viernes, 19 de junio de 2020

Da "caída do comunismo"



Sen “ánimus molestandi” e sen pretender “sentar cátedra” nun tema no que me queda tanto que estudar para chegar ao aprobado raspado, pero por precisar certas expresións que vende a ideoloxía oficial e que utilizamos sen pensar. Cando falamos da “caída del comunismo” temos que entender que non existiu nin existe ningún país comunista. O sistema socioeconómico que fracasou na Unión de Repúblicas SOCIALISTAS Soviéticas, foi o “socialismo nun so país”, concepto que con tanto acerto definiu o historiador inglés, diplomático, xornalista e teórico das relacións internacionais Edward Hallett Carr no seu monumental “El Socialismo en un Solo País (1924-1926): Historia de la Rusia Soviética”. O comunismo como modo de organización da sociedade se caracteriza pola propiedade en común dos medios de produción, a ausencia de propiedade privada nos medios de produción, a inexistencia de clases sociais e de estados. Ou é planetaria ou non é.

E para os que ao “non existiu nin existe” engaden “nin existira”, dedico soamente un sorriso se pertencen á crase dos explotadores e unha bágoa se dos explotados.

martes, 16 de junio de 2020

28 Olladas de paixón no "Modus Vivendi"



Chégame estes días a mala nova do peche inminente do Derby do número 29 da rúa das Orfas, un dos poucos “cafés de fala” que quedan na nosa Galicia. Pechadas as portas, anos van alá, do Voltaire de Ourense e do Derby de Vigo, parece que ningún particular, nin institución algunha, van a evitar o cese das actividades deste abeiro da cultura cidadá, este acubillo de todos aqueles que algunha vez nas súas vidas foron composteláns. Perder un café deste xénero, cada día máis escaso, é como perder unha parte importante da memoria colectiva da cidade, da historia cotiá dun pobo e das súas xentes.


Oficiabamos esta conversa a respecto deste e outros temas de moita enxunlla, como temos por costume; arredor dunhas cuncas dun excelente treixadura, mesturado con habelencia coas proporcións axeitadas de godello, torrontés, albariño e loureiro, que xa se sabe que unha boa conversa quere dun bo fluído que aclare o fonador, nunha desas benditas tascas onde nin cans adoecidos, xordos vociferantes ou pícaros sen vixilancia son ben recibidos. Estabamos comentando a devandita nova, e outras semellantes, todas elas arredor da cultura que esmorece e morre a cotío nas nosas vilas e cidades, cando, para á miña desgraza, véuselle ás mentes a promesa que un día lle fixera de contarlle cousas da miña primeira (e única) exposición de pintura: a do Modus Vivendi.


Eu coñecín o Modus non cando a súa apertura, no ano 1972, senón cando o benquerido amigo Lalo colleu as rendas do local, alá polos anos 80, cando en Compostela as rúas estaban tan cheas de xente con arelas de diversión que a autoridade competente tiña que pechar ao tráfico a rúa Nova de Abaixo, porque “había tanta xente na rúa que era imposible circular”. Dende a súa apertura a vocación do Modus foi a de “dar de beber ao persoal algo máis que espirituosos”. E ese “algo máis” non era outra cousa que mantenza para o espírito: música en directo, actuación e lecturas de poemas, etc. E exposicións de pintura. No sei como, e teño que aclarar que os espirituosos antes citados non tiveron nada que ver no tema, Lalo foi quen de conseguir vencer a miña natural timidez, (daquela) e deixei que me convencera para mostrar nas súas paredes parte da miña obra..


O certo é que eu tivera dende sempre unha grande afección polo debuxo, e ollando hoxe algúns dos que conservo, vexo que, aínda que teñan máis entusiasmo que técnica, algo me din hoxe do mozo que fun. Afección que tiven que cultivar cando rematada a carreira de Perito Industrial e co Servizo Militar por facer, comecei a traballar nunha axencia de publicidade. Por non falar do ano e tres meses que pasei servindo á patria, (a patria dos outros, que a miña é matria), tempo no que por sorte puiden traballar arreo nesta afección.

