viernes, 13 de diciembre de 2019

Pero, houbo algunha vez matriarcado en Galiza?


A xeito de brincadeira.

Contan que un día un grupo de amigos, bos comellóns todos eles, estaban nunha taberna de Bouzas a organizar unha paparota. A rentes deles, de cóbados no mostrador está o Manuel.

-          Manuel, ves o domingo a tomar un cocido coa cuadrilla?
-          Non sei, teño que preguntar á muller.
-          E logo Manuel? É que non es o cabeza de familia?
-          Ser, son! Pero a miña muller éche o pescozo, e dálle á cabeza para onde lle peta!

Sabedoría popular galega, reflexo dunha realidade social, ou só un chiste que podería suceder en calquera outro lugar do mundo? Sen ter que tomar necesariamente partido pensamos que este tema, aínda para  esta xeración con tantas fontes de información ao alcance dun clic, pode ter interese abondo como para debullar uns cantos datos.

Necesario ou aínda indispensable, antes de comezar unha reflexión como a que intentamos facer, é poñerse de acordo no significado dos termos que imos utilizar. Se queremos ter argumentos para afirmar ou negar a existencia e/ou permanencia dunha sociedade matriarcal en Galicia non teremos outra que aclarar que entendemos por matriarcado. 

Segundo o dicionario da RAG, matriarcado é un substantivo masculino que no eido da Socioloxía denomina a un: Réxime social, político e xurídico no que a nai, e en xeral a muller, exerce un papel preponderante na familia e leva a xestión do poder na sociedade.

O certo é que a definición que recolle a Real Academia Galega non é a mellor das posibles. Outros autores, máis centrados na etnografía e a antropoloxía apuntan que é “un termo que se aplica a aquelas sociedades nas que existe unha preponderancia da autoridade feminina en aspectos importantes da vida pública ou privada”, definición esta que consideramos moito máis axeitada.

O seguinte termo, complementario do antes definido, é o concepto de matrilinealidade,  que é un “sistema de liñaxe no que a adscrición do individuo realízase por vía materna, polo que os devanceiros familiares principais son parentes da nai”. Cada individuo considérase principal (ou aínda unicamente) descendente da nai, formando parte do seu grupo ou clan familiar, e compartindo as propiedades familiares ou herdanzas cos demais familiares da nai.

Cómpre neste intre aclarar que, para o quen isto escrebe, os termos patriarcado e matriarcado non son en absoluto simétricos. Mentres o termo patriarcado designa unha organización social na que a totalidade das relacións sociais estrutúrase polo dominio do home sobre a muller, incluíndo nesta ideoloxía o establecemento da premisa de que os homes son superiores e as mulleres inferiores en todos e canda un dos aspectos físicos, intelectuais e do comportamento, o matriarcado designa una organización social baseada na igualdade dos sexos en todos os aspecto citados, destacando ademais a enorme importancia da muller para a sociedade como xeradora de vida.

Permitídeme unha comparación que pode ser aclaratoria: para quen isto escrebe a relación entre os conceptos de patriarcado e matriarcado é semellante á existente entre os de machismo e feminismo.

Os primeiros estudosos do matriarcado en Galicia.

A tradición historiográfica adxudica á muller galega unha situación social privilexiada en relación co resto de sociedades da península. Moitos autores clásicos fan referencia nos seus escritos ao noso país, entendido nas súas fronteiras administrativas da época: Salustio, César, Marcial, Tolomeo, etc, pero soamente dous deles fan referencia a este feito diferencial na situación da muller na sociedade da época: Estrabón[1] e, en moito menor medida, Plinio.

Estrabón e os seus continuadores, sinaladamente Paulo Orosio e Hidacio, destacan o valor, enerxía e capacidade de traballo das mulleres da Gallaecia, así como a súa participación nas batallas ao lado dos seus homes, batallas nas que “querían mellor morrer que ser presas”. Evidentemente ningún dos historiadores citados fala de matriarcado como tal, que matriarcado é un termo inventado no século XIX. Destas fontes beben os teóricos do matriarcado en Galicia da Xeración Nós[2].

De todos os compoñentes da Xeración Nos foi Vicente Risco, (Ourense 1884/1963), o que máis se ocupou do tema da presenza do matriarcado na sociedade galega do seu tempo. Risco publica en 1920 o seu libro Teoría do nacionalismo galego, considerado o texto fundacional do nacionalismo galego, no que recolle e amplía as ideas de Manuel Murguía, definindo unha nación como un feito natural baseado “na terra, na raza, na lingua, na organización social, na mentalidade e no sentimento”, afirmando ademais a pertenza de Galicia á civilización atlántica e céltica.

En abril de 1930 Vicente Risco marcha a Berlín para seguir un curso de etnografía na Universidade de Berlín e á súa volta dirixe a sección de etnografía do Seminario de Estudos Galegos. Aínda que hai referencias ao matriarcado en Galicia en varias das súas obras, Risco desenvolve completamente á teoría de que Galiza é unha sociedade matriarcal no apartado de ETNOGRAFÍA; Cultura espiritual da monumental HISTORIA DE GALIZA[3] dirixida por Ramón Otero Pedrayo. Para Risco e os estudosos da Xeración Nós, uns dos aspectos do “feito diferencial galego” é a importancia fundamental da muller galega nesa organización social, importancia que consideran como unha supervivencia das estruturas sociais da época castrexa.

