viernes, 11 de enero de 2019

Ser avó


Ser avó é volver a descubrir o mundo nos ollos, nos beizos, na pel, no falar dos nosos netos. Ser avó, e ter tempo para eles é un privilexio que a vida dános a uns poucos. Ser avó, e ter o hábito de escribir, nos permite non esquecer eses momentos especiais. Ser avó e vivir nestes tempos de florecemento das redes sociais nos da a oportunidade de compartilos cos amigos.

Hoxe, coma fago a cotío, fun a buscar a Lucía ao colexio. A volta facémola nun grupo pouco numeroso de pais, nais e algún avó. Entre eles case que sempre está J***, o pai de M***, unha das amiguiñas da miña neta. J*** é un rapaz rideiro, moi amigo de facer chanzas cos nenos.

- Lucía – preguntoulle moi serio – Que me trouxeron os Reis na túa casa?

Lucía quedou un intre confusa, pero reaccionou de contado:

- Trouxeron para ti este abrazo!

lunes, 29 de octubre de 2018

Pero houbo algunha vez algunha compositora?


Malia que na relixión cristiá a padroa da música sexa unha muller, Santa Cecilia, e que Euterpe, a súa musa, o sexa tamén, o papel da muller na historia oficial desta arte é francamente penoso. No imaxinario da xente, aínda da dun certo nivel cultural, non existe ningunha muller compositora. Tanto é así que fai uns días nunha aula da materia de Danza I do Ciclo Medio da ETRAD, a escola de música tradicional de Vigo, ninguén soubo citar o nome de ningunha compositora. Se isto sucede entre a xente vinculada ao mundo da música que pasará entre aqueles que o mais preto que teñen estado dela é cando cantan na ducha?
O papel da muller nas artes en xeral ao longo da historia foi un tema moi mal tratado, e a música non ía ser unha excepción. Menos mal que na actualidade o tema da muller como protagonista da súa propia vida xera unha grande interese. Hoxe a parte da poboación que segue a defender que a muller carece da capacidade de discernir o ben do mal, a beleza da  fealdade e que, polo tanto, non pode ter mais capacidade creadora que a de parir o fillo dun home, filla non vale, son minoría. Alborotadora pero minoría.
A muller dende a noite dos tempos levou na súa alma a mesma capacidade creadora que o home. Foi o medo e a ignorancia, maiormente en forma de relixión, á que separouna desta actividade considerándoa bruxa ou endiañada. Despois de tantos séculos de monoteísmo, a quen lle pode estrañar que a nómina de mulleres compositoras cuxa memoria chegou ata hoxe sexa tan reducida?
Como pequeno exemplo coñecido de tal actitude quero citar ao Papa Inocencio IX, quen en 1686 declarou:
A música é totalmente daniña para a modestia que corresponde ao sexo feminino, porque se distraen das funcións e as ocupacións que lle corresponden. Ningunha muller con ningún pretexto debe aprender música ou tocar ningún instrumento musical”.
Este edicto foi renovado en 1703 por Clemente XI, e durante moitos séculos mais foi a opinión mantida pola maioría das autoridades eclesiásticas.
Nesta publicación queremos recoller soamente unhas poucas moi notables compositoras cuxos nomes non foron totalmente borrados da historia e tivemos a sorte de que chegaran ata nos, sinalando que o papel das mulleres na música é infinitamente mais amplo que o que recollemos nestas apresuradas notas.

Hildegarda de Bingen.
Hildegarda de Bingen (1098-1179), abadesa no mosteiro de Rupertsberg, na cidade alemá de Bingen é a primeira persoa no mundo da que se conserva música escrita. De feito foi a primeira muller en moitas cousas, como, por exemplo, en predicar en público nas prazas.
Avogou por unha estreita relación entre texto e música.“A alma é sinfónica, e o mesmo que a palabra designa ao corpo, así a sinfonía designa ao espírito, porque a harmonía celeste proclama a divindade, e a palabra publica a humanidade do fillo de deus.”
Hildegarda foi unha das mulleres mais extraordinarias da Idade Media: mantivo correspondencia con catro papas, escribiu innumerables escritos de explicación dos evanxeos, e tamén himnos, misas, responsos e representacións sacras. E foi declarada Doutora da Igrexa e canonizada no ano 2012 polo Papa Benedicto XVI, o que dános unha idea da extraordinaria velocidade coa que a Igrexa actualiza o seu pensamento.