De todo ese material escollín un tema, os ollos, e un lema, “28 olladas de paixón e un fitar desesperado”, copiado de Neruda, e deseñei un cartaz da exposición cos escasos recursos que eu tiña daquela. Unhas táboas de aglomerado, uns “paspartús” negros, uns cristais e unhas grampas serviron para enmarcar os debuxos. E un xoves 16 de setembro de 1982 montamos en catro patadas a exposición. O sábado 18 fomos a Santiago para a inauguración oficial, nova que saíu nunha pequena nota no Correo Galego. O mesmo diario publicou o mércores día 29 unha entrevista que, como era habitual naqueles tempos, publicouse en castelán malia que se desenvolvera en galego. Máis valor tivo o periodista da Voz de Galicia, de cuxo nome sinto non lembrarme, que aínda reproduciu, con más ánimo que acerto, as miñas respostas na nosa fala de trobadores e, por que non?, de científicos, na edición do domingo 26 do devandito mes. 


Algúns dos debuxos expostos seguen comigo; algúns marcharon e agardo que vivan nas paredes e nos ollos dos seus donos. O que non marchou e vive no mais fondo do meu peito é a ledicia daqueles días pasados en Compostela, rodeado de seres benqueridos por min e que terán para sempre o seu recunchiño no meu tesouro de recordos.



lunes, 15 de junio de 2020

O maior "auto de fe" da historia da música




Parece que a relación de Eduard Strauss co seu irmán maior, Johann, estaba marcada en boa medida pola envexa e os celos, pois Eduard queixábase de que a dirección da orquestra dos Strauss non lle deixaba tempo para compoñer, algo que, pola contra, o seu irmán Johann tiña abondo. Johann reprochaba esta actitude ao seu irmán nestas liñas dunha carta dirixida a Eduard:

"Ti ves sempre todo negro; pensas que sempre che quero causar algún mal. Cantos anos terás que ter para que finalmente comprendas que o teu irmán non é o teu inimigo?"


Eduard Strauss morreu o 28 de decembro de 1916 e o últimos anos da súa vida, retirado xa dos escenarios, dedicouse á escrita da historia da familia, memorias que publicou no 1906 co título de Erinnerungen, Lembranzas. O 22 de outubro de 1907 Eduard pasa definitivamente á historia da infamia cando manda arroxar ás chamas todo o arquivo musical da familia Strauss, que custodiaba desde 1825, e no que se atopaban obras inéditas dos seus irmáns Segundo explicaba o propio Eduard era un acordo ao que chegara co seu irmán Johann en 1869, de que o último dos irmáns en morrer destruiría todo o arquivo para que ninguén despois deles puidésese aproveitar do seu traballo, pero estudosos como Henri-Louis de Lagrange sosteñen que non foi esta a razón senón a envexa e o resentimento.

Eu, que teño unha certa tendencia a pensar ben da xente, creo sinceramente que un home que escrebe cousas como estas non pode ser un miserable:



domingo, 14 de junio de 2020

O talento e a popularidade: Johann e Josef Strauss



Na primavera de 1869, os irmáns Johann e Josef “Pepi” Strauss, acompañados por Jetty, a esposa do primeiro, viaxaron a Rusia para dirixir os concertos de verán no auditorio da estación de Pavlovsk, preto de San Petersburgo. O obxectivo desta viaxe era crear un mercado para a orquestra que supuxera unha fonte de ingresos para Josef nos vindeiros veráns. Con todo, cando chegaron a Varsovia, Josef, que sempre tivo moi mala saúde viuse embargado de nostalxia pola ausencia da súa esposa Caroline, quen permanecera en Viena. Escribiulle apaixonadas cartas, e comezou a composición dunha melancólica polca mazurca, á que puxo por título Aus der Ferne, De lonxe.


