martes, 12 de junio de 2018

Os falsos aforros



Van alá uns días Sara Bonner publicou un vídeo realizado nos USA onde se falaba de aforros enerxéticos nun ximnasio, consistentes e instalar xeradores eléctricos nas bicicletas estáticas. Un que está xa afeito a que a xente que paga mais de cen euros de telefonía se queixe do moito que paga pola enerxía eléctrica, ve estes vídeos coa mesma resignación franciscana coa que escoita falar do “imposto ao sol”.
Se me decidín a escribir algo sobre el foi porque o redactor do vídeo confunde as unidades de potencia (vatios), coas de enerxía (vatios · hora ou quilovatios · hora), e considero que este tipo de erros infantís, inxustificables en calquera que fixera o bacharelato, dificultan os aproveitamentos enerxéticos realmente viables. E viabilidade supón que o investimento vai ter un período de retorno axeitado como para que mereza a pena. Compre non esquecer que, como dicían os nosos avós, “o mellor xeito de aforrar é non gastar”.

Pasemos sen mais a un sucinto análise dos contidos do vídeo. Se, como se afirma nel, cada unha das bicicletas estáticas ten un xerador de 200W de potencia nunha hora de exercicio a plena potencia a enerxía total xerada serán soamente 200 Wh é dicir 0,2 kWh.

E iso, é moito ou pouco? Pois, depende! Traducido a cartos, que é como se entende mellor, eses 0,2 kWh, cantos cartos menos suporían no noso recibo de enerxía? Lembremos que a compañía eléctrica nos factura mensualmente, polo que teríamos que calcular primeiramente canta enerxía xeraríamos nese período de tempo. Partindo da hipótese de que dedicamos a esa actividade 26 días ao mes, chegaríamos a producir:

E, cantos cartos son iso? Se collemos un recibo da enerxía consumida na nosa casa un mes calquera (por exemplo da miña) poderiamos tirar a conclusión que como pago 79,94 € por 421kWh, cada quilovatio sae a  5,27 €/kWh, polo que podería aforrar algo mais de 27 € ao mes no meu recibo “da luz”. Craso error! Simplemente dando a volta á folla do recibo de enerxía decatámonos de que o cálculo é un pouco mais complexo! No detalle da factura atopamos unha xeira de conceptos complicados de manexar; na parte de facturación por potencia contratada o “importe por peaxe de acceso”o “importe por marxe de comercialización fixo”; na parte de facturación por enerxía consumida os de “importe por peaxe de acceso”e o de “importe por custe da enerxía”; finalmente un imposto riba da electricidade, un aluguer dos equipos de medida e un IVE.

Para non facer isto demasiado largo admitídeme que renuncie a xustificar paso a paso a afirmación de que, estatisticamente, o importe da enerxía nos recibos domésticos é soamente un 25% do importe total da factura. Que dicir que, no mellor dos casos o aforro acadado sería soamente dunha cuarta parte do previsto: 1,32 €. Cantos anos nos levaría pagar a razón dun euro ao mes a inversión necesaria para converter as bicicletas estáticas en xeradores?

Aínda mais: no vídeo se afirma que a enerxía producida gárdase nunhas baterías e o conxunto está conectado á rede eléctrica. Non estou seguro cal é a situación en California pero en España, aínda que fixéramos un pouco de política/ficción e pensemos que Pedro Sánchez vai a derrogar o RD 900/2015, coñecido coma imposto ao sol, nada indica que a situación pase a permitir á conexión á rede de subministración pública sen establecer ningunha condición técnica para elo, polo que a inversión a facer non sería exclusivamente o do xerador senón o de inversor, baterías, e o resto de elementos necesario para conectarse á rede.

En resumo: menos lobos Carapuchiña!


Eloxio de Emepunto.

Disque no ano 79 ou 80, un rapaz espigado que levaba por nome Emepunto pero que nesta altura aínda ninguén foi quen de identificar, visitou ...