domingo, 31 de mayo de 2020

Dez portadas. Dez discos. Dez + 1 historias (6)

Día 5. Catro EP de folk norteamericano.

“Catro portadas polo prezo dunha” pregoaba o día da súa publicación. O certo é que despois de dúas portadas persoais e dúas de música académica prestábame poñer algo de folk. Pensei en primeiro lugar no “Cancionero de Romances” de Joaquín Díaz, unha caixa con 5 LPs e un libreto de 20 páxinas coas letras e acordes dos romances, ilustracións, fotografías, para recordar decontado que tal caixa facía anos que figuraba no inventario dos préstamos nunca retornados. Tamén pensei no primeiro disco de Dylan que chegou a España, o “Like a Rolling Stone”, o algún dos moitos de Pete Seeger, ou Tom Paxton, ou Phil Ochs … Ao final me decidín por estes catro EP de 45 rpm que mercados por nos no ano 1966.


“O soldado universal” un EP editado no 1965, con catro cancións cantadas polo escocés Donovan Leitch. A primeira da cara 1 é a que da nome ao disco o “Universal Soldier” de Buffy St. Marie da que falaremos máis adiante. O segundo tema desta cara “The Ballad Of A Crystal Man” é da autoría do propio Donovan. A letra moi típica daqueles anos:


For seagull I don't want your wings,
I don't want your freedom in a lie.
As you fill your glasses with the wine of murdered negroes
Thinking not of beauty that spreads like morning sun-glow.


A cara B abre co “Do You Hear Me Now” do escocés fundador de la banda Pentangle, Bert Jansch, e pecha co “The War Drags On” de Mick Softley, habitual colaborador de Donovan nas súas primeiras gravacións.

O segundo EP é o “Farewell Angelina” de Joan Báez, na edición de Hispavox tamén de 1965. Como era habitual a cara A abre co tema que da nome ao disco, o “Farewell, Angelina” composto por Bob Dylan para o “Bringing It All Back Home” e finalmente non incluída no álbum. No segundo corte da cara A, Joan canta o “Colours” de Donovan Leitch co acompañamento de Bruce Langhorne á guitarra eléctrica.
Do mesmo álbum de Dylan antes citado é o primeiro corte da cara B, “It's All Over Now, Baby Blue” que canta tamén acompañada da guitarra eléctrica de Bruce Langhorne. Pecha o disco unha curiosidade: unha canción que leva por título “Daddy, You Been On My Mind” composta por Dylan en xuño de 1964 en Europa, e que fala da ruptura coa súa noiva daquela, Suze Rotolo. Aínda que Dylan gravou a canción nunha das sesións do “Another Side of Bob Dylan” finalmente o tema non foi incluído no disco, e a versión de estudio permaneceu inédita ata a publicación do “Bootleg Volumes Serie 1–3 (Raro & Unreleased) 1961–1991” pero co seu título orixinal: “Mama, You Been On My Mind. 



 Joan Baez ‎– Vol.2
Tamén de Hispavox do mesmo ano é este vinilo de catro cancións. “There But For Fortune” de Phil Ochs, o autor do himno pacifista contra a guerra do Vietnam “I ain't marchin anymore”; as composicións populares “Lily Of The West” e “All My Trials” con Fred Hellerman como segunda guitarra, e “Go'way From My Window” do folclorista e decano dos cantautores norteamericanos J. Jacob Niles.

Quedou para o final un recopilatorio que leva por título “Joyas Folclóricas”, con Joan Báez cantando o primeiro corte da cara A é a canción “Oh freedom”, unha canción de liberdade afroamericana da Guerra Civil, asociada ás mobilizacións do “African American Civil Rights Movement”, e cuxa primeira estrofa cantabamos frecuentemente nas nosas xuntanzas de amigos, nun inglés bastante penoso:

Oh freedom, oh freedom, oh freedom over me
And before I'd be a slave I'll be buried in my grave
And go home to my Lord and be free.