A peza é un gozo total. Os primeiros compases dos violíns que marcou como "dolcissimo" na partitura, o colorido un pouco eslavo, o carácter melancólico da música … E, de súpeto, un aire de esperanza no carácter bailable, para regresar na repetición á melancolía e a nostalxia. Este saúdo á amada esposa desde a distancia lémbrame moito os meus tempos de director técnico da empresa na que traballaba e as frecuentes e longas viaxes que tiña que facer no cumprimento das miñas obrigas.

Porque non sei se sabiades que Josef antes de compositor e director de orquestra foi enxeñeiro e traballou como tal para a cidade de Viena. Ademais de deseñar un vehículo de varrido con cepillo xiratorio tirado por cabalos, e de publicar dous libros de texto sobre temas matemáticos, “Pepi” era un notable pintor, poeta, dramaturgo, cantante, compositor e inventor. Cando Johann enfermouse gravemente en 1853, Josef dirixiu a orquestra durante un tempo. Os vieneses amantes do valse apreciaron as súas primeiras composicións, o que lle animou a continuar coa tradición familiar. Johann dixo unha vez del: " Pepi é o máis  talentoso de nós dous; eu son simplemente o máis popular.


viernes, 12 de junio de 2020

Dez portadas. Dez discos. Dez + 1 historias. (10)


Día 9. Cantata de Santa María de Iquique. Quilapayún (1956).


Chega o noveno día e a cantidade de discos de imprescindible publicación alcanza xa límites preocupantes. Hora é de abandonar criterios e deixarse guiar polo corazón. E aló no máis fondo recanto do noso corazón atopei o 11S. Non o das torres xemelgas: o outro 11S. O 11 de setembro de 1973, en Santiago de Chile. O golpe contra o primeiro intento de instaurar na América latina, un goberno socialista coas regras do xogo do imperialismo ianqui. Intento que ben sabedes como rematou, que o capitalismo é un xogador de vantaxe que cando perde, pon riba da mesa ás armas para torcer a vontade popular.

E de cantar popular vai a escolla desta semana; un LP da DICAP, A Discoteca do Cantar Popular, un selo discográfico chileno fundado no 1967 polas Mocidades Comunistas de Chile para poder publicar aos artistas que non tiñan espazo nos selos multinacionais polas súas temáticas  contestatarias e anticapitalistas, a “Cantata de Santa María de Iquique” cantada polo grupo Quilapayún, un dos mellores discos chilenos de todos os tempos, que mercamos nunha tenda de discos da rúa Santa Catarina de Porto, no ano 1975.

O certo é que eu mesmo escribira Cantata de Santa María de Iquique de Quilapayún, en troques de Cantata de Santa María de Iquique de Luis Advis, outorgando aos intérpretes todo o creto dunha obra que ten tamén un autor intelectual, ao que polo menos haberá que conceder certo recoñecemento.
Luís Advis naceu na cidade de Iquique, “lugar de soños” en aimará, no Norte Grande de Chile, o 10 de febreiro de 1935. Graduado en filosofía na Universidade de Chile, exerceu a docencia universitaria en varias institucións de educación superior. Estudou piano con Albert Spikin e composición co mestre chileno Gustavo Becerra-Schmidt, unha das figuras fundamentais da música chilena contemporánea.

Luis Advis, músico de formación académica, aínda que no regrada, estivo sempre na teima da revitalización da música popular folclórica, xuntando nos seus traballos, cantatas, sinfonías e outras formas da música académica, coa música de raíz. Desta orixe xurde, aló polo 1969, “Santa María de Iquique”, unha obra musical composta por dezaoito partes, incluíndo cinco relatos interpretados polo actor Héctor Duvauchelle, en que se narran os sucesos da Matanza da Escola Santa María, ocorrida o 21 de decembro de 1907 na cidade de Iquique, e perpetrada polo xeneral, experto en masacres, Roberto Silva Renard, por orde expresa do goberno do presidente Pedro Montt.

