domingo, 17 de febrero de 2019

Loitando contra da malaria


Ano 1967. A malaria  ocasiona nas forzas do Vietcong mais baixas que as causadas polas accións bélicas. O líder  norvietnamita Ho Chí Minh, o que ilumina, pide a China axuda para loitar contra dela. Mao Zedong, malia estar metido de cheo na Revolución Cultural, considera a loita contra da malaria como unha cuestión de estado, e ordena poñer en marcha unha investigación secreta, denominada Misión 523 pola data da posta en marcha, para loitar contra da doenza. A investigadora chinesa Tu Youyou (屠呦呦 en chinés) nada en Ningbo, o 30 de decembro de 1930, foi involucrada no proxecto, primeiro como investigadora de campo na illa de Hainan, tratando directamente con enfermos de malaria, e en segundo lugar no 1969, como investigadora principal do proxecto. Youyou utilizou, como principal base para a súa investigación, textos de medicina tradicional chinesa para a procura de referencias e tratamentos.

E cousa resultou: contra do 1971 Tu Youyou e o seu equipo analizaran, baseándose en textos antigos pero aplicando o método científico, máis de 2000 receitas e 380 extractos de plantas. Entre todos eses textos antigos houbo un, o Manual de Práctica Clínica e Remedios de Emerxencia escrita no 340 por  Ge Hong que deu na clave; o uso do  axenxo doce (Artemisia annua) no tratamento da malaria. O principio activo que despois da varios erros, conseguiron illar, ao que lle deron o nome de artemisinina, demostrou a súa eficacia contra a malaria primeiro en ratos, logo en animais, e finalmente en ensaios clínicos en humanos. E a primeira que probou a efectividade e seguridade do fármaco foi a propia Youyou, xa que segundo as súas propias palabras “era a xefa da investigación e por tanto tiña a maior responsabilidade”.

O descubrimento da artemisinina e o seu tratamento da malaria está considerado como o descubrimento máis significativo da medicina tropical no século XX para a mellora da saúde das persoas dos países en desenvolvemento tropicais en Asia do sur, África, e América do Sur. Polo seu traballo, Youyou recibiu en 2011 o Premio Albert Lasker de Investigación Médica Clínica, e en 2015 o Premio Nobel de Fisioloxía e Medicina, o primeiro que recibía un cidadán chinés en calquera categoría.


No hay comentarios:

Publicar un comentario

As miñas disputas coa IA

Cada día téñolle máis medo a algunhas aplicacións de —supostamente— Intelixencia Artificial. E como para mostra un botón aquí déixovos a de ...