Aló pola xa
ben afastado febreiro de 1969 merquei un
libro que hoxe, procurando outro, chegou as miñas mans. Leva por título “El libro de los autores” e foi editado
en Bos Aires en xullo de 1967 por “Ediciones
de la flor”, unha una editorial arxentina, fundada en 1966 por Daniel
Divinsky y Ana Maria Kuki Miler, e unha das poucas que aínda permanece nas
mans dos seus creadores orixinais, probablemente grazas ao feito de ser a
editora da Mafalda de Quino.
El libro de los autores é unha antoloxía composta polos seis contos xustificadamente escollidos por seis
escritores arxentinos, Borges, Castillo, Mujica Laínez, Sábato, Viñas,
e Walsh, ben diferentes tanto dende os seus orixes sociais coma dos
seus compromisos políticos.
Jorge Luis Borges escolle o Wakefield, de Nathaniel Hawthorne; Abelardo Castillo
a Sereiña, de Andersen; Manuel
Mujica Laínez nada menos que O terror de Dunwinch, de H.P.
Lovecraft; Ernesto Sábato o sorprendente Bartleby, de Melville; David Viñas O Matadoiro, de Esteban Echeverría e Rodolfo
Walsh a alfaia dun autor chinés anónimo A cólera dun particular.
Pero se cada un
dos escritores escolle un conto, quen escolle aos escritores? Agachado nunha
desas páxinas que nunca se len está a declaración seguinte:
Una antología supone los gustos arbitrarios
del antologizador. Quisimos probar una variante: seis escritores dispares
estilística, social y políticamente, eligiendo un cuento memorable de la
literatura universal.
El resultado se parece a un test, a una
confirmación, a una cátedra. El único parecido con una antología convencional
es que los seis escritores que eligen fueron determinados por los arbitrarios
–y muy racionalizados- gustos de
Pirí Lugones
Pero, quen é Pirí
Lugones? Susana Pirí Lugones
Aguirre foi unha escritora, periodista, editora y
tradutora nacida en Bos Aires o 30 de abril de 1925, filla de Leopoldo
Polo Lugones, e Carme Aguirre. O seu avó por parte
do pai foi o insigne poeta Leopoldo Lugones, e por parte de nai
o pianista e compositor Julián Aguirre, mentres que o seu
pai ten o dubidoso honor de ter desenvolto a picana eléctrica durante a ditadura do Xeneral José Félix Uriburu,
polo que Susana adoitaba a presentarse a se mesma como "Pirí Lugones, neta de poeta, filla de
torturador".
A vida de Pirí da para mais dunha novela (de
feito podedes saber moito mais dela en Los Lugones:
Una Tragedia Argentina de Marta Merkin e en Retrato de familia de Tabita Peralta Lugones a súa filla)
Casou e tivo tres fillos aínda que o médico lle indicara que os embarazos eran
un grave risco para a súa saúde. Foi unha activista cultural e contribuíu de
xeito fundamental a dous dos centros de produción editorial mais importantes da
Arxentina, a editorial Jorge Alvarez e a citada Edicións da Flor, nome da súa autoría.
Cando a comezos
dos anos 70 o clima político na Arxentina se fixo insoportable, Pirí pasou da militancia cultural á
política, integrándose en tarefas clandestinas de información e intelixencia nos
Montoneros.
O 24 de decembro de 1978 foi detida nun departamento de Barrio Norte. Contan que
mantivo ata último intre o seu sentido do humor dicíndolle aos seus verdugos
que eran uns inútiles que nin tan sequera eran capaces de torturar como o seu pai.
Cousas da vida,
que diría Castelao, Pirí Lugones tivo
unha relación sentimental con Rodolfo Walsh, igualmente militante
Montonero, e igualmente secuestrado
e desaparecido. Rodolfo Walsh, escolleu en “El
libro de los autores” o conto que eu, coa fachenda propia dos poucos anos,
marcara con lapis coma o meu favorito, vai saber ti se por selo mais breve, ou
por acaído a miña ideoloxía.
A cólera dun particular[1] está recollido en mais dunha WEB, mais
préstame intentar facer a súa versión ao galego, partindo, por suposto, da
versión en castelán, que os meus coñecementos de chinés non dan para tanto.
O Rey de
T’sen mandou dicir ao
Príncipe de Ngan-ling:
-
A cambio da túa terra quero darche outra
dez veces máis grande. Rógoche que accedas á miña demanda.
O Príncipe contestou:
-
O Rey faime unha gran honra e unha oferta
vantaxosa. Pero recibín a miña terra dos meus antepasados príncipes e desexaría
conservala ata o fin. Non podo consentir nese cambio.
O Rey anoxouse moito, e o Príncipe
mandoulle a T’ang Tsu de embaixador. O Rey díxolle:
-
O Príncipe non quixo cambiar a súa terra
por outra dez veces máis grande. Se o teu amo conserva o seu pequeno feudo,
cando eu destruín a grandes países, é porque ata agora considereino un home
venerable e non me ocupei del. Pero se agora rexeita a súa propia conveniencia,
realmente búrlase de min.
T’ang
Tsu respondeu:
-
Non é iso. O Príncipe quere conservar a
herdade dos seus avós. Así lle ofreceses un territorio vinte veces, e non dez
veces máis grande, igualmente negaríase.
O Rey enfureceuse e dixo a T’ang Tsu:
-
Ti sabes o que é a cólera dun rei?
-
Non - dixo T’ang Tsu.
-
Son millóns de cadáveres e o sangue que
corre como un río en mil leguas á redonda -dixo o Rey.
E T’ang
Tsu preguntoulle entón ao Rey:
-
Sabe A vosa Maxestade o que é a cólera dun
simple particular?
Dixo o Rey:
-
A cólera dun particular? É perder as
insignias da súa dignidade e marchar descalzo golpeando o chan coa cabeza.
-
Non - dixo T’ang Tsu. Esa é a cólera dun home mediocre, non a dun home de
valor. Cando un home de valor vese obrigado a encolerizarse, como cadáveres
aquí non hai máis que dous, o sangue corre apenas a cinco pasos. E, con todo,
China enteira vístese de loito. Hoxe é ese día.
E levantouse, desenvaiñando a espada.
O Rey demudouse, saudou humildemente a T’ang Tsu, e dixo:
-
Mestre, volve ao teu asento. Para que
chegar a isto? Comprendín.
No hay comentarios:
Publicar un comentario