Temos o disco en dúas edicións, ás dúas da versión orixinal de antes da destrución das cintas Máster pola ditadura militar de Chile: a fabricada en Portugal e a española de Iberofón. Iguais salvo as portadas. Dezaoito partes, oito na cara A e 10 na cara B, que inclúen cinco relatos, un preludio e tres interludios só coa presenza musical, dous pregóns e sete cancións, cuxos ritmos e instrumentalización varían notablemente para dar énfase ao tema tratado en cada canción.


Pregón: Señoras e señores
A cantata iníciase cun pregón introdutorio que dá a coñecer o tema tratado na obra, acompañado principalmente con instrumentos de corda que se van incorporando lentamente para dar máis forza ás frases.
Preludio instrumental
Relato: Se contemplan a  pampa e os seus recunchos
O primeiro relato inclúe unha descrición da industria do salitre, os obreiros nas súas oficinas localizadas no medio do deserto e as paupérrimas condicións laborais e de vida que tiñan eles e as súas familias.
Canción: O sol en deserto grande
A canción reforza o tema de relato anterior, tratando a dureza do traballo baixo "o sol do deserto grande". As voces actúan como coro de obreiros mentres traballan extraendo rocas en metade do gran deserto de Atacama.
Interludio instrumental
Relato: Acumulouse moito dano
O segundo relato comeza a falar da xestación dos movementos sindicalistas e das primeiras folgas realizadas na industria do  salitre. Tras a primeira folga na oficina San Lorenzo, o relato indica que "todos escoitaban un berro que voaba no deserto, dunha ou outra oficina como refachos" ata que deciden descender desde a  pampa ata "o porto grande", Iquique.
Canción: Imos muller
Nesta canción, a voz volve encarnar a un obreiro, que alenta con optimismo á súa muller para que o acompañe xunto ao seu fillo. O obreiro descríbelle á cidade dicindo que é "tan grande como un salgar" e que posúe "moitas casas lindas", dando a entender que nunca coñeceran a cidade nin que puideran saír con facilidade da oficina. Deixa claro que a viaxe mesmo é perigoso e un sacrificio, pero o optimismo do obreiro vese reforzado ao repetir en varias oportunidades "non hai que temer porque en Iquique todos van entender".
Interludio instrumental
Relato: Do quince ao vinte e un
Os obreiros baixan finalmente á cidade, afirma o relato, entre o 15 e o 21 de decembro de 1907. Aínda que se relata o apoio dado por moitos comerciantes e traballadores da cidade, tamén se conta de como moita xente rexeita a presenza dos obreiros, medorentos de roubos e asasinatos.
Interludio cantado: Uníronse connosco
Este curto tema serve para reforzar, na voz dos pampinos, o relato anterior: "Iquique venos como estraños; compréndennos algúns amigos e os outros nos quitan a man."
Relato: O sitio ao que os levaban
O relato continúa co anterior, onde conta como os obreiros son levados á Escola Domingo Santa María no centro da cidade e os ánimos comezan a presentir o fin tráxico da súa aventura.
Canción: Son obreiro  pampino e son
Os instrumentos de corda marcan a tensión desta canción. Un obreiro de maior experiencia dáse conta de que "algo horrible vai suceder" e comeza a lembrar as penurias da súa vida, mentres  tartamudea, presa do temor.
Interludio instrumental
Relato: Ninguén diga palabra que chegará
A voz introduce aos militares a cargo do xeneral Roberto Silva Renard, quen rodea a escola. Segundo o relato, Silva Renard trata de convencer aos obreiros dicindo "que non serve de nada tanta comedia, que deixen de inventar tanta miseria, que non entenden deberes, son ignorantes, que perturban a orde" e os ameaza, recibindo a resposta dun obreiro que anuncia que levantarán o puño no alto e que se quere ameazar, que dispare primeiro. O xeneral, conta o relato, saca o seu revólver e dispáralle, dando a orde para continuar co resto de presentes.
Canción de ladaíña: Morreron tres mil seiscentos
A canción relata a morte de 3600 falecidos, aínda que non existe certeza dunha cifra exacta e a descrita na obra é unha das máis altas dentro das moitas propostas. Instrumentos de vento predominan no tema para marcar a tristeza.
Canción: Aos homes da pampa
Mesturando diversas melodías e textos, a canción laméntase dos feitos e alcanza un dos  clímax da composición. A letra inclúe o relato a un neno dos sucesos, afirmando que "non hai que ser pobre, filliño; é perigoso ser pobre, filliño", para logo mesturar a un texto moito máis militante que no resto da cantata. Tras o clímax da canción, esta pecha coa frase "Onde están os asasinos que mataron por matar? Xurámolo pola terra, terémolos que atopar [...] xurámolo, compañeiros, ese día chegará!"
Pregón: Señoras e señores
Canción final: Vostedes que xa escoitaron
A canción, cun charango predominante, continúa co ton altamente político da canción anterior, invocando á unión do pobo para a reivindicación dos seus dereitos e evitar que se repitan os sucesos anteriores, o que se reflicte en frases como "quizais mañá ou pasado, ou ben nun tempo máis, a historia que escoitaron de novo sucederá; é Chile un país tan longo, mil cosas poden pasar se é que non nos preparamos resoltos para loitar". O texto continúa convocando á unión e mesturando algunhas frases do tema anterior, ata finalizar coa frase " Unámonos como irmáns que ninguén nos vencerá; se queren escravizarnos, xamais o poderán lograr."

