Cóntame Loli que na súa casa da Baixada á Estación, entre os moitos rituais que a familia seguía con máis ou menos convición nas semanas santas do catolicismo preconciliar, había un costume que pertencía de pleno dereito aos primeiros; aos de máis convición e gozo. Ás doce da noite do Sábado de Gloria para o Domingo de Resurrección tocaban a rebato as campás do veciño convento das Siervas de Jesús. Acababan os dós da Semana Santa, e xa podía un divertirse e poñer música. Música lixeira, que non aqueles tostóns de música sacra con que nos atafegaban nas emisoras do Movemento. E na casa de Loli había un disco, daqueles de lousa, cunha canción, o Pica-Pica, que cantaban todos a coro e bailaban por parellas mais ou menos estables:
El hombre ha de ser,
como el picaflor.
Pica en todas la flores,
pica, pica,
rinden sus amores
a ninguna mujer …
Hoxe a letra sería moi politicamente incorrecta, pero nos tempos de "A Negra" Bozán as había moito peores. María Sofía Isabel Bergero, "A Negra" Bozán, foi unha actriz arxentina de vodevil, teatro, cinema e cantante de tango entre 1925 e 1958, unha das pioneiras do humor arxentino, que “deslindaba, con estraña sabedoría, o canyengue do guarango e o cómico do obsceno”. Unha auténtica estrela porteña desaparecida en plena carreira.
Yo soy Sofía Bozán
yo canto porque lo siento
mi pelo lo peina el viento
y me gusta el bataclán
Si quieren verle la hilacha
A mi estirpe de tanguera
No me venga con guarachas
A mi me gusta el Gotán.
No hay comentarios:
Publicar un comentario