lunes, 29 de octubre de 2018

Pero houbo algunha vez algunha compositora?


Malia que na relixión cristiá a padroa da música sexa unha muller, Santa Cecilia, e que Euterpe, a súa musa, o sexa tamén, o papel da muller na historia oficial desta arte é francamente penoso. No imaxinario da xente, aínda da dun certo nivel cultural, non existe ningunha muller compositora. Tanto é así que fai uns días nunha aula da materia de Danza I do Ciclo Medio da ETRAD, a escola de música tradicional de Vigo, ninguén soubo citar o nome de ningunha compositora. Se isto sucede entre a xente vinculada ao mundo da música que pasará entre aqueles que o mais preto que teñen estado dela é cando cantan na ducha?
O papel da muller nas artes en xeral ao longo da historia foi un tema moi mal tratado, e a música non ía ser unha excepción. Menos mal que na actualidade o tema da muller como protagonista da súa propia vida xera unha grande interese. Hoxe a parte da poboación que segue a defender que a muller carece da capacidade de discernir o ben do mal, a beleza da  fealdade e que, polo tanto, non pode ter mais capacidade creadora que a de parir o fillo dun home, filla non vale, son minoría. Alborotadora pero minoría.
A muller dende a noite dos tempos levou na súa alma a mesma capacidade creadora que o home. Foi o medo e a ignorancia, maiormente en forma de relixión, á que separouna desta actividade considerándoa bruxa ou endiañada. Despois de tantos séculos de monoteísmo, a quen lle pode estrañar que a nómina de mulleres compositoras cuxa memoria chegou ata hoxe sexa tan reducida?
Como pequeno exemplo coñecido de tal actitude quero citar ao Papa Inocencio IX, quen en 1686 declarou:
A música é totalmente daniña para a modestia que corresponde ao sexo feminino, porque se distraen das funcións e as ocupacións que lle corresponden. Ningunha muller con ningún pretexto debe aprender música ou tocar ningún instrumento musical”.
Este edicto foi renovado en 1703 por Clemente XI, e durante moitos séculos mais foi a opinión mantida pola maioría das autoridades eclesiásticas.
Nesta publicación queremos recoller soamente unhas poucas moi notables compositoras cuxos nomes non foron totalmente borrados da historia e tivemos a sorte de que chegaran ata nos, sinalando que o papel das mulleres na música é infinitamente mais amplo que o que recollemos nestas apresuradas notas.

Hildegarda de Bingen.
Hildegarda de Bingen (1098-1179), abadesa no mosteiro de Rupertsberg, na cidade alemá de Bingen é a primeira persoa no mundo da que se conserva música escrita. De feito foi a primeira muller en moitas cousas, como, por exemplo, en predicar en público nas prazas.
Avogou por unha estreita relación entre texto e música.“A alma é sinfónica, e o mesmo que a palabra designa ao corpo, así a sinfonía designa ao espírito, porque a harmonía celeste proclama a divindade, e a palabra publica a humanidade do fillo de deus.”
Hildegarda foi unha das mulleres mais extraordinarias da Idade Media: mantivo correspondencia con catro papas, escribiu innumerables escritos de explicación dos evanxeos, e tamén himnos, misas, responsos e representacións sacras. E foi declarada Doutora da Igrexa e canonizada no ano 2012 polo Papa Benedicto XVI, o que dános unha idea da extraordinaria velocidade coa que a Igrexa actualiza o seu pensamento.

Nannerl Mozart
Maria Anna Walburga Ignatia Mozart (1751-1829), coñecida como  Nannerl foi a irmá maior do xenial compositor Wolfgang Amadeus Mozart, e coma el superdotada para a música. Educada polo seu pai Leopold como Nena prodixio, tomou clases de piano e composición, e deu un gran número de concertos acompañando a Wolfgang ao violín. Pero o feito de ser muller fixo que o seu propio pai relegásea a un segundo plano, pois representaba unha posible sombra para o seu irmán, así que se lle impediu seguir compoñendo e dedicouse a impartir clases de piano.

Isabel Ángeles Colbrán
Naceu en Madrid 1785, filla dun mestre de capela da corte de España. Foi considerada a mellor mezzosoprano e soprano dramático-coloratura do seu tempo. Gioachino Rossini, con quen casou en 1822, considerouna a súa musa e unha das mellores intérpretes da súa obra. O matrimonio da Colbran con Rossini pasou por frecuentes desavinzas domésticas por mor das moitas infidelidades de Gioachino Rossini. En 1837 Isabel e Gioachino deixaron París para vivir en Italia.
Isabel Colbrán foi tamén unha notable compositora e deixou escritos 4 volumes de cancións dedicadas á Raíña de España e á tsarina de Rusia. Os expertos consideran as súas obras de “estilo Rossiniano” pero o realmente curioso é que foron compostas antes de coñecer a Rossini.
Isabel morreu en Bolonia en 1845.