Nannerl Mozart
Maria Anna Walburga Ignatia Mozart (1751-1829), coñecida como  Nannerl foi a irmá maior do xenial compositor Wolfgang Amadeus Mozart, e coma el superdotada para a música. Educada polo seu pai Leopold como Nena prodixio, tomou clases de piano e composición, e deu un gran número de concertos acompañando a Wolfgang ao violín. Pero o feito de ser muller fixo que o seu propio pai relegásea a un segundo plano, pois representaba unha posible sombra para o seu irmán, así que se lle impediu seguir compoñendo e dedicouse a impartir clases de piano.

Isabel Ángeles Colbrán
Naceu en Madrid 1785, filla dun mestre de capela da corte de España. Foi considerada a mellor mezzosoprano e soprano dramático-coloratura do seu tempo. Gioachino Rossini, con quen casou en 1822, considerouna a súa musa e unha das mellores intérpretes da súa obra. O matrimonio da Colbran con Rossini pasou por frecuentes desavinzas domésticas por mor das moitas infidelidades de Gioachino Rossini. En 1837 Isabel e Gioachino deixaron París para vivir en Italia.
Isabel Colbrán foi tamén unha notable compositora e deixou escritos 4 volumes de cancións dedicadas á Raíña de España e á tsarina de Rusia. Os expertos consideran as súas obras de “estilo Rossiniano” pero o realmente curioso é que foron compostas antes de coñecer a Rossini.
Isabel morreu en Bolonia en 1845.


Fanny Mendelssohn
Fanny Cecilie Mendelssohn (1805-1847), foi unha compositora e pianista alemá, irmá do coñecido compositor Felix Mendelssohn e neta do filósofo Moses Mendelssohn. Prodixio musical desde ben pequena tivo a sorte de recibir unha exquisita educación musical, nunha época en que se consideraba normal que as nenas non estudasen máis que lectura, escritura, e as chamadas "artes de adorno", pois o seu destino "natural" era casar e criar fillos. Sorte que en 1829 casou co pintor Wilhelm Hensel, quen, coñecedor do seu talento, brindoulle todo o seu apoio. Félix e Fanny, foron un exemplo de amor fraternal; mesmo ela era mellor pianista que el, e Félix sempre valorou as críticas que ela lle facía en todo sentido. Fanny debutou en público en 1838, interpretando o Concerto nº. 1 para piano do seu irmán. En total compuxo 466 pezas musicais.


Maria García Malibran.
Compositora española rescatada do esquecemento pola grande Cecilia Bartoli, que dedicoulle un disco e unha chea de recitais por todo o mundo. Cecilia realizou un gran labor de investigación, buscando partituras  autógrafas da Malibrán e conseguindo reunir un verdadeiro museo sobre esta Cantante e Compositora Maldita.
María naceu en París en 1808, porque a súa nai acompañaba daquela ao seu pai, o tenor e compositor sevillano Manuel García, que estaba traballando alí naqueles momentos.
Debutou como cantante aos 16 anos co Barbeiro de Sevilla e con 17 anos iniciou unha xira por América. Era posuidora dunha extraordinaria voz coa que actuou en todos os teatros de Europa, e que ía de mezzosoprano a soprano, e aínda que figura nos libros como unha das voces máis fascinantes da historia, escribiu unha extensa serie de nocturnos, arias e romanzas que Hector Berlioz tiña en grande estima. Con todo, a súa música non se publicou ata o 1828 e os dereitos de venda, polo seu expreso desexo entregábanse a unha escola de orfos de París. Morreu en 1836, durante os ensaios do Andrónico de Saverio Mercadante, como consecuencia das secuelas dunha caída de cabalo.

