sábado, 16 de enero de 2021

A presentación de «A Fraga da Saudade»

 

Un tan fermoso proxecto como foi «A Fraga da Saudade» necesitaba dun axeitado colofón. Se o proxecto nacera dunha amizade firmemente enraizada na nosa mocidade, que mellor xeito de celebrar a vitalidade dela que unha celebración a custe cero para os asistentes? Que mellor emprego poderían ter os cartos obtidos da venta do resto das carpetas que me tocaran no reparto, despois de entregadas as dos compromisarios?

Malia que unha parte importante dos asistentes de dereito carecían a estas alturas de compromisos laborais, cumpría xunguir nun día concreto moitas máis dispoñibilidades. Sen ires máis aló as dos músicos e o local. Tras varios intentos cuxas circunstancias non veñen ao caso, escollemos a data, para algún de nos moi especial, do 14 de abril do ano 2015 para facer a presentación da carpeta. E, non sen algunha bágoa e algún remorso, cadramos todos para ese día, oito do serán en «O Lagharto pintado» de Vigo.

Un pouco antes das oito do serán establecidas comezaron a chegar os invitados ao local do Lagharto, onde baixo a eficaz man de Manu todo estaba xa preparado. Proxector e pantalla para os vídeos, mesa para os condutores do acto, cadeiras para os asistentes e piano eléctrico para o noso pianista de sete estralos: Alejo Amoedo. Sen esquecer a abundante munición de boca, variadas delicias que incluían o pernil de porco cortado á demanda.


O discurso de benvida recolleu axeitadamente os propósitos que o acto tiña:

Boas tardes amigos e amigas, benvidos todos a esta festa de exaltación da amizade a xeito de proposta cultural multidisciplinar. E digo multidisciplinar porque a mais de, coma por outra banda é lóxico, a pintura, están representadas case que a totalidade das artes.

Nun alarde culterano, mais propio de don Luis de Góngora e Argote que deste esforzado achegador de verbas, poderíamos dicir que para este acto temos convocado ás nove musas.

Calíope, a da belida voz; musa da elocuencia e da poesía épica.

Clío, a que ofrece a gloria; musa da epopea

Erato, a amorosa; musa da canción amatoria, que disto tamén haberá.

Euterpe, a moi pracenteira; musa de la música, e outra das protagonistas da tarde.

Melpómene, a melodiosa; musa da traxedia.

Polimnia, a dos moitos himnos; musa da poesía sacra

Talía, a festiva; musa da comedia.

Terpsícore, a que deleita na danza; por se despois alguén se decide a practicala.

Urania, a celestial; musa das ciencias, que é a miña.

A meirande parte dos presentes terase decatado xa, de que nesta douta enumeración faltan as musas da pintura, da literatura, da escultura e da arquitectura. Aínda que é posible que non lembre a razón que, como é de ben nacidos, me dispoño a explicar.

Consonte a mitoloxía grega as Musas son fillas de Mnemósine: a memoria, e sobriñas de Kronos, o tempo. Polo tanto un artista que practica unha das artes “musaicas” precisa da memoria; sen ela non pode executar o seu arte. Pero moito mais importante: implica o concepto de dependencia do tempo, de fugacidade, de non permanencia como obxecto artístico material e conservable.

Ven isto a conto porque o que presentamos hoxe é precisamente un obxecto artístico material e conservable, unha carpeta de láminas combinadas con escrita, pero que nesta proposta, queremos levar a efémera. O poema escrito convértese en espiritual cando se declama. Unha imaxe en movemento proxectada nun lenzo troca a súa esencia permanente en efémera. Para á primeira tarefa temos connosco algúns compañeiros da Promoción 64, cuxos nomes e dedicacións enumeraremos mais adiante. Para a segunda con este “parauto infernal”, que “San Biligheites” o queira, agardemos nonos deixe colgados.


