jueves, 28 de septiembre de 2017

Woody Guthrie na travesía de Vigo

Fai un par de anos publiquei no meu muro do Facebook un pequeno conto non sei ben se coma comprobación de cantos amigos son quen de ler mais de tres palabras seguidas no Feis, ou na procura da terceira motivación mais importante no ser humano despois do sexo e a mantenza: o reforzo positivo. O conto dicía así:

Paseando pola Travesía de Vigo desta que un día foi fermosa cidade, de volta para o noso fogar, pasamos por diante dun rótulo nunha pequena porta na fachada dun edificio, que disparou a miña imaxinación.

E na miña fantasía mirei ao Presidente da Comunidade de veciños, un home da comarca do Deza, feito a si mesmo, ben é verdade que sen moita habelencia e con resultados mais que discutibles, ollando para a portela que pechaba o oco que algúns desleigados chaman fornela onde a infame eléctrica agachara a caixa da acometida eléctrica da finca urbana. Perigos mil maxinaba o noso home que axexaban detrás daquela porta! E estaba nesas andrómenas cando mirou pasar pola rúa a Woody Guthrie, que tamén abandonara á súa familia en Agolada por mor, non do Dust Bowl que aquela é terra de chuvieiras e chuviscas, senón dos pouca posibilidades de gañarse o caldo coa súa guitarra, na que tiña perfectamente rotulada a inscrición, "This Machine Kills Fascists"

-    Ei rapaz! – dixo o propietario de fincas urbanas - Ti que dáslle xeito a isto dos pinceis, poderías facerme un rótulo nesta portela?
-     Poder, podo – Respondeu o noso cantor – Pero pagar pagará, non si?
-    Home, se fora unha canción está claro que non, pero coma trátase de traballo serio, estou disposto a paghar o que sexa de xusticia.
-      E que quere que poña no rótulo.
-      “Perigo coa electricidade”
-      Non sei que lle diga! Asustar non asusta moito!
-      E se poñemos: “Perigo, moita tensión”
-    Moita tensión … E non sería mellor poñer un número? Canta tensión hai? Douscentos, trescentos …
-       Seguro que mais!
-       Poñemos logo mil?
-       Iso vaille ser moito. Deixémolo en 500, ou 400
-    Pois tampouco. Un número redondo parece que o estamos a inventar. Que lle parece se poñemos 340?
-       Moito mellor, onde vai a parar! Empece cando queira.
Así foi coma o gran Woody Guthrie ten nunha das rúas de Vigo unha das súas obras gráficas. Obra que, por certo, contaxio da súa condición de músico, tampouco lle pagaron.

martes, 19 de septiembre de 2017

RiquiñAs Cabreadas en Acción

Non todo está en Internet. Afortunadamente hai vida fora dos territorios virtuais! Un exemplo non sei ben se desta afirmación ou da miña inutilidade na pescuda, é o Colectivo R.A.C.A. ou sexa RiquiñAs Cabreadas en Acción. Me encantan estas riquiñas, especialmente a súa acción no observatorio de aves do Val Miñor, na desembocadura do río Groba, preto da Marisma da Ramallosa. No seu cartaz, a xeito de unha mesa interpretativa, denuncian a morte dun crocodilo nesas augas, abafado polas verteduras dos incontrolados, e nos recordan que:
Os numerosos vertidos incontrolados procedentes dos tres concellos do Val Miñor levaron á morte a este fermoso saurio.
Prégase unha reflexión ó respecto.
O Diornis, o Dinoterio e o Dinoseto confían en que esta morte sirva para que  se controlen os vertidos fecais á Marisma da Foz do Miñor, e para que se leven a cabo accións concretas de saneamento e recuperación deste singular ecosistema natural.
Maxino o que deberon de rir xuntando nunha mesma liña ao Dinornis, tamén chamado Moa xigante, un ave extinguido pola acción do home arredor do 1500 da nosa era, o Dinoterio, un protoelefante extinguido no Pleistoceno Inferior e o Dinoseto, unha ridícula ocorrencia do sagaz alcalde de Vigo.



lunes, 18 de septiembre de 2017

Yacov Perelman


Aló polos albores do século XXI faláballes nunhas aulas aos alumnos de enxeñería química da Escola de Peritos, da importancia que unha sólida formación na física tiña para o entendemento da materia de electricidade. E puxen coma exemplo de formador nesta materia ao científico soviético Yacov Perelman, cuxas obras están, ademais, dispoñibles en internet no enderezo http://www.librosmaravillosos.com/