Clara Schumann
Clara Wieck, logo coñecida polo seu nome de casada, Clara Schumann (1819-1896) foi una nena problemática. Cando tiña cinco anos apenas sabía falar, pois a súa ama era xorda pero en compensación aprendeu a toca-lo piano. Aos 9 anos fixo o seu debut como virtuosa de piano con música sobre temas de Rossini. Con 11 anos escribiu o seu primeiro lied. E converteuse na pianista máis famosa da súa época. En 1840 casou co pianista Robert Schumann un dos mais coñecidos compositores románticos. Clara foi durante moitos anos a súa verdadeira fonte de inspiración. Cando en 1854 Schumann, tivo que ser internado nun manicomio, Clara dedicouse a tocar por toda Europa nos mellores teatros para poder manter ao seu marido e sete fillos. Aínda que Clara non compuxo nada tras o seu matrimonio, quizais para non agravar a mente enferma de Robert, hai tratadistas que pensan que na obra de Robert hai moito de Clara. De feito Brahms, que foi amigo do matrimonio estaba completamente convencido da xenialidade, de Clara, chegando a escribir a un amigo:
“Ensinei a Clara a miña sinfonía e suxeriume algúns cambios que penso respectar. A miña estima por ela é infinita”.

Alma Mahler
Alma Marie Schindler, coñecida como Alma Mahler (1879-1964) foi esposa, sucesivamente, de personaxes notables do século XX, como o compositor Gustav Mahler, o arquitecto Walter Gropius e o novelista Franz Werfel. Alma foi unha magnífica pianista; estudou composición con Alexander von Zemlinsky, escribiu algúns lieder e empezou un trío. Cando casou con Gustav Mahler, este advertiulle que “o rol de compositor, o mundo do traballo, correspondíalle a el, mentres que a ela tocáballe facer o papel de compañeira amante e parella comprensiva” O que non era moi comprensivo era el.
Con todo, a paixón de Alma pola música fixo que se dedicase a ela ata atoparse coa morte en 1964.

Non debera ser o final
Esta publicación non é mais que un pequeno e limitado achegamento a este apaixonante tema. Seguro que coa contribución de todos vos poderemos enchelo de moitas mais mulleres compositoras esquecidas.

viernes, 12 de octubre de 2018

O fraude dos contadores intelixentes

Resulta sinxelo manipular á xente. E de xeito especial nos temas que teñan que ver coa ciencia ou a tecnoloxía. Abonda con axitar o espectro do científico tolo, ou da conspiración dos poderosos para conseguir audiencia. Exaxerar, desfigurar, converter calquera miudeza en ameaza grave, utilizar fontes de aparente prestixio vulgarizando ata a caricatura as súas afirmacións, utilizar a parte da información que sustenta a nosa teoría escondendo á que a contradí, son formas habituais de proceder de certos medios de información.
O malo é cando esta manipulación é utilizada pola esquerda transformadora para a súa acción política, porque, como dicía Lenín, so a verdade é revolucionaria. Malo se a utilización é por ignorancia, pero moito peor se utilízase a mantenta, coñecendo a súa falsidade, porque a mentira ten as patas curtas e sen tardar volverase contra de nos.
Ven isto a conto coa lectura do seguinte artigo da Plataforma cidadán de investigación xudicial do sector eléctrico: http://plataforma.quieroauditoriaenergetica.org/blog/14-categoria-blog-1/246-desmontan-fraude-contador
Primeira afirmación:
Mais adiante sabemos que as Universidades en cuestión son a Universidade de Twente, a Universidade de Ciencias Aplicadas (de Amsterdam) e a Universidade de Tecnoloxía de Hamburgo, institucións todas elas que non suscitan sospeitas. “Home! Pois se o din esas tres universidades será certo!” Pois non tal! Porque non son as universidades os que tal cousa afirman, senón o aparente resultado do traballo de fin de carreira de Anton Melentjev no 2015. De feito non sabemos cal é ese resultado porque non hai enlace a este traballo, pero iso non é óbice para que o afervoado articulista afirme: 
De que “haxa contadores (entre os estudados no 2015 en Holanda por Melentjev) que poidan verse afectados por interferencias electromagnéticas” a que os contadores instalados en España e homologados polo Ministerio de Industria na súa ITC/3022/2007, de 10 de outubro, e cumprindo a Directiva MID da UE, (https://www.boe.es/doue/2004/135/L00001-00080.pdf) estean na mesma situación hai un abismo. Os contadores de enerxía eléctrica son, por razóns evidentes, uns dos aparatos con mais normativas enriba. Non digo que os fabricantes de contadores eléctricos non sexan todos eles unha manda de delincuentes, senón que os estados da UE, andan enriba deles para que polo menos lle resulte menos doado.
Se estudamos a ilustración do laboratorio empregado por Melentjev para ás súas probas a dúbidas fanse mais evidentes. Cando queremos probar a incorrección das medidas dun aparato de medida se procede a comparar o medido cun instrumento “patrón” nun entorno controlado e dunha forma concreta especificada nas correspondentes normas. Na fotografía que se inclúe na páxina (se é a do estudio citado) non existe tal instrumento “patrón”, os contadores son dun modelo que non corresponde cos contadores actuais, a proba faise con contadores monofásicos e trifásicos, pero a alimentación é monofásica. En resumo: a montaxe é mais propia dun traballo de fin de carreira que de un auténtico estudio como o necesario para unha denuncia de fraude.
Tamén se comenta que:

Nos contamos once, non nove contadores, excluíndo os dous do sistema Ferraris que imaxinamos que se utilizan como comparación. Tampouco se aclara cal era a “configuración” que provocaba que a medida fora case que seis veces superior á real, nin se apunta á causa que o investigador atribúe a esta disparidade, difícil de entender en calquera aparato de medida.

Mais adiante leemos que os contadores que miden de mais son aqueles cuxo medida (non control) da intensidade faise mediante unha bobina Rogowsky, e os que miden de menos os que miden mediante sensores de efecto Hall. Estupendo! Porque nos contadores actuais, polo menos que eu saiba, os contadores para medida fiscal non teñen bobinas de intensidade Rogowsky nin sensores de efecto Hall, que si se usan noutras aplicacións de medida pero que non son sospeitosos deses error se están correctamente fabricados.
Finalmente comentar que a Directiva Europea de Eficiencia Enerxética 2012/27/UE si que está trasposta á lexislación española e que a norma IEC 61000-4-19 non afecta aos contadores senón ás Técnicas de ensaio e de medida utilizadas para comprobar esa compatibilidade. E de deito existe a Norma española: a UNE-EN 61000-4-16:2016.

De tódolos xeitos o que sexa soará, porque están polo labor de denunciar a instalación deses contadores diante da Audiencia Nacional. Ou sexa que cando presenten a denuncia xa saberemos que parte das Directivas da UE  relativas á eficiencia enerxética dos edificios é a que non cumpren eses contadores que miden case que seis veces mais.

O esquecía: o verdadeiro fraude dos contadores intelixentes é que non fornezan a información de consumos, potencias, etc., tamén ao consumidor.

lunes, 27 de agosto de 2018

William Herschell. Compositor e astrónomo.


 Nos concertos de música académica, existe un certo protocolo establecido que, polo menos aos habituais deste tipo de música, nos parece moi necesario para o correcto goce da nosa adición. Ese protocolo non escrito inclúe costumes tan singulares como a de aplaudir a entrada dos músicos nun concerto de cámara pero non nun concerto sinfónico, no que non aplaudiremos ata a entrada do concertino, e outras mais asisadas como a de non entrar na sala coa obra comezada, manter o silencio ao largo da execución da obra e non facer comentarios cos veciños aínda que aquel violín de alá do fondo desafine coma e estivera adoecido, e o de non abandonar a sala durante o concerto salvo que a permanencia nela xere mais problemas para músicos e público que a saída. Finalmente estarían as vencelladas á invasión das novas tecnoloxías: a necesidade de apagar, que non silenciar, o teléfono móbil. E digo apagar porque  non tedes nin idea do que molesta á concentración de músicos e público o espectáculo de centos de rostros iluminados pola luz procedente das pantallas acesas!

Non incluída en ningunha das categorías citadas figura por méritos propios a que deu orixe a esta publicación: a pregunta que todo espectador neófito quere ver respondida!

