lunes, 14 de junio de 2021

O licor da flor do toxo


Alá polos anos setenta, cando a coñá, o ponche e “solisombra” eran os reis das barras, e descubriamos o güisqui da man de DYC, e de Ballantine’s os que tiñamos algún amigo embarcado, descubrimos o licor da flor do toxo que, como bos nacionalistas algúns, e nacional/internacionalistas outros, adoptamos con paixón, coma feito distintivo da nosa condición de galegos. Pensade que estamos a falar dun licor inventado en Galicia, etiquetado en galego e que viña nunha caixa coa bandeira e o himno galego con Franco aínda vivo, e con capacidade de matar, coma comprobarían José Humberto Baena e José Luis Sánchez Bravo, por non citar mais que aos galegos, no 75. As botellas de licor de toxo estaban en tendas e colmados, bares e tabernas de toda Galicia. Co paso do tempo, moitos abandonaron a súa militancia alcohólica, e o licor de toxo foi desaparecendo pouco pouco da nosa memoria gustativa. Reproduzo a imaxinativa lenda coa que os creativos da firma incitaban ao seu consumo, no galego, pouco normativizado e un pouco de mais enxebrista, que utilizabamos daquela:

“Licor da fror do toxo”
“O toxo, sempre alpurnado, aldraxado e atachado, esta eiqui por algunha razon. ninguen tencionou os motivos da sua presenza na nosa bieita terra. mais tivo de chegar o momento de faguerlle comprido homaxe o que conten esta botella, ceibouno o toxo: enton ¿val ou non?.
Ten de ser unha laboura de descoberta feita po-los teinicos de
Destilerias del Noroeste de Xubia (a Cruña)”

martes, 25 de mayo de 2021

1ª Festa de Poesía do Condado


No mes de maio de 1981, a SCD. Condado, celebrou en Mondariz-Balneario a 1ª Festa de Poesía do Condado, á que, ignorantes pero cheos de fervor, asistimos coa nosa pequecha Lidia. Estamos case que seguros de lembrar que leron Mª do Carme Kruckenberg e Xosé Luís Méndez Ferrín, e totalmente seguros que o fixo o Grupo Rompente. O certo é que as lembranzas daquela Festa mestúranse con as doutras festas, e daquela os afeccionados á fotografía pensabamos moito antes de empregar unha das 21 fotos dispoñibles nos carretes mais convencionais, polo que soamente temos constancia gráfica destas tres actuacións.


Os amigos da SCD do Condado (grazas Irene!) nos botaron unha man identificando a Xosé, un dos seus directivos á esquerda da primeira foto, e a Manolo Romón tamén a esquerda da segunda. Ao gaiteiro e ao resto ó mellor algún de vos lle pon nome.



lunes, 3 de mayo de 2021

María: a miña profesora de galego.


Non son eu moito de días en xeral nin deste día das nais en particular, sobre todo tendo en conta os motivos polos que os comerciantes o moveron do día 8 de decembro, mes no que había exceso de celebracións, a este mes de maio con moitas flores pero poucas compras. Así a todo hoxe, cousas ao mellor do confinamento, veume ás tripas a gana de revisar vellas fotos da miña nai.

E remexendo remexendo, escollín esta para publicar. Porque canda nosa nai estamos os catro irmáns. Outrosí porque tamén está na foto a persoa a quen escoitei por primeira vez na miña vida falar en galego, cousa que descubrín anos despois, que daquela pensaba que “falaba raro”.

E hoxe que din que é o día das nais tampouco está de máis que ela, a nosa ama María que non o foi no sentido estrito da palabra, comparta un pouco do noso afecto, agarimo, estima e benquerenza con Emelia María Julia Pardo Martín, que tal era o nome da nosa nai.

Querémosche mamá!

jueves, 29 de abril de 2021

Retrato de Beatrice Cenci

No 1818, nun dos seus viaxes en Italia de cidade a cidade, o escritor, ensayista e poeta romántico inglés Percy Bysshe Shelley viu no Palazzo Colonna o retrato dunha dona que impresionoulle fortemente. Era o retrato de Beatrice Cenci, unha nobre italiana protagonista dun estarrecedor parricidio na Roma do 1598.

