lunes, 18 de julio de 2022

Santoral laico do día 17 de xullo: Santo Afasto.


 (en castelán San Alejo)

Pouco se sabe de certo da vida e milagres do noso santo laico de hoxe, senón fora polo labor incansable dun vello xograr do “Mester de afinaría”, que decidiu fixar por escrito a abundante tradición oral que sobre o noso santiño circulaba en faladoiros e fiandóns.

Disque a mediados do ben afastado século XXI, vivía en Vigo, na Galiza periurbana, un músico de grandes dotes a quen o pobo veneraba como un santo, e do que case que ninguén coñecía o seu verdadeiro nome, polo que para referirse á súa persoa non tiñan máis remedio que chamarlle por un acrónimo: AMUCUDEAET, ou sexa Aquel MUchacho CUyos dedos Acarician El Teclado” o máis simplemente "Tócaa outra vez, rapaz!” cando pasaba polo barrio de Casablanca, de Vigo, por suposto!

Afirma a tradición oral, que destas cousas sabe moito, que AMUCUDEAET, tamén coñecido nos bares de ambiente como “Tocacomodiós”, viviu na época do bispo Crápula, dato este que non aporta moita información porque o certo é que a práctica totalidade dos bispos sonche uns crápulas de carallo. O que si parece máis demostrado é que o noso músico compartía con outros menos afortunados, a esmola que recollía ás portas das igrexas, danzóns e casas de lenocinio por parar de tocar a altas horas da noite un piano de gran cola que desprazaba polas empedradas rúas do Casco Vello na sela traseira dunha Velo-Solex que mercara a prazos.

En realidade Santo Afasto, que tal era o seu verdadeiro nome, era fillo dun senador romano que tocaba con rara habilidade varios instrumentos de vento-metal. Á idade de vinte anos comprendeu que a súa vida rodeada de riquezas era un perigo para a súa alma. Para servir a Deus na maior humildade, foise de Redondela a Vigo disfrazado de músico de banda militar. En Vigo viviu por moitos anos dedicado á oración e á penitencia. Tocaba o piano para vivir e para desesperación dos veciños. Cando se descubriu que era fillo dunha familia rica de Redondela, Afasto temeu que lle rendesen honras e regresou a Redondela, a casa do seu pai onde viviu un par de días de incógnito, durmindo debaixo da cama. Todo o marisco que lle daban para xantar o aceptaba con humildade e ofrecía o sacrificio da súa inxestión por non facerlle un feo aos probes pescadores e asentadores de peixe.

Un día, revelou aos seus pais que era o seu fillo, e que escollera vivir aquela vida por penitencia. Os dous anciáns abrazárono chorando e cominárono a presentar dunha puta vez a súa tese de doutoramento. Cando o bispo Crápula soubo do caso, mandou que lle leran a tese, pero cando os lectores estaban aínda na páxina 9.485, o bispo arrogañouse cunha anacrusa executada con un staccato corto con leve movemento de pulso, e morreu entre horribles sufrimentos.

A fama do suceso estendeuse rapidamente chegando ao coñecemento dos que controlan ás mais altas cumes do coñecemento, e Santo Afasto foi irremediablemente nomeado para un posto no Comité Executivo do Consello da Cultura Galega.

viernes, 1 de julio de 2022

Reduce ás miñas emisións ... e medra ás túas!


Ignorancia ou manipulación? Algún creativo publicitario, ao que aprobaron ás matemáticas por compaixón, nos obsequia con esta perla publicitaria: “con esta alternativa reduces un 63% de emisións CO2”. 

Estupendo! Gran contribución persoal á loita contra do quecemento global!, pensamos decontado. E unha parte importante dos receptores da mensaxe se quedan aí.

No todas, porque algúns se empezan a preguntar: 63% das emisións globais do planeta, das emisións anuais da empresa ou das emisións da furgoneta concreta que me vai traer o paquete? 

E iso é moito ou pouco? Porque un 63% de 13 millóns de quilotoneladas de equivalente CO2 das emisións anuais de China, por poñer un exemplo, non son o mesmo que o 63% de 134 g de CO2/km dunha furgoneta media!

E xa postos: como sabe o señor publicista que é PRECISAMENTE un 63% e non un 62,8% ou un 2%, por poñerse noutra hipótese igualmente indemostrada? 

Claro que tamén, en beneficio das emisións propias poderían cambiar a súa flota de vehículos de combustión por vehículos eléctricos. Non en beneficio do planeta, non. En beneficio dos fabricantes de automóbiles empeñados en convencernos que o verdadeiramente ecolóxico é o automóbil eléctrico! 

Eloxio de Emepunto.

Disque no ano 79 ou 80, un rapaz espigado que levaba por nome Emepunto pero que nesta altura aínda ninguén foi quen de identificar, visitou ...