martes, 17 de marzo de 2020

O cofre do tesouro

Encerrado non é o mesmo que na casa! Teño a sensación, pode que pouco razoada, de que non son eu o que estou cedendo voluntariamente os meus dereitos individuais polo ben común, senón que estes dereitos estanme a ser arrebatados. Non sei! Ao mellor ten algo que ver coa sensación que debía ter Albert Camus cando escribiu A Peste. Esa sensación indefinible de que detrás da defensa dun ben superior, a saúde pública, se oculta a pantasma do recorte de liberdades, da enésima metamorfose do capitalismo, de que todo cambie para que todo siga igual, a crise que una vez más pagaremos a xente do común.
Aínda que ao mellor a explicación é moito máis sinxela: unha infección por conspiravirus! Xa comezan a detectarse casos! O certo é que estou sentado no ordenador, intentando escribir, e non dou feito nada que teña un mínimo de calidade. Polo menos algo ao que “eu lle vexa” un mínimo de tal, que teño que recoñecer que tamén é posible que para outras xentes, de mal gusto e peor intención, non a teña nada do que eu fago.
A cousa é que, aproveitando a boa temperatura, decidín darlle unha limpeza ao meu taller do balcón, e debaixo das caixas de óleos e acrílicos atopei este cofre da ilustración, que no seu momento viña cun tesouro de ricos embutidos estremeños, e que hoxe, dada, van alá xa moitos anos, boa conta das ricas viandas, estaba hoxe ateigado de trebellos de varia natureza e caste, chintófanos, chismes, e aparellos ós que, coa miña teima de poñer acrónimos a todo, din en chamar DDL (dispositivo dinamizador de lembranzas), e que paso a enumerar decontado.
Alí estaban: flores murchas, reliquias varias da tecnoloxía do pasado. Unha regra metálica con seis escalas, un flexómetro, dous punteiros láser, dúas memorias EEPROM, un GPS, un monte de chaves sen identificar, un anaco de ámbar, conectadores telefónicos, un mosquetón, e un par de fitas das exposicións de NAVALIA.
Tamén unha axenda vella. Unha DEUSTO Electrónica de 1977, chea de información de grande interese, como táboas de conversión de distintos sistemas de unidades, deseño de bobinas solenoides, cálculo de reactancias e frecuencia de resonancia, cálculo de transformadores, ... Noventa e seis páxinas que 23 anos despois seguen tendo a súa utilidade.
E un feixe de regras de cálculo. As dúas primeiras unha Faber Castell de peto e unha Aristo de sobremesa cunha regra auxiliar cos cosenos ao cubo para calcular os tenses das liñas aéreas.
Unha pequena marabilla, desgraciadamente con pouca utilidade práctica na actualidade por mor da eclosión dos programas de cálculo informatizados, é este conxunto de regras de cálculo de Instalacións Eléctricas de BT de ABB. Son catro grandes regras con dúas caras activas cada unha. A primeira regra pola súa cara 1 serve para o cálculo da capacidade de carga de canalizacións eléctricas e o cálculo da impedancia e a caída de tensión no extremo da canalización antes determinada. Pola cara dous podemos calcular a corrente de curtocircuíto trifásico. A segunda regra está destinada á verificación da protección contra dos contactos indirectos e curtocircuítos mediante interruptores automáticos de caixa moldeada pola cara 1 e con aparatos modulares pola dous. A terceira define o poder de corte último da protección escollida e a cuarta para as proteccións de motores en arranque directo.
Tócalle a quenda aos cálculos de iluminación: unha regra para iluminación interior con luminarias fluorescentes do fabricante Indalux de Valladolid e unha que utilicei arreo de NOVALUX que ao pouco tempo foi absorbida por PHILIPS.
Imos coas máquinas: dimensións dos motores IEC, cálculo de perdas de carga de bombas de o fabricante vasco INDAR, e embragues e freos de EIDE DE Sabadell.
Contactores e proteccións para motores de arranque directo e estrela/triángulo de ABB.
Evolución das regras de cálculo de TELEMECANICA consonte a evolución dos produtos.
Regra para os cálculos da ventilación de locais do fabricante de Soler&Palau.


