viernes, 11 de mayo de 2018

Bob Dylan, poeta.


Xuño de 1971. Probablemente o meu primeiro viaxe a Barcelona. En febreiro deste mesmo ano entrara a traballar para o Departamento Naval da maior empresa de distribución de material eléctrico do país, que tiña a súa sede central nesa cidade que agora visitaba.

Encantoume Barcelona. As rúas e as casas, as xentes e a fala, a comida e a bebida, o ceo e o mar. E por riba de todo as librerías. Nunha desas merquei o nº 11 da colección Visor de Poesía de Alberto Corazón Editor, que leva por título “Canciones” e cuxo autor e o meu admirado  Robert Allen Zimmerman, mais coñecido coma Bob Dylan, premio Nobel de Literatura de 2016 por “crear unha nova expresión poética dentro da gran tradición da canción estadounidense”.

Era daquela Jesús García Sánchez, fundador co seu irmán Miguel da editorial Visor, un dilanófilo de pro? Porque non deixa de ser curioso que 45 anos antes que a Academia sueca xa alguén pensara en España, onde non se editara algún dos seus discos ata 1966[1], que o bardo de Minnesota, era precisamente iso: un xograr que musicaba os seus propios poemas. Ou foi unha proposta do moi galego escritor e periodista, nado en Madrid, Eduardo Chamorro?

E postos a facerse preguntas de non moi doada resposta, por qué os primeiros libros da Colección Visor de poesía foron editados por Alberto Corazón e non por Jesús García Sánchez, se a editorial Visor foi fundada xa no 1968? Porque Alberto Corazón o autor do seu deseño? Ou porque Alberto Corazón tiña xa unha certa experiencia editorial e un firme compromiso social e político? Nono creo, porque aínda que algunhas fontes outorgan a Corazón a creación da editorial Ciencia Nueva, tal atribución non é xusta, xa que Alberto foi unicamente o responsable do deseño gráfico.

A editorial Ciencia Nueva foi fundada en 1965 por un grupo de doce universitarios os mais deles vencellados ao PCE: María Teresa Bort León, José Esteban Gonzalo, Valentina Fernández Vargas, Javier Gallifa Olive, Rosario de la Iglesia Ceballos, Alberto Méndez Borra, Luis Lorenzo Navarro, María Rosa de Madariaga Álvarez Prida, Lourdes Ortiz, Carlos Piera, Rafael Sarró Iparraguirre e Jesús Munárriz, que foi o seu primeiro director. Outros nomes importantes da editorial foron Jaime Ballesteros, Valeriano Bozal, Manuel Sacristán, Antonio Elorza, Domingo Plácido, Gustavo Bueno, Roberto Mesa, J. Antonio Méndez e Rosario de la Iglesia.

Cando a censura franquista pecha a editorial Ciencia Nueva en 1969, xunto coa de Ricardo Aguilera, Ediciones Halcón e Equipo Editorial de San Sebastián Alberto Corazón funda  que leva o seu nome con dúas coleccións: Comunicación e Visor Poesía, cuxo deseño e portadas comezaron a reportarlle o recoñecemento e prestixio do que goza hoxe a mancheas.



Nota [1]: Os catro primeiros discos de Bob Dylan en España, o que se chamaban daquela EP, que tiñan normalmente catro cancións, dúas por cada lado, foron editados por Discophon, un pequeno selo de Barcelona. Se a memoria non me é infiel o primeiro foi un que pasoume totalmente desapercibido (de feito penso que non chegou a Vigo) que levaba “Rainy Day Women #12 & 35” e “Pledging My Time” na cara A e “One Of Us Must Know (Sooner Or Later)” na B. O primeiro que merquei foi “Like a Rolling Stone” con “Gates Of Eden” en la cara B. Logo saíu “Positively 4th Street” que levaba unha versión de menor duración do “Mr Tambourine Man” na cara A, e “From a Buick 6” y “On the Road Again” na B. O derradeiro dos EPs de Dylan en Discophon foi “Highway 61 Revisited” con “Can You Please Crawl Out Your Window” na cara A e “Tombstone Blues” na B.

Eloxio de Emepunto.

Disque no ano 79 ou 80, un rapaz espigado que levaba por nome Emepunto pero que nesta altura aínda ninguén foi quen de identificar, visitou ...