Disque no ano 79 ou 80, un rapaz espigado que levaba por nome Emepunto pero que nesta altura aínda ninguén foi quen de identificar, visitou a culta —e cálida— cidade das Burgas que algúns coñecen por Ourense. O mesmo cronista relata que, seguramente máis por casualidade que por cálculo, acabou entrando no bar do Tucho, máis coñecido por «O´Volter», o nome que no seu día lle dera don Vicente Risco ao templo dos «Artistiñas» en recordo ao afamado Cabaret Voltaire.
Para aqueles que,
coma min, andades preto da senectude, tedes que pensar largo rato quen foi o
director daquela película da que non lembrades o título, na que traballaban un
actor e unha actriz da que non
recordades o nome, o Cabaret Voltaire foi, como o seu nome indica, un
cabaré fundado no ano 1916 en Zúric pola parella Hugo Ball e Emmy Hennings. Estaba
situado na planta superior dun teatro, e contan os historiadores que foi alí onde
un fato de mozos un pouco bebidos de máis e un pouco fumados de máis crearon o dadá,
un movemento cultural e artístico que cuestionaba a arte, a cultura, a beleza, os
principios, a lóxica, o pensamento, e contra o propio dadaismo.
Oirades falar das
conexións cósmicas? Pois crer eu non creo nelas; pero haber, hainas! E teño
para min que o espírito burlón de Tristán Tzara, un dos creadores do dadá, farto
de vagar enfastiado polo plano anímico, aburrido e aborrecible onde os haxa, invadiu
o corpo núbil de Emepunto, producindo nel unha fonda transformación verbal que ao
longo dos anos foi exquisito manxar intelectual para deleite de propios e estraños.
Xúrovos que eu podería
pasarme horas engaiolado escoitando o seu verbo florido, repleto de
marabillosos absurdos que suxiren a existencia de mundos paralelos, mundos nos
cales somos, por fin!, libres das regras da coherencia, a semántica a
morfoloxía, libres da tiranía da sintaxe, o discurso reducido á súa esencia, á
súa motivación última: a gramática parda.