viernes, 29 de mayo de 2020

Dez portadas. Dez discos. Dez + 1 historias (5)



Día 4: “Toscanini dirixe tres oberturas[1]” (1957).
Por moito que o, por outra banda excepcional director, Sergiu Celibidache o trate de “ignorante total” e diga del que foi o “peor músico de todos os tempos”, Arturo Toscanini foi, para os seus contemporáneos e para moitos dos críticos actuais o máis grande director de orquestra do século  XX, pola “súa brillante intensidade, o seu incansable perfeccionismo, o seu prodixioso oído e a súa memoria fotográfica, que lle permitía corrixir erros dos membros da orquestra que foran inadvertidos durante décadas polos seus colegas”. Para min, que non me gustan nin un pouco esas cousas de “o mellor”, “o máis grande”, “o número un”, é un director que me gusta na maioría das obras que lle teño escoitado, pero por riba de calquera outra consideración merece a miña admiración e grande estima polo seu valor, conciencia ética e decidido antifascismo.

Cando en 1944 o Exército Roxo derrotou aos alemáns tras meses de cruento combate en Stalingrado, e comezou a avanzar decididamente cara a Berlín, a Oficina de Información de Guerra dos Estados Unidos (OWI), encargou a Arturo Toscanini un concerto no Madison Square Garden de Nova York para celebrar as vitorias da alianza antifascista na Segunda Guerra Mundial, concerto que sería filmado para ser exhibido nos cinemas antes do programa principal.

Toscanini decidiu que a principal obra musical que se interpretaría neste concerto fose a peza de Giuseppe Verdi “O Himno das Nacións”, unha composición de 1862 feita para representar á nova nación italiana unificada e expresar a súa boa vontade cara ao resto dos países europeos. A peza ten mencións aos himnos nacionais de Gran Bretaña, Francia e Italia, aos que Toscanini engadiu os dos Estados Unidos e o da Unión Soviética para completar ás referencias aos principais aliados.


O concerto celebrouse o 25 de maio de 1944 co actor Burgess Meredith no papel de narrador, e Arturo Toscanini dirixindo a Orquestra Sinfónica da NBC, o Coro de Westminster e o gran tenor Jan Peerce como solista. Os lectores atentos xa se terán decatado de que o himno da Unión Soviética non é precisamente un “himno nacional” senón un himno de crase: A Internacional, que soaba quizais por vez primeira no coliseo neoiorquino. E nunha morea de cines espallados por todo o ancho e longo da xeografía dos EE.UU.
Non ía durar moito esta parte da película. A comezos dos anos cincuenta, durante a caza de bruxas, os censores eliminaron a secuencia na que soaba “A Internacional” e durante anos considerouse perdida para sempre. Menos mal que sempre hai algunha formiguiña que garda as cousas, e en 2010 reapareceu unha copia desta vibrante interpretación de “A Internacional” dirixida por  Toscanini da que vos deixo o enlace.


E volvendo xa ao disco en concreto, un EP dobre, agasallo do pai dun amigo, un personaxe moi importante na miña formación non só musical, teño que recoñecer que é unha verdadeira alfaia. Tres magníficas oberturas de tres óperas que daquela eran para min totalmente descoñecidas: Don Pasquale de Donizetti, Oberón de Weber e a incrible “Der Freischütz”, “O Cazador furtivo”, tamén de Carl Maria von Weber, un neno prodixio que aprendeu a cantar e a tocar o piano antes que a camiñar. Durante moitos anos estiven obsesionado por escoitar na radio “O Cazador furtivo” completo. Nunca o conseguín. 

Tiven que esperar ata 1974 para poder mercar a caixa coa que é considerada como versión canónica da ópera: a dirixida por un Carlos Kleiber en estado de graza, cun notable Peter Schreier no papel de Max, a beleza vocal da soprano Gúndula Janowitz como Agathe, o luxo de Theo Adam no papel de Kaspar, Edith Mathis no de Ännchen e Franz Crass no de Hermita, que foi Premio Mundial do Disco de 1974 en Montreux.




[1] Sei que a RAG impón o uso de “abertura” polo italianizante de “obertura” pero un xa está vello para estas cousas …

No hay comentarios:

Publicar un comentario

As miñas disputas coa IA

Cada día téñolle máis medo a algunhas aplicacións de —supostamente— Intelixencia Artificial. E como para mostra un botón aquí déixovos a de ...