Fai hoxe 32 años, o 12 de marzo de 1986, a poboación española foi convocada
polo goberno do PSOE a mostrar a súa opinión encol da permanencia de España na
OTAN cunha pregunta, cando menos, revirada:
O Goberno considera
conveniente, para os intereses nacionais, que España permaneza na Alianza
Atlántica, e acorda que dita permanencia establézase nos seguintes termos:
1º.- A
participación de España na Alianza Atlántica non incluirá a súa incorporación á
estrutura militar integrada.
2º.- Manterase
a prohibición de instalar, almacenar ou introducir armas nucleares en
territorio español.
3º.- Procederase
á redución progresiva da presenza militar dos Estados Unidos en España.
Considera conveniente para
España permanecer na Alianza Atlántica nos termos acordados polo Goberno da
Nación?
Uns anos antes, en decembro de 1981, o Goberno de la UCD que presidía
daquela Leopoldo Calvo Sotelo firmara a adhesión ao Tratado, coa oposición da
maioría da poboación, incluído o PSOE que fixo campaña polas rúas co lema “OTAN de entrada non”.
Cando nas eleccións de 1982 o PSOE obtivo máis de dez millóns de votos e a
maioría absoluta no Congreso de Deputados e no Senado, o Referendo de saída da
OTAN que esixía á UCD xa non corría tanta presa. De feito Felipe, coma Saulo
séculos antes, converteuse de perseguidor a fervente otanista, chegando mesmo a
ameazar con abandonar o Goberno:
"O que queira votar que
non, que pense antes que forza política xestionará ese voto".
Diante desta viraxe de Felipe González e os seus “Pesouche bois” un grupo
de “camaradas, e con todo, amigos” do
PCG xuntámonos na miña casa e con mais entusiasmo que medios, perpetramos unha
montaxe de imaxes en diapositivas, e música e locución en casete, coa que
fixemos campaña polo NON, en bares, mercados e lugares de reunión de Vigo e
bisbarra, que fai un par de anos pasei a formato dixital para a súa publicación
na rede.
Agardamos que guste a alguén. A nos, membros do auto denominado Colectivo
de Artistas Leninistas, serviunos para lembrar o longo camiño que aínda temos
por diante.
(O título é unha referencia á película franco-xaponesa de 1959 de Alain
Resnais, Hiroshima mon amour.)
No hay comentarios:
Publicar un comentario