O aplaudir entre movementos dunha mesma obra é pecado venial ou motivo abondo de execución sumarísima?
E ven isto a conto porque, van alá uns días, no concerto de clausura do Festival Groba 2018, o propio director da orquestra, non sei ben se como consecuencia dos aplausos recibidos entre o primeiro e o segundo movemento, detivo a execución da Sinfonía nº 8 en Dom de William Herschel entre o segundo e o terceiro, para introducir unha breve biografía do compositor na que sinalaba o paradoxo de ser mais coñecido entre os afeccionados á astronomía que entre os músicos.

O certo é que, despois dunha primeira sorpresa, atopei que esta frescura (no mellor sentido da palabra) tiña aspectos positivos, sobre todo se temos en conta que foi o propio director da orquestra o que toma a decisión de cortar a concentración dos intérpretes. En primeiro lugar podemos pensar que esta actitude desacraliza en certa medida o cerimonial implícito na música “culta”, cousa especialmente interesante con públicos que, como o deste festival, achégase aos concertos con moi pouca experiencia previa. En segundo lugar esta posta en contexto de aspectos históricos, musicolóxicos, etc., da obra que vaise escoitar é enriquecedor para unha escoita activa da mesma. Os argumentos que van en terceiro, cuarto, e restantes lugares, os podedes engadir vos mesmos en función das vosas preferencias.

E, se vos presta, imos co noso paradóxico protagonista: William Herschel. Ou Friedrich Wilhelm, porque era alemán de nacemento. Aínda que, para seguir cos paradoxos, alemán alemán, tampouco; mais ben do Kurfürstentum Braunschweig-Lüneburg, que algúns chaman Electorado de Hannover por razóns evidentes, que calquera pronuncia a denominación correcta! Naqueles tempos este territorio era parte do Sacro Imperio Romano Xermánico, e tiña o mesmo rei que a Gran Bretaña: un tal Jorge II de (como non podía ser doutro xeito) Gran Bretaña e Hannover. Pois ben: William ou Friedrich Wilhelm, foi un dos dez fillos de Isaak Herschel e Anna Ilse Moritzen. Isaak, de ascendencia luterana malia o seu nome, era oboísta na Banda Militar de Hanover, oficio no que formou aos seus fillos Jakob e Wilhelm.



En 1755 o rexemento da Garda Hannoveriana, en cuxa banda tocaban o pai e os dous fillos, foi enviado a Inglaterra. Por pouco tempo, porque dous anos despois, en 1757 os franceses, aliados con Austria, Rusia, Suecia e Saxonia, invadiron Alemaña e o rexemento regresou para defender Hannover. Aquilo era a Guerra dos Sete Anos, pero aínda ningún dos contendentes tiña idea de que o fose. A Batalla de Hastenbeck, foi unha masacre, e a visión da matanza acabou co moito ou pouco espírito bélico que a familia puidera haber tido. Isaak, con moi boa idea, enviou aos seus dous fillos a buscar refuxio en Inglaterra. Jakob, non adaptouse moi ben a un idioma que non ten regras de pronuncia, e dous anos despois regresou a Hannover, pero Friedrich Wilhelm preferiu quedarse en Inglaterra, aínda que tivera que trocar o seu fermoso nome polo mais vulgar de William.

En Inglaterra, libre das obrigas militares, William ampliou a súa formación musical, tanto no interpretativo como na teoría da música. Bo estudante, en pouco tempo tocaba con soltura violín, clavicémbalo e órgano, ademais do seu querido óboe. Boa proba desta habilidade interpretativa é o feito de que Charles Avison, o compositor dos 12 Concerti Grossi sobre Scarlatti, contratouno como primeiro violín e solista para a súa orquestra de Newcastle. Herschel mudouse a Sunderland onde o 20 de abril de 1761 completou a Sinfonía nº 8 en Dom, antes citada. Despois de Newcastle, trasladouse a Leeds e logo a Halifax, onde foi o primeiro organista na igrexa de San Juan Bautista. En 1766, Herschel trasladouse á cidade de Bath, na actualidade Patrimonio da Humanidade, para ser, primeiro o organista da Capela do  Octógono, nun coñecido balneario da cidade citada, e Director de Concertos Públicos, mais tarde.

