Malia que na
relixión cristiá a padroa da música sexa unha muller, Santa Cecilia, e que Euterpe,
a súa musa, o sexa tamén, o papel da muller na historia oficial desta arte é
francamente penoso. No imaxinario da xente, aínda da dun certo nivel cultural,
non existe ningunha muller compositora. Tanto é así que fai uns días nunha aula
da materia de Danza I do Ciclo Medio da ETRAD, a escola de música tradicional
de Vigo, ninguén soubo citar o nome de ningunha compositora. Se isto sucede
entre a xente vinculada ao mundo da música que pasará entre aqueles que o mais
preto que teñen estado dela é cando cantan na ducha?
O papel da muller
nas artes en xeral ao longo da historia foi un tema moi mal tratado, e a música
non ía ser unha excepción. Menos mal que na actualidade o tema da muller como
protagonista da súa propia vida xera unha grande interese. Hoxe a parte da
poboación que segue a defender que a muller carece da capacidade de discernir o
ben do mal, a beleza da fealdade e que,
polo tanto, non pode ter mais capacidade creadora que a de parir o fillo dun
home, filla non vale, son minoría. Alborotadora pero minoría.
A muller dende a
noite dos tempos levou na súa alma a mesma capacidade creadora que o home. Foi
o medo e a ignorancia, maiormente en forma de relixión, á que separouna desta
actividade considerándoa bruxa ou endiañada. Despois de tantos séculos de monoteísmo,
a quen lle pode estrañar que a nómina de mulleres compositoras cuxa memoria
chegou ata hoxe sexa tan reducida?
Como pequeno
exemplo coñecido de tal actitude quero citar ao Papa Inocencio IX, quen en 1686
declarou:
“A música é totalmente daniña para a modestia
que corresponde ao sexo feminino, porque se distraen das funcións e as
ocupacións que lle corresponden. Ningunha muller con ningún pretexto debe
aprender música ou tocar ningún instrumento musical”.
Este edicto foi renovado
en 1703 por Clemente XI, e durante moitos séculos mais foi a opinión mantida
pola maioría das autoridades eclesiásticas.
Nesta publicación
queremos recoller soamente unhas poucas moi notables compositoras cuxos nomes non
foron totalmente borrados da historia e tivemos a sorte de que chegaran ata
nos, sinalando que o papel das mulleres na música é infinitamente mais amplo
que o que recollemos nestas apresuradas notas.
Hildegarda de Bingen.
Hildegarda de
Bingen (1098-1179), abadesa no mosteiro de Rupertsberg, na cidade alemá de
Bingen é a primeira persoa no mundo da que se conserva música escrita. De feito
foi a primeira muller en moitas cousas, como, por exemplo, en predicar en
público nas prazas.
Avogou por unha
estreita relación entre texto e música.“A
alma é sinfónica, e o mesmo que a palabra designa ao corpo, así a sinfonía
designa ao espírito, porque a harmonía celeste proclama a divindade, e a
palabra publica a humanidade do fillo de deus.”
Hildegarda foi
unha das mulleres mais extraordinarias da Idade Media: mantivo correspondencia
con catro papas, escribiu innumerables escritos de explicación dos evanxeos, e tamén
himnos, misas, responsos e representacións sacras. E foi declarada Doutora da
Igrexa e canonizada no ano 2012 polo Papa Benedicto XVI, o que dános unha idea
da extraordinaria velocidade coa que a Igrexa actualiza o seu pensamento.
Nannerl Mozart
Maria Anna Walburga
Ignatia Mozart (1751-1829), coñecida como
Nannerl foi a irmá maior do xenial compositor Wolfgang Amadeus Mozart, e
coma el superdotada para a música. Educada polo seu pai Leopold como Nena prodixio, tomou clases de piano e
composición, e deu un gran número de concertos acompañando a Wolfgang ao
violín. Pero o feito de ser muller fixo que o seu propio pai relegásea a un
segundo plano, pois representaba unha posible sombra para o seu irmán, así que
se lle impediu seguir compoñendo e dedicouse a impartir clases de piano.
Isabel Ángeles Colbrán
Naceu en Madrid
1785, filla dun mestre de capela da corte de España. Foi considerada a mellor
mezzosoprano e soprano dramático-coloratura
do seu tempo. Gioachino Rossini, con quen casou en 1822, considerouna a súa
musa e unha das mellores intérpretes da súa obra. O matrimonio da Colbran con
Rossini pasou por frecuentes desavinzas domésticas por mor das moitas infidelidades
de Gioachino Rossini. En 1837 Isabel e Gioachino deixaron París para vivir en
Italia.
