jueves, 29 de septiembre de 2022

Santoral laico do día 30 de decembro: Santo Sabino Antón.


 Pouco se sabe de certo da vida e milagres do noso santo laico de hoxe, senón fora polo labor incansable dun vello xograr do “Mester de esburguería”[1], que decidiu fixar por escrito a abundante tradición que sobre o noso santiño circulaba en arañeiras e farañóns.

Disque o noso Sabino vivía unha vida eremítica no bosque de Olarín, nunha comunidade ameazada de persecución pola industria madeireira. Algúns relatos indican que foi o primeiro bispo de Cadoalla, outros que de Becerreá, e que defendía a vida contemplativa e a construción de Degras, Galixos e outros artefactos do diaño, polo que foi obxecto de persecución por parte do emperador Abelathón I, ao que os seus inimigos coñecían por Gusiluz.

Abelathón asinou un edicto que desencadeou unha brutal persecución contra os ecoloxistas de feito ou de dereito, facción á que Sabino pertencía. Venustiano, prefecto de Tusía e Esbirraba, levou a cabo a detención de Sabino e outros membros relevantes do seu grupo como o diácono Enfastiosus e o subdiácono Exasperantius, xunto a ostiarios, lectores, exorcistas, acólitos e outros militantes de base do ecoloxismo rural.

Ao longo dos seguintes días, durante a vista da causa, permitíuselle a Sabino establecer con Venustiano un intelixente enfrontamento verbal, de tal maneira que o prefecto, finalmente, púxolle na disxuntiva de plantar alcolitros ou morrer torturado. Sabino contestou que desexaba morrer martirizado antes que comer bagas alcolitro no canto de castañas asadas e viño con mel,  e ofreceulle ao prefecto ensinarlle o merdeiros que eran tales árbores. Tomou un facho que por alí había aceso e prendeu lume ao alcolitro que o prefecto traía na man. Á vista deste sacrilexio, o prefecto, espantado, medorento, e coas barbas queimadas ata os cañotos, mandou cortar as mans de Sabino. A continuación, mandou que o diácono Enfastiosus e o subdiácono Exasperantius fosen tamén torturados facéndolles escoitar 500 veces o Motomami de Rosalía. Rosalía Castro non; a outra!

Con todo, a condena de Sabinus aprazouse en espera da súa confirmación polo TSXG. Neste tempo foi visitado na prisión pola súa piadosa esposa de nome Xelu, que traía unhas boas cuncas de castañas asadas e viño con mel ... de eucalipto! Unha a deus e outra ao diaño! Venustiano que padecía de estrinximento crónico, pediulle a Sabinus un pouco daquela medicina, e tan ben lle sentou para o seu corpo e para a súa alma que decidiu instruírse e profesar nas crenzas ecoloxistas. Profesar o veganismo xa sería pasarse claramente de voltas. Curado das súas dores, o prefecto fixo bautizar con aquel beberaxe tamén á súa esposa e aos seus dous fillos. Chegado isto a oídos do emperador Abelathón enviou a Olarín ao tribuno Lucius co propósito de que decapitase ao prefecto e á súa familia. Non sabía o malvado emperador que a subministración eléctrica naquelas terras era moi deficiente e o probe tribuno Lucius morreu dunha sobretensión transitoria en modo común, ou sexa: entre fase e terra.

Afirma a tradición oral, que destas cousas sabe moito, que Sabino Antón, nome con moito encanto, que xunguido ao de Antón describe a un home afable, cordial e sociable, cun gran sentido da responsabilidade e da xustiza, viviu moitos anos feliz, en compañía da súa familia e amigos, aproveitando e reciclando axeitadamente ata a máis cativa frangulla de verso grazas a unha ferramenta da súa invención coñecida nos ambientes da enxeñaría verbalística como Galixo.



[1] Cómpre sinalar que a actividade da esburguería non ten nada que ver coa que se practica neses locais de nome escocés e procedencia norteamericana onde serven prácticas blasfemas a Hestia e Baco, senón a actividade intelectual equivalente á de extraer a carne adherida a un óso para aproveitar o seu alimento.

 

sábado, 3 de septiembre de 2022

A Academia Galega da Lingua e a física

Para os que nun xa moi afastado día estudamos a materia de Resistencia de Materiais segue a sorprendernos a utilización faise da palabra “resiliencia”. Neste ámbito do coñecemento a resiliencia é a “Capacidade dun material, mecanismo ou sistema para recuperar o seu estado inicial logo do cese da perturbación á que fora sometido”. Significado totalmente lóxico se temos en conta a súa orixe latina: “resiliens, -entis”, part. pres. act. de resilīre “saltar cara atrás”, “rebotar”.

Alá polo ano 1972, un médico inglés, Michael Rutter[1], profesor de psicopatoloxía do desenvolvemento no Instituto de Psiquiatría do King 's College de Londres e psiquiatra consultor no Hospital Maudsley, decidiu empregar este termo para as ciencias sociais, popularizándose de tal xeito que foi entrando con esta acepción nos dicionarios das principais linguas. De feito o da RAE o acolle como principal significado:

1. f. Capacidad de adaptación de un ser vivo frente a un agente perturbador o un estado o situación adversos.

Mentres que para o da RAG, o significado principal de resiliencia é o da física (?):


Capacidade de resistencia ao choque que presenta un material.

A resiliencia próbase en materiais metálicos.

Que enganados nos tiñan! E nos pensando que a capacidade de resistencia ao choque tiña máis que ver coa ciencia dos materiais que coa física! E que a “Capacidade de resistencia ao choque que presenta un material” podía ser máis eficazmente avaliada mediante a tenacidade, é dicir a forza coa que o material se opón á ruptura.

Deixando de lado a imprecisión da definición da RAG, o acordo xeral de outorgar a calidade de resiliente a unha persoa que se adapta ben á adversidade, a un trauma ou unha traxedia, non é na miña opinión moi acaído xa que o mellor exemplo de resiliencia é un resorte que no intre que retiras o esforzo volve á súa posición orixinal, cousa que claramente non sucede nas ciencias sociais.

Pero isto, coma sempre, non deixa de ser unha opinión.


[1] Ademais de Michaël Rutter se pode citar os traballos de Norman Garmezy e Emily Werneer, especialistas en la infancia, e a intervención de Boris Cyrulnik que foi quen deu a coñecer ao gran público o concepto de resiliencia na súa obra Una maravillosa desgracia, de 1999.

As miñas disputas coa IA

Cada día téñolle máis medo a algunhas aplicacións de —supostamente— Intelixencia Artificial. E como para mostra un botón aquí déixovos a de ...