Willian, tiña agora uns bos ingresos e unha fermosa casa en New King Street que desexaba encher de vida. O 24 de agosto de 1772 chegou a Bath a súa irmá Carolina, que terá un papel fundamental na súa vida. Carolina, ademais de formación musical como o resto dos irmáns, e unha fermosa voz de soprano, tiña un grande interese polos libros. Contan que un día mercoulle a Willian un agasallo que lle cambiou a vida: un libro do astrónomo autodidacta escocés James Ferguson. O Astronomy explained upon Sir Isaac Newton's principles and made easy to those who have not studied mathematics de 1756. A curiosidade intelectual de Willian era notable. Boa proba deste aserto son outros libros da súa biblioteca como Harmonics, or the Philosophy of Musical Sounds e Compleat System of Opticks de Robert Smith e The elements of trigonometry, The elements of optics e The principles of mechanics de William Emerson.

Coa axuda dos seus irmáns Alexander, un hábil artesán, e da propia Carolina, tan interesada pola exploración dos ceos coma o mesmo William, comezou a construír os seus propios telescopios reflectores. Con unha destas construcións, o 13 de marzo de 1781 Herschel observou un obxecto non rexistrado, que a primeira vista parecía un cometa. Estudándoo con coidado conseguiu determinar que en realidade se trataba dun novo planeta: Urano.

Moito poderíamos seguir falando de William e Carolina Herschell, pero deixarémolo para mellor ocasión. Rematarei dicindo que a descuberta de Urano non foi froito da casualidade senón que da paixón e dedicación a ciencia dos dous irmáns naceron grandes avances no eido da astronomía, no estudo das estrelas dobres, nebulosas, acios de estrelas, cometas, etc. Como di o epitafio de William

Coelorum perrupita claustra
(rompeu as barreiras do ceo)

E rematamos cunha brincadeira so para iniciados.

A teoría da influencia de Urano na música do terceiro movemento da Sinfonía Nº 8 en Dom queda pois, con os datos antes expostos, suficientemente refutada.

martes, 21 de agosto de 2018

O reloxo (para os nenos)


Os exipcios, entre outras civilizacións, para coñecer o tempo que tiñan que dedicar a cada actividade dividiron o período entre o amencer e o anoitecer en doce partes que chamaron horas.

Para saber por qué doce e non por exemplo vinte, que son os dedos das dúas mans, compre saber que os exipcios tiñan un sistema baseado nas ducias, tamén coñecido como duodecimal, presente en moitas mais civilizacións e que segue en moitas manifestacións cotiáns: os ovos se venden en ducias, o ano se divide en 12 meses, hai 12 apóstolos, 12 signos no zodíaco e 12 animais na astroloxía chinesa.

Como todo o resto de sistemas de conta, a  ten unha base humana. Se, usando o polgar a modo de punteiro, contamos as falanxes dos restantes catro dedos, sae a conta de doce; unha ducia, 3 falanxes por 4 dedos.

Se usamos os cinco dedos da outra man de multiplicador chegaremos ao sistema sexagesimal: 12 x 5 = 60. E a razón da división da hora en sesenta minutos e estes, á súa vez, en sesenta segundos.
E para saber que tocaba facer en cada momento inventouse o primeiro reloxo: o desprazamento da sombra dun pausiño no chan. Non era moi práctico porque no amencer nin no anoitecer, servía, nin tampouco nos días nubrados. Pero iso en Exipto non eran moitos. Mais tarde inventáronse reloxos de auga, de area, de lume e, por fin, mecánicos.

Os primeiros reloxos mecánicos tiñan unha única agulla, así que ao mirar para el so se podía dicir que era a hora exacta, que faltaba un pouco para chegar ou que xa pasaran. Por exemplo: son as cinco, falta un pouco para as cinco ou pasa bastante das cinco.

