Froito non sei ben se do
desconcerto propio de tantos días de confinamento ou da imposibilidade de escribir
algo medianamente coherente, deixei que o Manuel Forcadela me enguedellara
nunha desas cadeas, desta rede social coa que teño unha relación tan bipolar.
Recoñezo o valor desta plataforma polas súas enormes posibilidades de extensión
do coñecemento e as artes, e pola innegable funcionalidade para a consolidación,
reforzamento e extensión das relacións sociais, de colaboración e de amizade
que este espazo virtual posibilita. Pero cada día afógame máis a conciencia de
que as contrapartidas son excesivas. Que baixo a intención declarada de unir ás
persoas agáchase a verdadeira finalidade desta aparente filantropía:
converternos en xeradores voluntarios e gratuítos de información arredor dos
nosos gustos, información que será monetizada e vendida a todos aqueles aos que
interesamos soamente como compradores, dun certo produto ou dunha certa
ideoloxía.
Logo están cousas como as
filtracións de Snowden, o escándalo de Cambridge Analytica e as revelacións
sobre a reunión secreta de Mark Zuckerberg co Donald Trump, que reforzan ás
túas motivacións para abandonar o Facebook. De tódolos xeitos creo que ás dúas
razóns que máis me moven a eliminar a miña conta desta rede é en primeiro lugar
a tremenda perda de tempo que supón o intentar manter as normas de educación
que aplico no mundo real ao mundo dixital: as obrigas sociais do “gustoulles a
miña publicación, así que mellor eu póñolle un gustoume á súa” se acumulan tan
rapidamente que chegan a niveis totalmente insostibles.
E como diría o meu Tiniño, “teño
que recoñecer” que aínda que loite desesperadamente contra tal despropósito, os
efectos psicolóxicos da perpetua comparación dos resultados obtidos coa publicación
dun sisudo e documentado traballo cos dunha fotografía dun cachorro encantador
son simplemente demoledores para o meu ego.
O desafío aceptado contiña unha
condición que non me vía con forzas de cumprir: a de publicar soamente a
portada do disco, sen comentarios nin explicacións. Así que argallei para min o
facer esta publicación explicando algunhas das cousas que me interesaba
comentar arredor dos criterios que utilizara para a selección de dez portadas
de discos. E sen máis explicacións volvemos os bois ao rego e empezamos co
primeiro disco.
No hay comentarios:
Publicar un comentario