Segundo Risco a cultura castrexa era unha sociedade xentilicia, é dicir, carente de Estado. Sen unha autoridade superior que coordine as accións dos distintos grupos sociais coa finalidade de manter a unidade do grupo. A cohesión social lógrase a través do funcionamento dunha serie de institucións, que nunhas ocasións agrúpanse, e noutras confróntanse entre si. Existe nesta sociedade un certo equilibrio entre os homes e as mulleres, pois estas posuían as terras, das que se desinteresarían os homes, consagrados á actividade militar. Segundo esta teoría a situación social en Galicia sería de orixe claramente céltica e nela a autoridade política sería dunha aristocracia guerreira, con xefes pero sen reis.

Cómpre salientar tamén, ademais da xa citada de Manuel Murguía, a labor precursora de dona Emilia Pardo Bazán. Escritora feminista, nada en Coruña no 1851, fundou xunto a Ramón Pérez Costales a Comisión Xestora que crearía a Real Academia Galega[4]. Nun tempo no que máis do 90% das mulleres eran analfabetas, cómpre poñer de relevo que Dona Emilia foi a primeira muller en presidir a Sección de Literatura no Ateneo de Madrid, a primeira muller nomeada Conselleira de Instrución Pública e a primeira catedrática de Literatura Contemporánea de Linguas Neolatinas da Universidade Central de Madrid.

Pardo Bazán loitou decote pola educación igualitaria da muller e publicou varios artigos denunciando o sexismo predominante en España. Nun destes artigos faise eco das voces que sinalan o feito diferencial da situación da muller na sociedade galega, como supervivencia de formas de organización social ancestrais, sinalando a intelixencia, independencia, fortaleza material e espiritual da muller galega.

O matriarcado en Galicia en Lisón Tolosana.

Non deixa de ser curioso que o principal estudoso da antropoloxía galega sexa un aragonés: Carmelo Lisón Tolosana, nado en novembro de 1929 en La Puebla de Alfindén. Doutor en Filosofía e Letras pola Universidade Complutense de Madrid e en Antropoloxía Social pola Universidade de Oxford, ten escrito máis de vinte de libros, sobre temas antropolóxicos, seis deles resultado dos seus traballos de campo en Galicia, que AKAL recompilou no 2004 nunha coidada edición.

Se na vida social e relacional domina a muller, nas decisións económicas, agrícolas e familiares a submisión do varón á súa esposa e/ou nai política é absoluta.” Escribía na súa “Antropología cultural de Galicia editada por Siglo XXI en 1971. Referíase ás zonas de manda matrilineal, nas que a filla é a mellorada na herdanza, e non o fillo. A súa obra é unha das achegas fundamentais á etnografía galega, á que contribuíu a documentar cientificamente cun intenso traballo de campo a idea do “matriarcado galego”.


Reflexión final.

O certo é que son, no só pero si principalmente, as áreas de costa o núcleo das manifestacións máis claras da presenza do matriarcado (entendido o concepto como describimos no apartado de Terminoloxía necesaria) na sociedade galega. Un dos aspectos nos que a realidade galega chocaba máis de fronte coas descricións doutras culturas peninsulares era a sexualidade da muller galega e a pouca ou nula importancia social da concepción fora do matrimonio católico. Este comportamento fortemente diferente do paradigma da honra atribuído polos estudosos para a totalidade do territorio actual de España, foi sinalado especialmente polos antropólogos anglosaxóns dos sesenta, sen ter en conta a oposición de feito entre os comportamentos das culturas mediterráneas e as atlánticas. Segundo este modelo, agardábase que os homes, responsables da protección da honra das súas familias nestas sociedades patriarcais e non igualitarias, controlasen a sexualidade dunhas mulleres que desenvolvían a súa actividade nas súas casas, afastadas do ámbito público. En oposición a este comportamento estaba o modelo atlántico no que eran as mulleres as que garantían a continuidade da casa como institución, non tanto debido á ausencia dos homes a causa da emigración e do seu traballo no mar, como dunha herdanza cultural diferenciada.

Neste sentido a antropóloga canadense Sharon R. Roseman indica: “Non hai evidencia da presenza dun matriarcado en Galicia, se entendemos por un matriarcado a dominación das mulleres sobre os homes”, matizando esta afirmación un pouco máis adiante: “mais si puido haber unhas relacións de xénero menos desigualitarias en certas zonas debido á presenza de factores como a manda matrilineal, o forte papel da muller en moitas das casas que dependían dos sectores agrícolas e gandeiros, pesqueiros, e marisqueiros. O feito de que as mulleres levasen a cabo numerosas tarefas principais na economía produtiva doméstica, co gran coñecemento e destreza que requiren, facía que o traballo feminino fose imprescindible”. “Porén a emigración tanto dos homes como das mulleres, que en moitos casos ocorría ao mesmo tempo, era sinal da precariedade económica en Galicia”, lembra.