Isabel Colbrán foi
tamén unha notable compositora e deixou escritos 4 volumes de cancións dedicadas
á Raíña de España e á tsarina de Rusia. Os expertos consideran as súas obras de
“estilo Rossiniano” pero o realmente
curioso é que foron compostas antes de coñecer a Rossini.
Isabel morreu en
Bolonia en 1845.
Fanny Mendelssohn
Fanny Cecilie
Mendelssohn (1805-1847), foi unha compositora e pianista alemá, irmá do
coñecido compositor Felix Mendelssohn e neta do filósofo Moses Mendelssohn. Prodixio
musical desde ben pequena tivo a sorte de recibir unha exquisita educación
musical, nunha época en que se consideraba normal que as nenas non estudasen
máis que lectura, escritura, e as chamadas "artes de adorno", pois o
seu destino "natural" era casar e criar fillos. Sorte que en 1829
casou co pintor Wilhelm Hensel, quen, coñecedor do seu talento, brindoulle todo
o seu apoio. Félix e Fanny, foron un exemplo de amor fraternal; mesmo ela era
mellor pianista que el, e Félix sempre valorou as críticas que ela lle facía en
todo sentido. Fanny debutou en público en 1838, interpretando o Concerto nº. 1
para piano do seu irmán. En total compuxo 466 pezas musicais.
Maria García Malibran.
Compositora
española rescatada do esquecemento pola grande Cecilia Bartoli, que dedicoulle
un disco e unha chea de recitais por todo o mundo. Cecilia realizou un gran
labor de investigación, buscando partituras
autógrafas da Malibrán e conseguindo reunir un verdadeiro museo sobre
esta Cantante e Compositora Maldita.
María naceu en
París en 1808, porque a súa nai acompañaba daquela ao seu pai, o tenor e compositor
sevillano Manuel García, que estaba traballando alí naqueles momentos.
Debutou como cantante
aos 16 anos co Barbeiro de Sevilla e con 17 anos iniciou unha xira por América.
Era posuidora dunha extraordinaria voz coa que actuou en todos os teatros de
Europa, e que ía de mezzosoprano a soprano, e aínda que figura nos libros como
unha das voces máis fascinantes da historia, escribiu unha extensa serie de
nocturnos, arias e romanzas que Hector Berlioz tiña en grande estima. Con todo,
a súa música non se publicou ata o 1828 e os dereitos de venda, polo seu
expreso desexo entregábanse a unha escola de orfos de París. Morreu en 1836, durante
os ensaios do Andrónico de Saverio Mercadante, como consecuencia das secuelas
dunha caída de cabalo.
Clara Schumann
Clara Wieck, logo
coñecida polo seu nome de casada, Clara Schumann (1819-1896) foi una nena
problemática. Cando tiña cinco anos apenas sabía falar, pois a súa ama era
xorda pero en compensación aprendeu a toca-lo piano. Aos 9 anos fixo o seu
debut como virtuosa de piano con música sobre temas de Rossini. Con 11 anos
escribiu o seu primeiro lied. E converteuse na pianista máis famosa da súa
época. En 1840 casou co pianista Robert Schumann un dos mais coñecidos
compositores románticos. Clara foi durante moitos anos a súa verdadeira fonte de
inspiración. Cando en 1854 Schumann, tivo que ser internado nun manicomio, Clara
dedicouse a tocar por toda Europa nos mellores teatros para poder manter ao seu
marido e sete fillos. Aínda que Clara non compuxo nada tras o seu matrimonio,
quizais para non agravar a mente enferma de Robert, hai tratadistas que pensan
que na obra de Robert hai moito de Clara. De feito Brahms, que foi amigo do
matrimonio estaba completamente convencido da xenialidade, de Clara, chegando a
escribir a un amigo:
“Ensinei a Clara a miña sinfonía e suxeriume algúns
cambios que penso respectar. A miña estima por ela é infinita”.
Alma Mahler
Alma Marie
Schindler, coñecida como Alma Mahler (1879-1964) foi esposa, sucesivamente, de
personaxes notables do século XX, como o compositor Gustav Mahler, o arquitecto
Walter Gropius e o novelista Franz Werfel. Alma foi unha magnífica pianista;
estudou composición con Alexander von Zemlinsky, escribiu algúns lieder e empezou un trío. Cando casou
con Gustav Mahler, este advertiulle que “o
rol de compositor, o mundo do traballo, correspondíalle a el, mentres que a ela
tocáballe facer o papel de compañeira amante e parella comprensiva” O que
non era moi comprensivo era el.
Con todo, a paixón
de Alma pola música fixo que se dedicase a ela ata atoparse coa morte en 1964.
Non debera ser o final
Esta publicación non
é mais que un pequeno e limitado achegamento a este apaixonante tema. Seguro
que coa contribución de todos vos poderemos enchelo de moitas mais mulleres
compositoras esquecidas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario