domingo, 16 de julio de 2023

Eloxio de Emepunto.


Disque no ano 79 ou 80, un rapaz espigado que levaba por nome Emepunto pero que nesta altura aínda ninguén foi quen de identificar, visitou a culta —e cálida— cidade das Burgas que algúns coñecen por Ourense. O mesmo cronista relata que, seguramente máis por casualidade que por cálculo, acabou entrando no bar do Tucho, máis coñecido por «O´Volter», o nome que no seu día lle dera don Vicente Risco ao templo dos «Artistiñas» en recordo ao afamado Cabaret Voltaire.

Para aqueles que, coma min, andades preto da senectude, tedes que pensar largo rato quen foi o director daquela película da que non lembrades o título, na que traballaban un actor  e unha actriz da que non recordades o nome, o Cabaret Voltaire foi, como o seu nome indica, un cabaré fundado no ano 1916 en Zúric pola parella Hugo Ball e Emmy Hennings. Estaba situado na planta superior dun teatro, e contan os historiadores que foi alí onde un fato de mozos un pouco bebidos de máis e un pouco fumados de máis crearon o dadá, un movemento cultural e artístico que cuestionaba a arte, a cultura, a beleza, os principios, a lóxica, o pensamento, e contra o propio dadaismo.

Oirades falar das conexións cósmicas? Pois crer eu non creo nelas; pero haber, hainas! E teño para min que o espírito burlón de Tristán Tzara, un dos creadores do dadá, farto de vagar enfastiado polo plano anímico, aburrido e aborrecible onde os haxa, invadiu o corpo núbil de Emepunto, producindo nel unha fonda transformación verbal que ao longo dos anos foi exquisito manxar intelectual para deleite de propios e estraños.

Xúrovos que eu podería pasarme horas engaiolado escoitando o seu verbo florido, repleto de marabillosos absurdos que suxiren a existencia de mundos paralelos, mundos nos cales somos, por fin!, libres das regras da coherencia, a semántica a morfoloxía, libres da tiranía da sintaxe, o discurso reducido á súa esencia, á súa motivación última: a gramática parda.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Eloxio de Emepunto.

Disque no ano 79 ou 80, un rapaz espigado que levaba por nome Emepunto pero que nesta altura aínda ninguén foi quen de identificar, visitou ...