E nada máis por hoxe. Vos deixo coa Cantata nas voces de Eduardo Carrasco e os seus compañeiros barbudos.


lunes, 8 de junio de 2020

Dez portadas. Dez discos. Dez + 1 historias. (9)



Día 8. Treemonisha. Scott Joplin (1976).
Os hai que non teñen remedio! Cando xa tiña un criterio mais o menos establecido para a publicación seguinte chega Loli coa súa suxestión, comentario ou aínda apostila:
-          Non me digas que non vas a poñer o Treemonisha de Scott Joplin que tanto escoitabamos!
E non porque “onde hai patrón non manda mariñeiro”, nin que “a paixón cega a razón” senón porque “o que a raposa fai o raposo non o desfai”, e que “quen ten razón a ten aínda que non lla dean”, alá vai a portada da fermosa caixa de dous LP na que a Deutsche Grammophon editou no 1976 a “ragtime opera” do compositor y pianista afroamericano Scott Joplin.


Nos coñeceramos a Joplin polo ragtime The Entertainer, que Marvin Hamlisch, o compositor da banda sonora de “O golpe” un filme dirixido por George Roy Hill en 1973 gañador de sete premios Oscar, fixera da composición de Joplin. O certo é que este “two step ragtime” (un dous pasos de toda a vida, poñamos que como o de Queimadelos) composto por Scott Joplin en 1902, foi parte importante do éxito do filme e orixe dun renacemento deste tipo de música nos EE.UU. e en Europa. A nos gustounos tanto que cando vimos este álbum no Corte Inglés, daquela a mellor tenda de música de Vigo, cun inesquecible profesional, o Sr. Criado, ao fronte, non resistimos a tentación de mercalo.
Scott Joplin, que naceu en Texarkana, Texas o 24 de novembro de 1868, compuxo esta ópera, o seu libreto, música e orquestración, en 1910, pero nunca a puido estrear. Tan só facer no 1915 unha representación da obra, que tivo que financiar el mesmo, no Lincoln Theater do Harlem, New York, sen orquestra e con o compositor ao piano. Para colmo de males no 1962 houbo unha inundación no fideicomiso que custodiaba a obra de Scott Joplin, e algún irresponsable destruíu o único manuscrito existente da orquestración que Joplin fixera da ópera, ao considerar que a auga estragara a partitura e non pagaba a pena a súa recuperación.