Con todo hai moitas e moi documentadas opinións en contra da teoría que defendemos nesta pequena achega. Opinións científicas e outras máis peregrinas, entre as que queremos recoller unha, que nos chamou especialmente a atención, sen citar o seu autor, historiador ao que respectamos moitísimo, e que estamos seguros que fixo estas declaracións influído por circunstancias externas ao normal funcionamento da seu equipamento neuronal.

"Aínda agora non é infrecuente escoitar a unha muller dicir que prefire a cabeza do peixe ou  raspar do fondo da cazola o arroz queimado e pegado, porque aínda está interiorizada na súa educación de sacrificio que se completa coa normalidade con que se vía o feito de que un home pegase á súa muller".
Tendo en conta que á miña muller encántalle a cabeza do peixe e a come precisamente por ese motivo, e que a miña filla devece polo socarrat, que en modo algún é un “arroz queimado e pegado”, me permito dubidar do resto das súas afirmacións, porque a educación que aínda algúns temos, é a do esforzo e non a do sacrificio, e a afirmación de que na sociedade galega “se vía con normalidade o feito de que un home pegase á súa muller” me parece de pouco rigor científico.



A xeito de conclusións.

-          A autoridade da muller está baseada no consenso, non na coerción: “Mellor un mal acordo que unha boa guerra”.
-          A igualdade da muller garante a continuidade da casa, do gens e o clan  como institucións.
-          Cando as mulleres xestionan os bens inmobles, casa terras, gando, e realizan os labores agrícolas o coñecemento do estado das cousas dálles un papel dominante na xestión da economía.
-        A diferenza da muller mediterránea a muller atlántica non ten a honra encerrada no estreito marco da súa conduta sexual.

-          E para rematar un refrán galego:

Quen rico ser queira, estas cousas ha de ter:
ovella e abella,
a pedra que trebella,
a egua parideira,
e muller goberneira.
Máis información en:




Nota [1]: Estrabón naceu arredor do ano 64 a.C. no seo dunha familia rica de Amaseia na actual Turquía, que daquela facía parte do Imperio romano. Estudou na súa cidade natal e en Roma e escribiu unha monumental Historia en 43 volumes, da que só se conserva un fragmento dun papiro. Máis sorte tivo a súa Geographika, unha enciclopedia do coñecemento xeográfico da súa época en 17 libros, que consérvase completa, agás algúns fragmentos do Libro VII, e en cuxo capítulo III do Libro III podemos atopar unha información esencial para coñecer a vida, o traballo e as costumes das mulleres da Gallaecia. Estrabón é unha fonte esencial para coñecermos os comezos da romanización da Galia e a Península Ibérica. Curiosamente endexamais visitou Galicia, pero soubo utilizar as súas fontes, fundamentalmente a Posidonio, pero tamén a Asclepíades, Artemidoro e Polibio, cun axeitado sentido anecdótico, grazas ao que sabemos cousas moito máis interesantes para o noso propósito que a simple relación de batallas e conquistas.
Nota [2]: Por Xeración Nós ou Grupo Nós se coñece a un conxunto de escritores e polígrafos galegos, coetáneos das Irmandades da Fala, así chamado polo título da revista que publicaron. Composto no seu inicio por Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Antón Losada Diéguez, Florentino López Cuevillas e, dalgún xeito, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, que colaborou con eles aínda que pero no estaba organicamente dentro do grupo.
Nota [3]: En xuño de 1947, Ramón Otero Pedrayo viaxou á Arxentina coa súa dona, convidado polo centro galego de Bos Aires. Alí reencontrouse con Castelao a quen non vía desde 1936. Deste encontro xurdiu o proxecto para publicar a Historia de Galicia.
Nota [4]: En 1904 Manuel Murguía publicou un artigo na revista do Gran Hotel de Mondariz no que propugnaba a creación dunha academia galega. Este artigo espertou interese e en 1905 constituíuse na Habana a Sociedade Protectora da Academia Gallega, grazas ao impulso de Manuel Curros Enríquez e Xosé Fontenla Leal. En Galiza seguiron esta iniciativa algúns persoeiros que se reunían no faladoiro da Libraría Rexional de Uxío Carré Aldao da Coruña. A Real Academia Galega constituíuse o 30 de setembro de 1906, presidida por Manuel Murguía e con corenta membros. O acto celebrouse nos locais da Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos, case un ano despois da presentación legal dos seus estatutos. Os obxectivos iniciais eran fundamentalmente lingüísticos e incluían a elaboración dun dicionario e unha gramática, proxectos que demoraron moitos anos. (da Galipedia).

Eloxio de Emepunto.

Disque no ano 79 ou 80, un rapaz espigado que levaba por nome Emepunto pero que nesta altura aínda ninguén foi quen de identificar, visitou ...