viernes, 25 de diciembre de 2020

Unha historia ucraína

 


Unha das cousas que teño en grande estima nesta rede social que sería tan boa se os seus propósitos non foran tan retorcidos, é a sección de “tal día como hoxe”. Nela descubro moitas cousas que seguen a ter validez e que, parvo de min!, din de comer aos porcos. Hoxe descubro unha publicación do 25/12/16 que quero ter a man. Dicía así:

Onte, por felicitarnos as festas do solsticio de inverno, estiven a falar co meu amigo Maxi Olariaga. Entre moitas outras cousas conteille que estabamos, Loli e máis eu, como di a copla “enzoufados os brazos na cociña". Maxi, esgrevio mariño que estivo moitos anos embarcado, apuntou que pensaba que o meu arte culinario non me daría para moito máis que para ser o sollastre da miña muller. Encantoume a sonoridade da palabra: sollastre! Aclaroume Maxi que era un termo mariñeiro, e como tal comecei a súa procura na miña colección de dicionarios galegos por ver se tan fermosa voz se recollía nalgún deles. Fracaso total: nin no Dicionario da RAG, nin no Estraviz, acobillo de moitas palabras perdidas, nin tan sequera no Dicionario de dicionarios, se recolle tal palabra. Si que figura no da RAE, que di:

Sollastre. (de sollar).

1. m. Pinche de cocina.

2. m. Pícaro redomado.

Non contento co resultado, seguín na miña procura, navegando polos procelosos mares da arañeira mundial que é Internet. Para descubrir ao fin detrás dunha fermosa pintura do ruso Iliá Repin que leva por título “Cosacos zapórogos escribindo una carta ao Sultán” unha fermosa historia que paso a relatar, copiando, aproximadamente, o que diversas fontes din dela.

O lenzo mostra unha escena da historia ucraína, ambientada en 1676. O pintor recolle o momento no que os cosacos ucraínos de Zaporozhia están a redactar unha resposta ao ultimato do Sultán Mehmed IV do Imperio otomán. Os cosacos veñen de derrotar en batalla ás tropas do exército imperial otomán pero este, inatinxible ao desalento, esixe a aceptación do seu dominio coas palabras seguintes:

O ultimato do Sultán:

Como Sultán, fillo de Mahoma; irmán do sol e da lúa; neto e vicerrei de Deus, gobernante dos reinos de Macedonia, Babilonia, Xerusalén, Alto e Baixo Exipto, emperador de emperadores, soberano de soberanos, extraordinario cabaleiro, nunca derrotado; firme gardián da tumba de Xesús cristo, delegado do poder divino, esperanza e confort dos musulmáns, co fundador e gran defensor dos cristiáns,... Ordénolles, cosacos zapórogos, a someterse a min voluntariamente sen resistencia algunha, e cesar de molestarme cos vosos ataques.

E firma: o Sultán de Turquía Mehmed IV

E que contestan os cosacos? Alá vai a súa resposta:

Oh sultán, demo turco, irmán maldito do demo, amigo e secretario do mesmo Lucifer. Que clase de cabaleiro do demo es que non podes matar un ourizo co teu cu espido?. O demo caga, e o teu exército trágao. Xamais poderás, fillo de cadela, facer súbditos a fillos de cristiáns; non tememos ao teu exército, combaterémosche por terra e por mar, podréceche!

Sollastre babilónico, tolo macedónico, cantineiro de Xerusalén, fodedor de cabras de Alexandría, porqueiro do alto e baixo Exipto, porco armenio, ladrón de Podolia, catamita tártaro, verdugo de Kamyanéts, parvo de todo o mundo e o inframundo, idiota ante o noso Deus, neto da serpe e cambra nos nosos penes. Morro de porco, cu de egua, can de matadoiro, rostro do anticristianismo, fode á túa propia nai!

Por isto os zapórogos declaran, lixo de baixo fondo, que nunca poderás apacentar nin aos porcos de cristiáns. Concluímos, como non sabemos a data nin posuímos calendario; a lúa está no ceo, é o ano do Señor, o mesmo día é aquí que alá, así que bícanos o cu!

