis enigmático. Algo que a min me remite directamente ás aulas da Universidade de Miskatonic, con sede en Arkham, Essex County, Massachusetts, e, atención ao dato!, en cuxa biblioteca figura un exemplar do famoso Necronomicon.

Algún lector, pouco versado nos Mitos de Cthulhu, podería pensar que esta interpretación é esaxerada, pero obsérvese de que forma o autor continúa describindo a elaboración do seu almorzo:

descubro con asombro cómo el pan de mis tostadas sufre una metamorfosis en su masa” para continuar con, “Atónito, friego mis ojos mientras inquiero a la mermelada de fresa sobre lo sucedido, a lo que me responde con un coreografiado encogimiento de hombros por parte de sus pepitas”.

Para min é evidente que a marmelada de amorodo é unha clara referencia á figura de Nyarlathotep, coñecido como "o caos reptante"; interpretación que ven avalada, que non abalada, pola arrepiante frase que segue:
gracias a la información que me proporciona un susurrante cachito de fresa, intacto a pesar del trucidatorio empeño de la turmix”.

A música, coma non podía ser doutra forma, ten un papel importante no horror. A frase: “enésima reproducción radiofónica de la salmodia goebbeliana de que la culpa es del Chá-cha-Chá, con la que nos atormentan las tropas rajoinitas y de su camaleónico primo, el Rivera” nos remite ás salmodias coas que os adeptos convocan a Shub-Niggurath, “a cabra dos dez mil fillos", deusa escura e perversa da fertilidade.

Finalmente Anxo se declara representante da Asplurdampanra, que interpreta coma “Asociación plurinacional de damnificados del pan rallado” cando é claro que estase a referir a un dos moitos nomes de Azathot, o primeiro motor do caos, a antítese da creación, o necio sultán dos demos; o que roe, xeme e babea no centro do baleiro final.

NOTA IMPORTANTE: na miña hermenéutica do texto mantiven o idioma da redacción orixinal convencido en que o autor desexa con esta escolla mandarnos unha mensaxe, culta e oculta, que fai relación a prevalenza deste idioma cando aínda estamos ingresando ao estado de consciencia, e cousas coma O horror de Dunwich nos pode coller entre portas.

Á procura do inalcanzable

Escoitando hoxe o CD de Caroline Herring " The Golden Apples of the Sun " veume ás mentes o libro de contos de Ray Bradbury, ...