Decontado a escritora e amiga entrañable Isabel Blanco, antiga alumna do Colexio de Cluny, nos divertiu coas súas experiencias de mocidade, a súa visión da obra realizada e do acto que estabamos a celebrar. Eu falei brevemente dos aspectos materiais da obra e do significado da arte múltiple, e Alex Vázquez-Palacios do proceso seguido para a elaboración dos nove acrílicos da súa contribución ao proxecto. Finalmente interveño brevemente para explicar de como os problemas de saúde do querido Maxi me levaron a coller a responsabilidade de engadirlle o texto ás imaxes de Alex, e de como as láminas chamaban por min para ditarme o seu segredo! E con acerto o sen el, que destas cousas o autor non é o mellor xuíz, engadir o texto inspirado pola imaxe preexistente, para dar cabo a esta carpeta de imaxes dunha fraga ideal, abstracta e xestual, relato poético dun retorno a un pasado común.


Chega o cerne da presentación: oito colexiais recitando co acerto que lle da a súa mellor vontade os oito poemas mentres as imaxes das láminas se proxectan na pantalla. Dúas quendas precedidas pola “Romanza sen palabras” de Marcial del Adalid,  “Meditación sobre un bemol” de Jose Luis Pedrosa no intermedio, e para rematar o “Bicos e Rosas” de Antonio Paz Valverde, todas as pezas maxistralmente interpretadas ao piano por Alejo Amoedo.

Como recolliamos no discurso de benvida entre os propósitos que non poden faltar nunha xuntanza de amigos galegos, teña esta o propósito que teña, son o bo xantar, o bo beber e o bo cantar. Como dicía o latino, ars longa, vita brevis, e cómpre dedicar parte de ese tempo á ars manducans, a ars bibens e a ars canora.

Finalmente compre ter en conta que o espiritual ten o seu cerne no material, e que dalgún xeito artes efémeras son tamén a cociña e a enoloxía. Quizais menos dependentes da memoria, pero igualmente ligadas ao tempo de execución e á perfección do ritual; en todo caso igualmente necesarias e mais achegadas a nosa natureza carnal, polo que é de supoñer que algo gorentoso nos teñan preparado os sabios e sabias alquimistas da cociña que, cal máxica apócema, nos permita aturar a pé firme e co sorriso nos beizos esta cerimonia que imos oficiar.

E como non podía ser doutro xeito rematamos cunha foliada conducida con man mestra polos insignes músicos Begoña Riobó, Anxo Pintos, Afonso Franco, Xosé Liz e Xisco Feijó. Hai quen dea máis? E con Isa Abril Bausela e Rodrigo Romaní de espectadores!

martes, 12 de enero de 2021

O que ven sendo «A Fraga da Saudade»

 


«A Fraga da Saudade» son oito poemas visuais nacidos arredor dos acrílicos que Alex Vázquez-Palacios pintou das paisaxes, dunha fraga entre imaxinada e vivida, inspirada no bosque da finca de Bellavista do Colexio Apóstolo Santiago do Xesuítas de Vigo, para recuperar o resto da obras realizadas, pero non empregadas, na celebración do Cincuentenario da Promoción do 1964. Ao pé de cada unha das imaxes vai un texto, non sabería determinar se poema sen métrica nin rima ou prosa poética, pero si con falante, obxecto, actitude e tema lírico, caligrafiado polo autor e disposto de xeito harmónico coa propia imaxe, pretende ser un micro relato dunha volta aos orixes, dun asolago nas brétemas da lembranza, nun reencontro coas persoas que fomos. Isto fai que as láminas deban ser degustadas nun orde concreto, especificado detrás da miña firma do texto. O que non empece que algún decida que hai algunha que lle gusta de xeito especial e prefire separala do resto e tela á vista colgada na parede.

Estes oito acrílicos foron escanados, ao igual que os oito textos, montados na súa posición relativa nunha cartolina A4, e cincuenta copias de cada unha delas imprentadas en Gráficas Anduriña de Pontevedra, nun proceso dixital que, pola súa complexidade, está mais achegado ás técnicas de gravado tradicionais que ás impresoras domésticas. A “Fraga da saudade” é, polo tanto, o que se coñece no mercado da arte coma un múltiple, e dicir unha obra gráfica que “nacendo dunha idea e de unha forma única, se reproduce un número determinado de veces, sen manter distancia algunha có concepto ou idea base do artista”. Deste xeito canda súa das reproducións é unha peza valiosa, pola súa fidelidade máxima ao orixinal e pola súa condición de exclusiva, facéndose con esta técnica moito mais alcanzable ao comprador posto que o valor de venta da obra orixinal divídese entre o número controlado de reproducións numeradas e firmadas polo artista; 50 neste caso. Se a misión dun artista contemporáneo é facer visible o invisible, facer preguntas e provocar emocións é evidente que a arte múltiple é un vehículo axeitado para canalizar o coñecemento, constituíndose en mirada visionaria que dialoga coa realidade aportando outros matices diferentes.

Non quero esquecer o papel que nove compañeiros de promoción e un extraordinario amigo alleo a ela, pero que foi o que me deu a idea e o primeiro que se apuntou, xogaron no proceso necesario para levar da idea material á práctica editorial este proxecto artístico e creativo: a financiación alternativa mercando e pagando a carpeta antes de que esta estivese dispoñible.

Aínda que para min o virtual non é nunca nin un pálido reflexo da realidade material, quero reproducir cada unha das láminas e textos, consciente das limitación da visualización de xeito especial nas pantallas dos dispositivos móbeis e máis neste caso concreto onde a realización gráfica dos múltiples posúe unha materialidade que o fai especialmente distante da fotografía.

Lámina 1.    

Amados recunchos da fraga nos que aínda latexan, agochados no mais segredo da alma, o primeiro xaruto, o primeiro pecado, a primeira dúbida … Retorno hoxe ao voso regazo mol, aos vosos fortes brazos.

Lámina 2.

Arbores da fraga; sodes coma nos. Anos atrás miúdos e febles, prestos ao bulicio e a preguiza. Hoxe, algúns de nos inmensos na súa estatura, outros menores, pero todos modelados pola felicidade e a desgraza; todos, nalgunha medida tamén, modelados pola propia fraga. 

Lámina 3. 

Camiñantes pola fraga; dalgún xeito iso somo todos. Algúns pasarán a escape, ás toas, alleos á beleza que os rodea. Outros deteranse en canda seu recanto dela, escoitando o latexo da vida, procurando o mais recóndito e segredo. Destes quedarán as pegadas nos camiños da fraga. 

Lámina 4.     

Todos nos, camiñantes chegados de preto ou de lonxe, algúns mesmo do alén mar, obedecemos ao chamado da saudade, irmáns para sempre nesta fraga preñada de lembranzas da mocidade compartida e nunca esquecida.

Lámina 5.          

“Sentinme morrer” – dixo o amieiro – “O vento turraba das miñas pólas tentando facerme perde-lo pé e a soidade cortábame os folgos”. “Entón, no mais escuro da noite, no mais cruel da tempestade, sentín a calor do voso alento ao meu carón e reverdecín”.

Lámina 6.         

“Fincado como estou na terra”– dixo o piñeiro – “As miñas raigañas furando as rochas, vinme no meu soño mastro dun navío, inzado de velame, devecendo por abrir ronseis no mar”.

Lámina 7.      

“Son pequeno e sinxelo” – dixo o acivro – “Érguense ao meu rentes árbores importantes de nomes sonoros. As súas altas copas están preto do ceo e cando venta cantan unha fermosa canción”. “Pero non estou apesarado porque sei que a fraga non sería tal sen min”.

Lámina 8.      

Longa verea percorrida. Ao botar a vista atrás véxoche doce e agarimosa, ateigada dos doce froitos da felicidade. Longa verea percorrida. Miro adiante e penso ¿canta viaxe teño aínda? ¿Serás para min sendeiro ou corredoira?.

lunes, 11 de enero de 2021

O nacemento de «A Fraga da Saudade»


«A Fraga da Saudade» foi o resultado dun proxecto artístico nacido ao calor da xuntanza que os compoñentes da Promoción do 64 (val dicir os que rematamos o Preu nese ano) organizamos para a conmemoración dos cincuenta anos do noso adeus ao Colexio Apóstolo Santiago dos Xesuítas de Vigo. Daquela, o grupo de colexiais encargados da organización do evento argallamos que cumpriría facer, ademais do xantar de tódolos anos, algo especial e menos efémero que representara o vincallo da nosa común educación, e que nos permitira condensar nese obxecto a maxia das lembranzas desa efeméride. Despois de moitas ideas acordamos que ese obxecto especial ía ser unha lámina que ilustrara mediante unha combinación de imaxe e texto a nosa relación co Colexio que abandonamos fisicamente fai eses cincuenta anos.

