viernes, 16 de marzo de 2018

Cadea perpetua


Gústame Frank Darabont. O mellor dito: gústanme dúas das súas películas Rita Hayworth and the Shawshank Redemption, que en España chamouse Cadea perpetua, e A milla verde.

Arredor da milla verde publiquei tres artigos, metade técnicos e metade humorísticos, que xiraban arredor das dificultades de electrocutar axeitadamente a un reo, para explicar o feito de que a mesma diferenza de potencial aplicada durante o mesmo tempo a un ser vivo non sempre produce o mesmo efecto.

Igual sucede coa Cadea perpetua, revisable ou non. Aplicada a unha certa persoa acadará un efecto e outro ben diferente noutra persoa. Como lle dicía Andy Dufresne a Ellis "Red" Redding na película citada: “É cómico. Eu era un home honrado, dereito como un fuso. Tiven que entrar en prisión para chegar a ser un delincuente.”

Nas sociedades primitivas as condutas que resultan lesivas para o grupo ou tribo se castigaban con penas que, vistas cos ollos de agora, resultan moi crueis: empalamentos, esfoladura, amputacións, cegado, morte na fogueira, e moitos mais castigos corporais as mais das veces públicos para reforzar coa súa natureza infamante o terror co que o lexislador pensaba aviventar nos espectadores o cumprimento das leis.

Mais adiante, arredor do século XVI, e coma resultado dunha corrente de pensamento que sostén que unha sociedade que somete a algúns dos seus membros ás penas antes enumeradas, non é mellor que os malfeitores aos que pretende castigar, aparecen as penas privativas da liberdade. A sociedade ten a necesidade de apartar do seu seo e castigar mediante a reclusión aos que, cos seus actos, poñen en perigo a convivencia.

Estas penas de privación da liberdade, que conviven durante séculos coa pena de morte, pena que mantense aínda hoxe en algunhas nacións civilizadas malia a constatación da súa inutilidade coma instrumento de disuasión, teñen ao longo dos anos distintas finalidades: castigo polo mal causado, empecer a comisión de novos delitos, ou na actualidade a reeducación e reinserción social, coma en España consagra o artigo 25.2 da Constitución española.

Este é, ao meu entender, o debate: se a pena de privación da liberdade é, ou non, inhumana polo illamento, as condicións materiais da prisión, prolongada duración, xusta ou inxusta, pola non toma en consideración dos factores que provocan a delincuencia, eficaz ou ineficaz na consecución dos seus obxectivos. E tamén, derradeira pero non última cuestión, se o tremendo custe económico desta privación de liberdade debe primar riba dos da educación, sanidade, investigación, dependencia, … e atención ás necesidades das vítimas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

As miñas disputas coa IA

Cada día téñolle máis medo a algunhas aplicacións de —supostamente— Intelixencia Artificial. E como para mostra un botón aquí déixovos a de ...