E tres máis para rematar: calefacción eléctrica, protección de sobretensións e traceado de tuberías. 
 Pois nada: todo de volta ao cofre! En vinte anos volvemos a abrir por ver se todo segue no seu sitio!

lunes, 2 de marzo de 2020

Onde foron todas as flores?


Conta Pete Seeger que en outubro de 1955, cando estaba nun avión con destino a Ohio para dar un concerto no Oberlin College de dita cidade de Oberlin, atopou no seu peto un papel con tres liñas que anotara o ano anterior cando estaba a ler “O Don apracible” a monumental novela de Mijaíl Shólojov. As liñas contiñan unha estrofa que os soldados cosacos cantaban cando galopaban para unirse ao exército do Tsar: “Onde están as flores? As mozas arrincáronas. Onde están as mozas? Casáronse. Onde están os homes? Están no exército”. Para facer a letra, Seeger engade a esta idea base, as de que “vai alá moito tempo” e “cando van aprender?” Vinte minutos despois Pete Seeger tiña rematada a letra desta marabillosa canción, que fala da imposibilidade da humanidade de aprender dos seus propios erros.
Onde fóronse todas as flores?
Cortáronas as mozas!
Onde fóronse todas as mozas?
Casaron cos mozos!
Onde fóronse todos os mozos?
Fóronse a ser soldados, todos eles.

E segue describindo como os soldados encheron ás tumbas; e como as tumbas enchéronse de flores, que novas mozas colleron para darlles aos seus amados; e como estes amados serán novamente chamados a outra guerra sen sentido, na que tamén serán soldados que acabarán en tumbas, que logo encheranse de flores. E pregunta a letra: cando van aprender? Cando van aprender? Pero ninguén contesta, porque as cabezas están cheas de orgullo patrio e baleiras de raciocinio!

Seeger incluíu nesta primeira versión do Oberlin College soamente tres estrofas, ata que un estudante de nome Joe Hickerson, que traballaba como monitor nun campamento de verán, engadiulle dúas máis. Estas novas estrofas foron tan ben recibido por Pete, que este engadiu o nome do estudante como coautor da canción, outorgándolle un 20% dos dereitos.

De tódalas versións existentes, a de Joan Baez, Peter, Paul & Mary, Kingston Trio, Marlene Dietrich e o propio Seeger, eu escollín esta, que foi producida nos anos noventa polo activista medioambiental, loitador polos dereitos dos cidadáns e gran afeccionado á música politicamente comprometida, Jim Musselman, para o seu selo discográfico de música folk estadounidense Appleseed Recordings. De feito Where Have All the Flowers Gone: The Songs of Pete Seeger foi o primeiro álbum da discográfica. O álbum inclúe ademais versións de cancións de Seeger feitas por artistas da estatura moral de Bruce Springsteen, Ani DiFranco, Jackson Browne, Joan Baez, Judy Collins, ou o actor Tim Robbins. O álbum gañou o Premio da Federación Estadounidense de Música Independente ao mellor lanzamento de 1998, e o dúo de Jackson Browne e Bonnie Raitt en"Kisses Sweeter than Wine"foi nomeado para un Premio Grammy no 1999.


Para esta versión de Where Have All the Flowers Gone, Jim Musselman pensou en dúas cidades especialmente torturadas pola guerra: Belfast e Sarajevo. Por Belfast viría Tommy Sands e Vedran Smailović por Sarajevo. E como símbolo da necesaria superación das diferenzas entre as dúas comunidades de Irlanda do Norte, engadiría ás voces do propio Tommy e a de Dolores Keane, un coro coro de nenos e nenas católicos e protestantes baixo a dirección de Ros Ni Dhubhainn. Rod McVey encargouse da produción, acordeón e teclados, James Blennerhasset do baixo, Liam Bradley da percusión e Liam O’Flynn desa arrepiante gaita irlandesa da segunda parte da melodía. Os arranxos son cousa do propio Jim Musselman coa axuda de Tommy Sands e Rod McVey. E, aínda que non se lle cita nos cretos, seguro que Liam O’Flynn ten moito que ver tamén no resultado final!

Eloxio de Emepunto.

Disque no ano 79 ou 80, un rapaz espigado que levaba por nome Emepunto pero que nesta altura aínda ninguén foi quen de identificar, visitou ...