Editorial LUMEN. 1969. Primeira edición do MOLLOY de Samuel Becket en España. Agasallo da miña compañeiriña de vida Loli, que veu a pasar uns días comigo nos Reis do 1969 a Madrid, onde facía daquela o que chamaban o Servizo Militar Obligatorio, e convalecía dunha rara enfermidade que case que me custa deixar a miña man esquerda no Hospital Gómez Ulla. A miña man de pintar!
Un blogue de intereses varios que abranguen a antropoloxía, arqueoloxía, arquitectura, economía, ética, política, paleontoloxía, ata a música, tratados todos eles sen o máis mínimo rigor científico. Para os afeccionados á electricidade teño outro blogue especializado que leva por nome “O fogar de Tesla”
sábado, 31 de julio de 2021
MOLLOY
Editorial LUMEN. 1969. Primeira edición do MOLLOY de Samuel Becket en España. Agasallo da miña compañeiriña de vida Loli, que veu a pasar uns días comigo nos Reis do 1969 a Madrid, onde facía daquela o que chamaban o Servizo Militar Obligatorio, e convalecía dunha rara enfermidade que case que me custa deixar a miña man esquerda no Hospital Gómez Ulla. A miña man de pintar!
domingo, 18 de julio de 2021
A fachada da vella estación
Vigo é cada vez máis unha construción teatral do mediocre escenógrafo e faraón por maioría absolutísima Abhelatón. No seu empeño declarado de destruír as vellas deidades da cidade que o acolleu, borrando a golpe de picaraña a memoria histórica e social dos que o antecederon, Damnatio memoriae, para declarar ao LED como único deus fai cousas como esta nova ocorrencia da reconstruír a fachada da vella estación de ferrocarril a xeito de bastidor riba do pano de fondo do muro de Urzáiz.
E non me digades que esta da foto do meu benquerido amigo Eugenio Fuentes non é unha Obra mestra, magnum opus ou chef-d'œuvre! Obra de incrible creatividade, habilidade, profundidade e factura, excelente complemento da estación de ferrocarril que estase a perpetrar, aparentemente firmada por un tal Thom Mayne. Complemento por que, preguntades? Porque nin a estación nova é unha estación senón un centro comercial, nin a vella é outra cousa que un mal decorado sen tremoia.
viernes, 2 de julio de 2021
A saída da folla!
Mercedes Núñez Targa, filla dun galego e unha catalana, que naceu en
Barcelona o 16 de xaneiro de 1911 e morreu en Vigo o 4 de agosto de 1986, foi
unha destacada militante antifascista e unha afoutada loitadora polas
liberdades. Sufriu a guerra de España, o cárcere, o exilio e a deportación, e
sobreviviu milagrosamente ao seu internamento nos campos de concentración nazis.
Mercedes foi militante do PSUC e secretaria de Pablo Neruda no Consulado de
Chile en Barcelona ata o traslado deste a Madrid en febreiro de 1935. Cando as
tropas de Franco tomaron Barcelona en xaneiro de 1939, a dirección do Partido
Comunista encomendoulle a reorganización do PC na Coruña, cidade á que chegou en
marzo de 1939. Vixiada de preto por axentes da Dirección Xeral de Seguridade,
chegados especialmente de Madrid, foi detida o 10 de novembro e trasladada á
prisión provincial de Betanzos primeiro, logo á prisión provincial da Coruña e
por fin, o 6 de marzo de 1940, ao cárcere de Ventas en Madrid. No Consello de
Guerra celebrado o 25 de outubro de 1940 Mercedes foi condenada á pena de doce
anos e un día por auxilio á rebelión, pero grazas a un erro administrativo foi
posta en liberdade en xaneiro de 1942. En xullo de 1942 cruzou os Pireneos, en
plena Segunda Guerra Mundial, incorporándose á Resistencia francesa en
Carcassonne en xaneiro de 1943 na "5ª Agrupación de Guerrilleiros Españois".
Foi detida pola Gestapo en maio de 1944 e internada no Campo de concentración
de Ravensbrück, do que foi liberada o 14 de abril de 1945 polas tropas aliadas
americanas da 2ª División de Infantería, cando atopábase ingresada con
escarlatina e tuberculose na enfermería do campo, e destinada á cámara de gas. Regresou
a Francia en maio de 1945 e ingresou no Hospital Bichat de París. Estaba
enferma e débil, o que non impediulle desprazarse a Carcassonne para participar
como testemuña da acusación no xuízo seguido contra René Bach, o seu torturador
ao servizo da Gestapo, que foi condenado á morte e fusilado en setembro dese
mesmo ano.
Meses despois, internada no sanatorio do Socorro Unitario en Meillón, coñece ao que sería o seu compañeiro o resto da súa vida: Medardo Iglesias Martín, capitán republicano da Garda de Asalto coa República, combatente no fronte da defensa de Madrid, exiliado primeiro en Marrocos, onde estivera internado nos campos de África do Norte desde que chegou a Orán a bordo do buque Stanbrook, e despois en Francia. Casaron en 1947 a a súa casa dos arredores de París converteuse en lugar de encontro de numerosos militantes clandestinos, represaliados e intelectuais. Malia ás importantes secuelas producidas pola deportación e a opinión desfavorable dos médicos, Mercedes decidiu ter ao seu fillo Pablo que naceu en 1949. Foi nomeada "Chevalier da Légion d'Honneur" en 1960, en 1968 participou na creación do Partido Comunista de Galicia e en 1975 fixou a súa residencia en Vigo.
Neses anos tivemos o privilexio de facernos amigos de Mercedes e a súa familia, e de escoitar da súa boca o relato da súa peripecia vital. Pouca xente sabe que Mercedes Núñez Targa, militante do PCG dende a súa fundación, recorreu gran parte das escolas de Galicia, terra do seu pai, coa película do director francés Alain Resnais, Nuit et brouillard, cunha cinta de vídeo VHS co o audio orixinal “repicado” ao galego. Coma di Pablo Iglesias o seu fillo: “a mocidade debe coñecer o seu pasado para construír e futuro”
A de Mercedes foi unha xeración que tocoulles vivir momentos terribles, pero que saíron daquelas experiencias cun optimismo e unha ganas de cambiar a sociedade realmente envexables.
As miñas disputas coa IA
Cada día téñolle máis medo a algunhas aplicacións de —supostamente— Intelixencia Artificial. E como para mostra un botón aquí déixovos a de ...
-
Revisando antigas revistas do meu Colexio dos Xesuítas de Vigo atopei unha referencia a unhas coplas de cego que daquela tiveran moito pre...
-
A rúa López Mora ten, sinalando o seu comezo, unha das máis fermosas placas do rueiro da cidade. A placa, de cerámica policromada ten unha...
-
Nos concertos de música académica, existe un certo protocolo establecido que, polo menos aos habituais deste tipo de música, nos parece...