viernes, 20 de septiembre de 2019

O aturuxos de vendima

Cóntame Carlos Veleiro pai, que nestes días ten que vendimar, que no seu pobo conservan aínda o ancestral costume dos aturuxos de vendima. Que a xente aínda se chaman a berros de leira a leira, para darse ánimos na tarefa e, dende logo, dar envexa aos das outras aldeas: “xa rematamos a vendima!” Tamén me contaba que era habitual que o que comezaba coma aturuxos deviñese en cantar de desafío, no que un dos vendimadores botaba unha copla meténdose cos da outra parroquia, respondéndolle entón un vendimador da parroquia veciña. Como di a cantiga popular:


“Estoupan os viñedos

en risas e aturuxos á montóns,
porque os vendimadores andan ledos,
pensando nos enredos
das súas diversións"


sábado, 13 de julio de 2019

Enriqueta Otero, Begoña Caamaño e Morgane Le Cuff


Non sei ben por qué cando estaba preparando un pequeno achegamento á figura de Enriqueta Otero, mestra de escola e de xordomudos, pioneira da cultura en xeral e da galega en especial, loitadora comunista nacida na Miranda lucense, veume as mentes o personaxe de Álvaro Cunqueiro, o paxe Felipe de Amancia que refuxiado nesas terras lembra os tempos nos que traballou como criado de Merlín.

E dese mundo fabuloso de Merlín e familia a Morgana en Esmelle, unha novela en lingua galega, escrita por unha rapaza que leva por nome Begoña Caamaño e que naceu no barrio do Calvario, cuxa trama entronca coa Materia de Bretaña e co ese mundo descrito por Cunqueiro.

E de Morgana a Morgane Le Cuff, unha rapaza nacida en Goneg, na Bretaña francesa, preto de Rennes, arpista e cantante que veu a ETRAD a completar a súa formación e un día sorprendeu aos cofrades do Lagharto Pintado cantando unha canción socialista italiana, Sebben che siamo donne.

Non menos sorprendida quedou ela cando dende unha mesa próxima lle seguiron con maior ou menor acerto musical cantando:

Sebben che siamo donne,
Paura non abbiamo:
Per amor dei nostri figli,
Per amor dei nostri figli;

Sebben che siamo donne,
Paura non abbiamo,
Per amor dei nostri figli
In lega ci mettiamo.

A oilì oilì oilà e la lega crescerà
E noialtri lavoratori, e noialtri lavoratori
A oilì oilì olià e la lega crescerà
E noialtri lavoratori vogliamo la libertà.

E la libertà non vien
Perchè non c'è l'unione:
Crumiri col padrone
Son tutti da ammazzar.

A oilì oilì oilà ...

Sebben che siamo donne,
Paura non abbiamo:
Abbiamo delle belle buone lingue
E ben ci difendiamo.

A oilì oilì...

E voialtri signoroni
Che ci avete tanto orgoglio,
Abbassate la superbia
E aprite il portafoglio.

A oilì oilì oilà e la lega crescerà
e noialtri lavoratori, e noialtri lavoratori
a oilì oilì oilà e la lega crescerà
e noialtri lavoratori I vuruma vess pagà

A oilì oilì oilà e la lega crescerà
e noialtri lavoratori, e noialtri lavoratori
a oilì oilì oilà e la lega crescerà
e noialtri lavoratori vogliam la libertà

O que en galego é, máis ou menos:

Porque somos mulleres,
Nos medo nono temos
Polo ben dos nosos fillos,
Polo ben dos nosos fillos;

Porque somos mulleres,
Nos medo nono temos
Polo ben dos nosos fillos
Na Liga ingresaremos;

Ai la lio liolá e a Liga medrará
E nós os traballadores, e nós os traballadores
Ai la lio lio la e a Liga medrará
E nós os traballadores queren a liberdad[e]

A liberdad[e] non ven
Porque non hai unión
Aos escravos do Patrón
Ímolos esfarelar

Ai la lio liolá...

Porque somos mulleres,
Nos medo nono temos
Temos a nosa fermosa fala
E así nos defendemos.

Ai la lio liolá...

E vós os propietarios
Que tedes tanto orgullo,
Rebaixade a soberbia
E abride a carteira.

Ai la lio liolá e a Liga medrará
E nós os comunistas, e nós os comunistas
Ai la lio liolá e a Liga medrará
E nós os comunistas volo faremos pagar!

Ai la lio liolá...

domingo, 28 de abril de 2019

Edison o monstruo



Casualidade ou non, hoxe a un par de días da volta do meu libro de Centros de Transformación ao andel da Casa do Libro, o algoritmo de Facebook recorda unha anécdota de Thomas Edison, que recollín nunha publicación van alá xa tres anos.

Contan os seus biógrafos, que Thomas entrou por primeira vez nunha escola en 1855, con oito anos e medio. Aos poucos meses de estadía Thomas informa entre saloucos á súa nai, Nancy, que non quere continuar xa que o mestre lle dixera que era un alumno "estéril e improdutivo". Edison conta na súa autobiografía:

"Descubrín que unha nai adoita ser algo marabilloso, xa que mamá colleume da man e levoume de regreso á escola. Feita unha furia, díxolle ao profesor que non sabía o que estaba a dicir. Mamá foi a defensora máis entusiasta que puidese ter calquera neno, e foi exactamente nese instante cando tomei a decisión de que sería digno dela e demostraríalle que non estaba equivocada."
Esa actitude serviulle para non se desanimar cando a finais de 1863 despedírono do seu emprego de telegrafista de ferrocarril por esquecerse de transmitir os sinais para deter un tren de carga que, como consecuencia, estivo a piques de ter unha colisión de fronte; ou cando en 1864 foi despedido por desobedecer ordes. Ao final de moitos intentos e moitos traballos, sobre todo para a Western Union, conseguiu independizarse patentando un dos seus máis importantes inventos: o fonógrafo. O resto é xa historia coñecida.

Tal historia forma parte dunha chea de anécdotas arredor do insigne inventor e dos seus enfrontamentos con Nikola Tesla, que recollo nos capítulos 1 e 2 do libro antes citado, e que algúns amigos que me queren ben opinan que paga a pena mercar o libro para os ler. Exaxeran!



domingo, 17 de febrero de 2019

Loitando contra da malaria


Ano 1967. A malaria  ocasiona nas forzas do Vietcong mais baixas que as causadas polas accións bélicas. O líder  norvietnamita Ho Chí Minh, o que ilumina, pide a China axuda para loitar contra dela. Mao Zedong, malia estar metido de cheo na Revolución Cultural, considera a loita contra da malaria como unha cuestión de estado, e ordena poñer en marcha unha investigación secreta, denominada Misión 523 pola data da posta en marcha, para loitar contra da doenza. A investigadora chinesa Tu Youyou (屠呦呦 en chinés) nada en Ningbo, o 30 de decembro de 1930, foi involucrada no proxecto, primeiro como investigadora de campo na illa de Hainan, tratando directamente con enfermos de malaria, e en segundo lugar no 1969, como investigadora principal do proxecto. Youyou utilizou, como principal base para a súa investigación, textos de medicina tradicional chinesa para a procura de referencias e tratamentos.

E cousa resultou: contra do 1971 Tu Youyou e o seu equipo analizaran, baseándose en textos antigos pero aplicando o método científico, máis de 2000 receitas e 380 extractos de plantas. Entre todos eses textos antigos houbo un, o Manual de Práctica Clínica e Remedios de Emerxencia escrita no 340 por  Ge Hong que deu na clave; o uso do  axenxo doce (Artemisia annua) no tratamento da malaria. O principio activo que despois da varios erros, conseguiron illar, ao que lle deron o nome de artemisinina, demostrou a súa eficacia contra a malaria primeiro en ratos, logo en animais, e finalmente en ensaios clínicos en humanos. E a primeira que probou a efectividade e seguridade do fármaco foi a propia Youyou, xa que segundo as súas propias palabras “era a xefa da investigación e por tanto tiña a maior responsabilidade”.

O descubrimento da artemisinina e o seu tratamento da malaria está considerado como o descubrimento máis significativo da medicina tropical no século XX para a mellora da saúde das persoas dos países en desenvolvemento tropicais en Asia do sur, África, e América do Sur. Polo seu traballo, Youyou recibiu en 2011 o Premio Albert Lasker de Investigación Médica Clínica, e en 2015 o Premio Nobel de Fisioloxía e Medicina, o primeiro que recibía un cidadán chinés en calquera categoría.


martes, 12 de febrero de 2019

El hombre ha de ser ...


Cóntame Loli que na súa casa da Baixada á Estación, entre os moitos rituais que a familia seguía con máis ou menos convición nas semanas santas do catolicismo preconciliar, había un costume que pertencía de pleno dereito aos primeiros; aos de máis convición e gozo. Ás doce da noite do Sábado de Gloria para o Domingo de Resurrección tocaban a rebato as campás do veciño convento das Siervas de Jesús. Acababan os dós da Semana Santa, e xa podía un divertirse e poñer música. Música lixeira, que non aqueles tostóns de música sacra con que nos atafegaban nas emisoras do Movemento. E na casa de Loli había un disco, daqueles de lousa, cunha canción, o Pica-Pica, que cantaban todos a coro e bailaban por parellas mais ou menos estables:

El hombre ha de ser,
como el picaflor.
Pica en todas la flores,
pica, pica,
rinden sus amores
a ninguna mujer …

Hoxe a letra sería moi politicamente incorrecta, pero nos tempos de "A Negra" Bozán as había moito peores. María Sofía Isabel  Bergero, "A Negra" Bozán, foi unha actriz arxentina de vodevil, teatro, cinema e cantante de tango entre 1925 e 1958, unha das pioneiras do humor arxentino, que “deslindaba, con estraña sabedoría, o canyengue do guarango e o cómico do obsceno”. Unha auténtica estrela porteña desaparecida en plena carreira.

Yo soy Sofía Bozán
yo canto porque lo siento
mi pelo lo peina el viento
y me gusta el bataclán
Si quieren verle la hilacha
A mi estirpe de tanguera
No me venga con guarachas
A mi me gusta el Gotán.


viernes, 11 de enero de 2019

Ser avó


Ser avó é volver a descubrir o mundo nos ollos, nos beizos, na pel, no falar dos nosos netos. Ser avó, e ter tempo para eles é un privilexio que a vida dános a uns poucos. Ser avó, e ter o hábito de escribir, nos permite non esquecer eses momentos especiais. Ser avó e vivir nestes tempos de florecemento das redes sociais nos da a oportunidade de compartilos cos amigos.

Hoxe, coma fago a cotío, fun a buscar a Lucía ao colexio. A volta facémola nun grupo pouco numeroso de pais, nais e algún avó. Entre eles case que sempre está J***, o pai de M***, unha das amiguiñas da miña neta. J*** é un rapaz rideiro, moi amigo de facer chanzas cos nenos.

- Lucía – preguntoulle moi serio – Que me trouxeron os Reis na túa casa?

Lucía quedou un intre confusa, pero reaccionou de contado:

- Trouxeron para ti este abrazo!

lunes, 29 de octubre de 2018

Pero houbo algunha vez algunha compositora?


Malia que na relixión cristiá a padroa da música sexa unha muller, Santa Cecilia, e que Euterpe, a súa musa, o sexa tamén, o papel da muller na historia oficial desta arte é francamente penoso. No imaxinario da xente, aínda da dun certo nivel cultural, non existe ningunha muller compositora. Tanto é así que fai uns días nunha aula da materia de Danza I do Ciclo Medio da ETRAD, a escola de música tradicional de Vigo, ninguén soubo citar o nome de ningunha compositora. Se isto sucede entre a xente vinculada ao mundo da música que pasará entre aqueles que o mais preto que teñen estado dela é cando cantan na ducha?
O papel da muller nas artes en xeral ao longo da historia foi un tema moi mal tratado, e a música non ía ser unha excepción. Menos mal que na actualidade o tema da muller como protagonista da súa propia vida xera unha grande interese. Hoxe a parte da poboación que segue a defender que a muller carece da capacidade de discernir o ben do mal, a beleza da  fealdade e que, polo tanto, non pode ter mais capacidade creadora que a de parir o fillo dun home, filla non vale, son minoría. Alborotadora pero minoría.
A muller dende a noite dos tempos levou na súa alma a mesma capacidade creadora que o home. Foi o medo e a ignorancia, maiormente en forma de relixión, á que separouna desta actividade considerándoa bruxa ou endiañada. Despois de tantos séculos de monoteísmo, a quen lle pode estrañar que a nómina de mulleres compositoras cuxa memoria chegou ata hoxe sexa tan reducida?
Como pequeno exemplo coñecido de tal actitude quero citar ao Papa Inocencio IX, quen en 1686 declarou:
A música é totalmente daniña para a modestia que corresponde ao sexo feminino, porque se distraen das funcións e as ocupacións que lle corresponden. Ningunha muller con ningún pretexto debe aprender música ou tocar ningún instrumento musical”.
Este edicto foi renovado en 1703 por Clemente XI, e durante moitos séculos mais foi a opinión mantida pola maioría das autoridades eclesiásticas.
Nesta publicación queremos recoller soamente unhas poucas moi notables compositoras cuxos nomes non foron totalmente borrados da historia e tivemos a sorte de que chegaran ata nos, sinalando que o papel das mulleres na música é infinitamente mais amplo que o que recollemos nestas apresuradas notas.

Hildegarda de Bingen.
Hildegarda de Bingen (1098-1179), abadesa no mosteiro de Rupertsberg, na cidade alemá de Bingen é a primeira persoa no mundo da que se conserva música escrita. De feito foi a primeira muller en moitas cousas, como, por exemplo, en predicar en público nas prazas.
Avogou por unha estreita relación entre texto e música.“A alma é sinfónica, e o mesmo que a palabra designa ao corpo, así a sinfonía designa ao espírito, porque a harmonía celeste proclama a divindade, e a palabra publica a humanidade do fillo de deus.”
Hildegarda foi unha das mulleres mais extraordinarias da Idade Media: mantivo correspondencia con catro papas, escribiu innumerables escritos de explicación dos evanxeos, e tamén himnos, misas, responsos e representacións sacras. E foi declarada Doutora da Igrexa e canonizada no ano 2012 polo Papa Benedicto XVI, o que dános unha idea da extraordinaria velocidade coa que a Igrexa actualiza o seu pensamento.

Nannerl Mozart
Maria Anna Walburga Ignatia Mozart (1751-1829), coñecida como  Nannerl foi a irmá maior do xenial compositor Wolfgang Amadeus Mozart, e coma el superdotada para a música. Educada polo seu pai Leopold como Nena prodixio, tomou clases de piano e composición, e deu un gran número de concertos acompañando a Wolfgang ao violín. Pero o feito de ser muller fixo que o seu propio pai relegásea a un segundo plano, pois representaba unha posible sombra para o seu irmán, así que se lle impediu seguir compoñendo e dedicouse a impartir clases de piano.

Isabel Ángeles Colbrán
Naceu en Madrid 1785, filla dun mestre de capela da corte de España. Foi considerada a mellor mezzosoprano e soprano dramático-coloratura do seu tempo. Gioachino Rossini, con quen casou en 1822, considerouna a súa musa e unha das mellores intérpretes da súa obra. O matrimonio da Colbran con Rossini pasou por frecuentes desavinzas domésticas por mor das moitas infidelidades de Gioachino Rossini. En 1837 Isabel e Gioachino deixaron París para vivir en Italia.
Isabel Colbrán foi tamén unha notable compositora e deixou escritos 4 volumes de cancións dedicadas á Raíña de España e á tsarina de Rusia. Os expertos consideran as súas obras de “estilo Rossiniano” pero o realmente curioso é que foron compostas antes de coñecer a Rossini.
Isabel morreu en Bolonia en 1845.


