Aínda que ao mellor a explicación é moito máis sinxela: unha infección por conspiravirus! Xa comezan a detectarse
casos! O certo é que estou sentado no ordenador, intentando escribir, e non dou
feito nada que teña un mínimo de calidade. Polo menos algo ao que “eu lle vexa”
un mínimo de tal, que teño que recoñecer
que tamén é posible que para outras xentes, de mal gusto e peor intención, non
a teña nada do que eu fago.
A cousa é que, aproveitando a boa temperatura, decidín darlle unha limpeza
ao meu taller do balcón, e debaixo das caixas de óleos e acrílicos atopei este
cofre da ilustración, que no seu momento viña cun tesouro de ricos embutidos estremeños,
e que hoxe, dada, van alá xa moitos anos, boa conta das ricas viandas, estaba hoxe
ateigado de trebellos de varia natureza e caste, chintófanos, chismes, e
aparellos ós que, coa miña teima de poñer acrónimos a todo, din en chamar DDL
(dispositivo dinamizador de lembranzas), e que paso a enumerar decontado.
Alí estaban: flores murchas, reliquias varias da tecnoloxía do pasado. Unha
regra metálica con seis escalas, un flexómetro, dous punteiros láser, dúas
memorias EEPROM, un GPS, un monte de chaves sen identificar, un anaco de ámbar,
conectadores telefónicos, un mosquetón, e un par de fitas das exposicións de
NAVALIA.
Tamén unha axenda vella. Unha DEUSTO Electrónica de 1977, chea de
información de grande interese, como táboas de conversión de distintos sistemas
de unidades, deseño de bobinas solenoides, cálculo de reactancias e frecuencia
de resonancia, cálculo de transformadores, ... Noventa e seis páxinas que 23
anos despois seguen tendo a súa utilidade.
E un feixe de regras de cálculo. As dúas primeiras unha Faber Castell de peto e unha Aristo de sobremesa cunha regra auxiliar
cos cosenos ao cubo para calcular os tenses das liñas aéreas.
Unha
pequena marabilla, desgraciadamente con pouca utilidade práctica na actualidade
por mor da eclosión dos programas de cálculo informatizados, é este conxunto de
regras de cálculo de Instalacións Eléctricas de BT de ABB. Son catro grandes
regras con dúas caras activas cada unha. A primeira regra pola súa cara 1 serve
para o cálculo da capacidade de carga de canalizacións eléctricas e o cálculo
da impedancia e a caída de tensión no extremo da canalización antes determinada.
Pola cara dous podemos calcular a corrente de curtocircuíto trifásico. A
segunda regra está destinada á verificación da protección contra dos contactos
indirectos e curtocircuítos mediante interruptores automáticos de caixa moldeada
pola cara 1 e con aparatos modulares pola dous. A terceira define o poder de
corte último da protección escollida e a cuarta para as proteccións de motores
en arranque directo.
Tócalle a quenda aos cálculos de iluminación: unha regra para iluminación
interior con luminarias fluorescentes do fabricante Indalux de Valladolid e
unha que utilicei arreo de NOVALUX que ao pouco tempo foi absorbida por
PHILIPS.
Contactores e proteccións para motores de arranque directo e estrela/triángulo de ABB.
Evolución das regras de cálculo de TELEMECANICA consonte a evolución dos produtos.
Regra para os cálculos da ventilación de locais do fabricante de Soler&Palau.
E tres máis para rematar: calefacción eléctrica, protección de sobretensións e traceado de tuberías.
Pois nada: todo de volta ao cofre! En vinte anos volvemos a abrir por ver
se todo segue no seu sitio!