
Encantoume
Barcelona. As rúas e as casas, as xentes e a fala, a comida e a bebida, o ceo e
o mar. E por riba de todo as librerías. Nunha desas merquei o nº 11 da
colección Visor de Poesía de Alberto Corazón Editor, que leva por
título “Canciones” e cuxo autor e o
meu admirado Robert Allen Zimmerman,
mais coñecido coma Bob Dylan, premio Nobel de Literatura de 2016 por “crear unha nova expresión poética dentro da
gran tradición da canción estadounidense”.
Era daquela Jesús
García Sánchez, fundador co seu irmán Miguel da editorial
Visor, un dilanófilo de pro? Porque
non deixa de ser curioso que 45 anos antes que a Academia sueca xa alguén
pensara en España, onde non se editara algún dos seus discos ata 1966[1],
que o bardo de Minnesota, era
precisamente iso: un xograr que musicaba os seus propios poemas. Ou foi unha
proposta do moi galego escritor e
periodista, nado en Madrid, Eduardo Chamorro?


Cando a censura
franquista pecha a editorial Ciencia Nueva en 1969, xunto coa de Ricardo
Aguilera, Ediciones Halcón e Equipo Editorial de San Sebastián Alberto
Corazón funda que leva o seu
nome con dúas coleccións: Comunicación e Visor Poesía, cuxo deseño e portadas
comezaron a reportarlle o recoñecemento e prestixio do que goza hoxe a mancheas.
Nota [1]: Os
catro primeiros discos de Bob Dylan en España, o que se chamaban daquela EP,
que tiñan normalmente catro cancións, dúas por cada lado, foron editados por Discophon,
un pequeno selo de Barcelona. Se a memoria non me é infiel o primeiro foi un
que pasoume totalmente desapercibido (de feito penso que non chegou a Vigo) que
levaba “Rainy Day Women #12 & 35” e “Pledging My Time” na cara A e “One Of
Us Must Know (Sooner Or Later)” na B. O primeiro que merquei foi “Like a
Rolling Stone” con “Gates Of Eden” en la cara B. Logo saíu “Positively 4th
Street” que levaba unha versión de menor duración do “Mr Tambourine Man” na
cara A, e “From a Buick 6” y “On the Road Again” na B. O derradeiro dos EPs de
Dylan en Discophon foi “Highway 61 Revisited” con “Can You Please Crawl Out
Your Window” na cara A e “Tombstone Blues” na B.