Cando un reloxeiro puxo unha segunda agulla, un pouco mais fina e larga que a outra, para que se distinguiran ben) aos reloxos mecánicos complicouse un pouco a forma de ler a hora.
  1.  Como unha volta completa á circunferencia, o traxecto enteiro da agulla grande, ten 60 minutos, a distancia que hai entre dous números consecutivos é de 5minutos.
  2.  Se a agulla fixo a metade do camiño pasan 30 minutos da hora que sinala a agulla grande.
  3. Se fixo unha cuarta parte 15 minutos.
  4. E se fixo as tres cuartas partes lle faltan 15 minutos para chegar á seguinte hora.
  5. Se a agulla grande está entre as 12 e as 6 conta de cinco en cinco cantas horas hai entre as doce e onde está a agulla. Son as … e (o número que salga)
  6. Se a agulla grande está entre as 6 e as 12 conta de cinco en cinco cantas horas hai entre as doce e onde está a agulla. Son as … menos (o número que salga)
A practicar!

martes, 12 de junio de 2018

Os falsos aforros



Van alá uns días Sara Bonner publicou un vídeo realizado nos USA onde se falaba de aforros enerxéticos nun ximnasio, consistentes e instalar xeradores eléctricos nas bicicletas estáticas. Un que está xa afeito a que a xente que paga mais de cen euros de telefonía se queixe do moito que paga pola enerxía eléctrica, ve estes vídeos coa mesma resignación franciscana coa que escoita falar do “imposto ao sol”.
Se me decidín a escribir algo sobre el foi porque o redactor do vídeo confunde as unidades de potencia (vatios), coas de enerxía (vatios · hora ou quilovatios · hora), e considero que este tipo de erros infantís, inxustificables en calquera que fixera o bacharelato, dificultan os aproveitamentos enerxéticos realmente viables. E viabilidade supón que o investimento vai ter un período de retorno axeitado como para que mereza a pena. Compre non esquecer que, como dicían os nosos avós, “o mellor xeito de aforrar é non gastar”.

Pasemos sen mais a un sucinto análise dos contidos do vídeo. Se, como se afirma nel, cada unha das bicicletas estáticas ten un xerador de 200W de potencia nunha hora de exercicio a plena potencia a enerxía total xerada serán soamente 200 Wh é dicir 0,2 kWh.

E iso, é moito ou pouco? Pois, depende! Traducido a cartos, que é como se entende mellor, eses 0,2 kWh, cantos cartos menos suporían no noso recibo de enerxía? Lembremos que a compañía eléctrica nos factura mensualmente, polo que teríamos que calcular primeiramente canta enerxía xeraríamos nese período de tempo. Partindo da hipótese de que dedicamos a esa actividade 26 días ao mes, chegaríamos a producir:

E, cantos cartos son iso? Se collemos un recibo da enerxía consumida na nosa casa un mes calquera (por exemplo da miña) poderiamos tirar a conclusión que como pago 79,94 € por 421kWh, cada quilovatio sae a  5,27 €/kWh, polo que podería aforrar algo mais de 27 € ao mes no meu recibo “da luz”. Craso error! Simplemente dando a volta á folla do recibo de enerxía decatámonos de que o cálculo é un pouco mais complexo! No detalle da factura atopamos unha xeira de conceptos complicados de manexar; na parte de facturación por potencia contratada o “importe por peaxe de acceso”o “importe por marxe de comercialización fixo”; na parte de facturación por enerxía consumida os de “importe por peaxe de acceso”e o de “importe por custe da enerxía”; finalmente un imposto riba da electricidade, un aluguer dos equipos de medida e un IVE.

Para non facer isto demasiado largo admitídeme que renuncie a xustificar paso a paso a afirmación de que, estatisticamente, o importe da enerxía nos recibos domésticos é soamente un 25% do importe total da factura. Que dicir que, no mellor dos casos o aforro acadado sería soamente dunha cuarta parte do previsto: 1,32 €. Cantos anos nos levaría pagar a razón dun euro ao mes a inversión necesaria para converter as bicicletas estáticas en xeradores?

Aínda mais: no vídeo se afirma que a enerxía producida gárdase nunhas baterías e o conxunto está conectado á rede eléctrica. Non estou seguro cal é a situación en California pero en España, aínda que fixéramos un pouco de política/ficción e pensemos que Pedro Sánchez vai a derrogar o RD 900/2015, coñecido coma imposto ao sol, nada indica que a situación pase a permitir á conexión á rede de subministración pública sen establecer ningunha condición técnica para elo, polo que a inversión a facer non sería exclusivamente o do xerador senón o de inversor, baterías, e o resto de elementos necesario para conectarse á rede.

En resumo: menos lobos Carapuchiña!


viernes, 11 de mayo de 2018

Bob Dylan, poeta.


