viernes, 16 de marzo de 2018

Cadea perpetua


Gústame Frank Darabont. O mellor dito: gústanme dúas das súas películas Rita Hayworth and the Shawshank Redemption, que en España chamouse Cadea perpetua, e A milla verde.

Arredor da milla verde publiquei tres artigos, metade técnicos e metade humorísticos, que xiraban arredor das dificultades de electrocutar axeitadamente a un reo, para explicar o feito de que a mesma diferenza de potencial aplicada durante o mesmo tempo a un ser vivo non sempre produce o mesmo efecto.

Igual sucede coa Cadea perpetua, revisable ou non. Aplicada a unha certa persoa acadará un efecto e outro ben diferente noutra persoa. Como lle dicía Andy Dufresne a Ellis "Red" Redding na película citada: “É cómico. Eu era un home honrado, dereito como un fuso. Tiven que entrar en prisión para chegar a ser un delincuente.”

Nas sociedades primitivas as condutas que resultan lesivas para o grupo ou tribo se castigaban con penas que, vistas cos ollos de agora, resultan moi crueis: empalamentos, esfoladura, amputacións, cegado, morte na fogueira, e moitos mais castigos corporais as mais das veces públicos para reforzar coa súa natureza infamante o terror co que o lexislador pensaba aviventar nos espectadores o cumprimento das leis.

Mais adiante, arredor do século XVI, e coma resultado dunha corrente de pensamento que sostén que unha sociedade que somete a algúns dos seus membros ás penas antes enumeradas, non é mellor que os malfeitores aos que pretende castigar, aparecen as penas privativas da liberdade. A sociedade ten a necesidade de apartar do seu seo e castigar mediante a reclusión aos que, cos seus actos, poñen en perigo a convivencia.

Estas penas de privación da liberdade, que conviven durante séculos coa pena de morte, pena que mantense aínda hoxe en algunhas nacións civilizadas malia a constatación da súa inutilidade coma instrumento de disuasión, teñen ao longo dos anos distintas finalidades: castigo polo mal causado, empecer a comisión de novos delitos, ou na actualidade a reeducación e reinserción social, coma en España consagra o artigo 25.2 da Constitución española.

Este é, ao meu entender, o debate: se a pena de privación da liberdade é, ou non, inhumana polo illamento, as condicións materiais da prisión, prolongada duración, xusta ou inxusta, pola non toma en consideración dos factores que provocan a delincuencia, eficaz ou ineficaz na consecución dos seus obxectivos. E tamén, derradeira pero non última cuestión, se o tremendo custe económico desta privación de liberdade debe primar riba dos da educación, sanidade, investigación, dependencia, … e atención ás necesidades das vítimas.

lunes, 12 de marzo de 2018

OTAN de entrada NON. De saída tampouco!


Fai hoxe 32 años, o 12 de marzo de 1986, a poboación española foi convocada polo goberno do PSOE a mostrar a súa opinión encol da permanencia de España na OTAN cunha pregunta, cando menos, revirada:

O Goberno considera conveniente, para os intereses nacionais, que España permaneza na Alianza Atlántica, e acorda que dita permanencia establézase nos seguintes termos:
1º.-   A participación de España na Alianza Atlántica non incluirá a súa incorporación á estrutura militar integrada.
2º.-  Manterase a prohibición de instalar, almacenar ou introducir armas nucleares en territorio español.
3º.-     Procederase á redución progresiva da presenza militar dos Estados Unidos en España.

Considera conveniente para España permanecer na Alianza Atlántica nos termos acordados polo Goberno da Nación?

Uns anos antes, en decembro de 1981, o Goberno de la UCD que presidía daquela Leopoldo Calvo Sotelo firmara a adhesión ao Tratado, coa oposición da maioría da poboación, incluído o PSOE que fixo campaña polas rúas co lema “OTAN de entrada non”.

Cando nas eleccións de 1982 o PSOE obtivo máis de dez millóns de votos e a maioría absoluta no Congreso de Deputados e no Senado, o Referendo de saída da OTAN que esixía á UCD xa non corría tanta presa. De feito Felipe, coma Saulo séculos antes, converteuse de perseguidor a fervente otanista, chegando mesmo a ameazar con abandonar o Goberno:

"O que queira votar que non, que pense antes que forza política xestionará ese voto".