Treemonisha permaneceu no esquecemento ata o 1970, cando alguén descubriu a copia da partitura da redución para piano e canto que o propio Scott Joplin enviara ao American Musician and Art Journal. O 22 de outubro de 1971, algúns extractos desta ópera presentáronse en forma de concerto na Biblioteca Pública das Artes Escénicas de Nova York, con actuacións de William Bolcom, Joshua Rifkin e Mary Lou Williams. A estrea mundial da ópera como tal, tivo lugar o 27 de xaneiro de 1972 en Atlanta, Xeorxia, como unha produción conxunta do departamento de música do Morehouse College e da Orquestra Sinfónica de Atlanta, utilizando a orquestración do musicólogo TJ Anderson. A actuación foi dirixida por Robert Shaw coa compañía de danza  afroamericana de Katherine Dunham.  Pouco tempo despois, no 1975, Gunther Schuller, un músico e compositor de jazz namorado das obras de Joplin, fixo unha adaptación diferente que representouse na Gran Ópera de Houston, orixe da gravación que comentamos.


A ópera é unha celebración da música e a cultura afroamericana que ten como argumento principal a idea de que a educación é o camiño para a redención da raza negra. E a heroína, Treemonisha, unha moza que aprendeu a ler, escribir e sumar e restar, simboliza este camiño á redención polo coñecemento, en oposición a unha banda local de magos que pretenden manter ao pobo na ignorancia. Ao principio as persoas do pobo resístense ao cambio. A superstición forma parte da súa cultura e rexeitan a Treemonisha. Os curandeiros, feiticeiros e predicadores secuestran a Treemonisha. Ao final, un amigo da rapaza rescátaa e ela convértese na líder do seu pobo servíndose da ilustración e a razón para acabar cos medos e as supersticións.

O disco recolle a produción de Thomas Mowrey para a Houston Grand Opera, coa orquestra e coros dirixidos por Gunther Schuller, que fixo tamén os arranxos e orquestración. A soprano Carmen Balthrop fai o papel de Treemonisha, a mezzo-soprano Betty Allen o de Monisha, a nai adoptiva de Tree-monisha, e o barítono Willard White no de Ned, o do pai adoptivo. O resto de papeis son Curtis Rayam, Dwight Ransom, Cora Johnson, Dorceal Duckens, Edward Pierson, Raymond Bazemore e Ben Harney.


Vai con subtítulos en portugués, pero non creo que iso moleste a ninguén.

sábado, 6 de junio de 2020

Dez portadas. Dez discos. Dez + 1 historias. (8)



Día 7. O cego andante (Pablo Quintana) (1982).

Para a publicación do 17 de maio, Día das Letras Galegas non tiña dúbida ningunha que debera ser algún dos meus primeiros discos vencellados coa música de raíz. Pero cal? Ocorréuseme que sería xusto poñer o foco nalgún daqueles discos que considero inxustamente esquecidos. E, que disco podía reunir eses e moitos máis merecementos que “O cego andante” que Pablo Quintana publicara no selo Ruada? Porque a Pablo Quintana (ademais de a Faustino Santalices e por suposto a Anxo Pintos) debo o meu namoro pola zanfona.

Pablo Quintana López (Vilanova de Oscos, 1956), é un polifacético estudoso e divulgador da cultura popular en xeral, con especial interese no patrimonio material e inmaterial da zona dos Oscos, na “fronteira” galaico/asturiana. Boa proba desa afirmación é o rigoroso e completo traballo en dous tomos La labranza y transformación artesanal del hierro en Taramundi y los Oscos. Siglo XVI-XXI. Aportación a su conocimiento (Asociación Cultural Os Castros, 2005), no que estuda todo o relacionado coa produción artesanal de obxectos de ferro e aceiro nos concellos asturianos de Os Oscos e Taramundi, e que tivo a xenerosidade de trocarme polo meu Mirequelledigo. Crónicas dun filósofo tabernario, un feliz día do ano de 2018, na súa caseta do CULTURGAL.

