domingo, 19 de noviembre de 2017

O monumento viaxeiro

Alá polo mes de febreiro do 2008 un colectivo de más de setenta intelectuais, profesionais e representantes de diversos colectivos firmaron una solicitude dirixida ao Alcalde de Vigo, para que o monumento que ao insigne poeta de Celanova Manuel Curros Enríquez se erguera no 1911 por iniciativa da sociedade "A Oliva" na Alameda de Vigo, retornara do seu vergonzoso exilio no Castro a onde a mandara o infausto Rafael Portanet (que por certo tampouco era de Vigo) alá polo 1968. 
Con inusitada presteza a alcaldía asumiu o reto e no mes de maio estaba xa na súa nova situación, un pouco mellor que na do Castro, pero aínda non do gusto dalgúns que amamos fondamente ao poeta, un pouco afastada do tráfico peonil e porque o estado actual desa parte da Alameda non é precisamente exemplar.

A idea de facerlle un monumento ao poeta na cidade de Vigo, coa que Curros tiña unha grande relación de afecto, partiu da sociedade cultural A Oliva, presidida naquel ano de 1910 por Manuel Gómez Román e cuxo contador era o meu avó Manoel da Costa (grazas Alejo). O monumento foi financiado coas aportacións populares, encargado ao notable escultor Lorenzo Coullat Valera e inaugurado na Praza de Compostela, mais coñecida como a Alameda, no 1911.

Lorenzo Coullaut Valera, sobriño de Juan Valera, nacera na localidade sevillana de Marchena, e o monumento de Curros é un dos primeiros encargos importantes que o escultor, protexido de Enrique Peinador fixo en Galicia, ademais do monumento a Emilia Pardo Bazán que está na Coruña e o do pai do propio Enrique Peinador Limes, Enrique Peinador Vela, nos xardíns de Mondariz.

O monumento é un busto do escritor sobre unha base trapezoidal historiada e situada sobre un basamento graduado. Na parte frontal ten un baixorrelevo da musa galega da poesía e na parte posterior un texto que di:
CURROS ENRIQUEZ
LA SOCIEDAD
“LA OLIVA”
1911
E un pouco mas abaixo:

ERIGIDO POR SUSCRICIÓN PÚBLICA
Y CON LA EFICAZ COLABORACIÓN

DE LAS SEÑORITAS DE ESTA CIUDAD

domingo, 5 de noviembre de 2017

Poderes tanxentes e secantes

Afirma don Anxo Pintos nunha recente publicación no Facebook, que temos:

unha España […] tan unida que ata os poderes se lle xuntan secante e tanxencialmente.
Poderes secantes e tanxentes! Poderosa imaxe ben merecente dunha atenta exexese! Que non eiséxese, que é mais de inserir as interpretacións propias nun texto alleo, senón exexese, que implica extraer o significado dun texto dado.

Está claro que cando o Sr. Pintos fala de os poderes está a citar a Locke e Montesquieu, principais teóricos da necesidade de respectar este principio de distribución das distintas funcións do Estado, para asegurar a boa saúde das liberdades fundamentais dos individuos, coma consagra o artigo 16 da Declaración Universal de Dereitos do Home e dos Cidadáns de 1789:

Toda sociedade na que non se garantan os dereitos das persoas nin a separación de poderes, non ten nada de constitucional
Proseguindo na nosa citada exexese, lembraremos aos lectores que teñen moi afastado no tempo ou na memoria o bacharelato, que Secante é una recta que corta a unha curva en 2 puntos, e que, conforme estes puntos achéganse e a súa distancia redúcese a cero, a recta adquire o nome de tanxente.

Dado que a tanxente forma un ángulo nulo coa curva na veciñanza de dito punto, a afirmación do Sr. Pintos adquire todo e seu revolucionario significado, apuntando cara ao feito de que, na situación actual, a distancia entre o Poder executivo, o levado a cabo polo goberno do Estado e cuxa función é facer cumprir as leis, e o Poder xudicial, o encargado da súa aplicación na resolución de conflitos, tende a cero.

Non menos grave que a anterior é a denuncia da natureza secante do poder que o Sr. Pintos denuncia. Neste caso, na miña interpretación, xoga con notable pericia, non co significado xeométrico senón co literario, que seca ou serve para secar, para denunciar á preocupante situación da relación entre o Poder executivo e o Poder lexislativo. O congreso dos deputados xa non reflicte vontade popular, e o goberno da nación deturpa e baleira de contidos esta institución.