Pechaba a cara A o “Four strong winds” do dúo canadense Ian & Sylvia Tyson, que comezaron a tocar xuntos no 1959, casaron no 1964, e deixaron de tocar e vivir xuntos no 1975. 
Na cara B estaba “O soldado universal” desta volta cantado pola súa autora, a compositora e artista visual canadense de orixe indíxena cree, Buffy Sainte-Marie. Pecha o disco a moi estimable “John Henry” arranxada e cantada pola activista do Movemento polos dereitos civís, Odetta.

viernes, 29 de mayo de 2020

Dez portadas. Dez discos. Dez + 1 historias (5)



Día 4: “Toscanini dirixe tres oberturas[1]” (1957).
Por moito que o, por outra banda excepcional director, Sergiu Celibidache o trate de “ignorante total” e diga del que foi o “peor músico de todos os tempos”, Arturo Toscanini foi, para os seus contemporáneos e para moitos dos críticos actuais o máis grande director de orquestra do século  XX, pola “súa brillante intensidade, o seu incansable perfeccionismo, o seu prodixioso oído e a súa memoria fotográfica, que lle permitía corrixir erros dos membros da orquestra que foran inadvertidos durante décadas polos seus colegas”. Para min, que non me gustan nin un pouco esas cousas de “o mellor”, “o máis grande”, “o número un”, é un director que me gusta na maioría das obras que lle teño escoitado, pero por riba de calquera outra consideración merece a miña admiración e grande estima polo seu valor, conciencia ética e decidido antifascismo.

Cando en 1944 o Exército Roxo derrotou aos alemáns tras meses de cruento combate en Stalingrado, e comezou a avanzar decididamente cara a Berlín, a Oficina de Información de Guerra dos Estados Unidos (OWI), encargou a Arturo Toscanini un concerto no Madison Square Garden de Nova York para celebrar as vitorias da alianza antifascista na Segunda Guerra Mundial, concerto que sería filmado para ser exhibido nos cinemas antes do programa principal.

Toscanini decidiu que a principal obra musical que se interpretaría neste concerto fose a peza de Giuseppe Verdi “O Himno das Nacións”, unha composición de 1862 feita para representar á nova nación italiana unificada e expresar a súa boa vontade cara ao resto dos países europeos. A peza ten mencións aos himnos nacionais de Gran Bretaña, Francia e Italia, aos que Toscanini engadiu os dos Estados Unidos e o da Unión Soviética para completar ás referencias aos principais aliados.


O concerto celebrouse o 25 de maio de 1944 co actor Burgess Meredith no papel de narrador, e Arturo Toscanini dirixindo a Orquestra Sinfónica da NBC, o Coro de Westminster e o gran tenor Jan Peerce como solista. Os lectores atentos xa se terán decatado de que o himno da Unión Soviética non é precisamente un “himno nacional” senón un himno de crase: A Internacional, que soaba quizais por vez primeira no coliseo neoiorquino. E nunha morea de cines espallados por todo o ancho e longo da xeografía dos EE.UU.
Non ía durar moito esta parte da película. A comezos dos anos cincuenta, durante a caza de bruxas, os censores eliminaron a secuencia na que soaba “A Internacional” e durante anos considerouse perdida para sempre. Menos mal que sempre hai algunha formiguiña que garda as cousas, e en 2010 reapareceu unha copia desta vibrante interpretación de “A Internacional” dirixida por  Toscanini da que vos deixo o enlace.


E volvendo xa ao disco en concreto, un EP dobre, agasallo do pai dun amigo, un personaxe moi importante na miña formación non só musical, teño que recoñecer que é unha verdadeira alfaia. Tres magníficas oberturas de tres óperas que daquela eran para min totalmente descoñecidas: Don Pasquale de Donizetti, Oberón de Weber e a incrible “Der Freischütz”, “O Cazador furtivo”, tamén de Carl Maria von Weber, un neno prodixio que aprendeu a cantar e a tocar o piano antes que a camiñar. Durante moitos anos estiven obsesionado por escoitar na radio “O Cazador furtivo” completo. Nunca o conseguín. 

Tiven que esperar ata 1974 para poder mercar a caixa coa que é considerada como versión canónica da ópera: a dirixida por un Carlos Kleiber en estado de graza, cun notable Peter Schreier no papel de Max, a beleza vocal da soprano Gúndula Janowitz como Agathe, o luxo de Theo Adam no papel de Kaspar, Edith Mathis no de Ännchen e Franz Crass no de Hermita, que foi Premio Mundial do Disco de 1974 en Montreux.




[1] Sei que a RAG impón o uso de “abertura” polo italianizante de “obertura” pero un xa está vello para estas cousas …

miércoles, 27 de mayo de 2020

Dez portadas. Dez discos. Dez + 1 historias. (4)


Día 3: Percy Sledge. " When a Man Loves a Woman” (1966).