Diante desta viraxe de Felipe González e os seus “Pesouche bois” un grupo de “camaradas, e con todo, amigos” do PCG xuntámonos na miña casa e con mais entusiasmo que medios, perpetramos unha montaxe de imaxes en diapositivas, e música e locución en casete, coa que fixemos campaña polo NON, en bares, mercados e lugares de reunión de Vigo e bisbarra, que fai un par de anos pasei a formato dixital para a súa publicación na rede.

Agardamos que guste a alguén. A nos, membros do auto denominado Colectivo de Artistas Leninistas, serviunos para lembrar o longo camiño que aínda temos por diante.

(O título é unha referencia á película franco-xaponesa de 1959 de Alain Resnais, Hiroshima mon amour.)

jueves, 25 de enero de 2018

San Lourenzo de Carboeiro.




















O mosteiro beneditino de San Lourenzo de Carboeiro é unha das obras mais notables do románico de transición de Galicia. Fundado no século X, viviu os seus momentos de maior esplendor entre os séculos XI e XIII. A comezos  do XIV Carboeiro comeza a perder influencia na bisbarra diante do pulo que está a coller o veciño mosteiro de Aciveiro.

No ano 1500 Carboeiro perde por mor das reformas ditadas polos Reis Caóticos o título de abadía, pasando a se converter nun priorado dependente do Mosteiro de San Martiño Pinario en Compostela, que asume a propiedade de tódolos seus bens. O mosteiro vai esmorecendo ata se converter nunha simple granxa con dous monxes residentes. A fins do século XVIII o mosteiro é un cárcere de freires.
No ano 1836, coa lei de desamortización de Mendizábal, os poucos monxes que aínda quedaban en Carboeiro abandonan as instalacións; é o comezo da súa ruína.












Malia as noticias que sitúan a finais dos setenta o comezo das obras da súa restauración e recuperación, este era o estado do mosteiro nunha visita na primaveira de 1980.



Mais información en:


http://www.arquivoltas.com/11-Galicia/01-Carboeiro.htm
http://www.arteguias.com/monasterio/carboeiro.htm

miércoles, 27 de diciembre de 2017

O horror en Oradour-sur-Glane

No libro de Joseph Conrad Heart of Darkness, (que cada un traduce ao galego como lle peta, negror, escuridade, tebras,…) un mariño de nome Charlie Marlow conta a súa viaxe polo río Congo na procura dun tal Kurtz, o xefe dunha explotación de almafí dunha compañía belga. Pero Kurtz, na súa loita por adaptarse as condicións de violencia extrema que a explotación dos indíxenas impón, tense transformado nun personaxe dunha crueldade bestial ao que os nativos idolatran coma se fose un deus. Marlow e os seus compañeiros de viaxe logran levar a  Kurtz, gravemente enfermo, ao pequeno barco de vapor, pero este morre no traxecto, pronunciando súas últimas palabras: “O horror! O horror!”.

O seis de xuño de 1944, ao amencer, as praias de  Normandía énchense de estoupidos e morte. Os aliados desembarcan abrindo unha nova fronte na reconquista de Europa. Para enfrontar esta invasión, o estado maior alemán ten que mobilizar tódalas tropas dispoñibles, incluídas moitos do rexementos das SS que estaban diseminadas por Francia intentando controlar aos elementos hostís ao réxime de Vichy. O Maquis, a resistencia armada, vai empregarse a fondo para atrasar estes movementos de tropas, evitando que estes reforzos cheguen ao Contentin para axudar a botar aos Aliados ao mar.

Concretamente a División SS Das Reich do Waffen-SS, veterana do Fronte Oriental, parte dende a rexión de Toulouse, pero cando chega ao Macizo Central á rexión do Lemosín, onde a actividade do maquis é particularmente intensa, a 3ª Compañía do Primeiro Batallón do Rexemento Der Führer é requirida para realizar una operación de "limpeza" en Oradour-sur-Glane, coa escusa de que no pobo agachábase un depósito de armas de Resistencia.

Na mañá do sábado 10 de xuño, había en  Oradour mais xente que outro día calquera. Á hora do xantar, os restaurantes dos hoteis estaban a rebordar, e moitos forasteiros en descanso de fin de semana achegaranse a vila atraídos pola noticia da dispoñibilidade de tabaco nas expendedoras. Tamén estaba convocada unha visita médica para os cativos, e os 191 nenos dos dous grupos escolares de  Oradour, tiñan tamén aulas de tarde.