En resumo: non se pode estar tan unido; mellor que corra un pouco o aire!

jueves, 2 de noviembre de 2017

Belle da Costa, bibliotecaria.

A asombrosa historia de Belle da Costa, a bibliotecaria da Morgan Library & Museum de Nueva York, de onde veu o Pergamiño Vindel. Belle tomou o apelido da Costa para xustificar a color da súa pel cunha falsa ascendencia portuguesa.Belle naceu, coma eu, un 26 de novembro e unha das súas biógrafas chámase Polly Guerin, o mesmo nome que o da empresa na que traballei mas de corenta anos. Sería estupendo que fora a responsable da compra do Vindel, pero Belle retirouse en 1948 e o Pergamiño non chegou á Morgan Library & Museum ata 1977.


lunes, 16 de octubre de 2017

A xustiza pola mán!

Onte, volvendo a casa dun paseo frustrado polo fume dos incendios, atopámonos na rúa do Pino, unha muller do noso tempo que estaba a varrer a porta da súa casa das moitas cinsas, agullas dos piñeiros, follas e cortizas dos eucaliptos que o forte vento trouxo ata a cidade.

A muller, á que imos chamar Carmiña, por aquilo de darlle un nome, era das de moito palique, e ao pouco xa estabamos a falar das cousas do noso tempo, dos xogos no Campo das Caralladas, e tamén das poucas e malas escolas públicas que había daquela. 

Carmiña ten unha irmá con parálise cerebral á que coida con agarimo dende nena. As dúas irmáns ían xuntas á escola de dona Luz, onde sofren o abafallo dos outros nenos coa complicidade da mestra. Un día unha rapariga mais desvergonzada que as demais empurra á paralítica e faina caer ao chan.

-          Ei Maruxa! Ten mais coidado ao pasar que fixeches caer á miña irmá!
-          Fea coma un sapo que é, mellor morta!

Aquilo púxolle á Carmiña un veo nos ollos e antes de se decatar xa estaba riba da Maruxa dándolle de labazadas, e turrándolle do pelo. O resto dos nenos fan corro salmodiando entusiasmados:

-          Hai pelexa! Pelexa, pelexa, pelexa!

Daquela chega a mestra para acabar coa agarrada. Separa ás contendentes, e castiga a Carmiña, mais non a Maruxa. E aínda mais: dálle recado a Carmiña de que lle diga á súa nai que ten que vir a falar con ela. A Carmiña non lle apesara o castigo da mestra pero si o que lle pode contar á nai. Cando se abre a porta do despacho da mestra, Carmiña sabe que alá dentro pasara algo non habitual. Porque aínda leva na alma o bico e as palabras da súa nai:

-          Ben feito, miña ruliña! Mentres te teña a ti para defender á túa irmá non hei de ter medo nunca mais!

Entón, non sei por que, veume as mentes o poema de Rosalía, A xustiza pola man.

I estonces...
estonces cumpreuse a xusticia:
eu, neles;

i as leises, na man qu' os ferira.

viernes, 13 de octubre de 2017

Mámoa do rei

Non sei ben se por moito ou por pouco monárquico, nesta terra nosa hai moitos enterramentos de reis. Polo menos enterramentos megalíticos. Aínda que nalgunha lista de megálitos se recollen tres, nos coñecemos so dous. Un na parroquia de Trasmañó, preto do parque forestal de "O Vixiador", na necrópole de Monte Penide, e a de Cotorredondo que visitamos onte, que impresiona polas súas enormes dimensións, de case vinte e cinco metros de diámetro e que está en bastante boas condicións.





Neste conxunto megalítico do Chan de Castiñeiras, un dos campos de mámoas máis importantes de Galicia, descubrimos fai mais de corenta anos, agachada baixo a abundante vexetación, una mámoa, á que denominamos “dos escarabellos” por ter unhas insculturas con esta forma nun dos seus ortóstatos. No seu momento comunicamos, creo lembrar que á Sección de Arqueoloxía do Museo de Pontevedra, as súas coordenadas riba dun mapa da cartografía militar. O certo é que onte non fomos quen de a localizar, o mapa debe estar nalgunha caixa do famoso Faiado Máxico, e cansados por mor da moita calor e a dificultade do terreo, deixamos a súa visita para mellor ocasión.



jueves, 12 de octubre de 2017

O gaiteiro Lutero

Na revista de historia do National Geographic deste mes hai un artigo arredor da figura de Lutero na que inclúese un gravado de 1525 do pintor e debuxante alemán Erhard Schön, coa figura dun diaño tocando unha gaita cuxo fol é a cara do teólogo alemán. A primeira idea que me veu as mentes, consciente de que no Feis nindiós le mais alá de tres liñas seguidas, foi a de publicar a ilustración e dedicarlla a algún amigo gaiteiro. Aínda que fora ao Averomar!

