Alá polos anos setenta, cando a coñá, o ponche e “solisombra” eran os reis das barras, e descubriamos o güisqui da man de DYC, e de Ballantine’s os que tiñamos algún amigo embarcado, descubrimos o licor da flor do toxo que, como bos nacionalistas algúns, e nacional/internacionalistas outros, adoptamos con paixón, coma feito distintivo da nosa condición de galegos. Pensade que estamos a falar dun licor inventado en Galicia, etiquetado en galego e que viña nunha caixa coa bandeira e o himno galego con Franco aínda vivo, e con capacidade de matar, coma comprobarían José Humberto Baena e José Luis Sánchez Bravo, por non citar mais que aos galegos, no 75. As botellas de licor de toxo estaban en tendas e colmados, bares e tabernas de toda Galicia. Co paso do tempo, moitos abandonaron a súa militancia alcohólica, e o licor de toxo foi desaparecendo pouco pouco da nosa memoria gustativa. Reproduzo a imaxinativa lenda coa que os creativos da firma incitaban ao seu consumo, no galego, pouco normativizado e un pouco de mais enxebrista, que utilizabamos daquela:
“Licor da fror do toxo”
“O toxo, sempre alpurnado, aldraxado e atachado, esta eiqui por algunha razon. ninguen tencionou os motivos da sua presenza na nosa bieita terra. mais tivo de chegar o momento de faguerlle comprido homaxe o que conten esta botella, ceibouno o toxo: enton ¿val ou non?.
Ten de ser unha laboura de descoberta feita po-los teinicos de
Destilerias del Noroeste de Xubia (a Cruña)”