lunes, 16 de octubre de 2017

A xustiza pola mán!

Onte, volvendo a casa dun paseo frustrado polo fume dos incendios, atopámonos na rúa do Pino, unha muller do noso tempo que estaba a varrer a porta da súa casa das moitas cinsas, agullas dos piñeiros, follas e cortizas dos eucaliptos que o forte vento trouxo ata a cidade.

A muller, á que imos chamar Carmiña, por aquilo de darlle un nome, era das de moito palique, e ao pouco xa estabamos a falar das cousas do noso tempo, dos xogos no Campo das Caralladas, e tamén das poucas e malas escolas públicas que había daquela. 

Carmiña ten unha irmá con parálise cerebral á que coida con agarimo dende nena. As dúas irmáns ían xuntas á escola de dona Luz, onde sofren o abafallo dos outros nenos coa complicidade da mestra. Un día unha rapariga mais desvergonzada que as demais empurra á paralítica e faina caer ao chan.

-          Ei Maruxa! Ten mais coidado ao pasar que fixeches caer á miña irmá!
-          Fea coma un sapo que é, mellor morta!

Aquilo púxolle á Carmiña un veo nos ollos e antes de se decatar xa estaba riba da Maruxa dándolle de labazadas, e turrándolle do pelo. O resto dos nenos fan corro salmodiando entusiasmados:

-          Hai pelexa! Pelexa, pelexa, pelexa!

Daquela chega a mestra para acabar coa agarrada. Separa ás contendentes, e castiga a Carmiña, mais non a Maruxa. E aínda mais: dálle recado a Carmiña de que lle diga á súa nai que ten que vir a falar con ela. A Carmiña non lle apesara o castigo da mestra pero si o que lle pode contar á nai. Cando se abre a porta do despacho da mestra, Carmiña sabe que alá dentro pasara algo non habitual. Porque aínda leva na alma o bico e as palabras da súa nai:

-          Ben feito, miña ruliña! Mentres te teña a ti para defender á túa irmá non hei de ter medo nunca mais!

Entón, non sei por que, veume as mentes o poema de Rosalía, A xustiza pola man.

I estonces...
estonces cumpreuse a xusticia:
eu, neles;

i as leises, na man qu' os ferira.

viernes, 13 de octubre de 2017

Mámoa do rei

Non sei ben se por moito ou por pouco monárquico, nesta terra nosa hai moitos enterramentos de reis. Polo menos enterramentos megalíticos. Aínda que nalgunha lista de megálitos se recollen tres, nos coñecemos so dous. Un na parroquia de Trasmañó, preto do parque forestal de "O Vixiador", na necrópole de Monte Penide, e a de Cotorredondo que visitamos onte, que impresiona polas súas enormes dimensións, de case vinte e cinco metros de diámetro e que está en bastante boas condicións.





Neste conxunto megalítico do Chan de Castiñeiras, un dos campos de mámoas máis importantes de Galicia, descubrimos fai mais de corenta anos, agachada baixo a abundante vexetación, una mámoa, á que denominamos “dos escarabellos” por ter unhas insculturas con esta forma nun dos seus ortóstatos. No seu momento comunicamos, creo lembrar que á Sección de Arqueoloxía do Museo de Pontevedra, as súas coordenadas riba dun mapa da cartografía militar. O certo é que onte non fomos quen de a localizar, o mapa debe estar nalgunha caixa do famoso Faiado Máxico, e cansados por mor da moita calor e a dificultade do terreo, deixamos a súa visita para mellor ocasión.



jueves, 12 de octubre de 2017

O gaiteiro Lutero

Na revista de historia do National Geographic deste mes hai un artigo arredor da figura de Lutero na que inclúese un gravado de 1525 do pintor e debuxante alemán Erhard Schön, coa figura dun diaño tocando unha gaita cuxo fol é a cara do teólogo alemán. A primeira idea que me veu as mentes, consciente de que no Feis nindiós le mais alá de tres liñas seguidas, foi a de publicar a ilustración e dedicarlla a algún amigo gaiteiro. Aínda que fora ao Averomar!

Para non pasa-lo traballo de escanar a páxina busqueina en Google onde atopei, ademais da orixinal que escollín, unha versión coidadosamente coloreada nun estraño blogue que non puiden evitar ler. O blogue en cuestión chámase  MILES CHRISTI, e o seu autor Jorge Rondón Santos, declárase Soldado raso dispuesto a la guerra por el Reino de Jesús y María.

Coma antigo alumno dos xesuítas, tal prédica, adornada neste caso por un aparatoso conxunto de elementos rituais e decorativos, non me é allea.  Como tódolos meus compañeiros de promoción, cantamos con mais entusiasmo que afinación aquela salmodia con ínfulas de himno do P. José Julio Martínez S.J., que dicía:

Cristo Rey su bandera ha levantado,
y quiere todo el mundo conquistar.
Nos invita a luchar siempre a su lado.
A seguirle, cruzados, a triunfar.

Para aqueles que estean interesados na investigación dos mais escuros recantos da mente deixo a dirección da mencionada publicación.

Eloxio de Emepunto.

Disque no ano 79 ou 80, un rapaz espigado que levaba por nome Emepunto pero que nesta altura aínda ninguén foi quen de identificar, visitou ...