miércoles, 24 de julio de 2024

Rúas e rueiros

 

A rúa López Mora ten, sinalando o seu comezo, unha das máis fermosas placas do rueiro da cidade. A placa, de cerámica policromada ten unha orla central na que se sitúa un baixorrelevo que representa a unha campesiña sementando, unha parella de vacas  e unhas casas ao fondo. Sobre este motivo sitúase o escudo de Vigo, e en cada un dos seus laterais aparecen ramas de carballo, cargadas de follas e landras.

A rúa foi ata 1920 una parte da estrada a Baiona, e recibiu nesa data ese nome para honrar a don Álvaro López Mora, avogado y político, que viviu nesa rúa na casa chamada “Vila Manuela”. 


López Mora, que nacera en 1853 en Santiago de Compostela foi deputado por Padrón, por Xinzo de Limia e por Huelva. Foi senador pola provincia da Coruña pola de Cáceres e senador vitalicio do1911 ao 1914. Foi director xeral do Contencioso (1898), de Administración local (1905) e de Comunicacións (1907) e tamén Subsecretario de Xustiza (1909). Don Álvaro estaba casado con Manuela Gasset Chinchilla, foi tamén copropietario e periodista do periódico El Imparcial, que dirixía o seu cuñado Rafael Gasset Chinchilla, e redactou unha obra chamada Crónica de Vigo.

Por tales —discutibles— méritos o concello de Vigo mantén a súa memoria no rueiro da cidade.

A referida placa, catalogada —menos mal— como ben cultural do Concello de Vigo, é obra do artista Alejandro Curty Pena[1]. Curty, nado en Vigo o 17 de maio de 1876 e finado igualmente en Vigo o 15 de abril de 1944, exerceu a docencia na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, onde ocupou a cátedra de Modelado e Debuxo.

Estudou na Escola de Belas Artes de 1ª clase de Sevilla, con premio en todas as materias, e tamén foi premiado en Madrid na Escola de Belas Artes de San Fernando e nas escolas centrais de Artes e Oficios de Madrid, neste último caso en Cerámica. Acadou unha pensión para viaxar a Roma concedida polo concello de Vigo.


Ademais desta Alejandro Curty realizou outras dúas placas de gran calidade artística, como a que inicia a rúa Sanjurjo Badía, ou a que está no comezo da ría Vitoria preto da porta da Gamboa, realizada para celebrar o primeiro centenario da reconquista de Vigo.

Por tales —indiscutibles— méritos o concello de Vigo non ten ningunha rúa que motive a pregunta dos seus —poucos— cidadáns polos méritos que fixo en vida tal personaxe.



[1] Mercedes Bangueses, historiadora do arte e membro numerario do Instituto de Estudios Vigueses, atribúe nunha recente investigación a obra ao escultor Mariano Benlliure. Como a pretensión deste pequeno artigo é máis literaria que histórica decidín manter a atribución orixinal por razóns exclusivamente afectivas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

As miñas disputas coa IA

Cada día téñolle máis medo a algunhas aplicacións de —supostamente— Intelixencia Artificial. E como para mostra un botón aquí déixovos a de ...