Koshovyi Otamán Iván Sirkó e todos os zapórogos.

Ignoro se tal historia é ou non certa. Aínda máis dáseme unha figa! É divertida que é o que menos abunda na historia! E ben acaída ao carácter de argalleiros, brincadores, amantes da rexouba e os bos caldos que os cosacos eran e son. Que deixar sen axeitada resposta ás infantís ameazas escritas de alguén que ven de levar unha malleira non é cousa de xente amante da boa chacota, afeccionadas ás chanzas, á troula, o barullo e o boureo, e unha ocasión como esta de poñer no seu sitio a un farfallán botaporela como un Sultán, fillo de Mahoma, irmán do sol e da lúa, neto e vicerrei de Deus, non é de deixar pasar sen axeitada resposta escrita.

miércoles, 2 de septiembre de 2020

Arte funerario en Pereiró


 Non é de estrañar que nun cemiterio tan repleto de arquitectura e escultura funeraria de altísima calidade como é o de Pereiró en Vigo o monumento dedicado ao mestre Elías Pérez Martínez por iniciativa do semanario La Ráfaga, pase desapercibido a moitos dos seus visitantes, malia á súa privilexiada situación a poucos metros da entrada principal.

Non é de estrañar pero si de lamentar. Porque para un monumento que temos a un docente nunha cidade inzada de estatuas de mariños ilustres e políticos renartes (e algún que outro escritor, certo é!) deberamos darlle un pouco máis de importancia, especialmente nestes días nos que a pandemia ven a recordarnos que o verdadeiramente importante son a saúde e a educación.



Elías Pérez Martínez foi un notable mestre vigués ao que moitos recordan, manda chover na Habana!, por un dos seus alumnos do Colexio de Humanidades: o ilustre mariño e militar don Casto Méndez Núñez. Don Elías, ademais dun grande mestre respectado e querido polos seus alumnos, foi autor dun interesante tratado de pesas e medidas, do que se conserva algún exemplar disque na Fundación Penzol [1]. Cando faleceu en Vigo a finais de 1899, varios antigos alumnos seus organizaron, co apoio do mencionado semanario La Ráfaga, unha homenaxe co que recadar fondos para a erección dun monumento. Resulta curioso que tivera que ser precisamente un semanario combativo e satírico o que fixese posible que chegara a nós o recordo en pedra deste importante docente.

E xa postos a cousas curiosas, sinalar que o monumento foi deseñado por Xenaro de la Fuente, que era tenente do corpo de enxeñeiros e funcionario do Concello de Vigo, onde fixo as funcións de director facultativo de obras municipais. Tamén exerceu de profesor de debuxo aplicado á ornamentación, modelado e baleirado na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo. Da súa autoría son algúns dos edificios máis fermosos de Vigo: as casas de Manuel Bárcena, hoxe sede de Afundación, o desaparecido edificio Rubira, o edificio Bonín, o Gran Hotel de Mondariz Balneario, o Hotel Universal, o Mercado de Bouzas, o Pazo de Lourizán, e moitísimos máis … pero Xenaro de la Fuente non tiña o título de arquitecto.​ Tanto é así que en 1905 a xunta de arquitectos de Madrid solicitou ao Ministerio da Gobernación que fora separado do posto, e en 1907 a Asociación de Arquitectos de Galicia presentou unha querela criminal contra el, sendo condenado polo Tribunal Supremo. Malia todo gozou do pleno apoio do Concello de Vigo, de xeito tal que cando morreu o posto de arquitecto municipal de Vigo foi ocupado polo seu fillo Xenaro, este si arquitecto titulado.

O “semanario satírico” La Ráfaga naceu un sábado 4 de abril de 1914 da man de dous afoutados vigueses: os irmáns Miguel e Ramón Campos Peña. No seu inicio estivo dirixida por Francisco Vidales Canle que renunciou en decembro dese mesmo ano, Aquilino Parada, os irmáns Miguel e Ramón Campos Peña e Ceferino Maestú Novoa. Os redactores foron Ricardo Trillo e Humberto Cuíñas e entre os colaboradores máis habituais figuraron José Signo, "Andrés de Brizeux” e Rogelio Rivero que tiña unha sección crítica titulada "Aturuxos".