Arredor das dúas da tarde unha columna composta dunha decena de vehículos, entre eles dous blindados media/eiruga, entrou en Oradour pola estrada de  Limoges. Cento cincuenta dos soldados das Waffen-SS ás ordes de Adolf Dickmann, vestidos con roupas de camuflaxe, despregáronse polo núcleo urbano con orde de concentrar á totalidade dos habitantes de Oradour na praza do mercado para unha teórica “inspección dos seus documentos de identificación”.

As Schutzstaffel teñen experiencia e brutalidade abondo para executar a manobra de agrupamento da poboación con método, disciplina e aplicación de violencia necesaria, e ao cabo de vinte minutos a manobra está finalizada. Diante da praza chea de xente, un terzo deles nenos, o comandante Dickmann acusa ao pobo de servir de depósito de armas para o Maquis, e ordénalle ao alcalde de Oradour escoller entre eles a 30 reféns, ao que o alcalde négase, ofrecéndose el mesmo coma tal.
A negativa non muda o propósito inicial de Dickmann que ordena ás tropas proceder a separar aos presentes en dous grupos. O grupo dos homes é levado cara ás aforas do pobo, e o das mulleres e nenos encerrados na igrexa. De súpeto, cando aínda non entraran na igrexa a totalidade do grupo explota dentro unha granada de fume o que desencadea un intento de fuxida do recinto que os fusís automáticos dos Waffen-SS empecen cunha cortiña de chumbo. A combinación dos dous factores é dunha eficacia abraiante: soamente unha muller de apelido Rouffanche, que puido escapar por unha xanela, sobrevive á masacre.
A explosión da granada serviu como sinal para que os soldados apostados con metralladoras pesadas nos arredores iniciasen o fusilamento dos homes, ao que déronlle cabo rematando un por un aos agoniantes. Seiscentas corenta e dúas persoas, 190 homes, 245 mulleres e 207 nenos, perderon a vida na hecatombe programada co fin de intimidar á poboación civil coutando o seu apoio á acción dos maquisards.

Vinte das seiscentas corenta e dúas vítimas eran exiliados republicanos españois. Vítimas esquecidas pola España da Transición. (Ou mellor da traizón?) Soamente unha placa instalada en 1945 a instancias da Junta Española de Liberación do Goberno da República española no exilio, recolle cos nomes dos españois falecidos a mans dos nazis. O Foro pola Memoria de Guadalajara, ten identificados aos seguintes:

·       Os Gil Espinosa, de Alcañiz. Francisco Gil de 50 anos, a esposa Francisca de 49, a prima Carmen de 30 e as nenas Francisca e Pilar.
·       Os Lorente Pardo, nai, Antonia, e dous fillos, Nuria e Francisco. Levaban en Francia dende o éxodo de xaneiro de 1939, procedentes de Barcelona.
·       As irmáns Emilia e Angelina Masachs, de 11 y 8 años, de Sabadell, perderan aos seus pais e estaban recollidas por as outras familias españolas.
·       Os Serrano Pardo. O pai, José, mestre de escola a a súa muller María. Tres fillas nacidas en Francia; Armonía de tres anos e as xemelgas de un ano, Esther e Paquita.
·       Os Téllez Domínguez de Barcelona. O pai, Domingo era orixinario de Zaragoza. A nai María de 31 anos e tres fillos, Miguel de 11 años, Armonía de 8 años e Liberto, de dous, nacido en Oradour.
·       Finalmente Carmen Silva, de 39 años, de Bilbao casada co francés Robert Pinede e que non figura na placa.

"Non creo que existan palabras para describir todo o que significa, a aqueles que non saben qué é, o horror. O horror. O horror ten rostro” 

domingo, 19 de noviembre de 2017

O monumento viaxeiro

Alá polo mes de febreiro do 2008 un colectivo de más de setenta intelectuais, profesionais e representantes de diversos colectivos firmaron una solicitude dirixida ao Alcalde de Vigo, para que o monumento que ao insigne poeta de Celanova Manuel Curros Enríquez se erguera no 1911 por iniciativa da sociedade "A Oliva" na Alameda de Vigo, retornara do seu vergonzoso exilio no Castro a onde a mandara o infausto Rafael Portanet (que por certo tampouco era de Vigo) alá polo 1968. 
Con inusitada presteza a alcaldía asumiu o reto e no mes de maio estaba xa na súa nova situación, un pouco mellor que na do Castro, pero aínda non do gusto dalgúns que amamos fondamente ao poeta, un pouco afastada do tráfico peonil e porque o estado actual desa parte da Alameda non é precisamente exemplar.

