Non é de estrañar que nun cemiterio tan repleto de arquitectura e escultura funeraria de altísima calidade como é o de Pereiró en Vigo o monumento dedicado ao mestre Elías Pérez Martínez por iniciativa do semanario La Ráfaga, pase desapercibido a moitos dos seus visitantes, malia á súa privilexiada situación a poucos metros da entrada principal.
Non é de estrañar pero si de lamentar. Porque para un monumento que temos a un docente nunha cidade inzada de estatuas de mariños ilustres e políticos renartes (e algún que outro escritor, certo é!) deberamos darlle un pouco máis de importancia, especialmente nestes días nos que a pandemia ven a recordarnos que o verdadeiramente importante son a saúde e a educación.
Elías Pérez Martínez foi un notable mestre vigués ao que moitos recordan, manda
chover na Habana!, por un dos seus alumnos do Colexio de Humanidades: o ilustre
mariño e militar don Casto Méndez Núñez. Don Elías, ademais dun grande mestre
respectado e querido polos seus alumnos, foi autor dun interesante tratado de
pesas e medidas, do que se conserva algún exemplar disque na Fundación Penzol [1].
Cando faleceu en Vigo a finais de 1899, varios antigos alumnos seus organizaron,
co apoio do mencionado semanario La
Ráfaga, unha homenaxe co que recadar fondos para a erección dun monumento. Resulta
curioso que tivera que ser precisamente un semanario combativo e satírico o que
fixese posible que chegara a nós o recordo en pedra deste importante docente.
E xa postos a cousas curiosas, sinalar que o monumento foi deseñado por Xenaro
de la Fuente, que era tenente do corpo de enxeñeiros e funcionario do Concello
de Vigo, onde fixo as funcións de director facultativo de obras municipais. Tamén
exerceu de profesor de debuxo aplicado á ornamentación, modelado e baleirado na
Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo. Da súa autoría son algúns dos
edificios máis fermosos de Vigo: as casas de Manuel Bárcena, hoxe sede de
Afundación, o desaparecido edificio Rubira, o edificio Bonín, o Gran Hotel de
Mondariz Balneario, o Hotel Universal, o Mercado de Bouzas, o Pazo de Lourizán,
e moitísimos máis … pero Xenaro de la Fuente non tiña o título de arquitecto. Tanto
é así que en 1905 a xunta de arquitectos de Madrid solicitou ao Ministerio da Gobernación
que fora separado do posto, e en 1907 a Asociación de Arquitectos de Galicia presentou
unha querela criminal contra el, sendo condenado polo Tribunal Supremo. Malia
todo gozou do pleno apoio do Concello de Vigo, de xeito tal que cando morreu o
posto de arquitecto municipal de Vigo foi ocupado polo seu fillo Xenaro, este
si arquitecto titulado.
O “semanario satírico” La Ráfaga
naceu un sábado 4 de
abril de 1914 da man de dous afoutados vigueses: os irmáns Miguel e Ramón
Campos Peña. No seu inicio estivo dirixida por Francisco Vidales Canle que
renunciou en decembro dese mesmo ano, Aquilino Parada, os irmáns Miguel e Ramón
Campos Peña e Ceferino Maestú Novoa. Os redactores foron Ricardo Trillo e
Humberto Cuíñas e entre os colaboradores máis habituais figuraron José Signo, "Andrés
de Brizeux” e Rogelio Rivero que tiña unha sección crítica titulada
"Aturuxos".
La Ráfaga foi un dos semanarios máis combativos de Galicia. Con información, reflexión, crítica, cultura e lecer, os contidos que debe ter a prensa para poderse considerar tal. Xente intelixente e decidida, convencidos de que un xornal comprometido podía axudar a mellorar a sociedade. Como consecuencia da súa actitude sufriron os rigores da censura, e coa ditadura de Primo de Rivera, períodos de peche. O seu director tivo que ir ao cárcere en 1925 por defender a liberdade de expresión. A colección que se garda na Fundación Penzol chega ata 1935, pero hai testemuñas de que o semanario sobreviviu ata o comezo da guerra civil.
Finalmente dicir que o monumento a Elías Pérez Martínez non se inaugurou
ata o ano 1918. En palabras do director de La
Ráfaga:
“Reuniuse
diñeiro, pero non faltou o pillabán que quedase con el”.
Nota [1]:
“Tratado del sistema métrico decimal de pesas y medidas y conocimiento de las monedas
nacionales y estrangeras (sic) aplicadas al giro mercantil”. Dedicado al
Ilustre Ayuntamiento de la F.L. y V. ciudad de Vigo, por Don Elías Pérez
Martínez. Profesor de Náutica y Matemáticas del Colegio de Humanidades que hubo
en esta ciudad”. Vigo, 1853. Imprenta de D. Angel de Lema.
Nota [2]: Foto da portada do semanario La Ráfaga cortesía de Alejo Amoedo Portela.
No hay comentarios:
Publicar un comentario