Podería estar falando un día enteiro da enorme actividade cultural de Pablo, da súa pulsión por recoller toda canta manifestación da cultura material e de transmisión oral ten noticia; da súa actividade como coordinador da serie etnográfica Recolleita da editorial Ruada publicando un disco que contiña as gravacións realizadas ao cego cantor de coplas Florencio da Fontaneira e á pandeireteira Eva Castiñeira; da estupenda labor da súa Editorial Canela que fundara no ano 2008, coordinando a publicación do libro Informe sobre los Oscos, de Julio A. Fernández Lamuño e José Antonio Álvarez Castrillón, ao que seguirían entre outros Os foxos do lobo. A caza do lobo na cultura popular no 2010, Antón Corral. A alborada dun soño no 2016, e moitos outros de grande interese; do seu traballo de articulista con interesantes traballos como a Danza de Reis, a regueifa, os zoqueiros de Villalba, as danzas de Vilanova dos Infantes, os instrumentos musicais do Pórtico de la Gloria, etc.; da súa actividade no campo audiovisual, dirixindo e guionizando unha serie de documentais sobre danzas procesionais e bailes, sobre o toque pechado da gaita, bombos e bombeiros, olería, pratería e acibechería; tamén das súas tarefas na radio, onde presentou e dirixiu varios programas para a difusión da música tradicional e os instrumentos populares en diversas emisoras, e moito máis. Pero, o que é para min máis importante, Pablo é unha gran persoa, culto, accesible e afable.


O día 3 de xuño de 2015, Pablo Quintana estivo na aula Milladoiro da ETRAD de Vigo para presentar o seu libro Amadeo Goyanes e as zanfoneiras de Monforte editado pola “Central folque”, unha ampla biografía sobre este divulgador e construtor de instrumentos monfortino, discípulo de Faustino Santalices. E como cos anos vou perdendo a miña natural timidez, de paso que me dedicaba o libro, púxenlle diante o meu prezado tesouro: o seu álbum "Ou  cego andante"que comprara alá polo ano 1982, co feliz resultado que podedes comprobar na foto.

Para terminar, que mellor homenaxe que escoitar unha das cancións do disco? Propóñovos esta:


martes, 2 de junio de 2020

Dez portadas. Dez discos. Dez + 1 historias. (7)



Día 6. A Historia de Benny Goodman (1956).

Os anos 20 foron chamados a "Era do Jazz" e este tipo de música foi a banda sonora dunha época de paro e desesperanza, de alcol ilegal e de baile sen freo que lle servían de válvula de escape ás crases populares. Foi o nacemento das “Big Bands”, as grandes orquestras de baile que tocaban os temas de éxito nun estilo quente e faiscante que conducirían á "Era do Swing” onde toda a América do Norte bailaba ao ritmo de Benny Goodman e Glenn Miller.

O EP de hoxe, catro temas escollidos da banda sonora da película de 1955 producida pola Universal-International “The Benny Goodman Story” dirixida por Valentine Davis e protagonizada por Steve Allen e Donna Reed. O guión introduciu un gran número de elementos de ficción, pero a música era a orixinal, e moitos dos compañeiros de Goodman aparecían na película, incluídos Lionel Hampton, Ben Pollack, Harry James e o grande batería Gene Krupa, un dos motivos da súa inclusión neste desafío, como cativo homenaxe ao meu profesor de percusión da ETRAD de Vigo, “Chuco” Estévez.

Eugene, “Gene”, Krupa naceu en Chicago, Illinois o 15 de xaneiro de 1909 e foi on dos máis influentes e populares baterías  do século XX, considerado como o primeiro solista de batería da historia. Fillo de emigrantes polacos, comezou a súa carreira profesional a mediados da década dos anos vinte en Wisconsin, e chegou á popularidade da man de Thelma Terry, unha das primeiras mulleres que liderou unha banda americana de jazz.

En 1927 Krupa fixo a súa primeira gravación cunha banda liderada polo baixista Eddie Condon, pero os discos que máis sona lle deron foron os que gravou coa banda de Thelma Terry en 1928. En 1929 Krupa mudouse a Nova York para traballar coa banda de “Red” Nichols. En 1934 uniuse á banda de Benny Goodman, e en 1938, tras unha pelexa pública con Goodman no Earl Theater de Filadelfia, deixou a Goodman para lanzar a súa propia banda.
Krupa é un dos principais atractivos do disco, especialmente no tema que ocupa a cara A na súa totalidade: “Sing, sing, sing”, o tema principal da estupenda película “Swing Kids”, en España "Os rebeldes do swing", ambientada en Alemania nos anos de ascenso do nazismo.  Un dos principais, pero non o único, porque a figura de Benny Goodman, tanto dende o punto de vista de gran instrumentista como o do seu propio comportamento persoal, abonda para dedicarlle máis dunha referencia.