Por que imaxe e texto e non imaxe só, ou texto sen nada máis? Ben sabedes que se imaxe e texto diverxeron ao longo da historia, no sentido de afirmar cadaquén as formas de comunicación que lle son propias, non é menos certo que ao longo dela tamén se deron constantes intentos de conxugar e aínda fusionar ás dúas. A caligrafía, os caligramas, a poesía visual son bos exemplos. Aínda a escritura, as veces, quixo permanecer a medio camiño entre símbolo e signo.

O seguinte punto foi de rápido acordo. Que mellor representación gráfica da nosa identidade como grupo que o bosque do Colexio! Poucas cousas hai que podan representar con mais acerto o sentido do tempo, do camiño, de experiencia iniciática, de identidade e de diversidade que unha fraga coa súa cambiante variedade.

Para os que non coñezan o colexio dos Xesuítas de Vigo, teño que explicar que unha parte importante da finca de Bellavista, na que está construído o noso colexio, a ocupa un importante bosque con algunhas das árbores mais singulares de Galicia, coma un plátano de California de 20 m de alto e 120 anos de idade, un dióspiro de 12 m e 110 anos, araucarias de ata 35 m e 100 anos, érbedos, teixos, carballos, buxos, magnolias, etc. Aínda que cómpre aclarar que, de todas as árbores citadas, a que máis nos interesaba neste proxecto era a árbore da sabedoría, a árbore do ben e do mal, aquela que erguíase no mais profundo da fraga. Alén da botánica, para nos ese bosque representaba a transgresión, o prohibido, o lugar das primeiras descubertas, do primeiro pecado, do primeiro cigarro fumado ás agachadas ...

Quedaba por escoller entre aqueles practicantes de canda súa das liturxias da promoción a un que tivera tempo abondo e disposición axeitada como para rematar en prazo a delicada encarga. Máis escollido o tema a elección do pintor era evidente. Quen podía recoller mellor o latexo da fraga que o gran pintor da natureza que é o noso compañeiro Alex Vázquez-Palacios? Escoller ao autor das palabras que debían acompañar e complementar a imaxe tampouco foi decisión moi ardua: Maxi Olariaga tiña méritos e disposición abondo como para levar o traballo a porto seguro. E o máis curioso: os tiñamos aos dous nunha mesma foto!

Alex ponse decontado ao traballo e, como consecuencia natural da súa capacidade para as variacións riba dun mesmo tema (supoño que froito da súa afección polo jazz) fainos, non un senón nove acrílicos! Tan fermosos todos eles, que custou moito traballo escoller un soamente e desbotar o resto. Reclamamos o texto a Maxi, pero hai cousas, como a saúde, que mandan por riba de nos, e coas datas apremando non cabe outra que botar man do que estea máis preto! E ese son eu, así que din un paso adiante e encargueime de poñer o texto á ilustración escollida. Con maior ou menor acerto que iso tédelo que dicir vós.


Chegou o día da celebración. Comeuse, bebeuse, fixéronse acendidas arengas, bebeuse, elocuentes disertacións, bebeuse, inesperados sermóns, ata que os organizadores, para intentar coutar un pouco o entusiasmo da congregación, procedemos á distribución da lámina de agasallo, que, por mor da boa disposición ao que a inxestión de espirituosos inclina ao ser humano, mereceu os máis entusiastas dos eloxios que cadaquén logrou expresar.

E o normal sería que neste punto rematara a historia das láminas do Cincuentenario. Se non fora porque Alex non fixera un único acrílico da fraga! E a min me parecían tan fermosos todos eles que me custaba moito deixar o resto no esquecemento. De feito ata que non recibira o resultado da votación de escolla traballara, eu tamén en varios textos, porque cada imaxe xeraba en min un sentimento distinto e mesmo unha historia que lle acaía. Pensei entón que non sería mala cousa reunir todos eles nunha carpeta e facer unha edición múltiple. Na primeira redacción os textos se relacionan coa súa imaxe mais o conxunto carecen de sentido. A miña querida amiga a escritora Isabel Blanco, a quen llo dou a ler, sinálame este aspecto con sinceridade e acerto. E grazas á súa intervención descubro que reordenando as láminas e facendo algúns pequenos trocos, o conxunto posúe un relato coherente e a totalidade do proxecto adquire un novo significado.

Este foi o proceso de elaboración de ”A Fraga da Saudade”, unha edición dixital de 50 exemplares nunha carpeta contendo oito láminas de 294x230mm en cartolina Conqueror Contour de 300 g/m2, nunha carpeta pechada cun lazo de rafia. Cada unha das láminas da serie vai firmada manualmente, como é preceptivo, con lapis de grafito por ámbolos dous autores de imaxe e texto. As imaxes de Alex Vázquez-Palacios, abstractas e xestuais, dunha fraga ideal, mítica, na que tantas xeracións de colexiais construíron a súa educación, formaron a súa personalidade e forxaron á súa relación. Os textos, coidadosamente caligrafiados polo autor, pretenden establecer unha relación coa imaxe preexistente, e, no seu conxunto, intentan suxerir ao lector o relato dun retorno a un pasado común do grupo, das semellanzas e das diferenzas que os camiños da vida gravaron a fogo en cada un de nos, e, coma non!, da inquedanza polo que a vida que nos queda por diante traerá ao lector. 


viernes, 8 de enero de 2021

A enerxía reactiva, a lei de Murphy e Yácov Perelman


Debeu de ser aló nos estertores do século pasado ou nos albores deste, impartín aulas aos alumnos da especialidade de Química da Enxeñería Técnica da Escola de Industriais da Universidade de Vigo. Era inveterado costume meu no primeiro día do novo curso, ademais de comentar os aspectos organizativos, xeito de avaliación, etc., detallar os coñecemento básicos que se daban por supostos para poder cursar con éxito a materia de “Electricidade básica” que era a que me tocaba impartir. E a literatura científica e técnica que poderían usar para repasar este coñecemento previo. Entre os exemplo que me parecían de interese citei ao científico soviético
Yácov Isidorovich Perelman, cuxas obras, apuntei, tedes dispoñibles en internet.

Días despois unha alumna avantaxada sinaloume con sorna que o tal Perelman debía ser da miña familia dado o evidente parecido que, daquela, tiña coa foto que figuraba na WEB. O certo é que, malia a súa chanza, obtivo na materia unha das poucas matrículas de honra que puiden dar ao largo da miña vida docente.

Tanta graza me fixo a anécdota que, a xeito de broma só para iniciados, puxen o retrato Perelman coma unha das ilustración no meu segundo libro ao que, seguindo nesa mesma teima de instruír deleitando, titulei “Compensación de Energía Reactiva (y su relación con la ley de Murphy)”. Broma, por certo, que foi recibida con xeneral despiste de propios (os da profesión) e estraños, entre os que debo citar á presidenta do consello de administración da empresa, que tivo a amabilidade de enviarme unha carta de felicitación pola publicación do libro, facendo notar emporiso que “après une lecture attentive du livre, je n'ai pas pu découvrir la relation entre le facteur de puissance et la loi de Murphy”.

E non vos perdades no texto da imaxe a explicación da enerxía flutuante en clave micro machista!


 

http://www.librosmaravillosos.com/fisicarecreativa1/index.html

http://www.librosmaravillosos.com/fisicarecreativa2/


domingo, 3 de enero de 2021

O tendal de Avelino.


De cando en vez o Facebook serve de algo, e faime lembrar na sección de “tal día como hoxe” cousas que seguen a ter validez e que quero ter máis accesibles. Neste caso a cousa viña da man dunha feliz descuberta: unha diapositiva do chabolismo nos arrabaldes do Vigo do setenta, que tirara para unha presentación con imaxe e son, ou como dicía Pepe Outes aproveitando que fixera a carreira en Alemaña, unha “Diavortrag” coa que, nun arranque de entusiasmo militante discorréramos que íamos a preparar para apoiar a campaña electoral do Partido Comunista de Galicia nas primeiras elección municipais de 1979. E como a función require dun órgano, sen máis cavilación, dúbida ou indecisión, os alí presentes, un pouco numeroso e heteroxéneo grupo de xentes, xunguidos por unha firme amizade que 42 anos despois mantemos, fundamos o CAL, acrónimo de Colectivo de Artistas Leninistas, deixando ben claro nesa brincadeira ás nosas ganas de amolar as autoridades en xeral. Contra todo prognóstico a vontade foi maior que as nosas incapacidades, e a presentación de diapositivas con locución gravada “O Vigo que nos deixaron e o Vigo que queremos” se proxectou en diversos locais de Vigo con enorme éxito, para asombro de moitos e desesperación de outros, que non daban nin un duro pola iniciativa.

O traballo naceu dunha interacción entre a idea previa e as imaxes que debían ilustrar as nosas propostas para unha cidade mellor e máis achegada ás necesidades dos cidadáns, especialmente das clases máis desfavorecidas. Esta foto desbotouse na montaxe final, ben porque non se lle atopou un oco no fío argumental, ben por simple esquecemento, e quedou no meu arquivo; esquecida ata que agora coa xubilación me dá por remexer en cousas antigas, que non vellas.

Foi atopala e abrir a billa das lembranzas. E na enxurrada estaba, como non, outro dos esgrevios membros do CAL: Avelino González, “Pupo” para a nosa filla. Mandeilla e esta foi a súa fermosa resposta:


Tendal da Iª GM. Os aramados das trincheiras non estaban postas para frear ó estranxeiro, senón para que non fuxise o nacional. Quedaron en pé estes aramados de fío e tea. Un labirinto onde vas quedar preso vaias por onde vaias. Velaí están as vítimas, á vista. penduradas, inertes. Ó can só lle falta unha pinza e unha corda. Esa nena, con esa saia tan branca e tan limpa, é a esperanza de que a corda do tendal convertida en bambán sirva para saltar o aramado da guerra de prexuízos. Oxalá que cando salte, ó caer en terra, caia nun abrazo. Con canta razón o movemento obreiro organizado se opuxo á guerra e ós patriotas".

Xosé Neira Vilas no 2º Festival de Poesía do Condado.

 


E xa que andamos hoxe na memoria de historias antigas e de libros agochados longo tempo en andeis pouco frecuentados, vós traio hoxe unha pequena alfaia: o libro editado pola SDC Condado no 1982 co gaio do 2º Festival de Poesía do Condado. A nómina de poetas galegos e portugueses é impresionante: Darío Xoán Cabana, Cuña Novás, Manoel María, Méndez Ferrín, Manoel Forcadela, Egito Gonçalves, Bernardino Graña, Margarida Ledo Andión, Ramón Pena, Pexegueiro, Grupo Rompente, Cesáreo Sánchez, Xavier Seoane, Vítor Vaqueiro, Xulio Valcarcel, Vázquez Pintor, Viale Moutinho … e Xosé Neira Vilas, que non puido asistir e mandou o seu poema “Con mágoa e con amor” e a carta de apoio que reproduzo que comeza afirmando que “a poesía é tamén unha arma de combate” e remata afirmándose “voso e de Galicia

Nota: alfaia é palabra da que gusto moito e que empregabamos daquela en lugar de xoia, por demais achegada ao castelán, do que cumpría afastarse o máis que puidéramos. E xa postos “alfaia por alfaia, mellor quero pandeiro que saia”.

Eloxio de Emepunto.

Disque no ano 79 ou 80, un rapaz espigado que levaba por nome Emepunto pero que nesta altura aínda ninguén foi quen de identificar, visitou ...