Días despois unha alumna avantaxada, que obtivo na materia, mais non por esa razón, unha das poucas matrículas de honra que puiden dar ao largo da miña vida docente, sinaloume con sorna que o tal Perelman debía ser da familia, dado o evidente parecido que, daquela, tiña coa foto que figuraba no enderezo que lles dera. Tanta graza me fixo o comentario que, a xeito de broma privada, recollín o retrato de Perelman nunha das ilustracións do meu segundo libro, que levaba o singular título de “Compensación de Energía Reactiva (y su relación con la ley de Murphy)

E hoxe, revisando vellos textos, o paso de broma privada a pública nesta publicación.

domingo, 17 de septiembre de 2017

35 anos de Sabra e Chatila

Este sábado cúmprense 35 anos do masacre nos campos de refuxiados palestinos de Sabra e Chatila. Na tarde do día 16, centenares de falanxistas armados entraron nos campos controlados polas Fuerzas de Defensa Israelíes (FDI). O exercito israelí deixou entrar as tropas da Falanxe Libanesa, en teoría na procura de terroristas da OLP. Esta pescuda transformouse nunha orxía de sangue que durou tres longos días. A cifra de vítimas mortais que comunicou a Cruz Vermella, posiblemente a fonte máis obxectiva e mellor informada, foi de 2400. Trinta e cinco anos despois gran parte do pobo palestino segue vivindo en campamentos de refuxiados, e a violencia non cesa.

Ese ano 1982 escribín un lamento por esa matanza, que lin no segundo Viño e Verbas, un 26 de febreiro do ano 2016.


sábado, 16 de septiembre de 2017

De Alejandro Viana Esperón

Na exposición do 110 aniversario de ANFACO-CECOPESCA da Casa das Artes de Vigo, na sala da “Sardiñocracia” atopo con sorpresa a figura de Alejandro Viana, un vigués de Ponteareas, que foi segundo tenente de alcalde de Vigo coa ditadura de Primo de Rivera, entre os  anos 1924 e e 1927, e candidato de Acción Republicana nas eleccións xerais de 1933. Conserveiro e comerciante, ademais de político, o golpe de Estado de xullo de 1936 sorprendeuno en Madrid o que probablemente salvoulle  vida. Coa derrota da legalidade republicana marchou ao exilio en París, onde traballou para o Servizo de Evacuación de Refuxiados Españois (SERE). En 1941 marchou a Bordeos, de onde, avisado de que a Gestapo quería capturalo, marchou a Suíza e de alí a Toulon, onde embarca para Arxentina no mesmo barco que Niceto Alcalá Zamora. O barco foi bombardeado en Dakar, onde tivo que desembarcar porque lle caducaba o visado. De alí foi enviado a Casablanca e internado un mes nun campo de concentración. Despois de numerosas xestións, conseguiu chegar a México onde rexentou unha farmacia e conseguiu a distribución de penicilina para todo México.

domingo, 10 de septiembre de 2017

A poesía é aburrida!


Nos apartamentos onde a miña neta Lucía pasa o verán xa quedan moi poucos nenos, e despois de bañarse na piscina e tomar a merenda lles entran ganas de poñerse a xogar coas NINTENDO e cousas semellantes. Coma Antonio García Teijeiro me dera onte un libro para a súa amiga Lucía, “Contos e poemas para un mes calquera”, contos de Jordi Sierra i Fabra e poemas del mesmo, lles propuxen un xogo, lerlles o conto dun día e o seu correspondente poema.

- Aburrido, aburrido! – foi o comentario xeral
- Déixaos avó! –dixo Lucía –que eles non son amigos dos poetas!


Pero eu non estaba disposto a interromper o meu pequeno experimento sociolóxico, e, ben é verdade que con un certo esforzo, rematei a tarefa.


- Que vos pareceu rapaces? - División de opinións - E que vos gustou mais, o conto ou o poema?
- O poema! – todos a coro.


Conclusións? As que queirades, pero a min se me ocorre que os rapaces necesitan que os pais e os educadores os ensinen a xogar a algo mais que a xogos electrónicos. En canto da preferencia polo poema penso que están mais afeitos a percibir a musicalidade que a seguir un fío argumental, aínda que me gustaría escoitar a vosas opinións.

Eloxio de Emepunto.

Disque no ano 79 ou 80, un rapaz espigado que levaba por nome Emepunto pero que nesta altura aínda ninguén foi quen de identificar, visitou ...