miércoles, 27 de diciembre de 2017

O horror en Oradour-sur-Glane

No libro de Joseph Conrad Heart of Darkness, (que cada un traduce ao galego como lle peta, negror, escuridade, tebras,…) un mariño de nome Charlie Marlow conta a súa viaxe polo río Congo na procura dun tal Kurtz, o xefe dunha explotación de almafí dunha compañía belga. Pero Kurtz, na súa loita por adaptarse as condicións de violencia extrema que a explotación dos indíxenas impón, tense transformado nun personaxe dunha crueldade bestial ao que os nativos idolatran coma se fose un deus. Marlow e os seus compañeiros de viaxe logran levar a  Kurtz, gravemente enfermo, ao pequeno barco de vapor, pero este morre no traxecto, pronunciando súas últimas palabras: “O horror! O horror!”.

O seis de xuño de 1944, ao amencer, as praias de  Normandía énchense de estoupidos e morte. Os aliados desembarcan abrindo unha nova fronte na reconquista de Europa. Para enfrontar esta invasión, o estado maior alemán ten que mobilizar tódalas tropas dispoñibles, incluídas moitos do rexementos das SS que estaban diseminadas por Francia intentando controlar aos elementos hostís ao réxime de Vichy. O Maquis, a resistencia armada, vai empregarse a fondo para atrasar estes movementos de tropas, evitando que estes reforzos cheguen ao Contentin para axudar a botar aos Aliados ao mar.

Concretamente a División SS Das Reich do Waffen-SS, veterana do Fronte Oriental, parte dende a rexión de Toulouse, pero cando chega ao Macizo Central á rexión do Lemosín, onde a actividade do maquis é particularmente intensa, a 3ª Compañía do Primeiro Batallón do Rexemento Der Führer é requirida para realizar una operación de "limpeza" en Oradour-sur-Glane, coa escusa de que no pobo agachábase un depósito de armas de Resistencia.

Na mañá do sábado 10 de xuño, había en  Oradour mais xente que outro día calquera. Á hora do xantar, os restaurantes dos hoteis estaban a rebordar, e moitos forasteiros en descanso de fin de semana achegaranse a vila atraídos pola noticia da dispoñibilidade de tabaco nas expendedoras. Tamén estaba convocada unha visita médica para os cativos, e os 191 nenos dos dous grupos escolares de  Oradour, tiñan tamén aulas de tarde.

Arredor das dúas da tarde unha columna composta dunha decena de vehículos, entre eles dous blindados media/eiruga, entrou en Oradour pola estrada de  Limoges. Cento cincuenta dos soldados das Waffen-SS ás ordes de Adolf Dickmann, vestidos con roupas de camuflaxe, despregáronse polo núcleo urbano con orde de concentrar á totalidade dos habitantes de Oradour na praza do mercado para unha teórica “inspección dos seus documentos de identificación”.

As Schutzstaffel teñen experiencia e brutalidade abondo para executar a manobra de agrupamento da poboación con método, disciplina e aplicación de violencia necesaria, e ao cabo de vinte minutos a manobra está finalizada. Diante da praza chea de xente, un terzo deles nenos, o comandante Dickmann acusa ao pobo de servir de depósito de armas para o Maquis, e ordénalle ao alcalde de Oradour escoller entre eles a 30 reféns, ao que o alcalde négase, ofrecéndose el mesmo coma tal.
A negativa non muda o propósito inicial de Dickmann que ordena ás tropas proceder a separar aos presentes en dous grupos. O grupo dos homes é levado cara ás aforas do pobo, e o das mulleres e nenos encerrados na igrexa. De súpeto, cando aínda non entraran na igrexa a totalidade do grupo explota dentro unha granada de fume o que desencadea un intento de fuxida do recinto que os fusís automáticos dos Waffen-SS empecen cunha cortiña de chumbo. A combinación dos dous factores é dunha eficacia abraiante: soamente unha muller de apelido Rouffanche, que puido escapar por unha xanela, sobrevive á masacre.
A explosión da granada serviu como sinal para que os soldados apostados con metralladoras pesadas nos arredores iniciasen o fusilamento dos homes, ao que déronlle cabo rematando un por un aos agoniantes. Seiscentas corenta e dúas persoas, 190 homes, 245 mulleres e 207 nenos, perderon a vida na hecatombe programada co fin de intimidar á poboación civil coutando o seu apoio á acción dos maquisards.

Vinte das seiscentas corenta e dúas vítimas eran exiliados republicanos españois. Vítimas esquecidas pola España da Transición. (Ou mellor da traizón?) Soamente unha placa instalada en 1945 a instancias da Junta Española de Liberación do Goberno da República española no exilio, recolle cos nomes dos españois falecidos a mans dos nazis. O Foro pola Memoria de Guadalajara, ten identificados aos seguintes:

·       Os Gil Espinosa, de Alcañiz. Francisco Gil de 50 anos, a esposa Francisca de 49, a prima Carmen de 30 e as nenas Francisca e Pilar.
·       Os Lorente Pardo, nai, Antonia, e dous fillos, Nuria e Francisco. Levaban en Francia dende o éxodo de xaneiro de 1939, procedentes de Barcelona.
·       As irmáns Emilia e Angelina Masachs, de 11 y 8 años, de Sabadell, perderan aos seus pais e estaban recollidas por as outras familias españolas.
·       Os Serrano Pardo. O pai, José, mestre de escola a a súa muller María. Tres fillas nacidas en Francia; Armonía de tres anos e as xemelgas de un ano, Esther e Paquita.
·       Os Téllez Domínguez de Barcelona. O pai, Domingo era orixinario de Zaragoza. A nai María de 31 anos e tres fillos, Miguel de 11 años, Armonía de 8 años e Liberto, de dous, nacido en Oradour.
·       Finalmente Carmen Silva, de 39 años, de Bilbao casada co francés Robert Pinede e que non figura na placa.

"Non creo que existan palabras para describir todo o que significa, a aqueles que non saben qué é, o horror. O horror. O horror ten rostro” 

Eloxio de Emepunto.

Disque no ano 79 ou 80, un rapaz espigado que levaba por nome Emepunto pero que nesta altura aínda ninguén foi quen de identificar, visitou ...