Percy Sledge naceu o 25 de novembro de 1941 en Leighton, Alabama. Malia que moitos pensen que é un deses cantantes que chaman “one-hit wonder” o que ven sendo como o da “flor da marabilla”, tivo outros grandes éxitos internacionais como o "Warm and Tender Love", "Take Time to Know Her", "It Tears Me Up", "Cover Me" e aínda unha versión moi axeitada do "Love Me Tender" que popularizara Elvis Presley, e que realmente é unha adaptación de “Aura Lee”, unha canción da guerra de Secesión do 1861.

Percy Sledge tiña unha voz perfecta para as baladas de soul, o que alguén chamou "clásicos emocionais para románticos de todas as idades", e "When a Man Loves a Woman" é unha perfecta mostra desta afirmación. Foi escrita polo propio Sledge, coa axuda do baixo Calvin Lewis e o organista Andrew Wright, cando o cantante perdeu de vez o seu traballo e a súa noiva, e alcanzou o número 1 nos Estados Unidos, e foi tamén un éxito internacional, España incluída.

E de románticos vai a cousa: porque as razóns da inclusión deste vinilo teñen máis que ver con afectos persoais que os musicais. Alá polo ano 1967 a miña amada noiva caeu enferma de amigdalite e papeiras, e ía ser a vez primeira que entraría na súa casa. Cos poucos cartos que rabuñaba da miña paga merqueille este disco e un bote de peras en almibre. Das peras non conservamos nin a lembranza da marca: so que era un fabricante de Lleida, e que eran toda unha novidade. O disco si que está entre as nosas máis prezadas posesións.

lunes, 25 de mayo de 2020

Dez portadas. Dez discos. Dez + 1 historias. (3)





Día 2: María Callas. "Catro arias de Puccini” (1959).

O disco, un vinilo de 7”, 45 rpm, EP, editado no 1959 por “La Voz De Su Amo ‎– 7 ERL 1358”, contén catro arias de Giacomo Puccini interpretadas pola marabillosa soprano Maria Meneghini, máis coñecida por “A Callas”: Un Bel Di Vedremo do Acto II de Madama Butterfly; In Quelle Trine Morbide do Acto II de Manon Lescaut; Si, Mi Chiamamo Mimi do Acto I de La Boheme O Mio Bambino Caro da ópera nun acto Gianni Schicchi. Todas elas coa Orquestra Filarmonía dirixida por Tullio Serafin.

O vinilo foi non sei se herdanza ou agasallo da miña tía Rosiña, a irmá maior do meu pai. A miña tía casara con home de moitos posibles que chegou a ser secretario do Consulado do EE.UU. en Vigo. Xunto co meu pai e outros irresponsables formaban o grupo dos “aliadófilos”, ou sexa os que na Segunda Guerra mundial apoiaban ás potencias democráticas contra das do Eixe, que se dicía daquela, e que como tales sufrían as iras dos da camisa azul.

A miña tía tiña grande afección pola música, non en van o seu pai fora íntimo amigo de Reveriano Soutullo, barítono e intérprete de instrumentos de pulso e púa, a máis de contador, na Sociedade “A Oliva” E a mencionada afección facíase respecto reverencial cando falabamos da ópera e de María Callas. E confeso que probablemente escoitando aqueles discos de Ataulfo Argenta, Andrés Segovia e Alfredo Kraus naceu a miña afección pola música académica.

Tería eu catorce ou quince anos cando, coa arreda de visitar ás miñas tías ía á súa casa da rúa Reconquista a escoitar música, tomar unha galleta do variado de Cuétara e unha copiña de Marie Brizard ou viño doce de moscatel Goya. Todo era perfecto ata que a miña tía escoitaba á Callas entoar:
Un bel di vedremo
levarsi un fil di fumo sull’estremo confin del mare.
E poi la nave appare.
Poi la nave bianca entra nel porto,
romba il suo saluto.

Entón, con voz agarimosa, non moi habitual nela, pedíame que cantara con elas; coa Callas e coa miña tía. De nada valían as miñas protestas de que a peza estaba escrita para soprano e non para barítono: un novo grolo de anisete servía para desbaratar ás miñas defensas, e en pouco tempo preguntabámonos:
Chi sarà? Chi sarà?
E come sarà giunto?
Che dirà? Che dirà?
Chiamera Butterfly dalla lontana.

