Ano 1967. A malaria ocasiona nas
forzas do Vietcong mais baixas que as
causadas polas accións bélicas. O líder
norvietnamita Ho Chí Minh, o que ilumina, pide a China axuda para
loitar contra dela. Mao Zedong,
malia estar metido de cheo na Revolución
Cultural, considera a loita contra da malaria como unha cuestión de estado,
e ordena poñer en marcha unha investigación secreta, denominada Misión 523 pola
data da posta en marcha, para loitar contra da doenza. A investigadora chinesa Tu Youyou (屠呦呦 en chinés) nada en Ningbo, o 30 de
decembro de 1930, foi involucrada no proxecto, primeiro como investigadora de
campo na illa de Hainan, tratando directamente con enfermos de malaria, e en
segundo lugar no 1969, como investigadora principal do proxecto. Youyou utilizou, como principal base
para a súa investigación, textos de medicina tradicional chinesa para a procura
de referencias e tratamentos.

O descubrimento da artemisinina e o seu tratamento da malaria está considerado como o descubrimento máis significativo da medicina tropical no século XX para a mellora da saúde das persoas dos países en desenvolvemento tropicais en Asia do sur, África, e América do Sur. Polo seu traballo, Youyou recibiu en 2011 o Premio Albert Lasker de Investigación Médica Clínica, e en 2015 o Premio Nobel de Fisioloxía e Medicina, o primeiro que recibía un cidadán chinés en calquera categoría.