Unha das cousas que teño en grande estima nesta rede social que sería tan
boa se os seus propósitos non foran tan retorcidos, é a sección de “tal día
como hoxe”. Nela descubro moitas cousas que seguen a ter validez e que, parvo
de min!, din de comer aos porcos. Hoxe descubro unha publicación do 25/12/16 que
quero ter a man. Dicía así:
Onte, por felicitarnos as festas do solsticio de inverno, estiven a falar co
meu amigo Maxi Olariaga. Entre moitas outras cousas conteille que estabamos, Loli
e máis eu, como di a copla “enzoufados os brazos na cociña". Maxi, esgrevio
mariño que estivo moitos anos embarcado, apuntou que pensaba que o meu arte
culinario non me daría para moito máis que para ser o sollastre da miña muller.
Encantoume a sonoridade da palabra: sollastre! Aclaroume Maxi que era un termo
mariñeiro, e como tal comecei a súa procura na miña colección de dicionarios
galegos por ver se tan fermosa voz se recollía nalgún deles. Fracaso total: nin no Dicionario da RAG, nin no Estraviz, acobillo de moitas palabras perdidas, nin
tan sequera no Dicionario de dicionarios, se recolle tal palabra. Si que figura
no da RAE, que di:
Sollastre. (de sollar).
1. m. Pinche de
cocina.
2. m. Pícaro redomado.
Non contento co resultado, seguín na miña procura, navegando polos procelosos
mares da arañeira mundial que é Internet. Para descubrir ao fin detrás dunha fermosa pintura
do ruso Iliá Repin que leva por título “Cosacos zapórogos escribindo
una carta ao Sultán” unha fermosa historia que paso a relatar, copiando, aproximadamente,
o que diversas fontes din dela.
O lenzo mostra unha escena da historia ucraína,
ambientada en 1676. O pintor recolle o momento no que os cosacos ucraínos de
Zaporozhia están a redactar unha resposta ao ultimato do Sultán Mehmed IV do
Imperio otomán. Os cosacos veñen de derrotar en batalla ás tropas do exército
imperial otomán pero este, inatinxible ao desalento, esixe a aceptación do seu
dominio coas palabras seguintes:
O ultimato do Sultán:
Como Sultán, fillo de Mahoma; irmán do sol e da
lúa; neto e vicerrei de Deus, gobernante dos reinos de Macedonia, Babilonia,
Xerusalén, Alto e Baixo Exipto, emperador de emperadores, soberano de
soberanos, extraordinario cabaleiro, nunca derrotado; firme gardián da tumba de
Xesús cristo, delegado do poder divino, esperanza e confort dos musulmáns, co
fundador e gran defensor dos cristiáns,... Ordénolles, cosacos zapórogos, a
someterse a min voluntariamente sen resistencia algunha, e cesar de molestarme
cos vosos ataques.
E firma: o Sultán de Turquía Mehmed IV
E que contestan os cosacos? Alá vai a súa resposta:
Oh sultán, demo turco, irmán maldito do demo,
amigo e secretario do mesmo Lucifer. Que clase de cabaleiro do demo es que non
podes matar un ourizo co teu cu espido?. O demo caga, e o teu exército trágao.
Xamais poderás, fillo de cadela, facer súbditos a fillos de cristiáns; non
tememos ao teu exército, combaterémosche por terra e por mar, podréceche!
Sollastre babilónico, tolo macedónico, cantineiro
de Xerusalén, fodedor de cabras de Alexandría, porqueiro do alto e baixo
Exipto, porco armenio, ladrón de Podolia, catamita tártaro, verdugo de
Kamyanéts, parvo de todo o mundo e o inframundo, idiota ante o noso Deus, neto
da serpe e cambra nos nosos penes. Morro de porco, cu de egua, can de
matadoiro, rostro do anticristianismo, fode á túa propia nai!
Por isto os zapórogos declaran, lixo de baixo
fondo, que nunca poderás apacentar nin aos porcos de cristiáns. Concluímos,
como non sabemos a data nin posuímos calendario; a lúa está no ceo, é o ano do
Señor, o mesmo día é aquí que alá, así que bícanos o cu!
Koshovyi Otamán Iván Sirkó e todos os zapórogos.
Ignoro se tal historia é ou non certa. Aínda máis dáseme unha figa! É
divertida que é o que menos abunda na historia! E ben acaída ao carácter de argalleiros,
brincadores, amantes da rexouba e os bos caldos que os cosacos eran e son. Que
deixar sen axeitada resposta ás infantís ameazas escritas de alguén que ven de
levar unha malleira non é cousa de xente amante da boa chacota, afeccionadas ás
chanzas, á troula, o barullo e o boureo, e unha ocasión como esta de poñer no
seu sitio a un farfallán botaporela como un Sultán, fillo de Mahoma, irmán do
sol e da lúa, neto e vicerrei de Deus, non é de deixar pasar sen axeitada
resposta escrita.