domingo, 28 de abril de 2019

Edison o monstruo



Casualidade ou non, hoxe a un par de días da volta do meu libro de Centros de Transformación ao andel da Casa do Libro, o algoritmo de Facebook recorda unha anécdota de Thomas Edison, que recollín nunha publicación van alá xa tres anos.

Contan os seus biógrafos, que Thomas entrou por primeira vez nunha escola en 1855, con oito anos e medio. Aos poucos meses de estadía Thomas informa entre saloucos á súa nai, Nancy, que non quere continuar xa que o mestre lle dixera que era un alumno "estéril e improdutivo". Edison conta na súa autobiografía:

"Descubrín que unha nai adoita ser algo marabilloso, xa que mamá colleume da man e levoume de regreso á escola. Feita unha furia, díxolle ao profesor que non sabía o que estaba a dicir. Mamá foi a defensora máis entusiasta que puidese ter calquera neno, e foi exactamente nese instante cando tomei a decisión de que sería digno dela e demostraríalle que non estaba equivocada."
Esa actitude serviulle para non se desanimar cando a finais de 1863 despedírono do seu emprego de telegrafista de ferrocarril por esquecerse de transmitir os sinais para deter un tren de carga que, como consecuencia, estivo a piques de ter unha colisión de fronte; ou cando en 1864 foi despedido por desobedecer ordes. Ao final de moitos intentos e moitos traballos, sobre todo para a Western Union, conseguiu independizarse patentando un dos seus máis importantes inventos: o fonógrafo. O resto é xa historia coñecida.

Tal historia forma parte dunha chea de anécdotas arredor do insigne inventor e dos seus enfrontamentos con Nikola Tesla, que recollo nos capítulos 1 e 2 do libro antes citado, e que algúns amigos que me queren ben opinan que paga a pena mercar o libro para os ler. Exaxeran!



Eloxio de Emepunto.

Disque no ano 79 ou 80, un rapaz espigado que levaba por nome Emepunto pero que nesta altura aínda ninguén foi quen de identificar, visitou ...