Fanny Mendelssohn
Fanny Cecilie Mendelssohn (1805-1847), foi unha compositora e pianista alemá, irmá do coñecido compositor Felix Mendelssohn e neta do filósofo Moses Mendelssohn. Prodixio musical desde ben pequena tivo a sorte de recibir unha exquisita educación musical, nunha época en que se consideraba normal que as nenas non estudasen máis que lectura, escritura, e as chamadas "artes de adorno", pois o seu destino "natural" era casar e criar fillos. Sorte que en 1829 casou co pintor Wilhelm Hensel, quen, coñecedor do seu talento, brindoulle todo o seu apoio. Félix e Fanny, foron un exemplo de amor fraternal; mesmo ela era mellor pianista que el, e Félix sempre valorou as críticas que ela lle facía en todo sentido. Fanny debutou en público en 1838, interpretando o Concerto nº. 1 para piano do seu irmán. En total compuxo 466 pezas musicais.


Maria García Malibran.
Compositora española rescatada do esquecemento pola grande Cecilia Bartoli, que dedicoulle un disco e unha chea de recitais por todo o mundo. Cecilia realizou un gran labor de investigación, buscando partituras  autógrafas da Malibrán e conseguindo reunir un verdadeiro museo sobre esta Cantante e Compositora Maldita.
María naceu en París en 1808, porque a súa nai acompañaba daquela ao seu pai, o tenor e compositor sevillano Manuel García, que estaba traballando alí naqueles momentos.
Debutou como cantante aos 16 anos co Barbeiro de Sevilla e con 17 anos iniciou unha xira por América. Era posuidora dunha extraordinaria voz coa que actuou en todos os teatros de Europa, e que ía de mezzosoprano a soprano, e aínda que figura nos libros como unha das voces máis fascinantes da historia, escribiu unha extensa serie de nocturnos, arias e romanzas que Hector Berlioz tiña en grande estima. Con todo, a súa música non se publicou ata o 1828 e os dereitos de venda, polo seu expreso desexo entregábanse a unha escola de orfos de París. Morreu en 1836, durante os ensaios do Andrónico de Saverio Mercadante, como consecuencia das secuelas dunha caída de cabalo.

Clara Schumann
Clara Wieck, logo coñecida polo seu nome de casada, Clara Schumann (1819-1896) foi una nena problemática. Cando tiña cinco anos apenas sabía falar, pois a súa ama era xorda pero en compensación aprendeu a toca-lo piano. Aos 9 anos fixo o seu debut como virtuosa de piano con música sobre temas de Rossini. Con 11 anos escribiu o seu primeiro lied. E converteuse na pianista máis famosa da súa época. En 1840 casou co pianista Robert Schumann un dos mais coñecidos compositores románticos. Clara foi durante moitos anos a súa verdadeira fonte de inspiración. Cando en 1854 Schumann, tivo que ser internado nun manicomio, Clara dedicouse a tocar por toda Europa nos mellores teatros para poder manter ao seu marido e sete fillos. Aínda que Clara non compuxo nada tras o seu matrimonio, quizais para non agravar a mente enferma de Robert, hai tratadistas que pensan que na obra de Robert hai moito de Clara. De feito Brahms, que foi amigo do matrimonio estaba completamente convencido da xenialidade, de Clara, chegando a escribir a un amigo:
“Ensinei a Clara a miña sinfonía e suxeriume algúns cambios que penso respectar. A miña estima por ela é infinita”.

Alma Mahler
Alma Marie Schindler, coñecida como Alma Mahler (1879-1964) foi esposa, sucesivamente, de personaxes notables do século XX, como o compositor Gustav Mahler, o arquitecto Walter Gropius e o novelista Franz Werfel. Alma foi unha magnífica pianista; estudou composición con Alexander von Zemlinsky, escribiu algúns lieder e empezou un trío. Cando casou con Gustav Mahler, este advertiulle que “o rol de compositor, o mundo do traballo, correspondíalle a el, mentres que a ela tocáballe facer o papel de compañeira amante e parella comprensiva” O que non era moi comprensivo era el.
Con todo, a paixón de Alma pola música fixo que se dedicase a ela ata atoparse coa morte en 1964.