Fanny Mendelssohn
Fanny Cecilie Mendelssohn (1805-1847), foi unha compositora e pianista alemá, irmá do coñecido compositor Felix Mendelssohn e neta do filósofo Moses Mendelssohn. Prodixio musical desde ben pequena tivo a sorte de recibir unha exquisita educación musical, nunha época en que se consideraba normal que as nenas non estudasen máis que lectura, escritura, e as chamadas "artes de adorno", pois o seu destino "natural" era casar e criar fillos. Sorte que en 1829 casou co pintor Wilhelm Hensel, quen, coñecedor do seu talento, brindoulle todo o seu apoio. Félix e Fanny, foron un exemplo de amor fraternal; mesmo ela era mellor pianista que el, e Félix sempre valorou as críticas que ela lle facía en todo sentido. Fanny debutou en público en 1838, interpretando o Concerto nº. 1 para piano do seu irmán. En total compuxo 466 pezas musicais.


Maria García Malibran.
Compositora española rescatada do esquecemento pola grande Cecilia Bartoli, que dedicoulle un disco e unha chea de recitais por todo o mundo. Cecilia realizou un gran labor de investigación, buscando partituras  autógrafas da Malibrán e conseguindo reunir un verdadeiro museo sobre esta Cantante e Compositora Maldita.
María naceu en París en 1808, porque a súa nai acompañaba daquela ao seu pai, o tenor e compositor sevillano Manuel García, que estaba traballando alí naqueles momentos.
Debutou como cantante aos 16 anos co Barbeiro de Sevilla e con 17 anos iniciou unha xira por América. Era posuidora dunha extraordinaria voz coa que actuou en todos os teatros de Europa, e que ía de mezzosoprano a soprano, e aínda que figura nos libros como unha das voces máis fascinantes da historia, escribiu unha extensa serie de nocturnos, arias e romanzas que Hector Berlioz tiña en grande estima. Con todo, a súa música non se publicou ata o 1828 e os dereitos de venda, polo seu expreso desexo entregábanse a unha escola de orfos de París. Morreu en 1836, durante os ensaios do Andrónico de Saverio Mercadante, como consecuencia das secuelas dunha caída de cabalo.

Clara Schumann
Clara Wieck, logo coñecida polo seu nome de casada, Clara Schumann (1819-1896) foi una nena problemática. Cando tiña cinco anos apenas sabía falar, pois a súa ama era xorda pero en compensación aprendeu a toca-lo piano. Aos 9 anos fixo o seu debut como virtuosa de piano con música sobre temas de Rossini. Con 11 anos escribiu o seu primeiro lied. E converteuse na pianista máis famosa da súa época. En 1840 casou co pianista Robert Schumann un dos mais coñecidos compositores románticos. Clara foi durante moitos anos a súa verdadeira fonte de inspiración. Cando en 1854 Schumann, tivo que ser internado nun manicomio, Clara dedicouse a tocar por toda Europa nos mellores teatros para poder manter ao seu marido e sete fillos. Aínda que Clara non compuxo nada tras o seu matrimonio, quizais para non agravar a mente enferma de Robert, hai tratadistas que pensan que na obra de Robert hai moito de Clara. De feito Brahms, que foi amigo do matrimonio estaba completamente convencido da xenialidade, de Clara, chegando a escribir a un amigo:
“Ensinei a Clara a miña sinfonía e suxeriume algúns cambios que penso respectar. A miña estima por ela é infinita”.

Alma Mahler
Alma Marie Schindler, coñecida como Alma Mahler (1879-1964) foi esposa, sucesivamente, de personaxes notables do século XX, como o compositor Gustav Mahler, o arquitecto Walter Gropius e o novelista Franz Werfel. Alma foi unha magnífica pianista; estudou composición con Alexander von Zemlinsky, escribiu algúns lieder e empezou un trío. Cando casou con Gustav Mahler, este advertiulle que “o rol de compositor, o mundo do traballo, correspondíalle a el, mentres que a ela tocáballe facer o papel de compañeira amante e parella comprensiva” O que non era moi comprensivo era el.
Con todo, a paixón de Alma pola música fixo que se dedicase a ela ata atoparse coa morte en 1964.

Non debera ser o final
Esta publicación non é mais que un pequeno e limitado achegamento a este apaixonante tema. Seguro que coa contribución de todos vos poderemos enchelo de moitas mais mulleres compositoras esquecidas.

Á procura do inalcanzable

Escoitando hoxe o CD de Caroline Herring " The Golden Apples of the Sun " veume ás mentes o libro de contos de Ray Bradbury, ...