La Ráfaga
foi un dos semanarios máis combativos de Galicia. Con información, reflexión, crítica, cultura e lecer, os contidos que debe ter a prensa para poderse considerar tal. Xente intelixente e decidida, convencidos de que un xornal comprometido podía axudar a mellorar a sociedade. Como consecuencia da súa actitude sufriron os rigores da censura, e coa ditadura de Primo de Rivera, períodos de peche. O seu director tivo que ir ao cárcere en 1925 por defender a liberdade de expresión. A colección que se garda na Fundación Penzol chega ata 1935, pero hai testemuñas de que o semanario sobreviviu ata o comezo da guerra civil.

Finalmente dicir que o monumento a Elías Pérez Martínez non se inaugurou ata o ano 1918. En palabras do director de La Ráfaga:

Reuniuse diñeiro, pero non faltou o pillabán que quedase con el”.



Nota [1]: “Tratado del sistema métrico decimal de pesas y medidas y conocimiento de las monedas nacionales y estrangeras (sic) aplicadas al giro mercantil”. Dedicado al Ilustre Ayuntamiento de la F.L. y V. ciudad de Vigo, por Don Elías Pérez Martínez. Profesor de Náutica y Matemáticas del Colegio de Humanidades que hubo en esta ciudad”. Vigo, 1853. Imprenta de D. Angel de Lema.

Nota [2]: Foto da portada do semanario La Ráfaga cortesía de Alejo Amoedo Portela.

 


miércoles, 29 de julio de 2020

A xeito de SOS



Pasei unha parte do ano 1969 e o 1970 enteiro, recluído, ou como din na América latina “conscripto”[1], nun cuartel da cabalería acoirazada que o exército español tiña en Retamares, un lugar inhóspito e desapracible perdido no medio das xestas do monte, entre as vilas de Pozuelo de Alarcón e Boadilla del Monte. Xestas que segundo as vellas tradicións da nosa terra poden ser utilizadas para acadar o teu desexo. Basta con coller unha poliña de xesta e facerlle un nó á vez que se lle pide o desexo. E mellor se o nó faise cunha soa man.

Dende o alto da Cañiza
Vexo o coto da Franqueira
As mozas que atan a xesta
Non van alá máis solteiras.

Nese páramo desolado debuxei con pluma de caligrafía e tinta china mínimos medios que na oficina do S-2, o Servizo de información militar, tiña, este poema ilustrado cunha imaxe das mans dun Celso Emilio Ferreiro do que non sabía a idade, pero que maxinaba, por sabio, vello, escribindo o seu fermoso poema “Limiar” daquel fermosísimo libro que Loli atopou na man de Fernando da Librería Cervantes, o “Viaxe ao país dos ananos” que editara en 1968 “Libros de la Frontera” na súa colección “El Bardo”, nunha fermosa edición bilingüe con prólogo e tradución de Xesús Alonso Montero.


Nota [1]: un conscripto é un mozo ou home novo que efectúa o seu servizo militar.

domingo, 19 de julio de 2020

Brétema en Samil


Néboa hoxe en Samil. A brétema, cegoña, fuscallo, néboa, neboeira, neboeiro, borraxeira, bruma, mera ou parrumada, que todos eses nomes ten en galego, é tradicionalmente unha maldición para os veraneantes das Rías Baixas no mes de agosto, e para os navegantes todo o ano.
Ata onde eu sei, que non é moito, néboa, neboeira e menos correctamente neboeiro son os termos xenéricos máis axeitados para definir a condensación na atmosfera do vapor de auga do aire en contacto coa superficie terrestre, mentres brétema e mera son mais utilizados cando a devandita condensación se produce na superficie do mar. Finalmente cando o vapor de auga leva partículas de po en suspensión falase de borralleira, calixe ou parrumada.
A sabedoría popular, que condensa séculos de experiencia meteorolóxica nunha frase, ten en galego para este fenómenos os adaxios seguintes:
- A mera no san Xoán leva o viño e mailo pan. - Ano de brétemas ano de medas. - Brétema húmida adoita traer chuvia. - Brétema no monte, mellor que pola mañá é pola noite. - Brétemas no alto, chuvias no baixo. - Brétema no Padornelo sardiña no garavelo.  [1]
- Brétema na montaña, pescador na cabana. - Brétema no val, pescador á rúa. - Néboas rubias ao nacente, leva os bois ao lameiro e vente. - Néboas rubias ao sol nado, tempo desgobernado. - Onde vexas néboa no mes de xaneiro, fai o teu fillo herdeiro. - O San Antón varre as néboas ao “rincón”. - Néboa arrastrada, aos tres días mollada. - Néboa en marzo, xeada en maio. - Neboeiro nos montes, auga nas fontes. - Día de neboeiro, día de soalleiro.
E seguro que moitos de vos sabedes algunhas máis! Se tal é o caso, non teñades vergonza, sacudide a preguiza e deixade aquí a vosa achega, que será moi ben recibida por todos os amantes da cultura popular e da nosa fermosa fala.



Nota [1]: Un garavelo é un cesto pequeno cun aro para levalo pendurado do brazo.

viernes, 19 de junio de 2020

Da "caída do comunismo"



Sen “ánimus molestandi” e sen pretender “sentar cátedra” nun tema no que me queda tanto que estudar para chegar ao aprobado raspado, pero por precisar certas expresións que vende a ideoloxía oficial e que utilizamos sen pensar. Cando falamos da “caída del comunismo” temos que entender que non existiu nin existe ningún país comunista. O sistema socioeconómico que fracasou na Unión de Repúblicas SOCIALISTAS Soviéticas, foi o “socialismo nun so país”, concepto que con tanto acerto definiu o historiador inglés, diplomático, xornalista e teórico das relacións internacionais Edward Hallett Carr no seu monumental “El Socialismo en un Solo País (1924-1926): Historia de la Rusia Soviética”. O comunismo como modo de organización da sociedade se caracteriza pola propiedade en común dos medios de produción, a ausencia de propiedade privada nos medios de produción, a inexistencia de clases sociais e de estados. Ou é planetaria ou non é.

E para os que ao “non existiu nin existe” engaden “nin existira”, dedico soamente un sorriso se pertencen á crase dos explotadores e unha bágoa se dos explotados.

martes, 16 de junio de 2020

28 Olladas de paixón no "Modus Vivendi"



Chégame estes días a mala nova do peche inminente do Derby do número 29 da rúa das Orfas, un dos poucos “cafés de fala” que quedan na nosa Galicia. Pechadas as portas, anos van alá, do Voltaire de Ourense e do Derby de Vigo, parece que ningún particular, nin institución algunha, van a evitar o cese das actividades deste abeiro da cultura cidadá, este acubillo de todos aqueles que algunha vez nas súas vidas foron composteláns. Perder un café deste xénero, cada día máis escaso, é como perder unha parte importante da memoria colectiva da cidade, da historia cotiá dun pobo e das súas xentes.


Oficiabamos esta conversa a respecto deste e outros temas de moita enxunlla, como temos por costume; arredor dunhas cuncas dun excelente treixadura, mesturado con habelencia coas proporcións axeitadas de godello, torrontés, albariño e loureiro, que xa se sabe que unha boa conversa quere dun bo fluído que aclare o fonador, nunha desas benditas tascas onde nin cans adoecidos, xordos vociferantes ou pícaros sen vixilancia son ben recibidos. Estabamos comentando a devandita nova, e outras semellantes, todas elas arredor da cultura que esmorece e morre a cotío nas nosas vilas e cidades, cando, para á miña desgraza, véuselle ás mentes a promesa que un día lle fixera de contarlle cousas da miña primeira (e única) exposición de pintura: a do Modus Vivendi.


Eu coñecín o Modus non cando a súa apertura, no ano 1972, senón cando o benquerido amigo Lalo colleu as rendas do local, alá polos anos 80, cando en Compostela as rúas estaban tan cheas de xente con arelas de diversión que a autoridade competente tiña que pechar ao tráfico a rúa Nova de Abaixo, porque “había tanta xente na rúa que era imposible circular”. Dende a súa apertura a vocación do Modus foi a de “dar de beber ao persoal algo máis que espirituosos”. E ese “algo máis” non era outra cousa que mantenza para o espírito: música en directo, actuación e lecturas de poemas, etc. E exposicións de pintura. No sei como, e teño que aclarar que os espirituosos antes citados non tiveron nada que ver no tema, Lalo foi quen de conseguir vencer a miña natural timidez, (daquela) e deixei que me convencera para mostrar nas súas paredes parte da miña obra..


O certo é que eu tivera dende sempre unha grande afección polo debuxo, e ollando hoxe algúns dos que conservo, vexo que, aínda que teñan máis entusiasmo que técnica, algo me din hoxe do mozo que fun. Afección que tiven que cultivar cando rematada a carreira de Perito Industrial e co Servizo Militar por facer, comecei a traballar nunha axencia de publicidade. Por non falar do ano e tres meses que pasei servindo á patria, (a patria dos outros, que a miña é matria), tempo no que por sorte puiden traballar arreo nesta afección.

De todo ese material escollín un tema, os ollos, e un lema, “28 olladas de paixón e un fitar desesperado”, copiado de Neruda, e deseñei un cartaz da exposición cos escasos recursos que eu tiña daquela. Unhas táboas de aglomerado, uns “paspartús” negros, uns cristais e unhas grampas serviron para enmarcar os debuxos. E un xoves 16 de setembro de 1982 montamos en catro patadas a exposición. O sábado 18 fomos a Santiago para a inauguración oficial, nova que saíu nunha pequena nota no Correo Galego. O mesmo diario publicou o mércores día 29 unha entrevista que, como era habitual naqueles tempos, publicouse en castelán malia que se desenvolvera en galego. Máis valor tivo o periodista da Voz de Galicia, de cuxo nome sinto non lembrarme, que aínda reproduciu, con más ánimo que acerto, as miñas respostas na nosa fala de trobadores e, por que non?, de científicos, na edición do domingo 26 do devandito mes. 


Algúns dos debuxos expostos seguen comigo; algúns marcharon e agardo que vivan nas paredes e nos ollos dos seus donos. O que non marchou e vive no mais fondo do meu peito é a ledicia daqueles días pasados en Compostela, rodeado de seres benqueridos por min e que terán para sempre o seu recunchiño no meu tesouro de recordos.



lunes, 15 de junio de 2020

O maior "auto de fe" da historia da música




Parece que a relación de Eduard Strauss co seu irmán maior, Johann, estaba marcada en boa medida pola envexa e os celos, pois Eduard queixábase de que a dirección da orquestra dos Strauss non lle deixaba tempo para compoñer, algo que, pola contra, o seu irmán Johann tiña abondo. Johann reprochaba esta actitude ao seu irmán nestas liñas dunha carta dirixida a Eduard:

"Ti ves sempre todo negro; pensas que sempre che quero causar algún mal. Cantos anos terás que ter para que finalmente comprendas que o teu irmán non é o teu inimigo?"


Eduard Strauss morreu o 28 de decembro de 1916 e o últimos anos da súa vida, retirado xa dos escenarios, dedicouse á escrita da historia da familia, memorias que publicou no 1906 co título de Erinnerungen, Lembranzas. O 22 de outubro de 1907 Eduard pasa definitivamente á historia da infamia cando manda arroxar ás chamas todo o arquivo musical da familia Strauss, que custodiaba desde 1825, e no que se atopaban obras inéditas dos seus irmáns Segundo explicaba o propio Eduard era un acordo ao que chegara co seu irmán Johann en 1869, de que o último dos irmáns en morrer destruiría todo o arquivo para que ninguén despois deles puidésese aproveitar do seu traballo, pero estudosos como Henri-Louis de Lagrange sosteñen que non foi esta a razón senón a envexa e o resentimento.

Eu, que teño unha certa tendencia a pensar ben da xente, creo sinceramente que un home que escrebe cousas como estas non pode ser un miserable:



Á procura do inalcanzable

Escoitando hoxe o CD de Caroline Herring " The Golden Apples of the Sun " veume ás mentes o libro de contos de Ray Bradbury, ...