Para non pasa-lo traballo de escanar a páxina busqueina en Google onde atopei, ademais da orixinal que escollín, unha versión coidadosamente coloreada nun estraño blogue que non puiden evitar ler. O blogue en cuestión chámase  MILES CHRISTI, e o seu autor Jorge Rondón Santos, declárase Soldado raso dispuesto a la guerra por el Reino de Jesús y María.

Coma antigo alumno dos xesuítas, tal prédica, adornada neste caso por un aparatoso conxunto de elementos rituais e decorativos, non me é allea.  Como tódolos meus compañeiros de promoción, cantamos con mais entusiasmo que afinación aquela salmodia con ínfulas de himno do P. José Julio Martínez S.J., que dicía:

Cristo Rey su bandera ha levantado,
y quiere todo el mundo conquistar.
Nos invita a luchar siempre a su lado.
A seguirle, cruzados, a triunfar.

Para aqueles que estean interesados na investigación dos mais escuros recantos da mente deixo a dirección da mencionada publicación.

jueves, 28 de septiembre de 2017

Woody Guthrie na travesía de Vigo

Fai un par de anos publiquei no meu muro do Facebook un pequeno conto non sei ben se coma comprobación de cantos amigos son quen de ler mais de tres palabras seguidas no Feis, ou na procura da terceira motivación mais importante no ser humano despois do sexo e a mantenza: o reforzo positivo. O conto dicía así:

Paseando pola Travesía de Vigo desta que un día foi fermosa cidade, de volta para o noso fogar, pasamos por diante dun rótulo nunha pequena porta na fachada dun edificio, que disparou a miña imaxinación.

E na miña fantasía mirei ao Presidente da Comunidade de veciños, un home da comarca do Deza, feito a si mesmo, ben é verdade que sen moita habelencia e con resultados mais que discutibles, ollando para a portela que pechaba o oco que algúns desleigados chaman fornela onde a infame eléctrica agachara a caixa da acometida eléctrica da finca urbana. Perigos mil maxinaba o noso home que axexaban detrás daquela porta! E estaba nesas andrómenas cando mirou pasar pola rúa a Woody Guthrie, que tamén abandonara á súa familia en Agolada por mor, non do Dust Bowl que aquela é terra de chuvieiras e chuviscas, senón dos pouca posibilidades de gañarse o caldo coa súa guitarra, na que tiña perfectamente rotulada a inscrición, "This Machine Kills Fascists"

-    Ei rapaz! – dixo o propietario de fincas urbanas - Ti que dáslle xeito a isto dos pinceis, poderías facerme un rótulo nesta portela?
-     Poder, podo – Respondeu o noso cantor – Pero pagar pagará, non si?
-    Home, se fora unha canción está claro que non, pero coma trátase de traballo serio, estou disposto a paghar o que sexa de xusticia.
-      E que quere que poña no rótulo.
-      “Perigo coa electricidade”
-      Non sei que lle diga! Asustar non asusta moito!
-      E se poñemos: “Perigo, moita tensión”
-    Moita tensión … E non sería mellor poñer un número? Canta tensión hai? Douscentos, trescentos …
-       Seguro que mais!
-       Poñemos logo mil?
-       Iso vaille ser moito. Deixémolo en 500, ou 400
-    Pois tampouco. Un número redondo parece que o estamos a inventar. Que lle parece se poñemos 340?
-       Moito mellor, onde vai a parar! Empece cando queira.
Así foi coma o gran Woody Guthrie ten nunha das rúas de Vigo unha das súas obras gráficas. Obra que, por certo, contaxio da súa condición de músico, tampouco lle pagaron.

Á procura do inalcanzable

Escoitando hoxe o CD de Caroline Herring " The Golden Apples of the Sun " veume ás mentes o libro de contos de Ray Bradbury, ...