lunes, 16 de octubre de 2017

A xustiza pola mán!

Onte, volvendo a casa dun paseo frustrado polo fume dos incendios, atopámonos na rúa do Pino, unha muller do noso tempo que estaba a varrer a porta da súa casa das moitas cinsas, agullas dos piñeiros, follas e cortizas dos eucaliptos que o forte vento trouxo ata a cidade.

A muller, á que imos chamar Carmiña, por aquilo de darlle un nome, era das de moito palique, e ao pouco xa estabamos a falar das cousas do noso tempo, dos xogos no Campo das Caralladas, e tamén das poucas e malas escolas públicas que había daquela. 

Carmiña ten unha irmá con parálise cerebral á que coida con agarimo dende nena. As dúas irmáns ían xuntas á escola de dona Luz, onde sofren o abafallo dos outros nenos coa complicidade da mestra. Un día unha rapariga mais desvergonzada que as demais empurra á paralítica e faina caer ao chan.

-          Ei Maruxa! Ten mais coidado ao pasar que fixeches caer á miña irmá!
-          Fea coma un sapo que é, mellor morta!

Aquilo púxolle á Carmiña un veo nos ollos e antes de se decatar xa estaba riba da Maruxa dándolle de labazadas, e turrándolle do pelo. O resto dos nenos fan corro salmodiando entusiasmados:

-          Hai pelexa! Pelexa, pelexa, pelexa!

Daquela chega a mestra para acabar coa agarrada. Separa ás contendentes, e castiga a Carmiña, mais non a Maruxa. E aínda mais: dálle recado a Carmiña de que lle diga á súa nai que ten que vir a falar con ela. A Carmiña non lle apesara o castigo da mestra pero si o que lle pode contar á nai. Cando se abre a porta do despacho da mestra, Carmiña sabe que alá dentro pasara algo non habitual. Porque aínda leva na alma o bico e as palabras da súa nai:

-          Ben feito, miña ruliña! Mentres te teña a ti para defender á túa irmá non hei de ter medo nunca mais!

Entón, non sei por que, veume as mentes o poema de Rosalía, A xustiza pola man.

I estonces...
estonces cumpreuse a xusticia:
eu, neles;

i as leises, na man qu' os ferira.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

As miñas disputas coa IA

Cada día téñolle máis medo a algunhas aplicacións de —supostamente— Intelixencia Artificial. E como para mostra un botón aquí déixovos a de ...