Non debera ser o final
Esta publicación non é mais que un pequeno e limitado achegamento a este apaixonante tema. Seguro que coa contribución de todos vos poderemos enchelo de moitas mais mulleres compositoras esquecidas.

viernes, 12 de octubre de 2018

O fraude dos contadores intelixentes

Resulta sinxelo manipular á xente. E de xeito especial nos temas que teñan que ver coa ciencia ou a tecnoloxía. Abonda con axitar o espectro do científico tolo, ou da conspiración dos poderosos para conseguir audiencia. Exaxerar, desfigurar, converter calquera miudeza en ameaza grave, utilizar fontes de aparente prestixio vulgarizando ata a caricatura as súas afirmacións, utilizar a parte da información que sustenta a nosa teoría escondendo á que a contradí, son formas habituais de proceder de certos medios de información.
O malo é cando esta manipulación é utilizada pola esquerda transformadora para a súa acción política, porque, como dicía Lenín, so a verdade é revolucionaria. Malo se a utilización é por ignorancia, pero moito peor se utilízase a mantenta, coñecendo a súa falsidade, porque a mentira ten as patas curtas e sen tardar volverase contra de nos.
Ven isto a conto coa lectura do seguinte artigo da Plataforma cidadán de investigación xudicial do sector eléctrico: http://plataforma.quieroauditoriaenergetica.org/blog/14-categoria-blog-1/246-desmontan-fraude-contador
Primeira afirmación:
Mais adiante sabemos que as Universidades en cuestión son a Universidade de Twente, a Universidade de Ciencias Aplicadas (de Amsterdam) e a Universidade de Tecnoloxía de Hamburgo, institucións todas elas que non suscitan sospeitas. “Home! Pois se o din esas tres universidades será certo!” Pois non tal! Porque non son as universidades os que tal cousa afirman, senón o aparente resultado do traballo de fin de carreira de Anton Melentjev no 2015. De feito non sabemos cal é ese resultado porque non hai enlace a este traballo, pero iso non é óbice para que o afervoado articulista afirme: 
De que “haxa contadores (entre os estudados no 2015 en Holanda por Melentjev) que poidan verse afectados por interferencias electromagnéticas” a que os contadores instalados en España e homologados polo Ministerio de Industria na súa ITC/3022/2007, de 10 de outubro, e cumprindo a Directiva MID da UE, (https://www.boe.es/doue/2004/135/L00001-00080.pdf) estean na mesma situación hai un abismo. Os contadores de enerxía eléctrica son, por razóns evidentes, uns dos aparatos con mais normativas enriba. Non digo que os fabricantes de contadores eléctricos non sexan todos eles unha manda de delincuentes, senón que os estados da UE, andan enriba deles para que polo menos lle resulte menos doado.
Se estudamos a ilustración do laboratorio empregado por Melentjev para ás súas probas a dúbidas fanse mais evidentes. Cando queremos probar a incorrección das medidas dun aparato de medida se procede a comparar o medido cun instrumento “patrón” nun entorno controlado e dunha forma concreta especificada nas correspondentes normas. Na fotografía que se inclúe na páxina (se é a do estudio citado) non existe tal instrumento “patrón”, os contadores son dun modelo que non corresponde cos contadores actuais, a proba faise con contadores monofásicos e trifásicos, pero a alimentación é monofásica. En resumo: a montaxe é mais propia dun traballo de fin de carreira que de un auténtico estudio como o necesario para unha denuncia de fraude.
Tamén se comenta que:

Nos contamos once, non nove contadores, excluíndo os dous do sistema Ferraris que imaxinamos que se utilizan como comparación. Tampouco se aclara cal era a “configuración” que provocaba que a medida fora case que seis veces superior á real, nin se apunta á causa que o investigador atribúe a esta disparidade, difícil de entender en calquera aparato de medida.

Mais adiante leemos que os contadores que miden de mais son aqueles cuxo medida (non control) da intensidade faise mediante unha bobina Rogowsky, e os que miden de menos os que miden mediante sensores de efecto Hall. Estupendo! Porque nos contadores actuais, polo menos que eu saiba, os contadores para medida fiscal non teñen bobinas de intensidade Rogowsky nin sensores de efecto Hall, que si se usan noutras aplicacións de medida pero que non son sospeitosos deses error se están correctamente fabricados.
Finalmente comentar que a Directiva Europea de Eficiencia Enerxética 2012/27/UE si que está trasposta á lexislación española e que a norma IEC 61000-4-19 non afecta aos contadores senón ás Técnicas de ensaio e de medida utilizadas para comprobar esa compatibilidade. E de deito existe a Norma española: a UNE-EN 61000-4-16:2016.

De tódolos xeitos o que sexa soará, porque están polo labor de denunciar a instalación deses contadores diante da Audiencia Nacional. Ou sexa que cando presenten a denuncia xa saberemos que parte das Directivas da UE  relativas á eficiencia enerxética dos edificios é a que non cumpren eses contadores que miden case que seis veces mais.

O esquecía: o verdadeiro fraude dos contadores intelixentes é que non fornezan a información de consumos, potencias, etc., tamén ao consumidor.

As miñas disputas coa IA

Cada día téñolle máis medo a algunhas aplicacións de —supostamente— Intelixencia Artificial. E como para mostra un botón aquí déixovos a de ...