martes, 17 de marzo de 2020

O cofre do tesouro

Encerrado non é o mesmo que na casa! Teño a sensación, pode que pouco razoada, de que non son eu o que estou cedendo voluntariamente os meus dereitos individuais polo ben común, senón que estes dereitos estanme a ser arrebatados. Non sei! Ao mellor ten algo que ver coa sensación que debía ter Albert Camus cando escribiu A Peste. Esa sensación indefinible de que detrás da defensa dun ben superior, a saúde pública, se oculta a pantasma do recorte de liberdades, da enésima metamorfose do capitalismo, de que todo cambie para que todo siga igual, a crise que una vez más pagaremos a xente do común.
Aínda que ao mellor a explicación é moito máis sinxela: unha infección por conspiravirus! Xa comezan a detectarse casos! O certo é que estou sentado no ordenador, intentando escribir, e non dou feito nada que teña un mínimo de calidade. Polo menos algo ao que “eu lle vexa” un mínimo de tal, que teño que recoñecer que tamén é posible que para outras xentes, de mal gusto e peor intención, non a teña nada do que eu fago.
A cousa é que, aproveitando a boa temperatura, decidín darlle unha limpeza ao meu taller do balcón, e debaixo das caixas de óleos e acrílicos atopei este cofre da ilustración, que no seu momento viña cun tesouro de ricos embutidos estremeños, e que hoxe, dada, van alá xa moitos anos, boa conta das ricas viandas, estaba hoxe ateigado de trebellos de varia natureza e caste, chintófanos, chismes, e aparellos ós que, coa miña teima de poñer acrónimos a todo, din en chamar DDL (dispositivo dinamizador de lembranzas), e que paso a enumerar decontado.
Alí estaban: flores murchas, reliquias varias da tecnoloxía do pasado. Unha regra metálica con seis escalas, un flexómetro, dous punteiros láser, dúas memorias EEPROM, un GPS, un monte de chaves sen identificar, un anaco de ámbar, conectadores telefónicos, un mosquetón, e un par de fitas das exposicións de NAVALIA.
Tamén unha axenda vella. Unha DEUSTO Electrónica de 1977, chea de información de grande interese, como táboas de conversión de distintos sistemas de unidades, deseño de bobinas solenoides, cálculo de reactancias e frecuencia de resonancia, cálculo de transformadores, ... Noventa e seis páxinas que 23 anos despois seguen tendo a súa utilidade.
E un feixe de regras de cálculo. As dúas primeiras unha Faber Castell de peto e unha Aristo de sobremesa cunha regra auxiliar cos cosenos ao cubo para calcular os tenses das liñas aéreas.
Unha pequena marabilla, desgraciadamente con pouca utilidade práctica na actualidade por mor da eclosión dos programas de cálculo informatizados, é este conxunto de regras de cálculo de Instalacións Eléctricas de BT de ABB. Son catro grandes regras con dúas caras activas cada unha. A primeira regra pola súa cara 1 serve para o cálculo da capacidade de carga de canalizacións eléctricas e o cálculo da impedancia e a caída de tensión no extremo da canalización antes determinada. Pola cara dous podemos calcular a corrente de curtocircuíto trifásico. A segunda regra está destinada á verificación da protección contra dos contactos indirectos e curtocircuítos mediante interruptores automáticos de caixa moldeada pola cara 1 e con aparatos modulares pola dous. A terceira define o poder de corte último da protección escollida e a cuarta para as proteccións de motores en arranque directo.
Tócalle a quenda aos cálculos de iluminación: unha regra para iluminación interior con luminarias fluorescentes do fabricante Indalux de Valladolid e unha que utilicei arreo de NOVALUX que ao pouco tempo foi absorbida por PHILIPS.
Imos coas máquinas: dimensións dos motores IEC, cálculo de perdas de carga de bombas de o fabricante vasco INDAR, e embragues e freos de EIDE DE Sabadell.
Contactores e proteccións para motores de arranque directo e estrela/triángulo de ABB.
Evolución das regras de cálculo de TELEMECANICA consonte a evolución dos produtos.
Regra para os cálculos da ventilación de locais do fabricante de Soler&Palau.


E tres máis para rematar: calefacción eléctrica, protección de sobretensións e traceado de tuberías. 
 Pois nada: todo de volta ao cofre! En vinte anos volvemos a abrir por ver se todo segue no seu sitio!

No hay comentarios:

Publicar un comentario

As miñas disputas coa IA

Cada día téñolle máis medo a algunhas aplicacións de —supostamente— Intelixencia Artificial. E como para mostra un botón aquí déixovos a de ...