A pericia e virtuosismo de Benny Goodman co clarinete foi recoñecido aínda no pechado mundo da música académica. Importantes figuras deste eido compuxeron obras para el. Aaron Copland dedicoulle o seu “Concerto para clarinete e orquestra de cordas con arpa e piano” de 1947; Béla Bartók o “Trio para Violín, Clarinete e Piano, Constrastes” de 1938; Paul Hindemith o “Concerto para clarinete  de 1947 e Malcolm Arnold o “Concerto nº2 para clarinete” de 1974.

Benny Goodman era ademais nos EE.UU.un dos símbolos da apertura cultural e a tolerancia, e un comprometido antirracista. Un dos momentos importantes na historia musical dos EEUU foi o concerto de jazz que o 16 de xaneiro de 1938, deu Benny e a súa banda no "santuario" da música culta de New York: O Teatro  Carnegie Hall. Un escenario absolutamente vedado a toda heterodoxia musical, e cuxa entrada só podían pagar as clases adiñeiradas. A idea dun dos asesores publicitarios da “Camel Caravan”, un tal Wynn Nathanson, pareceulle unha tolemia ao propio Goodman, pero o atractivo de reunir na escena a músicos de tódalas razas, brancos e negros, xudeus e xitanos, pareceulle un desafío con atractivo abondo para expoñerse a un fracaso.


Por fortuna as entradas esgotáronse o mesmo día de poñerse á venda, e houbo que acomodar cadeiras extras nos corredores e escaleiras. O día do concerto amenceu frío e desapracible, pero para os afeccionados nada daquilo importou, e encheron o local.
Cando os músicos, Lionel Hampton, Gene Krupa, Martha Tilton, Lester Young, Count Basie, Harry James e os demais tomaron asento detrás dos seus atrís, e Benny Goodman, clarinete en man e vestido cunha impecable levita, deu a orde de atacar o primeiro tema, os músicos non tiñan moi claro cal ía ser a reacción dos espectadores. Os entusiastas aplausos ao fin da primeira peza da noite borraron as súas dúbidas e afrouxaron a enorme tensión con a que comezaran. A partires dese intre o concerto foi unha formidable comuñón de músicos e público, entusiasmados polos “I Got Rhythm”, “Blue Skies”, “Stompin’ at the Savoy” ou o esperado “Sing Sing Sing (with a Swing)”. O concerto foi un enorme éxito, e del se fixo unha gravación que estivo anos desaparecida ata que o propio Goodman descubriu en casa uns acetatos e deles se puido facer unha primeira edición en 1950 do que foi o primeiro LP dobre da historia, e o primeiro que vendeu un millón de copias. Uns anos máis tarde, no 1998, descubríronse os “masters” en aluminio grazas aos que se puido facer unha edición con moita mellor calidade sonora, que editouse en 1999 en CD, e que co paso dos anos converteuse nun dos discos de jazz máis vendidos da historia.
Benny Goodman apareceu en moitas películas, como “The Powers Girl”, “Stage Door Canteen” ou “The Gang's All Here”, pero seguro que coa que ides gozar máis e coa de 1948 “Nace unha canción”, “A Song Is Born”, con Danny Kaye como o Profesor Hobart Frisbee, Virginia Mayo como Honey Swanson e Benny Goodman como o Profesor Magenbruch. Deixo o enlace do vídeo por se queredes ir identificando un a un aos músicos.

Eloxio de Emepunto.

Disque no ano 79 ou 80, un rapaz espigado que levaba por nome Emepunto pero que nesta altura aínda ninguén foi quen de identificar, visitou ...