viernes, 7 de enero de 2022


Van alá uns poucos anos unha amiga nos fixo un agasallo ao que lle teño unha especial estima. É un dobre CD do inesquecible Suso Vaamonde, con 24 dos seus mellores temas masterizados por Fernando Campos, que editara no ano 2000 Producións Trebón.

Este dobre CD ten para min moitas cousas dun valor extraordinario, pero hoxe quero salientar soamente unha delas: ao autor da súa capa, o pintor Xosé Guillermo, amigo da infancia, compañeiro de estudos nos Xesuítas, camarada na cuadrilla da adolescencia e cómplice de soños de mocidade.

A vida levounos por camiños diferentes. Xosé Guillermo escolleu a vida difícil do artista mentres eu, menos seguro das miñas habelencias artísticas ou con máis gana de saír dás penurias nas que estaba, me deixaba levar por un camiño mais doado. Alá quedou un proxecto de libro de relatos meus ilustrados por el. Que a terra che sexa leve, meu!





miércoles, 5 de enero de 2022

Licor café de Toén

 Escoite e verá! Teño para min que un percusionista nunca deixará de ser tal, por moitas voltas que dea a vida. E no meu caso, por moito que agora ande enzoufado co manubrio e as teclas da zanfona, o meu corazón segue a percutir como un bombo, sístole e diástole, ben acompañado polos queridos amigos Quique no tambor e o mestre Chuco levándonos da man no pulso firme!

Moito me prestan mañás coma a de onte na que compartimos cervexa e infusións diversas, adobiadas cunha morea de anécdotas e coñecementos. Entre elas diversas recomendacións arredor da baixa calidade dos espirituosos “de marca” comparados cos das vellas alquitaras. Rematamos falando do licor café, o deus dos licores para moitos dos “tradis”! E como unha cousa leva a outra veume ás mentes a historia dunha tarxeta de agradecemento que acompañaba a unha botella de licor café de Toen, da que, facéndome de rogar moi pouco conteilles a historia decontado.

Alá polos anos noventa comecei a dirixir na daquela EUETI, hoxe Escola de Enxeñería Industrial de Vigo, os meus primeiros Proxectos Fin de Carreira. Como supoño que todos sabedes, e se non o sabedes aquí o explico, o Proxecto Fin de Carreira, de realización obrigatoria para a obtención do título, representaba a última fase de formación do futuro enxeñeiro. Neste traballo o futuro enxeñeiro, baixo a dirección dun titor, elaboraba un traballo práctico deseñado de xeito tal que a súa realización exixira a aplicación práctica da maior cantidade posible dos coñecementos adquiridos nas diversas materias cursadas ao longo dos anos da súa formación.

Teoricamente os alumnos podían acceder á adxudicación dun proxecto fin de carreira mediante unhas vías establecidas nun documento oficial denominado pomposamente Regulamento de Proxectos Fin de Carreira. Tamén teoricamente o alumno podía escoller o proxecto do seu interese entre os incluídos nunha Biblioteca de Proxectos Fin de Carreira, e Director dese Proxecto entre os profesores do Departamento correspondente.

Na práctica, no tempo e lugar do que estamos a falar, o alumno interesado en facer o PFC en un tema concreto arrastrábase de despacho en despacho mendigando un proxecto riba do que traballar e un director para ese proxecto. E isto era así porque a maioría dos profesores con capacidade para levar a dirección destes traballos estaban moi saturados e a citada dirección non reportaba aos profesores mais que unha carga extra de traballo non remunerado.

Tendo en conta que eu cheguei a Universidade como Profesor Asociado, val dicir “especialista de recoñecida competencia que desenvolvan normalmente a súa actividade profesional fora da Universidade” despois de vinte anos de experiencia profesional, e que sempre foi un pouco parvo, deixei que me enrolaran neste buque da dirección de PFC, “mais pola gloria que pola paga”. Gloria non sei se había moita pero paga ningunha!

Entre os moitos PFC que dirixín ao longo dos moitos anos de docencia hai un do que gardo unha especial lembranza. Especial polo proxecto, especial polo proxectando co que aínda manteño unha cálida relación, grazas en boa medida ás redes sociais, e especial, por que non dicilo?, polo licor café. Recordo que pouco tempo despois da defensa do PFC diante do tribunal, na que obtivo unha nota excelente, achegouse polo meu despacho da Escola cun misterioso envoltorio.

-  Eu non teño nada que ver no asunto! −Adiantou, antes de que eu puidera elaborar as miñas primeiras protestas. −Son cousas da miña nai!

-  E que non tiñas por que traer nada!

Debaixo do papel de agasallo unha preciosa licoreira de vidro tallado chea de licor café de Toén
. O licor café fai tempo que o rematamos, pero queda coma boa proba de certo tipo de educación hoxe en proceso de extinción, a licoreira que o contiña e que adorna hoxe o meu moble bar e a miña memoria. E a tarxeta que a miña neta atopou e que deu orixe, no seu momento, a este relato.

As miñas disputas coa IA

Cada día téñolle máis medo a algunhas aplicacións de —supostamente— Intelixencia Artificial. E como para mostra un botón aquí déixovos a de ...