A idea de facerlle un monumento ao poeta na cidade de Vigo, coa que Curros tiña unha grande relación de afecto, partiu da sociedade cultural A Oliva, presidida naquel ano de 1910 por Manuel Gómez Román e cuxo contador era o meu avó Manoel da Costa (grazas Alejo). O monumento foi financiado coas aportacións populares, encargado ao notable escultor Lorenzo Coullat Valera e inaugurado na Praza de Compostela, mais coñecida como a Alameda, no 1911.

Lorenzo Coullaut Valera, sobriño de Juan Valera, nacera na localidade sevillana de Marchena, e o monumento de Curros é un dos primeiros encargos importantes que o escultor, protexido de Enrique Peinador fixo en Galicia, ademais do monumento a Emilia Pardo Bazán que está na Coruña e o do pai do propio Enrique Peinador Limes, Enrique Peinador Vela, nos xardíns de Mondariz.

O monumento é un busto do escritor sobre unha base trapezoidal historiada e situada sobre un basamento graduado. Na parte frontal ten un baixorrelevo da musa galega da poesía e na parte posterior un texto que di:
CURROS ENRIQUEZ
LA SOCIEDAD
“LA OLIVA”
1911
E un pouco mas abaixo:

ERIGIDO POR SUSCRICIÓN PÚBLICA
Y CON LA EFICAZ COLABORACIÓN

DE LAS SEÑORITAS DE ESTA CIUDAD

domingo, 5 de noviembre de 2017

Poderes tanxentes e secantes

Afirma don Anxo Pintos nunha recente publicación no Facebook, que temos:

unha España […] tan unida que ata os poderes se lle xuntan secante e tanxencialmente.
Poderes secantes e tanxentes! Poderosa imaxe ben merecente dunha atenta exexese! Que non eiséxese, que é mais de inserir as interpretacións propias nun texto alleo, senón exexese, que implica extraer o significado dun texto dado.

Está claro que cando o Sr. Pintos fala de os poderes está a citar a Locke e Montesquieu, principais teóricos da necesidade de respectar este principio de distribución das distintas funcións do Estado, para asegurar a boa saúde das liberdades fundamentais dos individuos, coma consagra o artigo 16 da Declaración Universal de Dereitos do Home e dos Cidadáns de 1789:

Toda sociedade na que non se garantan os dereitos das persoas nin a separación de poderes, non ten nada de constitucional
Proseguindo na nosa citada exexese, lembraremos aos lectores que teñen moi afastado no tempo ou na memoria o bacharelato, que Secante é una recta que corta a unha curva en 2 puntos, e que, conforme estes puntos achéganse e a súa distancia redúcese a cero, a recta adquire o nome de tanxente.

Dado que a tanxente forma un ángulo nulo coa curva na veciñanza de dito punto, a afirmación do Sr. Pintos adquire todo e seu revolucionario significado, apuntando cara ao feito de que, na situación actual, a distancia entre o Poder executivo, o levado a cabo polo goberno do Estado e cuxa función é facer cumprir as leis, e o Poder xudicial, o encargado da súa aplicación na resolución de conflitos, tende a cero.

Non menos grave que a anterior é a denuncia da natureza secante do poder que o Sr. Pintos denuncia. Neste caso, na miña interpretación, xoga con notable pericia, non co significado xeométrico senón co literario, que seca ou serve para secar, para denunciar á preocupante situación da relación entre o Poder executivo e o Poder lexislativo. O congreso dos deputados xa non reflicte vontade popular, e o goberno da nación deturpa e baleira de contidos esta institución.


En resumo: non se pode estar tan unido; mellor que corra un pouco o aire!

jueves, 2 de noviembre de 2017

Belle da Costa, bibliotecaria.

A asombrosa historia de Belle da Costa, a bibliotecaria da Morgan Library & Museum de Nueva York, de onde veu o Pergamiño Vindel. Belle tomou o apelido da Costa para xustificar a color da súa pel cunha falsa ascendencia portuguesa.Belle naceu, coma eu, un 26 de novembro e unha das súas biógrafas chámase Polly Guerin, o mesmo nome que o da empresa na que traballei mas de corenta anos. Sería estupendo que fora a responsable da compra do Vindel, pero Belle retirouse en 1948 e o Pergamiño non chegou á Morgan Library & Museum ata 1977.


Á procura do inalcanzable

Escoitando hoxe o CD de Caroline Herring " The Golden Apples of the Sun " veume ás mentes o libro de contos de Ray Bradbury, ...