O certo é que a min gustabame mais a de O Mio Bambino Caro, pero cunha copiña de anisete un fai o que sexa!


domingo, 24 de mayo de 2020

Dez portadas. Dez discos. Dez + 1 historias. (2)

Día 1: Adriano Celentano. "Il ragazzo della via Gluck" (1966).


Questa è la storia
Di uno di noi
Anche lui nato per caso in via Gluck

"Il ragazzo della via Gluck" é unha canción fortemente vinculada á biografía de Adriano Celentano, que como o protagonista da historia naceu no número 14 da Via Gluck, unha rúa periférica adxacente á liña de ferrocarril no distrito “Greco” de Milán. No período de posguerra o barrio experimentou un rápido proceso de urbanización e perda de espazos verdes. O texto fala da nostalxia dun mundo perdido, o mundo da infancia e parte da adolescencia de Celentano, ata que tivo que abandonar a veciñanza para ir vivir ao centro, coa súa familia á casa do seu irmán.

A canción engaioloume dende a primeira audición. Porque era unha especie de balada folclórica, porque era un tema comprometido cun ecoloxismo que comezaba a agromar naqueles anos, e por que tiña unha letra que contaba unha historia. Así que poñendo a orella con moita atención logrei saber con aproximación abondo o que dicía a letra que, bendita xuventude, quedoume gravada a ferro na memoria.

Un día dese ano, coñecín unha rapaza marabillosa que, para a miña fortuna, era irmá dunha amiga da cuadrilla. E canteille esta canción. Dende a primeira á derradeira estrofa. Non sei se ben o mal, pero hoxe, cincuenta e catro anos despois, aquí seguimos.

Dez portadas. Dez discos. Dez + 1 historias. (1)


Froito non sei ben se do desconcerto propio de tantos días de confinamento ou da imposibilidade de escribir algo medianamente coherente, deixei que o Manuel Forcadela me enguedellara nunha desas cadeas, desta rede social coa que teño unha relación tan bipolar. Recoñezo o valor desta plataforma polas súas enormes posibilidades de extensión do coñecemento e as artes, e pola innegable funcionalidade para a consolidación, reforzamento e extensión das relacións sociais, de colaboración e de amizade que este espazo virtual posibilita. Pero cada día afógame máis a conciencia de que as contrapartidas son excesivas. Que baixo a intención declarada de unir ás persoas agáchase a verdadeira finalidade desta aparente filantropía: converternos en xeradores voluntarios e gratuítos de información arredor dos nosos gustos, información que será monetizada e vendida a todos aqueles aos que interesamos soamente como compradores, dun certo produto ou dunha certa ideoloxía.
Logo están cousas como as filtracións de Snowden, o escándalo de Cambridge Analytica e as revelacións sobre a reunión secreta de Mark Zuckerberg co Donald Trump, que reforzan ás túas motivacións para abandonar o Facebook. De tódolos xeitos creo que ás dúas razóns que máis me moven a eliminar a miña conta desta rede é en primeiro lugar a tremenda perda de tempo que supón o intentar manter as normas de educación que aplico no mundo real ao mundo dixital: as obrigas sociais do “gustoulles a miña publicación, así que mellor eu póñolle un gustoume á súa” se acumulan tan rapidamente que chegan a niveis totalmente insostibles.
E como diría o meu Tiniño, “teño que recoñecer” que aínda que loite desesperadamente contra tal despropósito, os efectos psicolóxicos da perpetua comparación dos resultados obtidos coa publicación dun sisudo e documentado traballo cos dunha fotografía dun cachorro encantador son simplemente demoledores para o meu ego.
O desafío aceptado contiña unha condición que non me vía con forzas de cumprir: a de publicar soamente a portada do disco, sen comentarios nin explicacións. Así que argallei para min o facer esta publicación explicando algunhas das cousas que me interesaba comentar arredor dos criterios que utilizara para a selección de dez portadas de discos. E sen máis explicacións volvemos os bois ao rego e empezamos co primeiro disco.

Eloxio de Emepunto.

Disque no ano 79 ou 80, un rapaz espigado que levaba por nome Emepunto pero que nesta altura aínda ninguén foi quen de identificar, visitou ...