Xuño de 1971. Probablemente o meu primeiro viaxe a Barcelona. En febreiro deste mesmo ano entrara a traballar para o Departamento Naval da maior empresa de distribución de material eléctrico do país, que tiña a súa sede central nesa cidade que agora visitaba.

Encantoume Barcelona. As rúas e as casas, as xentes e a fala, a comida e a bebida, o ceo e o mar. E por riba de todo as librerías. Nunha desas merquei o nº 11 da colección Visor de Poesía de Alberto Corazón Editor, que leva por título “Canciones” e cuxo autor e o meu admirado  Robert Allen Zimmerman, mais coñecido coma Bob Dylan, premio Nobel de Literatura de 2016 por “crear unha nova expresión poética dentro da gran tradición da canción estadounidense”.

Era daquela Jesús García Sánchez, fundador co seu irmán Miguel da editorial Visor, un dilanófilo de pro? Porque non deixa de ser curioso que 45 anos antes que a Academia sueca xa alguén pensara en España, onde non se editara algún dos seus discos ata 1966[1], que o bardo de Minnesota, era precisamente iso: un xograr que musicaba os seus propios poemas. Ou foi unha proposta do moi galego escritor e periodista, nado en Madrid, Eduardo Chamorro?

E postos a facerse preguntas de non moi doada resposta, por qué os primeiros libros da Colección Visor de poesía foron editados por Alberto Corazón e non por Jesús García Sánchez, se a editorial Visor foi fundada xa no 1968? Porque Alberto Corazón o autor do seu deseño? Ou porque Alberto Corazón tiña xa unha certa experiencia editorial e un firme compromiso social e político? Nono creo, porque aínda que algunhas fontes outorgan a Corazón a creación da editorial Ciencia Nueva, tal atribución non é xusta, xa que Alberto foi unicamente o responsable do deseño gráfico.

A editorial Ciencia Nueva foi fundada en 1965 por un grupo de doce universitarios os mais deles vencellados ao PCE: María Teresa Bort León, José Esteban Gonzalo, Valentina Fernández Vargas, Javier Gallifa Olive, Rosario de la Iglesia Ceballos, Alberto Méndez Borra, Luis Lorenzo Navarro, María Rosa de Madariaga Álvarez Prida, Lourdes Ortiz, Carlos Piera, Rafael Sarró Iparraguirre e Jesús Munárriz, que foi o seu primeiro director. Outros nomes importantes da editorial foron Jaime Ballesteros, Valeriano Bozal, Manuel Sacristán, Antonio Elorza, Domingo Plácido, Gustavo Bueno, Roberto Mesa, J. Antonio Méndez e Rosario de la Iglesia.

Cando a censura franquista pecha a editorial Ciencia Nueva en 1969, xunto coa de Ricardo Aguilera, Ediciones Halcón e Equipo Editorial de San Sebastián Alberto Corazón funda  que leva o seu nome con dúas coleccións: Comunicación e Visor Poesía, cuxo deseño e portadas comezaron a reportarlle o recoñecemento e prestixio do que goza hoxe a mancheas.



Nota [1]: Os catro primeiros discos de Bob Dylan en España, o que se chamaban daquela EP, que tiñan normalmente catro cancións, dúas por cada lado, foron editados por Discophon, un pequeno selo de Barcelona. Se a memoria non me é infiel o primeiro foi un que pasoume totalmente desapercibido (de feito penso que non chegou a Vigo) que levaba “Rainy Day Women #12 & 35” e “Pledging My Time” na cara A e “One Of Us Must Know (Sooner Or Later)” na B. O primeiro que merquei foi “Like a Rolling Stone” con “Gates Of Eden” en la cara B. Logo saíu “Positively 4th Street” que levaba unha versión de menor duración do “Mr Tambourine Man” na cara A, e “From a Buick 6” y “On the Road Again” na B. O derradeiro dos EPs de Dylan en Discophon foi “Highway 61 Revisited” con “Can You Please Crawl Out Your Window” na cara A e “Tombstone Blues” na B.

Á procura do inalcanzable

Escoitando hoxe o CD de Caroline Herring " The Golden Apples of the Sun " veume ás mentes o libro de contos de Ray Bradbury, ...