O retrato, atribuído a Guido Reni, que mostra unha moza chea dunha infinda tristura, fixo que o poeta se interesara pola súa historia e pasou o verano de 1819 en Livorno escribindo a súa traxedia "Os Cenci" arredor daqueles acontecementos.


Shelley morreu en Viareggio, no Gran Ducado de Toscana, o 8 de xullo de 1822, máis a obra non foi representada en público ata 1922, cen anos despois!

Quen non se move non sente as cadeas!

Jean-Paul Sartre dixo unha vez de Cornelius Castoriadis: "Castoriadis sempre tivo razón, pero no momento equivocado". Ao que Cornelius respondeu: "En cambio Sartre sempre estivo equivocado no momento xusto".
Cornelius Castoriadis (Istambul, 11 de marzo de 1922 - París, 26 de decembro de 1997) foi un filósofo e psicanalista, defensor do concepto de autonomía política e fundador nos anos 40 do grupo político Socialismo ou barbarie e da revista do mesmo nome, de tendencias próximas ao luxemburguismo. O termo luxemburguismo refírese ao movemento marxista revolucionario creado por Rosa Luxemburgo e Karl Liebknecht, coñecido polo nome de Liga Espartaquista.
Precisamente de Rosa Luxemburgo é a cita:
“A revolución proletaria non ten ningunha necesidade de utilizar o terror para acadar os seus obxectivos. Detesta e repudia o asasinato. Non necesita recorrer a eses medios de loita porque non combate aos individuos, senón ás institucións, porque non entra na liza con ilusións infantís que, decepcionadas, entrañarían unha vinganza sanguinaria”.

sábado, 17 de abril de 2021

A sombra dun xenio

A sombra dun xenio é tóxica: poucas veces deixa medrar ao seu redor fillos ou irmáns. Por poñer un caso: Carlos del Valle-Inclán y de la Peña, o irmán maior de don Ramón María. Facede unha procura en Google. Poucas, moi poucas referencias, se facemos excepción das de Carlos Luis, o fillo do seu irmán. E ás máis destas referencias están nas páxinas do seu irmán. Por exemplo na Wikipedia atoparedes na biografía deste a frase: “participando activamente, junto a su hermano Carlos, en la vida periodística de la ciudad.” Unha noticia na Voz de Galicia da reedición do seu libro «Escenas Gallegas», e pouco mais. Se non fora polos datos que Catalina Miguez Vilas, do Grupo de Investigación Valle-Inclán da Universidade de Santiago de Compostela, inclúe no seu artigo dedicado a Ramón del Valle-Inclán en Pontevedra. Que inicia os seus estudos de Dereito na facultade de Santiago co seu irmán Ramón no curso 1884-1885, aínda que el se que os da cabo. Que chega a traballar coma profesor numerario na sección de letras do Instituto de Pontevedra para acadar méritos, aínda que non recibe soldo. Que foi autor de varias obras literarias de relativo éxito, entre eles Escenas gallegas, publicado no ano 1894 na Tipografía de José Eiras García da Rúa Michelena de Pontevedra. Que Carlos tivo un papel influente na formación intelectual de Ramón, que xuntos colaboraron na prensa galega nos seus anos universitarios e que Carlos foi o primeiro en asinar co apelido Valle-Inclán, tomándoo do seu ilustre antepasado Francisco do Valle-Inclán, catedrático da Universidade de Santiago e fundador da súa primeira biblioteca.


A foto é da Casa Museo de Valle-Inclán en Vilanova de Arousa.


martes, 9 de marzo de 2021

A pantasma e a señora Muir

No 1947 (o ano do meu nacemento) o Óscar á mellor película foise para "Gentleman' s  Agreement", coñecida (ou máis ben descoñecida) en castelán como "A barreira invisible", un  bodrio de Elia  Kazán.

Sospechosamente a obra mestra de  Mankiewicz "O pantasma e a señora  Muir" non foi nomeada máis que ao Óscar de fotografía que tampouco conseguiu. Hoxe 74 anos despois ninguén lembra a película de  Kazán mentres que a de  Mankiewicz é un clásico que pode verse hoxe co mesmo gusto que entón.

Cousas dos premios!

Á procura do inalcanzable

Escoitando hoxe o CD de Caroline Herring " The Golden Apples of the Sun " veume ás mentes o libro de contos de Ray Bradbury, ...