domingo, 5 de noviembre de 2017

Poderes tanxentes e secantes

Afirma don Anxo Pintos nunha recente publicación no Facebook, que temos:

unha España […] tan unida que ata os poderes se lle xuntan secante e tanxencialmente.
Poderes secantes e tanxentes! Poderosa imaxe ben merecente dunha atenta exexese! Que non eiséxese, que é mais de inserir as interpretacións propias nun texto alleo, senón exexese, que implica extraer o significado dun texto dado.

Está claro que cando o Sr. Pintos fala de os poderes está a citar a Locke e Montesquieu, principais teóricos da necesidade de respectar este principio de distribución das distintas funcións do Estado, para asegurar a boa saúde das liberdades fundamentais dos individuos, coma consagra o artigo 16 da Declaración Universal de Dereitos do Home e dos Cidadáns de 1789:

Toda sociedade na que non se garantan os dereitos das persoas nin a separación de poderes, non ten nada de constitucional
Proseguindo na nosa citada exexese, lembraremos aos lectores que teñen moi afastado no tempo ou na memoria o bacharelato, que Secante é una recta que corta a unha curva en 2 puntos, e que, conforme estes puntos achéganse e a súa distancia redúcese a cero, a recta adquire o nome de tanxente.

Dado que a tanxente forma un ángulo nulo coa curva na veciñanza de dito punto, a afirmación do Sr. Pintos adquire todo e seu revolucionario significado, apuntando cara ao feito de que, na situación actual, a distancia entre o Poder executivo, o levado a cabo polo goberno do Estado e cuxa función é facer cumprir as leis, e o Poder xudicial, o encargado da súa aplicación na resolución de conflitos, tende a cero.

Non menos grave que a anterior é a denuncia da natureza secante do poder que o Sr. Pintos denuncia. Neste caso, na miña interpretación, xoga con notable pericia, non co significado xeométrico senón co literario, que seca ou serve para secar, para denunciar á preocupante situación da relación entre o Poder executivo e o Poder lexislativo. O congreso dos deputados xa non reflicte vontade popular, e o goberno da nación deturpa e baleira de contidos esta institución.


En resumo: non se pode estar tan unido; mellor que corra un pouco o aire!

No hay comentarios:

Publicar un comentario

As miñas disputas coa IA

Cada día téñolle máis medo a algunhas aplicacións de —supostamente— Intelixencia Artificial. E como para mostra un botón aquí déixovos a de ...